Saltar ao contido

Félsico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En xeoloxía, félsico é un adxectivo usado para describir aquelas rochas ígneas que son relativamente ricas en elementos que forman minerais como o feldespato e o cuarzo.[1] Contrastan coas rochas máficas, que son relativamente máis ricas en magnesio e ferro. A denominación félsico pode utilizarse para minerais silicatados, magmas e rochas que están enriquecidas nos elementos máis lixeiros como silicio, oxíxeno, aluminio, sodio e potasio. O magma ou lava félsicos teñen maior viscosidade que os máficos.

As rochas félsicas son xeralmente de cores claras e teñen gravidades específicas menores de 3. A rocha félsica máis común é o granito. Minerais félsicos comúns son o cuarzo, moscovita, ortoclasio e os feldespatos plaxioclasio ricos en sodio (ricos en albita).

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

No uso moderno, o termo rocha ácida, aínda que ás veces se usa como sinónimo de félsica, adoita referirse agora especificamente a unha rocha volcánica de alto contido en sílice (maior do 63% SiO2 en peso), como a riolita.[Cómpre referencia] Ese uso, xunto co termo oposto "rocha básica" (MgO, FeO, máfica), estaba baseado no antigo concepto, que data do século XIX, de que o "ácido silícico" (H4SiO4 ou Si(OH)4) era a principal forma de silicio que formaba as rochas silíceas. Aínda que esta intuición ten sentido desde unha perspectiva de ácido-base na química acuosa considerando as interaccións das rochas coa auga e as disolucións de sílice, as rochas silíceas non están formadas por esta especie protonada monómera, senón por unha rede tridimensional de tetraedros de SiO44– conectados uns con outros. Unha vez liberados en auga e hidrolizados, estas entidades de sílice poden efectivametne formar ácido silícico en solución acuosa.

O temo "félsico" combina as palabras "feldespato" e "lice". Feldespato vén do alemán Feldspat, palabra composta de Feld, 'campo', e spat[h], 'mineral'.[2]

Clasificación das rochas félsicas

[editar | editar a fonte]
Un fragmento lítico volcánico félsico ollado con microscopio petrográfico. Cadro de escala en milímetros.

Para que unha rocha sexa clasificada como félsica, xeralmente debe conter máis do 75 % de minerais félsicos (concretamente, cuarzo, ortoclasio e plaxioclasio). As rochas con máis dun 90 % de minerais félsicos poden tamén chamarse leucócratas,[3] das palabras gregas que significan branco e dominancia.

Felsita é un termo petrolóxico de campo usado para denominar rochas volcánicas de cores claras de gran moi fino ou afaníticas, que poden ser posteriormente reclasificadas facendo un exame microscópico máis detallado ou análise química.

Nalgúns casos, as rochas volcánicas félsicas poden conter fenocristais de minerais máficos, xeralmente horneblenda ou piroxeno, e poden ser nomeadas por este mineral dos fenocristais, como, por exemplo, 'felsita que contén horneblenda'.

O nome químico dunha rocha félsica dáselle de acordo coa clasificación TAS de Le Maitre (1975). Secasí, isto só se aplica ás rochas volcánicas. Se a rocha é analizada e vese que é félsica pero é metamórfica e non ten un protólito volcánico definido, pode ser suficiente chamala simplemente 'xisto félsico'. Coñécense exemplos de granitos con texturas que indican que estiveron sometidos a un grande estrés compresivo (cizallamento), que se poden confundir con riolitas.

Para rochas félsicas faneríticas debería utilizarse o diagrama QAPF, e darlle un nome de acordo coa nomenclatura do granito. Con frecuencia a especie de minerais máficos está incluída no nome, por exemplo, granito que contén horneblenda, tonalita piroxénica ou monzonita con megacristais de auxita, porque o termo "granito" xa indica un contido de feldespato e cuarzo.

Así, a textura da rocha determina o nome básico dunha rocha félsica.

Detalle dun granito do Parque Nacional de Yosemite.
Espécime de riolita.
Textura da rocha Nome da rocha félsica
Pegmatítica Granito pegmatita
Gran groso (fanerítica) Granito
Gran groso e porfirítica Granito porfirítico
Gran fino (afanítico) Riolita
Gran fino e porfirítico Riolita porfirítica
Piroclástica Toba volcánica riolítica ou brecha
Vesicular Pumita
Amigdaloide Ningunha
Vítrea Obsidiana ou porcelanita
  1. Marshak, Stephen, 2009, Essentials of Geology, W. W. Norton & Company, 3ª ed. ISBN 978-0393196566
  2. Harper, Douglas. "feldspar". Online Etymology Dictionary. Consultado o 2008-02-08. 
  3. Aurora Geosciences Ltd. "Technical report Mackenzie mountains iron-copper property, Northwest Territories, Canada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2017-10-10. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Le Maitre, L. E., ed. 2002. Igneous Rocks: A Classification and Glossary of Terms 2ª edición, Cambridge