Saltar ao contido

Derme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Derma»)
Epiderme e derme da pel.
Esquema das zonas da pel. A. Epiderme. B. Zona de solapamento entre a epiderme e a derme papilar debido á presenza das papilas dérmicas da derme papilar que ascenden ata a epiderme. C. Derme reticular.
Pel humana.

A derme[1] ou o derma[2] é a segunda capa da pel situada debaixo da epiderme. Está entre a epiderme e o tecido subcutáneo, que é un tecido conectivo que amortece o corpo das tensión mecánicas. A derme dá á pel as súas características consistencia e resistencia. Divídese en dúas rexións, a máis superficial, adxacente á epiderme, denomínase derme papilar, e a máís profunda e grosa é a derme reticular.[3] A derme está estreitamente unida á epiderme por medio dunha membrana basal. Os compoñentes estruturais da derme son o coláxeno, fibras elásticas, e matriz extrafibrilar (antes chamada substancia fundamental).[4] Tamén contén mecanorreceptores que perciben as sensacións de tacto e calor, folículos pilosos, glándulas sudoríparas, glándulas sebáceas, glándulas apócrinas, vasos linfáticos e vasos sanguíneos. Os seus vasos sanguíneos proporcionan nutrientes e eliminan os refugallos procedentes das células dérmicas e epidérmicas (aínda que non entran na epiderme).

Compoñentes da derme

[editar | editar a fonte]

A derme está composta por tres grandes tipos de células [5]: fibroblastos, macrófagos, e adipocitos.

Ademais destas células, a derme está composta por compoñentes da matriz extracelular como coláxeno (que proporciona resistencia), elastina (que proporciona elasticidade), e glicosaminoglicanos.[5]

Estrato papilar

[editar | editar a fonte]

A rexión papilar está composta por tecido conectivo areolar laxo. Recibe este nome polas proxeccións chamadas papilas, que se estenden cara á epiderme e conteñen redes terminais de capilares sanguíneos e corpúsculos de Meissner táctiles.[6]

Estrato reticular

[editar | editar a fonte]

A rexión reticular está debaixo da papilar e xeralmente é máis grosa. Está composta de tecido conectivo irregular denso, e recibe o seu nome polas densas concentracións de fibras de coláxeno, elásticas, e reticulares que discorren ondulantemente por ela. Estas fibras proteicas danlle á derme as súas propiedades de resistencia, extensibilidade e elasticidade. Tamén están localizadas nesta rexión as raíces dos cabelos, as glándulas sebáceas e sudoríparas, os receptores táctiles, uñas, e vasos sanguíneos.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para derme.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para derma.
  3. James, William; Berger, Timothy; Elston, Dirk (2005). Andrews' Diseases of the Skin: Clinical Dermatology (10th ed.). Saunders. Pages 1, 11–12. ISBN 0-7216-2921-0.
  4. Marks, James G; Miller, Jeffery (2006). Lookingbill and Marks' Principles of Dermatology (4th ed.). Elsevier Inc. Page 8–9. ISBN 1-4160-3185-5.
  5. 5,0 5,1 "The Ageing Skin - Structure". Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2017. Consultado o 08 de agosto de 2012. 
  6. http://microvet.arizona.edu/Courses/vsc422/secure/VSC422AppledHistologyLabHandout.pdf[Ligazón morta]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]