Especulación
A especulación (do latín especulare, observar, ver) é unha reflexión teórica sobre un asunto ou unha materia co fin de poder recoñecelo e examinalo.
Nun principio, a palabra especulación non era imaxinar algo sen fundamento, senón investigar meticulosamente algo. Na teoría, esta palabra ocupa o primeiro lugar na clasificación das ciencias que fai Aristóteles.
Os filósofos e a especulación
[editar | editar a fonte]Para Aristóteles, o coñecemento especulativo é o máis grato e tamén o mellor (metafísica), e a contemplación é o fundamento da felicidade. No mundo romano, a palabra especulación ten un significado pexorativo, xa que está considerada unha actitude pouco civil ao non atender aos servizos públicos, os cales son principais para os romanos. Os filósofos da Idade Media distinguen a especulación doutras actividades teóricas baseándose en que especular é interpretar.
Distínguense así os termos especulación, meditación e contemplación. A través da contemplación considérase a Deus como é, por medio da especulación vese como se reflicte no que el creou e mediante a meditación, a alma ten o propósito de alcanzar a contemplación. Neste caso, a especulación é un estado intermedio que leva á contemplación.
Na etapa moderna, moitos autores opóñense á especulación considerándoa sen fundamento e sen ningún obxectivo práctico nin teórico. Francis Bacon e Descartes desprezan a especulación xa que consideran que ten escasas consecuencias para os que a practican.
Racionalismo moderno
[editar | editar a fonte]A especulación tivo grande importancia no racionalismo moderno. Kant confiou na razón especulativa co propósito de limitar as posibilidades da razón, xa que non se pode admitir ningún coñecemento fóra dos límites da experiencia. Para este filósofo, o coñecemento teórico é diferente ao coñecemento da natureza porque é especulativo, xa que se refire a un obxecto ou aos conceptos dun obxecto e non se pode alcanzar por medio dunha experiencia. Kant pon así límites definitivos á especulación ou á razón especulativa.
Filosofía contemporánea
[editar | editar a fonte]Tempo despois concedéuselle ao especulativo a capacidade de cualificar a especie superior do coñecemento. Hegel foi o autor que destacamos neste sentido. Segundo este filósofo, a razón ou o pensamento especulativo é o único que pode unir e conciliar os opostos que se manifestan no proceso dialéctico e o que supera as tensións que este proceso revela.
Feuerbach e Karl Marx opóñense ao especulativo dentro das escolas hegelianas e tamén se opoñen a maioría das tendencias filosóficas do século XX. Unha excepción foi a teoría de Theodor Adorno, cuxa "dialéctica negativa" volve enunciar a forma especulativa do pensamento en clave rigorosamente materialista.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Especulación. Filosofía.". Consultado o 29 de outubro de 2014.
- "Dicionario da Real Academia Galega". Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2014. Consultado o 29 de outubro de 2014.
- "Dicionario etimolóxico". Consultado o 29 de outubro de 2014.
- "A Especulación filosófica". Consultado o 24 de novembro de 2014.