Estadio Renato Dall'Ara
Estadio Renato Dall'Ara | |
---|---|
O estadio en 2020. | |
Datos | |
Coordenadas | 44°29′37″N 11°18′35″L / 44.49362, 11.309719 |
Localización | Boloña |
Construción | |
Inauguración | 29 de maio de 1927 |
Arquitecto | Giulio Ulisse Arata |
Estadio | |
Superficie | herba |
Dimensións | 105 m × 68 m |
Capacidade | 36 462 espectadores |
Propietario | Comuna de Boloña |
Operadora | Bologna FC 1909 |
Localía | Bologna |
Web | https://www.bolognafc.it/stadio/ |
Eventos | |
Mundial de 1934 Mundial de 1990 | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Estadio Renato Dall'Ara (en italiano: Stadio Renato Dall'Ara) é un estadio situado na cidade italiana de Boloña, dedicado principalmente á práctica do fútbol. Atópase no barrio de Porto-Saragozza e nel disputa como local os seus partidos o Bologna.
Inaugurado en 1927 como Estadio Littoriale e rebautizado como Estadio Municipal trala Segunda guerra mundial, recibiu o seu nome actual en 1983 na memoria de Renato Dall'Ara, presidente durante tres décadas do Bologna, club que usa as súas instalacións desde a súa inauguración.
O Dall'Ara acolleu dúas edicións da Copa do Mundo de Fútbol, en 1934 e 1990, foi sede da Superbowl italiana de fútbol americano e acolleu tres finais do campionato italiano de rugby entre 1988 e 2001. Tamén a selección italiana de rugby xogou importantes partidos internacionais en dito estadio. Ademais, entre 1929 e 1996, cando aínda estaba equipado cunha pista de atletismo que foi retirada en 2015, acolleu varias edicións do campionato italiano de atletismo e outros certames internacionais como a Golden Gala.
Conta con capacidade para 36000 espectadores,[1] podendo ampliarse ata 55000 para a celebración de concertos de música.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]A instalación, coñecida inicialmente como "Littoriale", naceu como o primeiro verdadeiro estadio de Italia e foi un modelo para os que o seguiron. Ata entón, de feito, os estadios eran campos con bancadas montadas sobre estadas.
O 12 de xuño de 1925 púxose a primeira pedra do edificio, da man do xerarca fascista Leandro Arpinati (máis tarde podestà de Boloña). Colocáronse dúas piscinas xunto ao estadio: unha exterior de 50x30 m, e outra cuberta máis pequena (a primeira deste tipo en Italia).[3] O proxecto do gran complexo deportivo correu a cargo do enxeñeiro Umberto Costanzini, xefe da oficina técnica da Casa do Fascio, e do arquitecto Giulio Ulisse Arata.
O 29 de outubro de 1926 Arpinati fixou a "data de finalización", aproximadamente un ano despois de que se colocara a primeira pedra. Dous días despois, na mañá do 31 de outubro de 1926, diante de todas as autoridades da cidade, o estadio Littoriale foi inaugurado por Benito Mussolini, que entrou pintorescamente no estadio montado no seu cabalo.[2] A última hora da tarde do mesmo día Mussolini foi obxecto dun atentado perpetrado polo anarquista de quince anos Anteo Zamboni, quen lle disparou cunha arma de fogo. O mozo foi asasinado no lugar do ataque polos escuadróns do Fascio.
O 29 de maio de 1927, ante uns 55 000 espectadores, inaugurouse o estadio Littoriale cun partido internacional de fútbol entre as seleccións de Italia e España, e en presenza do rei italiano Vittorio Emanuele e do infante Alfonso de Borbón, fillo do rei español, Afonso XIII.[4]
Baixo as ordes do árbitro inglés Stanley Rous, Italia gañou o partido por 2-0, cun gol de Adolfo Baloncieri, o primeiro xogador en marcar no novo estadio, e un autogol do vasco Pachuco Prats.[4] O domingo seguinte, 5 de xuño, debutou no Littoriale o Bologna, que ata entón xogaba os seus partidos no campo Sterlino. Derrotou por 1-0 ao Genoa, cun gol de Giuseppe Martelli.
A capacidade do estadio era de 50.100 espectadores e os seus muros, feitos co típico ladrillo vermello e ventás de arco, convertíano nun edificio excepcional para a época.[2] Outra nota característica engadiuse coa construción da torre de Maratón, rematada en 1929, no sector oposto á tribuna cuberta. Finalmente, o estadio foi conectado co pórtico de San Luca, que data do século XVIII.[2]
O estadio Littoriale era un campo de nivel internacional, un dos máis grandes e modernos da época, polo que foi elixido en 1934 para ser sede da fase final da Copa do Mundo. Trala cita mundial seguiu sendo un dos mellores estadios italianos, e tralo final da guerra cambiou o seu nome ao de Estadio Municipal (en italiano: Stadio Comunale). En 1983 produciuse un último e definitivo cambio de nome, pasando a chamarse estadio Renato Dall'Ara, en memoria de Renato Dall'Ara, que fora presidente do Bologna durante 30 anos, de 1934 a 1964, durante os cales os rossoblù lograron gañar 5 títulos de liga.
O estadio foi completamente reformado para a Mundial de 1990. Introducíronse novas saídas de seguridade, renovouse a pista de atletismo, engadíronse novas filas de asentos alzando a antiga estrutura e repintouse por completo. Finalmente, construíuse unha nova cuberta para a tribuna, revisouse o sistema de iluminación e instalouse un novo marcador.[2]
Na curva norte, que recibe o nome de Giacomo Bulgarelli, antigo xogador e capitán do Bologna, adoitan colocarse os ultras rossoblù (anteriormente a curva chamábase "Andrea Costa", polo nome da estrada que dá a ese lado do estadio. A curva sur chámase "San Luca" e foi bautizada así por Árpád Weisz, histórico adestrador do equipo asasinado polos nazis nun campo de concentración, e está reservada en parte para os afeccionados visitantes.
O estadio Dall'Ara tamén acolleu os partidos como local da selección de Bosnia durante as eliminatorias para o Mundial de 1998, debido á falta de dispoñibilidade do estadio de Saraxevo.[5]
En 1995 o estadio acolleu o partido de rugby entre a selección italiana e os All Blacks de Nova Zelandia.[6] O combinado italiano de rugby xogou de novo no estadio en 1997, contra Suráfrica.[7] Italia foi derrotada nos dous encontros.
Na tempada 2006/07 da Serie A acolleu os dous últimos partidos como local do Catania, contra Milan e Chievo, tralo peche do estadio Angelo Massimino polos enfrontamentos no derbi contra o Palermo do 2 de febreiro de 2007, nos que morreu o inspector xefe da policía Filippo Raciti.
En 2016 o estadio pasou da titularidade municipal á propiedade do Bologna, a través dunha concesión por 99 anos.[8] O número de prazas reduciuse entre 2016 e 2018 e realizáronse pequenas melloras.[8][2][9]
Torre de Maratón
[editar | editar a fonte]A torre de Maratón, rematada o 29 de outubro de 1929, encóntrase na parte intermedia da tribuna leste do estadio, no lado oposto á tribuna cuberta.
Símbolo da competición e da resistencia dos deportistas, foi deseñado por Giulio Ulisse Arata e construído no lugar onde tivo lugar a execución de Ugo Bassi. Con 42 metros de altura e outros tantos de anchura, está dividida en seis niveis con dúas terrazas panorámicas intermedias que se abren nos dous primeiros niveis da estrutura da torre, mentres que no terceiro nivel construíuse a sala de control de iluminación de toda a instalación deportiva. As distintas plantas están comunicadas entre si por unha serie de escaleiras ás que logo se engadiron dous ascensores, un interior e outro externo para facilitar a subida á cima.[10]
No mastro da torre colocouse unha estatua que representaba a Vitoria alada con fasces e unha impoñente bandeira da Regia Marina cunha superficie de 100 metros cadrados, mentres que diante do nicho do arco monumental, de cara ao interior do estadio, estaba a estatua ecuestre de Mussolini, creada por Giuseppe Graziosi,[11] xunto con tres canóns roubados aos austríacos durante a batalla de 8 de agosto de 1848. O 26 de xullo de 1943, ao día seguinte da caída do fascismo, a multitude derrubou a estatua de Mussolini, mentres que o cabalo foi retirado en 1947 e reutilizado polo escultor Luciano Minguzzi para forxar dúas estatuas de mozos partisanos en lembranza da batalla de Porta Lame, onde foron colocadas.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Na práctica a capacidade real é di 31.000 espectadores, pois 5.000 postos no anel superior están inutilizados e cubertos por lonas.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "La storia del Dall'Ara". bolognafc.it (en italiano). Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ (Quercioli & pag. 21).
- ↑ 4,0 4,1 "La grande partita al Littoriale". La Stampa (en italiano). 30 de maio de 1927. p. 1. Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ Del Checcolo, Marco (2 de setembro de 1996). "Emozione bosnia. Una sconfitta e tanta normalità". La Repubblica (en italiano). Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ "997th All Black Game" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2017. Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ "Statistics for Italy vs South Africa". rugbydata.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 4 de xaneiro de 2009. Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ 8,0 8,1 "Fenucci: “Il nuovo stadio aumenterà il nostro bacino d’utenza”" (en italiano). Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ "Stadio, i nuovi seggiolini in curva" (en italiano). Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ "La Torre di Maratona al Littoriale". bibliotecasalaborsa.it (en italiano). Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ Pellerano, Fernando (13 de abril de 2011). "Nella Torre di Maratona. Inagibile da Italia '90 e senza futuro" (en italiano). Consultado o 19 de agosto de 2022.
- ↑ "Lo stadio dal 1945 a oggi" (en italiano). Consultado o 19 de agosto de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Quercioli, Giuseppe (2006). Bologna e il suo stadio: ottant'anni dal Littoriale al Dall'Ara. La storia di un grande monumento della città (en italiano). Boloña: Pendragon. ISBN 88-8342-499-9. LCCN 2006403798.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial (en italiano).
- Estadio Renato Dall'Ara en Structurae (en inglés).