Saltar ao contido

Evolución dos mamíferos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reconstrución de Adelobasileus cromptoni, o mamaliaforme máis antigo coñecido, descuberto a partir dun cranio fragmentario da Formación de Tecovas ó oeste de Texas. A localización da cóclea dentro do cranio é un dos avances máis destacados que presenta esta especie.
CoalaArtibeus sp.
Equidna de fociño curtoArroaz.
Os mamíferos colonizaron os medios terrestres, acuáticos e aéreos.

A evolución dos mamíferos a partir dos sinápsidos basais («réptiles mamiferoides») foi un proceso gradual que durou aproximadamente 95 millóns de anos, dende a aparición dos primeiros sinápsidos, como o Archaeothyris ou Clepsydrops, en Pensilvaniano[1] até a aparición dos primeiros mamaliaformes como o Adelobasileus no andar faunítico Carniano.[2] A liñaxe sinápsida diverxeu da liñaxe saurópsidos, que conduciría ós réptiles, ós dinosauros e ás aves, a finais do período Carbonífero, só vinte millóns de anos despois da formación do clado dos amniotas.

Os sinápsidos diversificáronse durante o Permiano, producindo formas tan célebres coma o Dimetrodon, Sphenacodon ou o edafosauro. Durante uns cuarenta millóns de anos, foron os animais terrestres dominantes, pero hai 251,4 millóns de anos[3][4] a extinción do Permiano-Triásico pon remate ó seu dominio, levando á desaparición de todos os grupos de pelicosauros e de terápsidos. Despois desta extinción, que eliminou o 70% dos vertebrados terrestres, o grupo terápsido dos listrosauros recupérase e chega a exercer un dominio tan esmagador como nunca máis se volveu repetir na historia da Terra:[5] Durante un tempo, o 95% dos vertebrados terrestres pertencían a este xénero.[6] Porén, un acontecemento coñecido como cambio do Triásico abriu a porta ó dominio dos dinosauros e obrigou ós mamíferos a manter un perfil baixo durante os seguintes 160 millóns de anos.

Polo xeral, os mamíferos do Mesozoico eran pequenos, e a maioría só acadaban o tamaño dun rato. Os seus dentes indican que a meirande parte das especies alimentábanse de insectos e outros invertebrados, e a forma do seu cerebro e os seus órganos sensoriais indican un estilo de vida principalmente nocturno. Aínda se mantén a incógnita de porqué a maioría de mamíferos do Mesozoico conservaron un tamaño, unha fisioloxía e un xeito de vida relativamente homoxéneos, mentres que nun período de tempo evolutivamente moi curto (uns cinco millóns de anos) a comezos do Cenozoico coneguen unha importante variación de tamaño e alimentación. A causa disto adoita ser considerada a competición dos dinosauros, que mentres exerciron unha presión selectiva que impedía a evolución de mamíferos grandes.[7] En tempos máis recentes fixéronse novos descubrimentos que amosan un grao de especialización máis alta dos mamíferos do Mesozoic. Castorocauda era cando menos parcialmente acuático,[8] Volaticotherium estaba dotada de membranas para e Fruitafossor tiña adaptacións para comer insectos semellantes ás dos osos formigueiros.

As principais liñaxes de mamíferos do Cretáceo sobreviviron á extinción do Cretáceo-Terciario malia sufriren perdas en cantidade e en diversidade. Malia que os mamíferos comezaran a diversificarse trinta millóns de anos antes e que poucos grupos se diversificaron axiña despois da extinción, a desaparición dos dinosauros permitiulles finalmente converterse nos dominadores dos medios terrestres no Cenozoico. No época do Eoceno tivo lugo unha explosiva radiación adaptativa que deu orixe a gran parte dos grupos modernos de mamíferos, e no Mioceno, a fauna mamiferoide xa era moi semellante á actual. A finais do Plistoceno extinguíronse moitos mamíferos nun proceso posiblemente relacionado coa expansión dos humanos arredor do mundo.[9] Estas extincións aínda duran hoxe en día: a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (IUCN) lista 514 especies (arredor dun 10% de tódolos mamíferos) en en perigo grave ou especie ameazada.[10]

Filoxeneticamente, os mamíferos son os únicos sinápsidos aínda viventes.

  1. Lambert, David (2001). Dinosaur Encyclopedia. ISBN 0-7894-7935-4
  2. S.G. Lucas; Z. Lou. "Adelobasileus from the upper Triassic of west Texas: the oldest mammal", Journal of Vertebrate Paleontology, 1993.
  3. Jin YG, Wang Y, Wang W, Shang QH, Cao CQ, Erwin DH (2000). "Pattern of Marine Mass Extinction Near the Permian–Triassic Boundary in South China". Science 289: 432–436. PMID 10903200. doi:10.1126/science.289.5478.432. 
  4. Bowring SA, Erwin DH, Jin YG, Martin MW, Davidek K, Wang W (1998). "U/Pb Zircon Geochronology and Tempo of the End-Permian Mass Extinction". Science 280: 1039–1045. doi:10.1126/science.280.5366.1039. 
  5. BBC: Life Before Dinosaurs
  6. The Consolations of Extinction Arquivado 12 de outubro de 2007 en Wayback Machine.. Inclúe unha sección sobre os listrosauos e a extinción permiana.
  7. Dinosaur Extinction Spurred Rise of Modern Mammals (en inglés).
  8. "Jurassic "Beaver" Found; Rewrites History of Mammals" (en inglés). 
  9. Martin, P.S.; Wright, H.E. Jr. (1967). Pleistocene Extinctions: The Search for a Cause. New Haven: Yale University Press. ISBN 0-300-00755-8. 
  10. Lista Vermella da UICN Arquivado 03 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. (en inglés).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]