Duffy
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Amie Ann Duffy 23 de xuño de 1984 (40 anos) Bangor, Reino Unido |
Educación | Universidade de Chester (pt) |
Actividade | |
Ocupación | cantante, actriz de cinema, compositora, compositora de cancións, cantautora |
Período de actividade | 2004 - |
Xénero artístico | Música pop, Soul, Rhythm and blues e Blues |
Tesitura | Soprano |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | A&M Records Polydor Records |
Páxina web | iamduffy.com |
|
Aimee Anne Duffy, nada en Gwynedd o 23 de xuño de 1984, é unha cantante e compositora galesa, máis coñecida coma Duffy. O seu estilo de música inspírase no neo soul.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Pasou a súa infancia en Gales. Con dez anos e trala separación dos seus pais, mudouse coa súa nai e as súas irmás a Pembrokeshire, ao sur do país. Aos quince anos, trasladouse a Nefyn, onde comezou a cantar en bandas locais.
A súa voz tan característica débese a un golpe no nariz que unha das súas irmás lle deu cando era cativa.
No ano 2003 deu o grande salto ao público local cando se presentou a Wawffactor, versión galesa alternativa de Pop Idol emitida na canle S4C, onde quedou en segundo lugar. Posteriormente, marchou a Inglaterra e continuou os seus estudos en varios colexios maiores. Durante a súa estancia na Universidade de Chester comezou a cantar nun club local de jazz e blues. Alí gravou tres EPs e colaborou con outros grupos coma Mint Royale, desenvolvendo a súa carreira musical e comezando a traballar con outros artistas ingleses un ano despois.
En 2007 asinou un contrato coa discográfica A&M Records coa que gravou varios temas do que sería posteriormente o seu disco, Rockferry. O traballo tivo boa aceptación entre a crítica e Duffy realizou unha serie de actuacións en varios programas da segunda canle de televisión da BBC, sendo descrita coma unha das promesas emerxentes de 2008. O 3 de marzo dese mesmo ano editou o seu primeiro disco Rockferry no mercado británico e europeo baixo o selo discográfico Polydor. O seu primeiro single, Mercy, converteuse en número un de descargas semanas antes do lanzamento, chegando a ser un grande éxito a nivel europeo. En cinco semanas, o álbum vendeu máis dun millón de copias en toda Europa.
En 2008, editou Rockferry: Deluxe Edition, con sete temas novos. O primeiro single desta versión foi Rain on your Parade. Asemade, editou varios EP, un deles, Aimee Duffy, foi número un nas listas de vendas de Gales e está interpretado en galés.
Na gala dos premios Brit Awards de 2009 acadou os premios de Mellor álbum, Mellor artista feminina e Mellor artista revelación.