Saltar ao contido

Estación da Pobra de San Xiao

A Pobra de San Xiao
Edificio de viaxeiros da estación da Pobra de San Xiao.
SituaciónO Páramo

A Pobra de San Xiao é unha estación de ferrocarril de Adif situada na parroquia de Moscán, no concello do Páramo, provincia de Lugo. Non ten servizos de viaxeiros.[1][2]

Substitúe dende 2018 a antiga estación situada na vila da Pobra de San Xiao, no concello de Láncara. O treito de vía no que se atopaba a estación foi desmantelado tras a inauguración da variante da localidade.[1]

Situación ferroviaria

[editar | editar a fonte]

A estación atópase na variante da Pobra de San Xiao da liña férrea de ancho ibérico que une León e A Coruña, entre as estacións de Pedrelo-Céltigos e de Laxosa. O tramo é de vía única e está sen electrificar, aínda que a plataforma está construída para poder albergar no futuro unha segunda vía.

Estación histórica

[editar | editar a fonte]
Antiga estación da Pobra de San Xiao.
Antiga estación da Pobra de San Xiao.

A antiga estación foi aberta ao tráfico o 2 de agosto de 1878 coa posta en marcha do tramo Sarria-Lugo da liña que pretendía unir Palencia coa Coruña por parte do Estado.[3] Atopábase no punto quilométrico 410,5 da liña férrea de ancho ibérico que une León e A Coruña.[4] O tramo era de vía única e estaba sen electrificar.

O edificio para viaxeiros da estación é de base rectangular e tres alturas. A estación dispoñía de dúas vías coas súas respectivas plataformas laterais, sendo a do lado do edificio a que tiña maior largo. Os cambios de plataforma realizábanse a nivel.

En 2002 deixou de ter servizos de pasaxeiros, como outras estacións da provincia, debido á baixa demanda.[5]

Construción da variante

[editar | editar a fonte]

En 2006 o Ministerio de Fomento adxudicou as obras de construción dunha variante ferroviaria que evitara o paso polo casco urbano da Pobra de San Xiao e suprimira un total de 16 pasos a nivel, incluída no proxecto que pretendía levar a alta velocidade a Lugo. As obras duraron máis de once anos.[6]

O 23 de abril de 2018 entrou en servizo a nova variante, deixando sen servizo a vía orixinal.[7] En devandita variante atópase a nova estación que leva o mesmo nome malia que se atopa na parroquia de Moscán, no concello do Páramo. Non ten servizos de viaxeiros.[2]

A estación

[editar | editar a fonte]

A estación está formada por un edificio de base rectangular e planta baixa. Ten dúas vías e unha única plataforma.

Atópase a menos de 1 km de Moscán e a 2 km da Pobra de San Xiao. Accédese a ela dende a estrada LU-P-4304 que une A Pobra e O Páramo por unha estrada de dous carrís, un por sentido, que remata nunha rotonda xunta a estación. Ten un aparcadoiro con 19 prazas, 2 delas para taxis e outra para discapacitados.

  1. 1,0 1,1 "El pueblo que pierde hasta las vías del tren". La Voz de Galicia. 6 de setembro de 2018. 
  2. 2,0 2,1 Vizoso, Sonia (4 de maio de 2018). "Una flamante estación del AVE que nadie usará". El País. Consultado o 4 de maio de 2018. 
  3. Cronoloxía básica do ferrocarril español de vía ancha Arquivado 14 de outubro de 2013 en Wayback Machine. Fundación de los Ferrocarriles Españoles
  4. Rede ferroviaria española Arquivado 18 de outubro de 2013 en Wayback Machine. Ministerio de Fomento.
  5. Os trens rexionais de Renfe non paran en cinco estacións aínda que haxa pasaxeiros
  6. "Empiezan las pruebas definitivas para abrir la variante de Láncara". La Voz de Galicia. 20 de abril de 2018. 
  7. "Adif pone en servicio la variante de A Pobra de San Xiao". El Progreso. 23 de abril de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]