Dereito nobiliario
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
O dereito nobiliario é aquela rama do dereito que se encarga de regula-lo estatuto das persoas nobres e a condición de nobreza; isto é, os dereitos e deberes dos nobres, as formas que toma a nobreza, a transmisión da nobreza e todos aqueles aspectos relativos a esta condición. A Nobreza é unha condición social que aparece na maioría das sociedades organizadas antigas, pero que dada a evolución de moitas sociedades cara ós réximes republicanos, hoxe en día practicamente só se conserva en países de réxime monárquico.
A nobreza é característica das sociedades estamentais. Era sempre un grupo privilexiado, que participaba no goberno do país, e que polo xeral non podía realizar traballos, excepto a carreira militar e a alta administración, así que vivía de rendas que lle pagaban o grupo dos non nobres, os plebeos.
A nobreza no pasado
[editar | editar a fonte]A nobreza no pasado tiña unha importante presenza social e grandes privilexios, que foi perdendo mercé á democratización das sociedades.
O estamento nobre
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Estamento nobre.
Era un grupo de persoas privilexiadas, determinadas polo nacemento, que exercían un poder político importante en colaboración co monarca, e que, en teoría, contaban cunha serie de privilexios a cambio de cumprir cunha serie de deberes, especialmente o deber de prestar vasalaxe.
Xeralmente a nobreza estaba exenta do pago de impostos. Asemade, tampouco permitía ós seus membros o traballo manual, propio de plebeos; facía ostentación disto a través dunha multitude de métodos propios de cada cultura. Así, na China, os mandaríns nunca cortaban as unllas porque non traballaban coas mans; na Europa do Antigo Réxime os nobres tiñan a pel clara porque non traballaban baixo o sol, coma os campesiños.
Os dereitos de señorío
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Señorío.
En moitas sociedades a nobreza gozaba de dereitos de señorío sobre determinados lugares, especialmente cando a súa orixe proviña de tempos de réxime feudal. Neses territorios o señor tiña dereitos múltiples sobre os seus habitantes plebeos (que recibían o nome de servos). A continuación descríbense varios, dos cales non todos eran gozados polos señores:
- As terras traballadas polos servos eran da súa propiedade, pero el arrendáballas a cambio dunha renda.
- O señor tiña privilexios de monopolio, de tal forma que os plebeos tiñan que pagar unha taxa por utilizar certos servizos (p.ex. os muíños, as pontes etc.), pero tampouco non podían crear eles da súa propiedade eses servizos.
- O señor podía esixir dos seus servos traballos gratuítos, isto é, traballos realizados en propiedades do señor, para beneficio do señor e sen remuneración algunha. Estes traballos recibían o nome de corveas
- Habías diversas taxas que os servos debían pagar en diversos momentos da súa vida (p.ex. cando casaban).
- O señor controlaba en certa medida as vidas dos campesiños: non podían saír do señorío sen o seu permiso, nin tampouco non podían casar sen o seu coñecemento. Correspondía ó señor decidir cales dos seus servos ían ó exército.
Títulos nobiliarios
[editar | editar a fonte]Se ben no pasado non era así, hoxe en día a nobreza toma forma a través de diversos títulos nobiliarios. Xeralmente eses títulos nobiliarios fan referencia a un lugar (e en tal caso título e nome van unidos pola preposición “de”), pero tamén a apelidos e a acontecementos (e entón, dependendo dos países, levan ou non o “de”). Os títulos nobiliarios levan implícita unha certa dignidade, de tal forma que hai títulos de maior dignidade que outros. Así, existe unha escala de títulos, pero esa escala depende dos países e do momento histórico.
Títulos nobiliarios en España
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Títulos nobiliarios en España.
Hoxe en día, en España existen, e por esta orde de precedencia, os seguintes títulos:
- Rei/Raíña, título que só ostenta o propio Rei de España.
- Príncipe/Princesa, que está atribuído con exclusividade ó sucesor á Coroa e ó marido dunha raíña.
- Infante/Infanta, que, baixo a forma de Infante de España, se lle concede a tódolos fillos do rei, coa excepción do sucesor, e ós do Príncipe de Asturias.
- Duque/Duquesa, título que xeralmente vai acompañado dunha Grandeza de España.
- Marqués/Marquesa, que é o título máis común na actualidade.
- Conde/Condesa, que é un dos títulos máis antigos.
- Vizconde/Vizcondesa, título moi pouco común.
- Barón/Baronesa, título que apareceu en España por influencia estranxeira.
- Señor/Señora, dos cales apenas hai unha decena de títulos.
A Grandeza de España engadida a un título calquera fai que se leve na orde de preferencia por riba dos que non a teñen, mesmo se teñen un título de maior dignidade, coa excepción dos títulos da realeza (rei, príncipe e infante).
Existiron noutro tempo as dignidades nobiliarias de cabaleiro, escudeiro, fidalgo e infanzón (ordenadas de maior a menor), dentro da nobreza intitulada; e dentro da titulada, o de Adiantado, que se concedía ós que defendían a fronteira de Al-Ándalus, ou o de Condestable e Almirante, dous grandes cargos da corte que co tempo se fixeron hereditarios.
Títulos nobiliarios británicos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Títulos nobiliarios no Reino Unido.
Hoxe en día, no Reino Unido existen, e por esta orde de precedencia, os seguintes títulos:
- King/Queen, ou rei, título que só ostenta o propio Rei do Reino Unido.
- Prince/Princess, ou príncipe, título que se lle concede a tódolos fillos do rei.
- Duke/Duchess, ou duque, título nobiliario que, á parte de corresponderlle a diversas liñaxes, está relacionado con diversas posicións na familia real.
- Marquess/Marchioness, ou marqués, título que poucas veces se concede na actualidade.
- Earl/Countess, ou conde, título que lles corresponde ós condes británicos, sendo Count/Countess o título dos estranxeiros.
- Viscount/Viscountess, ou vizconde, título moi pouco común.
- Baron/Baroness, ou barón, título moi común en Inglaterra, pero que non existe en Escocia.
- Baronet, ou baronete, título que leva aparellado o tratamento de sir.
- Knight, ou cabaleiro, único dos títulos que non é hereditario.
- Esquire, ou escudeiro, título dos fillos maiores dos pares.
- Gentleman, ou xentil-home, título do resto dos fillos dos pares.
Ademais, tódolos títulos por riba do de baronete e por debaixo do de príncipe son pares, o que tradicionalmente lles daba dereito a sentar na Cámara dos lores. Dende 1999, só hai 92 pares nesa cámara alta, elixidos por diferentes procedementos.
Títulos nobiliarios en Francia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Títulos nobiliarios en Francia.
En Francia, a pesar de ser unha república, o estado recoñece os títulos nobiliarios, se ben non concede novos títulos. A xerarquía nobiliaria é como segue:
- Prince/Princesse, ou príncipe.
- Duc/Duchesse, ou duque
- Marquis/Marquise, ou marqués.
- Compte/Comptesse, ou conde.
- Vicompte/Vicomptesse, ou vizconde
- Baron/Baronne, ou barón.
- Chevalier, ou cabaleiro.
- Ecuyer, ou escudeiro.
No Antigo Réxime tamén se recoñecían os títulos de Vidame, traducido frecuentemente por señor, pero de dignidade inmediatamente inferior á de vizconde; e de Ecuyer, escudeiro, o último título da escala nobiliaria.
Despois da Revolución Francesa, momento no cal tódolos títulos nobiliarios foron suprimidos, e tanto Napoleón Bonaparte como os reis da Restauración francesa confirmaron esta decisión, pero concederon os novos títulos que se conservan hoxe.
A alta nobreza
[editar | editar a fonte]En moitas sociedades existía un grupo reducido de nobres cunha alta influencia e cuns grandes recursos, a alta nobreza. Nas sociedades en que o monarca non contaba con moito poder, este tiña que apoiarse na alta nobreza para gobernar; pola súa banda, a alta nobreza reclamaba privilexios especiais en contrapartida do seu apoio. Deste modo creouse un grupo dentro da nobreza que contaba con algúns privilexios especiais. Ese grupo da alta nobreza aínda se conserva nos sistemas nobiliarios de varios países.
En Europa un gran número de estados contaban con figuras institucionalizadas de alta nobreza, sempre con privilexios especiais. Así, por exemplo, España contaba cos Grandes; Francia cos Pares; o Sacro Imperio cos Electores; O Reino Unido cos Pares-lores etcétera.
Os Grandes de España
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Grandeza de España.
En España a alta nobreza estaba representada polos Grandes, que gozaban do tratamento de “primo” por parte do rei, así como dos privilexios de poderen estar cubertos (con chapeu) e sentados diante do rei; tampouco podían ser arrestados excepto por orde expresa do rei. Pola contra, hoxe en día a grandeza comporta simplemente o tratamento de “Excelentísimo/a señor(a)”, e o de Ilustrísimo/a señor(a) ós fillos dun grande; asemade, élle concedida automaticamente ós fillos dos Infantes de España.
Os Pares de Francia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pares de Francia.
En Francia a alta nobreza estaba representada polos Pares; en inicio eran doce, seis eclesiásticos e seis laicos, pero con posterioridade xa só se concedeu a señores laicos; nese senso, con anterioridade ó século XIV, foi concedida a condes e a duques, durante o XIV e o XV a diversos tipos de nobres, e a partir do XVI só se concedeu a duques. Os Pares de Francia gozaban do privilexio de ir ó Parlamento de París a corte de xustiza máis importante do reino, e ata o ascenso dos reis da dinastía de Valois correspondíalles aconsellar ó rei; esta función pasou logo ós Estados Xerais.
Os Electores do Sacro Imperio
[editar | editar a fonte]No Sacro Imperio a alta nobreza estaba representada polos Electores. Este título daba dereito ós seus posuidores a participar na elección do Emperador (aínda que a partir do século XV isto era unha mera formalidade). Así mesmo, gozaban tamén dun dos Oficios Imperiais, os cales entraban en xogo o día da coroación, e do trato de Alteza Serenísima no canto de Alteza Serena que se lle daba ós outros príncipes. Tamén exercían algunhas funcións que noutras rexións eran exercidas polo Emperador.
Os Lores-pares do Reino Unido
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lores do Reino Unido.
No Reino Unido a alta nobreza estaba representada polos Pares. Esta dignidade é unha das máis importantes do Reino, pois dá dereito a sentar na Cámara dos Lores, se ben este dereito foi fortemente restrinxido ó longo do século XX; tamén gozan en teoría do dereito de acceso ó Soberano, de non seren arrestados por motivo dun proceso civil, aínda que estes dereitos xa non se utilizan na práctica. Asemade reciben o título de Lord ou Lady, segundo sexa home ou muller, seguido do nome do título que ostentan, razón pola cal son coñecidos como Lores do Reino Unido. Nas sesións da Cámara dos Lores e nas coroacións levan postos certos atavíos cerimoniais que só eles poden usar. Non obstante, cabe dicir que no Reino Unido, a diferenza do resto de Europa, a dignidade de par acompaña a tódolos títulos por riba do de baronete.
Sucesión
[editar | editar a fonte]Nas sociedades estamentais, a pertenza a un ou outro estamento viña determinada polo nacemento, polo que así tamén a nobreza. Este é un dos principais aspectos que regula o dereito nobiliario, a sucesión no título de nobreza, que non está regulada da mesma forma que o resto das propiedades dunha persoa (a cal está reguladas polo Dereito de sucesións). Tradicionalmente a nobreza transmitía os títulos familiares ó fillo home primoxénito. Pero debido ós problemas sucesorios que se podían dar se o nobre non tiña fillos homes, en moitos países variouse en maior ou menor medida para permiti-lo acceso ó título ben ás ramas colaterais, ben ás mulleres. De aí derivan os diversos tipos de leis sucesorias que había ó longo de Europa. De todas formas, existen múltiples e diversas excepcións que se poden aplicar segundo os países.
Lei agnática
[editar | editar a fonte]A lei agnática prevía que só un home descendente do fundador podía suceder nun título. Estaba baseada no feito de que un nobre tiña responsabilidades que só podían ser exercidas por homes (como a guerra), e en que a herdanza pasaba de pais a fillos, polo que non podía suceder alguén que non descendese do máis antigo propietario do título. Tiña dúas variantes:
- A agnación por primoxenitura establecía que sería o fillo home primoxénito do propietario o que o sucedería, ou no caso de morrer previamente ó pai, sucedería o neto primoxénito da súa liña, e así sucesivamente. En ausencia de descendentes, a sucesión volvería ó propietario morto e de aí ós seus descendentes; é dicir, extinta unha liña, sucedía a do fillo seguinte na orde de nacemento e maila súa liña. Aplícase incluso hoxe, con certas excepcións, na sucesión ós títulos de nobreza británicos, e tamén na sucesión ó trono do Crisantemo.
- A agnación por proximidade establecía que o trala morte dun propietario, o título correspondíalle ó que hoxe sería o sucesor do fundador da casa; isto é, cando morría o fundador, o título pasaba ó fillo máis vello; e á súa morte, ó seguinte irmán, e así sucesivamente ata que xa non quedasen fillos do fundador. Só entón pasaba á terceira xeración, e a través do primoxénito do primoxénito, e despois ós seus irmáns; pero só pasaría ós curmáns no caso de que o grupo de irmáns que entón ostentaban o título non tivese descendentes ningúns. Este complexo sistema buscaba que o propietario dun título fose o máis próximo ó fundador, e foi aplicado na sucesión ó Gran Principado de Kíiv ata a chegada dos mongois no século XII.
Lei sálica
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lei sálica.
O nome desta lei provén dun conxunto de normas de carácter civil ditadas polos reis dos francos salios, chamadas leis sálicas. Estaba baseada no concepto de que as mulleres casadas pasaban a pertencer á familia do marido (o que, en teoría, podía permitir que unha muller solteira herdase un título). No que se refire á sucesión dos títulos de nobreza tiña diversas variantes:
- A variante absoluta, emparentada coa agnación de primoxenitura, prevía que só os homes podían suceder, mesmo se non eran descendentes do fundador. Aplicouse especialmente na sucesión ó trono de Francia.
- A variante quasi-sálica establecía o mesmo que a semisálica, pero coa diferenza que no canto de suceder a muller en ausencia de homes en liñas descendentes e colaterais, sucedería o seu fillo máis vello. Aplicouse sobre todo na Idade Media en Francia, e foi tamén a que prevían as leis franquistas para a sucesión do rei de España.
- A variante semisálica, permitía, cando non había sucesor home nin na liña descendente (fillos, netos, bisnetos...) nin nas colaterais (irmáns, sobriños, primos...), suceder nun título á unha muller, sempre e cando cumprise co dereito de primoxenitura. Aplicouse en diversos países e épocas, especialmente cando aplicar variante absoluta tería creado unha crise sucesoria. Tamén foi a que Filipe V impuxo en España trala súa chegada e que se mantivo ata 1830.
Lei agnaticia
[editar | editar a fonte]A lei agnaticia, que non se debe confundir coa agnática, establece a sucesión do fillo home maior e da súa liña, e en ausencia de fillos homes, da filla femia maior e da súa liña; a falta suceden os irmáns coa mesma precedencia de liñas e sexo; en ausencia de irmáns, os tíos ou as súas liñas, na mesma orde, e así sucesivamente ata atopar un sucesor. Este sistema é o sistema tradicional de sucesión na Península Ibérica, e impera hoxe en día na sucesión ó trono británico.
Lei de primoxenitura
[editar | editar a fonte]Esta lei establece o mesmo que a anterior, pero coa diferenza de que non hai distinción entre home e muller. Este é o sistema que se foi impondo ó longo do século XX nas monarquías europeas, especialmente cando nacera unha filla primoxénita. Os partidos políticos españois que apoian a monarquía anunciaron a reforma da Constitución para dar paso a esta lei, o mesmo que reformaron recentemente a lei para que este tipo de sucesión se aplique na sucesión ós títulos nobiliarios comúns.
Lei matriarcal
[editar | editar a fonte]A lei matriarcal, máis que un sistema de sucesión, é unha forma de organización social. Segundo diversos estudosos, imperaba, en maior ou menor grao, sobre diversas comunidades primitivas, como por exemplo na Europa preindoeuropea; tamén continúa existindo en diversos lugares de América ou Asia; polo tanto tamén trata o tema da sucesión. Emporiso, débese ter en conta que non é realmente un sistema de sucesión nobiliaria, senón que trata máis ben a sucesión familiar. Existen, como nos demais sistemas, diversas variantes, nas que o home ten máis ou menos importancia.
- A variante exclusiva fai da sucesión un asunto exclusivo de mulleres, transmitindo a titularidade de nai a filla. Cando se trata dunha propiedade, xeralmente hai unha división, pero noutros casos nos que a división é imposible (v.g. un cargo hereditario) a transmisión faise á filla máis nova. Polo tanto a sucesión sería matrilineal e de ultimoxenitura.
- Outra variante é a matrifocal, onde as mulleres transmiten a propiedade, pero non a exercitan, senón que quedan baixo a tutela do irmán máis vello ou tío maior por parte da nai. Este sistema estaba presente na sucesión nalgunhas sociedades do sur da India. Probablemente este sistema estea emparentado cunha variante da lei agnaticia aplicada no sur de Francia durante a Idade Media, segundo a cal cando a propiedade dun título recaía nunha muller, inmediatamente transmitíase ó seu marido.
Heráldica
[editar | editar a fonte]A Heráldica é unha das partes máis importantes do mundo nobiliario, e por ende tamén do dereito nobiliario. Neste punto, o dereito nobiliario consagra que os nobres teñen dereito a portar escudo de armas. Incluso en certos países (e non sempre nos monárquicos) é un dereito exclusivo da nobreza.
Alén das convencións heráldicas para crear un escudo, o dereito tamén pon uns límites a esta creción. Por exemplo, enriba do escudo adoita ir unha coroa ou un helmo; este símbolo varía en función da categoría nobiliaria da persoa de que se trate. Así, un conde non pode pór coroa de rei no seu brasón, nin ó revés. Asemade, determinadas dignidades implican privilexios heráldicos especiais. Desta forma, os cabaleiros da Orde do Vélaro de Ouro podían colocar o devandito vélaro arredor do deu escudo.