Equidade
A equidade, é unha figura xurídica de enorme importancia na resolución de conflitos para os que non existe lei aplicable.
O termo equidade vén do latín aequitas, de aequus, igual. Teñen unha connotación de Xustiza e igualdade social con responsabilidade e valoración da individualidade, chegando a un equilibrio entre as dúas cousas, a equidade é o xusto en plenitude.
Ás veces a propia lei permite que o xuíz utilice a equidade na solución que adopte. Neste sentido a equidade xoga un importante papel para diminuír ou matizar o rigor da norma xurídica aplicable.
A equidade é "a xustiza do caso concreto", e responde ao principio que se formula do seguinte modo: "dar a cada un o que lle corresponde".
Aplicación do principio de equidade
[editar | editar a fonte]Unha das principais funcións do principio de equidade é o de servir para temperar o principio de igualdade (todos son iguais ante a lei).
Un exemplo gráfico axuda a comprender como se articula a formulación xeral deste principio. Se o dereito de igualdade obriga a considerar, por exemplo, que homes e mulleres son iguais ante a lei, equiparalos en todas as situacións sería o correcto, mais moitas veces non sería o xusto. Non sería xusto, por exemplo, que homes e mulleres competiran nunha mesma carreira deportiva. Homes e mulleres teñen dereito a participar, pero o fan en carreiras distintas. Do mesmo xeito, desde a óptica da igualdade, sería correcto que todos pagasen os mesmos impostos, pero non sería xusto nun Estado social que pobres e ricos pagasen exactamente o mesmo. A equidade permite que paguen máis os que máis gañan.
Deste modo, o principio de igualdade, sancionado por todas as constitucións modernas, non é tan sagrado como cabe supoñer. O principio de equidade é tanto ou máis importante, pois como dicimos, atempera o principio de igualdade, e do artellamento de ambos os dous principios haberá que tratar igual aos iguais e desigual aos desiguais. A cuestión, moito máis delicada, será determinar en que consiste a desigualdade, cuantitativa ou cualitativamente, e achar a solución equitativa correspondente. En efecto, é tan inxusto a non aplicación da equidade como a súa aplicación por exceso. Moitas veces pode apreciarse tanto situacións inxustas por esquecerse este principio, ou, ao contrario, producirse unha sobreprotección a determinadas situacións.
A equidade é o que xustifica e fundamenta as fórmulas de discriminación positiva, hoxe en día moi importantes desde a perspectiva das políticas de xénero.