Elemento arquitectónico
Elemento arquitectónico é cada unha das partes funcionais ou decorativas dunha obra arquitectónica, de xeito que cada un deles funcionaría como unha palabra da linguaxe arquitectónica da que a arquitectura sería a sintaxe.
Historia e características
[editar | editar a fonte]O obxecto da arquitectura é a creación de espazos arquitectónicos, habitualmente mediante o cubrimento do espazo. Os elementos arquitectónicos poden clasificarse pola súa función estrutural en:
- Elementos sustentados: esencialmente o lintel e o arco, que orixinan, por desprazamento como xeratrices xeométricas, as cubertas chás e as cubertas abovedadas (bóveda e cúpula -neste caso por rotación-). Tamén todas as formas de vigas e tellados. Tamén cada unha das súas partes (por exemplo as doelas no arco, o arquitrabe, o friso e a cornixa do lintel clásico, o artesoado dun teito, as decoracións sustentadas, como mocárabes etc.
- Elementos sustentantes: piares e columnas (segundo a súa sección sexa poligonal ou circular), e todos os tipos de muro (clasificados atendendo á súa regularidade ou material: muro ciclópeo, de cachotería, de perpiaño, de ladrillo, de adobe, de tapial etc.), contrafortes e cimentos. Tamén as súas partes, como a base, o fuste e o capitel dunha columna clásica.
- Algúns elementos estruturais son á vez sustentantes e sustentados, como trompas ou pendentes nas cúpulas ou arcobotantes en determinadas bóvedas ou os tirantes da estrutura dun tellado; ou se dispón como pavimentos.
Tamén se atopan elementos que cumpren funcións de relación entre espazos arquitectónicos, con espazos urbanos ou coa natureza, como son as escaleiras e todo tipo de pórticos, balcóns, miradoiros, fiestras, portas etc., así como elementos con funcións de compartimentación de espazos, como son os tabiques, os muros non portantes, muros cortina acristalados, celosías, follas de portas, fiestras etc.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Elemento arquitectónico |
- Elementos Arquitectónicos en GER.