Estrela da Mañá
Nome orixinal | (chy) Vóóhéhéve |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1810 Montana, Estados Unidos de América |
Morte | 1883 (72/73 anos) |
Lugar de sepultura | cemiterio de Lame Deer |
Actividade | |
Ocupación | Xefe tribal |
Carreira militar | |
Conflito | batalla de Dull Knife |
Vóóhéhéve,[1] máis coñecido como Estrela da Mañá (tradución do inglés Morning Star), nado c. 1810 nalgún lugar do val do río Rosebud, Montana,[2] e finado en 1883,[3] foi un gran xefe dos cheyenne do norte durante o século XIX. Fíxose notar pola súa activa resistencia á colonización do Oeste e contra o Goberno Federal dos Estados Unidos de América. É debido á coraxe e determinación de Estrela da Mañá e outros líderes cheyennes que os cheyennes do norte aínda posúen terras no seu territorio tradicional (hoxe en día Montana).
Nome
[editar | editar a fonte]O seu nome en lingua cheyenne era Vóóhéhéve, pronunciado [voː.hɪ.hɪv],[4] que significa Estrela da Mañá (en inglés: Morning Star).[1] Porén, foi máis coñecido como Tamílapéšni (pronuncia lakota [ta.mɪ.la.peʃ.nɪ]), o nome que lle deron os seus aliados lakota,[5] co significado de Coitelo Desafiado (en inglés: Dull Knife).[6]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1868, Estrela da Mañá representou á súa tribo na sinatura do Tratado de Fort Laramie.[2][7][8]
Posteriormente, aliouse cos lakota e outras tribos contra os Estados Unidos na gran guerra síux de 1876, que levou á derrota do xeneral Custer na Batalla de Little Bighorn en 1876. Logo da batalla os indios dispersáronse, e os cheyennes dividíronse en dous grupos, descoñecéndose durante moito tempo a situación do campamento de Estrela da Mañá,[9] que estaba entón nas Montañas Bighorn. Cando finalmente foi atopado, o 25 de novembro de 1876, os soldados americanos ao mando de Ranald S. Mackenzie destruírono por completo.[3] Os cheyennes pasaron entón o inverno no campamento de Cabalo Tolo no río Powder, e na primavera de 1877 rendéronse.[10] A maioría deles foron trasladados ao Territorio Indio de Oklahoma.
Por mor das febles poboacións de bisontes no sur, e incapacitados para cazar, a tribo padeceu fame e doenzas. A situación durou un ano, até setembro de 1878, cando Estrela da Mañá comezou a levar á tribo de volta ao norte, cara ás súas terras natais en Montana.[3][10]
Loitando a través de Kansas, os cheyennes foron capaces de evitar o exército federal até que foron capturados preto de Fort Robinson, en Nebraska. O 8 de xaneiro de 1879, a tribo tentaba escapar ó norte cando moitos dos cheyennes, maioritariamente mulleres e nenos, foron asasinados polo exército federal. Non obstante, unha pequena parte da tribo, incluíndo a Estrela da Mañá, conseguiu fuxir.
Estrela da Mañá morreu de causas naturais en 1883[2] e foi queimado nunha gran pira preto do río Rosebud, mirando á terra onde quedou a maioría do seu pobo.
Familia
[editar | editar a fonte]Como era común entre os indios das grandes pradarías, Estrela da Mañá tivo dúas mulleres. A primeira delas foi unha muller pawnee, chamada simplemente Muller Pawnee (Pawnee Woman), que capturara aos pawnee, e quen lle deu catro fillas e un fillo. A súa segunda muller foi A Pequena (Short One), con quen tivo tres fillos varóns e tres fillas máis.[11]
Legado
[editar | editar a fonte]Un ano logo da súa morte, o 26 de marzo de 1884, o Goberno dos Estados Unidos de América estabeleceu de xeito oficial unha parte do territorio de Montana, a Reserva india dos Cheyennes do Norte, como fogar dos cheyennes do norte.[2]
En 1975 foi creado en Lame Deer, Montana o Chief Dull Knife College, unha institución de ensino superior que leva o seu nome pola importancia de Estrela da Mañá como xefe e líder do seu pobo. Entre as diferentes titulacións que ofrece, destacan os estudos en lingua e culturas cheyennes.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Segundo a ortografía do cheyenne estandarizada. Wayne Leman, Marie Sanchez, Leroy Pine Sr (2013). Lulu Enterprises Incorporated, ed. Cheyenne Dictionary. ISBN 9781847287069.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Starita, 2004, p. 572.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Palmer, 2011, p. 246.
- ↑ As vogais en posición final vólvense xordas en cheyenne.
- ↑ Os documentos cítano como Tah-me-la-pash-me; de ta (seu) míla (gran coitelo) péšni (desafiado).
- ↑ Eugene Buechel SI, Paul Manhart SI (edición) (2002). University of Nebraska Press, ed. Lakota Dictionary: Lakota-English/English-Lakota. ISBN 9780803261990.
- ↑ "Treaty with the Northern Cheyenne and Northern Arapaho". 1868. Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2012. Consultado o 15 de abril de 2014. (Imaxe do tratado coa sinatura de Estrela da Mañá (Tah-me-la-pash-me) Arquivado 01 de marzo de 2013 en Wayback Machine.).
- ↑ Tratado recompilado en: Charles Joseph Kappler (1904). U.S. Government Printing Office, ed. Indian Affairs: Treaties. p. 1015.
- ↑ Bird, 1983, p. 359.
- ↑ 10,0 10,1 Bird, 1983, p.398.
- ↑ Starita, 2002, p. 73.
- ↑ "Chief Dull Knife College" (en inglés). Consultado o 19 de abril de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- George Bird Grinnell (1983). University of Oklahoma Press, ed. The Fighting Cheyennes. ISBN 9780806118390.
- Jason N. Palmer (autor); Spencer Tucker, James R. Arnold, Roberta Wiener (edición) (2011). ABC-CLIO, ed. The Encyclopedia of North American Indian Wars, 1607–1890: A Political, Social, and Military History. ISBN 9781851096978.
- Joe Starita (2002). University of Nebraska Press, ed. The Dull Knifes of Pine Ridge: A Lakota Odyssey. ISBN 9780803292949.
- Joe Starita (autor); David J. Wishart (edición) (2004). "Dull Knife". En University of Nebraska Press. Encyclopedia of the Great Plains. ISBN 9780803247871.
- William Young Chalfant (1997). University of Oklahoma Press, ed. Cheyennes at Dark Water Creek: The Last Fight of the Red River War. ISBN 9780806128757.