Familia Embraer ERJ
Familia Embraer ERJ ERJ135 / ERJ140 / ERJ145 | |
---|---|
ERJ145 de Portugalia | |
Tipo | reactor rexional |
Fabricante | Embraer |
Primeiro voo | 11 de agosto de 1995 |
Introducido | 6 de abril de 1997 |
Estado | en servizo |
Produción | 1992 - 2020[1] |
Unidades construídas | 1 231[2] |
Variantes | Embraer E/P/R-99 Embraer Legacy 600 |
A familia Embraer ERJ (de Embraer Regional Jet, nomes de modelo EMB-135, EMB-140 e EMB-145) son reactores rexionais deseñados e producidos pola compañía aeroespacial brasileira Embraer. A familia está formada polo ERJ135 de 37 pasaxeiros, o ERJ140 de 44 pasaxeiros, e o ERJ145 de 50, así como o reactor de negocios Legacy 600 e a familia de avións militares R-99, derivados dos modelos de pasaxe iniciais.
O desenvolvemento do EMB145 lanzouse en 1989, e o seu deseño inicial colleu a forma dunha versión alongada con turboventiladores do turbohélice EMB 120 Brasilia. Despois de que o proxecto quedase temporalmente suspendido en 1990, traballouse sobre unha configuración revisada a principios dos 90. Añinda que mantiña os tres asentos por fila do Brasilia, o birreactor tiña unha nova á en frecha e estaba impulsado por dous turboventiladores AE3007 montados na parte traseira da fuselaxe. O avión tiña un alcance de 3 700 km. No momento do seu primeiro voo, o día 11 de agosto de 1995, Embraer tiña xa 18 pedidos en firme, 16 opcións e 127 cartas de intención para o tipo. O 10 de decembro de 1996 o ERJ145 recibiu o seu certificado, e o modelo entrou en servizo con ExpressJet Airlines o 6 de abril de 1997.
Embraer priorizou a rápida expansión da familia, levando á introdución dos máis pequenos ERJ135 e ERJ140 en 1999. Os principais competidores da serie ERJ son os reactores rexionais Bombardier CRJ100/200, dun tamaño moi semellante. En decembro de 2002, Embraer asociouse co fabricante aeroespacial chinés Harbin Aircraft Industry Group para producir conxuntamente o ERJ145 en Harbin, China; esta liña de produción pechouse en 2016 despois de fabricar tan só 41 avións.[3] A produción do tipo rematou en 2020 tras fabricarse 1 231 unidades. Nese momento a familia ERJ xa fora eclipsada pola máis nova e avanzada familia E-Jet.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nowack, Timo (2020-07-06). "Embraer delivers very last ERJ". aeroTELEGRAPH (en inglés). Consultado o 2023-07-07.
- ↑ "Embraer ERJ-135 600/650, Embraer ERJ-145 production list". rzjets.net. Consultado o 2023-07-07.
- ↑ "Embraer, AVIC shut down Chinese JV". Air & Cosmos (en francés). Consultado o 2023-07-07.