Saltar ao contido

Culturgal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Espazo libro na Culturgal 2014.

Culturgal ou Cultur.gal é a Feira das Industrias Culturais de Galicia, celebrada desde 2007 na cidade de Pontevedra. Naceu co obxectivo de promover, apoiar e reforzar a acción cultural que se desenvolve en Galicia[1] e, tamén, remarcar o valor social e económico desa acción cultural.

Organizadores

[editar | editar a fonte]
Xerais na Culturgal 2014.

A Feira das Industrias Culturais está organizada pola asociación sen ánimo de lucro do mesmo nome, presidida por Manuel Bragado e constituída en 2010. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais), da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Pontevedra.

No 2010 entra a formar parte do proxecto NóComún até 2013. Este colectivo de profesionais da comunicación e da cultura organizou dúas das edicións: a de 2011 e a de 2012.[2]

Edicións

[editar | editar a fonte]

Culturgal 2007

[editar | editar a fonte]

A Asociación Galega de Editores puxo en marcha no Pazo da Cultura de Pontevedra a Culturgal, Feira do Libro e da Industria Cultural, desde o 10 ao 13 de maio co obxectivo de compartir cos asistentes a oferta cultural producida en Galicia desde a perspectiva de todos os sectores implicados na industria cultural: autores, tradutores, deseñadores, técnicos culturais, bibliotecarios, ilustradores e debuxantes, produtores, guionistas, fotógrafos...

Yolanda Castaño recitando na Coruña na Culturgal 2008.

Durante os catro días de duración da feira proxectáronse 40 películas, celebráronse 15 actos onde os autores asinaron os seus libros, 15 concertos, cinco exposicións, igual número de talleres e outras tantas mesas redondas, ademais da presentación de oito discos.[3]

Culturgal 2008

[editar | editar a fonte]

Neste ano pasouse a celebrar a Culturgal do 4 ao 7 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña debido a problemas económicos e de espazo. Esta segunda edición pretendeu incrementar a presenza de público profesional e a participación deste en todos os ámbitos culturais. Ao mesmo tempo, a feira serviu para analizar o sector e o estado actual das empresas de produción en encontros entre expertos e profesionais. Culturgal acolleu as II Xornadas das Industrias Musicais de Galiza e a Xornada Profesional sobre o Libro de Edición. Finalmente, presentouse oficialmente a Asociación Profesionais de Xestores Culturais de Galiza.

Carlos Blanco Vila, na Culturgal 2010.

Culturgal 2010

[editar | editar a fonte]

“Se é cultura está no Culturgal 2010”, así se presentou a terceira edición que tivo lugar en Pontevedra os días 26, 27 e 28 de novembro. A Feira pretendeu ser unha ferramenta para a promoción da lingua a través da dirección xeral de Política Lingüística así como para o intercambio de experiencias en diferentes disciplinas con países lusófonos, como mostra a actuación de Deolinda, de Érika Machado e de Kiko Klaus.

Culturgal 2011

[editar | editar a fonte]

A seguinte abarcou os días 2, 3 e 4 de decembro en Pontevedra co emblema “A Casa da Cultura Galega”. Contaba cunhas 24 actuacións musicais en directo, máis de 20 obras de teatro, máis de 30 actividades relacionadas co mundo do libro, e diversas presentacións de proxectos tecnolóxicos.

Alén disto, mostrou como novidades a Tenda de Culturgal, as “Noites do Culturgal”, programación nocturna que se desenvolveu en espazos singulares da cidade de Pontevedra e no Teatro Principal, e o Off Culturgal (sesión de presentacións en formato Pecha Kucha: 20 imaxes, cada unha das cales ten unha duración de 20 segundos onde se presentarán as propostas de novos creadores galegos no ámbito do deseño, a arquitectura, a gastronomía ou a fotografía).

Ignacio Vilar na Culturgal 2012.

Culturgal 2012

[editar | editar a fonte]

A quinta edición da Culturgal tivo lugar en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro co lema "A Casa da Cultura é a túa casa, ti tes a chave". Contou coa participación de 70 entidades e 140 actividades (dez máis que no 2011). A principal novidade foi a programación familiar adicada especialmente aos máis pequenos.

Na programación en xeral destacaron as conversas con Ignacio Escolar, Xosé Monteagudo e Rexina Vega, o encontro co actor Luís Tosar e a lectura por parte de Manuel Rivas dun fragmento da súa última novela, As voces baixas. Tamén destacou unha presentación da obra completa e a Asociación de Roberto Vidal Bolaño co motivo da dedicación do Día das Letras Galegas á figura do dramaturgo en 2013.[4]

Culturgal 2013

[editar | editar a fonte]

Co slogan “Ti contas no Culturgal” desenvolveuse durante o 29, 30 de novembro e o 1 de decembro en Pontevedra a sexta feira das Industrias Culturais.

No programa houbo presentacións de libros, discos, música ao vivo, novos formatos en audiovisual, produtos tecnolóxicos e actividades para público familiar. Incluíu un total de 151 actividades dentro da programación xeral, máis dúas exposicións permanentes que acolleu o recinto feiral do Pazo da Cultura. Amais a Feira abranguía a programación profesional, cun programa dirixido, por unha banda, ao profesorado, e por outra, a diferentes axentes que operan no sector cultural. O programa 2013 incorporou temáticas e iniciativas emerxentes no mundo cultural como o cooperativismo, os novos mecenados e formas de financiamento e as propostas saídas do ámbito rural.

Ademais, incorporáronse novidades como o stand mudable, que consistiu nun espazo compartido e polivalente. Asemade, lanzouse o Premio do Público coa finalidade, mediante votación popular a través da web da Culturgal, de recoñecer proxectos relevantes para a sociedade e relacionados coa cultura galega. Os finalistas do premio foron o Festival de Cans, a Asociación Punto.gal e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, acadando este último o galardón. Por último, acondicionouse unha carpa exterior para a música ao vivo e tamén existiu a posibilidade de pagar unha entrada de tres euros por medio da compra dunha chapa.

Antón Costa Rico, Rocío Pereira, Santi Veloso e Xerardo Feijoo Rapela na Culturgal 2014.

Culturgal 2014

[editar | editar a fonte]

A sétima edición da Culturgal desenvolveuse o 5, 6 e 7 de decembro baixo o lema “Constrúe Culturgal” con novidades como a incorporación da gastronomía, o establecemento dunha entrada de pago para o público xeral, un Espazo Bebés orientado a idade entre 0 e 3 anos e actividades relacionadas coa arte contemporánea. Ademais, na Culturgal 2014 ofreceuse a posibilidade de coñecer a Feira a través de visitas guiadas en lingua de sinais.

No Espazo Infantil desenvolvéronse actividades relacionadas coa música (O Gatuxo de Maxín Blanco), que terá maior presenza no Espazo Carpa, a arte (Un artista na escola) e, principalmente, coa literatura (Estación Nadal de Mamá Cabra), a que tamén contará cun espazo propio.

A banda galega Arrythmia na Culturgal 2014.

O Espazo Foro acolleu a presentación do .gal así como a gastronomía (Ao redor das cervexas artesanais), a moda, a literatura (encontro co autor e ilustrador da serie Formig4s) e a tecnoloxía.

No que respecta ao Espazo Bebés, resalta o teatro e a lectura. Finalmente, no resto de espazos (Área de Restauración, Salón de Actos, Auditorio do Pazo da Cultura e a Sala de exposicións) predominaron as actividades anteriores xunto con coloquios e presentacións de libros.

O prazo de reserva de stands para a Culturgal 2014 estivo aberto nun período de case cinco meses. Unha vez rematado o prazo, foron 64 os contratados e 68 as entidades expositoras que fixeron uso deles. A destacar a incorporación da artesanía na Feira con 8 expositores; relacionados co libro houbo 19, 13 vinculados ao teatro e ao ámbito infantil, 8 de audiovisual e tecnoloxía, 3 de música e 7 de carácter institucional.

Aspiraban ao Premio do Público deste ano o Cineuropa, Viñetas desde o Atlántico e Diario Cultural (dirixido pola poeta e xornalista Ana Romaní), sendo este último o gañador.

Finalmente, esta edición culminou coa publicación da memoria da Culturgal Feira das Industrias Culturais 2014. Un balance que recolle a metodoloxía de traballo da organización da Feira, as principais claves de acción, as novidades e, por suposto, as cifras da Culturgal. Números de gastos e ingresos que demostran como se vai incrementando o peso de novas vías de financiamento como a venda de entradas e o sponsoring.

Pazo da Cultura de Pontevedra.

Culturgal 2015

[editar | editar a fonte]

A Culturgal 2015 foi o 4, 5 e 6 de decembro en Pontevedra.

  1. "Culturgal". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2015. Consultado o 6 de abril de 2015. 
  2. "Culturgal A gran Feira das Industrias Culturais de Galicia". NóComún. Consultado o 6 de abril de 2015. 
  3. "10.000 personas visitaron la feria Cultur.gal". El País (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2015. 
  4. "Culturgal 2012 presenta programación con 140 actividades diferentes". Berenguela. Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 6 de abril de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]