Curetes
Na mitoloxía grega, os Curetes foron sete ou nove xenios[1], fillos de Soco e Combe e nados en Eubea. Por veces, como é o caso de Hixino ou Estrabón, confúndense cos Coribantes[2]. Os seus nomes eran Primneo, Mimante, Acmón, Damneo, Ocítoo, Ideo e Meliseo.
Existe a lenda de que os Curetes tiñan dotes adiviñatorias, grazas ás cales puideron explicar a Minos, rei de Creta, como devolver a vida ó seu fillo Glauco, que morrera afogado dentro dun bocoi de mel no que caeu mentres intentaba cazar un rato.[3]
O seu pai Soco expulsounos de Eubea, polo que tiveron que andar vagando, xunto coa nai, por diferentes lugares de Grecia: Creta, Cnossos, Frixia (onde coidaron de Dioniso) e a Ática. Aquí, conseguen vingarse de Soco e así poder regresar a Eubea.
Combe tamén foi chamada Calcis, porque disque inventou as armas de bronce, ou porque os Curetes bateron as súas armas de bronce para que o estrondo permitira pasar desapercibido a Zeus. Noutras tradicións, os Curetes eran fillos de Apolo e da ninfa Dánae, ou de Zeus e Hera ou mesmo fillos de Xea.
Zeus
[editar | editar a fonte]A súa intevención máis coñecida foi a de encargarse do coidado de Zeus ata a súa pubertade, cando este naceu na illa de Creta. A nai, Rea foi parir alá para evitar que o pai, Cronos, devorase á criatura, como xa fixera cos fillos anteriores, e deixouno baixo a protección dos Curetes e das ninfas Melisa (que o alimentaba con mel) e Amaltea (representada como a cabra que daba o leite necesario para criar a Zeus meniño. Para protexer a Zeus e que os espías de Cronos (os corvos) non o descubrisen, o berce do meniño estaba colgado do teito (ou dunha árbore), de forma que non formaba parte do ceo nin da terra, e os Curetes cantaban e bailaban golpeando os seus escudos e armas para disimular os prantos de Zeus[4]. Segundo Hixino non houbo tales Curetes, senón que Rea "reuniu uns rapaces, deulles unhas lanzas e uns escudos de bronce e ordenoulles dar voltas á árbore facendo ruído" (Fábulas 139).
A pesar desta protección, Zeus non dubidou en matalos a todos cun raio cando fixeron desaparecer a Épafo, fillo que tivera Zeus con Ío. Hera, a celosa esposa de Zeus, perseguiu á nai e mandou ós Curetes que secuestraran o fillo. Ó final, Ío atopouno e terminou sendo rei de Exipto.
Pero Hera pediu ós Curetes que o fixeran desaparecer [a Épafo, fillo de Ío] e estes así o fixeron. En canto Zeus se enterou, exterminou ós Curetes, en tanto que Ío o buscaba andando errante por toda Siria.(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 3)
Outros Curetes
[editar | editar a fonte]Outros Curetes foron os habitantes dun territorio de Grecia en épocas remotas, de onde foron expulsados por un rei vido do Peloponeso co nome de Etolo, fillo de Endimión. O territorio tomou o nome de Etolia no seu honor. Estes Curetes participaron na cacería do xabaril de Calidón e terminaron loitando contra os habitantes de Calidón, enfrontados por quedar coa pel e a cabeza do animal (instigados por Ártemis). Foron derrotados polos calidonios, comandados por Meleagro, fillo de Eneo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Non existe concordancia sobre o número de Curetes que, segundo as fontes, oscilan entre dous e nove.
- ↑ Bailaríns varóns tocados cun casco, que rendían culto á deusa Cibeles, bailando ó son de distintos instrumentos.
- ↑ Non obstante, a tradición máis común di que foi Poliido quen soubo onde estaba o corpo de Glauco e logo resucitouno.
- ↑ Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 1, 6-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Curetes |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Curetes.
- Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].