Ermida das Virtudes de Pontedeume
Ermida das Virtudes de Pontedeume | |
---|---|
Ermida e cruceiro das Virtudes | |
País | España |
Localización | Pontedeume |
Coordenadas | 43°24′19″N 8°10′06″O / 43.405277777778, -8.1683333333333 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Ermida das Virtudes é un templo da vila de Pontedeume, o edificio relixioso máis antigo despois da igrexa parroquial.
Fundación
[editar | editar a fonte]Non hai concordancia entre os historiadores acerca da autoría da ermida. Antonio de la Iglesia sitúa a súa fundación en 1416 por Nuno Freire de Andrade, o Mao, baseándose nunha inscrición na parte que queda da primeira edificación, hoxe difícil de ler, que segundo Antonio de la Iglesia di:
ESTA IREGA MANDOU FAZER NUNO FREIRE DANDRADE A ONRA DE SATA M. (MARIA) ERA DE MILL E CCCC E X (CATRO CENTOS E DEZA) SEIS ANOS
Ángel del Castillo coincide con Antonio de la Iglesia na autoría de Nuno Freire de Andrade, o Mao, porén propón dúas lecturas da data de construción baseándose en criterios historiográficos: 1416 ou 1408.
Antonio Couceiro Freijomil dubida da lectura da inscrición e sitúa a fundación en 1378 por Fernán Peres de Andrade, O Boo.
Finalmente, Carlos de Castro Álvarez e José Luís López Sangil non dubidan en afirmar nun traballo sobre a xenealoxía dos Andrade[1], que a fundación é nos tempos de Fernán Peres, O Boo, mais por obra do seu irmán Nuno Freire de Andrade, mestre da orde de Cristo.
O que si é certo é que a ermida eríxese en terreos daquela pertencentes á parroquia de Vilar e, case con toda seguridade, propiedade da Casa de Andrade.
Descrición
[editar | editar a fonte]O templo foi lugar de peregrinación por mor dunha serie de milagres supostamente acaecidos no lugar que nunca foron recoñecidos como tales pola Igrexa. O seu adro foi cemiterio non consagrado de pobres ata que o arcebispo de Santiago, Xoán de San Clemente, normalizou a situación en 1599. Entre 1833 e 1888 foi cemiterio municipal.
Da primitiva fábrica gótica só queda a parede norte, a pedra coa imaxe da Virxe e a inscrición nomeada. O resto seguramente desapareceu entre 1672 e 1680 cando se levou a cabo unha profunda reforma financiada polo indiano Andrés Copeiro, que ampliou a capela ao longo e ao largo, cubriuna con bóveda de media laranxa, reedificou a fachada e engadiu a sancristía.
A espadana é, segundo inscrición, de 1817. En 1858 amañouse o tellado, a bóveda e o ciborio, baixo a dirección do arquitecto Faustino Domínguez Domínguez. Posteriores actuacións son as de 1908 que uniu a capela co asilo de anciáns construído ao seu carón, e outros arranxos menores entre 1995 e 1998.
O retablo
[editar | editar a fonte]O máis destacado da capela é o seu retablo. Segundo Pérez Costanti foi contratado en 1679 por Teodoro de Parga, testamenteiro de Andrés Copeiro, a Alonso González. Porén, o que realmente contratara fora un retablo lateral cuxo lugar foi posteriormente ocupado pola imaxe do Nazareno. En calquera caso é probábel que Alonso González fixera tamén o retablo central pois garda moita semellanza co retablo que fixo para a capela do Rosario da igrexa do Convento de San Domingos da Coruña.
É unha obra barroca, con catro columnas salomónicas que dividen o espazo en tres bandas, unha central e dúas laterais onde se distribúen, a distintos niveis, imaxes de santos e a Virxe das Virtudes, que ocupa o lugar central. O retablo estaba aínda sen pintar en 1718, momento no que frei Xosé Mosquera, quen fora prior do convento de Santo Agostiño, inicia xestións para recadar os fondos necesarios.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ La genealogía de los Andrade Arquivado 20 de febreiro de 2016 en Wayback Machine., Revista Cátedra nº 7 (2000)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- La Iglesia de Santiago de Pontedeume. Carlos de Castro Álvarez e Juan Carlos Vázquez Arias. Ed. Deputación da Coruña (2003). ISBN 84-95950-77-4 (en castelán)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- O retablo maior da igrexa das Virtudes de Pontedeume: Funcións e programa iconográfico Arquivado 20 de xuño de 2012 en Wayback Machine., artigo de Xesús Andrés López Calvo no nº 14 (2007) da revista Cátedra.