Saltar ao contido

Edicións do Cumio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edicións do Cumio
Instalacións de Edicións do Cumio na Ramalleira. Editar o valor en Wikidata
Tipoeditorial e selo discográfico
Data de fundación1988
SedeVigo e A Reigosa
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Edicións do Cumio é unha empresa editorial e selo discográfico galego, activa entre 1988 e 2017.[1] Fundada no ano 1988 en Vigo, estivo dirixida primeiramente por Carlos Blanco Yáñez e logo por Antón Mascato García. Foi adquirida polo grupo distribucións Arnoia, e as súas instalacións foron levadas á Ramalleira (Vilaboa). En 2011 as oficinas foron levadas ao polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Stand no CulturGal 2010.

No seu comezo centrou a súa actividade na edición xeral de libros, en especial literatura infantil e xuvenil ("curuxa" e "gaivota"), narrativa para adultos, da que destaca a colección da novela policial "cómplice" e material complementario de ensino ("guías de lectura", "criterio", "manuais" etc). En 1994 comezou a súa actividade musical, nun principio baixo a dirección de Suso Vaamonde, e logo de Cándido Meixide. O folk (Treixadura e Liorna), o rock (Túzaros e Xenreira), e a música tradicional (Pallamallada, Xistra e Ultreia), foron os estilos máis destacados, aínda que tamén atendeu ás chamadas novas músicas (Tangata e Emilio Rúa). Unha das súas especializacións é a cartografía e a publicación de guías turísticas, como mapas de Galicia, de comarcas e de espazos naturais, planos de vilas e cidades, e guías de interese turístico e cultural ("Cidades", "Castros", "Fervenzas" e "Naturguías"). A partir de 1998, a editorial comezou unha nova liña de produción que denominou "multimedia", coa elaboración CD-ROM ademais, o seu catálogo achega tamén importantes series de traballos en CD e DVD que recollen unha boa parte da música galega gravada.

No 1999 publicou o primeiro dicionario electrónico da lingua galega, ademais dun corrector ortográfico. Entre as súas producións destacan os audiolibros infantís, os xogos didácticos e diferentes de lingua galega.

Mantén un criterio aberto nas súas liñas de produción, que vai desde o libro e outros materiais complementarios do proceso educativo até o xogo didáctico, da cartografía ao audiolibro, do produto cultural en soportes multimedia ata o libro ilustrado infantil e xuvenil. Desde 2007 até 2013 o director foi Manuel Villegas Belmonte (1961-2018). O seu derradeiro director é Xosé María Argibay Torres.

Unha das grandes colaboracións que impulsou a creación desta editorial foi Hércules de Ediciones, con sede na Coruña. Esta empresa editorial foi fundada en 1985 coa vontade de impulsar en Galicia proxectos editoriais de gran tamaño. Fundamentalmente dedicada á venda de libro a creto, para a que produce obras como o Proxecto Galicia. Nos últimos tempos deriva a súa oferta á publicación de libro ilustrado para a súa comercialización e librerías. Promoveu unha fundación que leva o nome do seu editor, Francisco Rodríguez Iglesias.

Catálogo editorial

[editar | editar a fonte]
Diciopedia do século 21.

Pódense encontrar unhas 388 publicacións no seu catálogo, repartidas en varias categorías como son: libros, música, dicionarios, e guías e mapas. Entre os seus autores máis destacados están Antón Villar Ponte, Rey Baltar, López Cuevillas ou Álvaro Cunqueiro, entre outros.

Dentro do xénero narrativo hai libros de autores moi recoñecidos como Edgar Allan Poe co seu libro Os crimes da rúa Morgue ou O escaravello de ouro, ilustrados e traducidos por Fino Lorenzo. Tamén podemos destacar libros de mitos e tradicións como Contos de homes e mulleres de Xosé Ramón Mariño Ferro ou Serpes e dragóns, do mesmo autor.

Por outra banda, no xénero do ensaio salienta A poesía de Eduardo Pondal, Ánxel Fole. Aproximación temática á súa obra narrativa en galego ou a obra Rosalía de Castro e os lugares de Cantares gallegos, que trata dun estudo orixinal, tanto no fondo como na forma, pois as explicacións dadas nel amplíanse cunha práctica mostra fotográfica de moitos dos lugares relacionados con Rosalía.

Na categoría de dicionarios, podemos diferenciar entre os bilingües como Dicionario Bilingüe Cumio, con máis de 75 000 entradas de dobre versión: entrada castelán e saída galego, e entrada galego e saída castelán, tamén editado na versión de peto; ou outros monolingües como o Gran Dicionario Cumio da lingua galega con máis de 13 000 entradas.

No apartado de guías e mapas distinguimos entre Guías Cumio: Paseando por..., que pretenden acompañar ao visitante no seu percorrido polos monumentos e polas rúas das cidades, e Guías Cumio: Descubrir..., que son guías das principais cidades e vilas galegas que se editan en varias linguas e conteñen numerosa información gráfica (fotos, mapas, planos...) actualizada. Con referencia aos mapas, encontramos unha gran variedade de cartografías orientadas ao emprego escolar.

Dentro do xénero infantil salientan os contos de cartón como "O gato con botas" ou "O osiño Boris".

Edicións do Cumio caracterízase por posuír unha gran liña multimedia, ofrecendo diversos grupos musicais, corais e bandas, principalmente de folclore tradicional galego; exemplo disto están os grupos como Banda artística de Merza, Banda Unión musical de Valadares, Coral Casablanca ou Banda de Música Municipal de Celanova, con temas de autores galegos e internacionais.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]