Saltar ao contido

Felo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Felos nunha aldea de Maceda.

O felo é o traxe característico do Entroido de Maceda; é similar aos peliqueiros de Laza e aos cigarróns de Verín. A palabra felo ven da palabra xermánica fillon, semanticamente indica que pode azoutar e, por outra banda, é un sinónimo de máscara.[1] Expresións utilizadas como por exemplo "aí che vén o felo", emprégase para asustar os nenos e nenas. Tamén dicir "vas feito un felo", utilízase para sinalar o escarnio ou a fealdade do aspecto externo.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

A súa orixe áchase no corazón do San Mamede. As orixes da máscara é difícil de coñecer mais algunhas opinións indican unha orixe medieval, cando persoas disfrazadas baixaban pola serra de san Mamede, satirizando ao señor feudal.[2]

Descrición máscara e traxe

[editar | editar a fonte]
Traxe dos felos.
Máscara cun picapeixe, pintada por Juan Carlos Vilar Pérez.

As características do traxe son bastante semellantes ao dos peliqueiros e cigarróns con algunhas diferenzas como que as medias son negras en vez de brancas, ou que levan 5 chocas fronte as 6 dos de Laza e Verín, e tamén levan un bastón ou caxato, en troques da zamarra dos anteriores.[3]

Os felos son unha máscara masculina e só a poden levar os homes solteiros.[2]

Os felos levan medias negras, antes tamén adoitaban utilizar medias brancas. Os calcetíns sempre son brancos e van por riba das medias de cor negra. Levan botas altas ou zapatos negros e antes incluso polainas, debido a que coa choiva xerábanse moitos charcos. Utilizan aneis, colares ou medallas familiares como por exemplo dunha irmá, moza ou curmá. Levan unha camisa de cor branca e enriba dela visten unha gravata cunha chaquetiña media dourada, cinguida e ben agarrada ao corpo. Esta chaqueta é estilo toureira, con flocos e algo de ombreira. Para finalizar, colocan un pano amplo en pico de vivas cores.

O pantalón que os felos levan vai cheo de perillos brancos e de estame. Estes son coma un calzón cuns perillos de cores e sempre se ten que levar por riba dos xeonllos. Tamén levan cinco ou seis chocas, ou choclas, metidas nun cinto. Pesan sobre un quilogramo cada unha. Colócanse na parte posterior da cintura. Debaixo das chocas ponse unha colcha ou saba dobrada facendo de faixa para que non lles manquen tanto. Para rematar, os felos portan un caxato que simboliza unha arma intimidatoria. O caxato conforma unha das particularidades iconográficas dos felos de Maceda.

Finalmente, a máscara. Hainas con diversos animais. Nelas sempre vai pintado un animal que impoña ou que sexa agresivo. A carauta faise de bidueiro ou ameneiro das ribeiras da contorna de Maceda, cun sorriso retranqueiro e provocador, con mestas cellas e pestanas, meixelas coloradas, bigote negro, beche mouro, nariz xeneroso, dentes brancos e barba, ben de lebre, ben de coello, que representa a virilidade máis fidedigna. No alto da carauta levan unha rabeira de raposo e a traseira revestida de pel de ovella ou coello.

Os felos impoñen e dan medo, mesmo arrepío nos máis novos e novas e xente de fóra que se achega ao Entroido de Maceda. A xente pode atacalos verbalmente para provocar e tamén insultar, pero endexamais tocar nin tentar sacarlle a carantoña, porque iso transgrede as normas e son a autoridade nestas datas.[2][4]

Percorrido dos felos pola serra

[editar | editar a fonte]
Nena e neno camiñando vestidos de felos.

O sábado e domingo de Entroido os felos percorren todas as aldeas da serra e a xente espéranos na rúa para recibilos. O sábado saen desde a Dilixencia sobre as nove e media da mañá e pasan a continuación por Pías, por Outeiro de Escuadro, por Santirso, por Xinzo da Costa, por Vilar onde chegan á hora do xantar que se realiza no mesmo lugar. Despois do xantar, sobrea as catro da tarde van por Barxela, por Tioira e por outros lugares da parroquia. No serán, sobre as sete e media pasan por Arnuíde e despois percorren Maceda. Para finalizar, ás dez da noite fan a cea na Dilixencia. Despois de cear saen cara a Ourense e chegan ás doce da noite. Unha vez alí percorren dende o parque de San Lázaro ata a praza maior. Finalmente, ás cinco e media da mañá terán a saída do autobús de regreso.

O domingo os felos percorren aldeas como: Pías, Castro de Escuadro, Santirso, Xinzo da Costa, Celeirón saíndo pola tarde a Barxela, Vilardecás, Carguizoi, Sarreaus, e Tioira.

  1. "felo". academia.gal. Consultado o 25 de xaneiro de 2024. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Los Felos de Maceda". ourense-natural.es (en castelán). Consultado o 18 de febreiro de 2024. 
  3. Rodríguez de la Torre, Lorena (14 de febreiro de 2015). ""Felos", las máscaras que persiguen a los vecinos de Maceda e imponen su ley". eldia.es (en castelán). Consultado o 18 de febreiro de 2024. 
  4. "Felos de Maceda". cultura.gal (en castelán). Consultado o 18 de febreiro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]