Cromosoma homólogo
Os cromosomas homólogos son pares de cromosomas de aproximadamente a mesma lonxitude, posición do centrómero, e patrón de tinguidura, que teñen xenes que codifican para as mesmas características situados na mesma posición. Un cromosoma homólogo hérdase da nai e outro do pai na reprodución sexual.[1] Xeralmente non son totalmente idénticos, xa que poden ter pequenas diferenzas, por exemplo, aínda que teñan os mesmos xenes poden non ter os mesmos alelos para cada xene concreto, e no conxunto de xenes de todo o cromosoma normalmente haberá moitas destas diferenzas. Os cromosomas que non pertencen ao mesmo par son moi distintos e denomínanse cromosomas non homólogos.
Cada par de cromosomas homólogos emparéllase (sinapse cromosómica) durante a meiose, o tipo de división celular por medio da cal se forman os gametos. Durante a sinapse os homólogos intercambian seccións do ADN (sobrecruzamento), o que ten como resultado a recombinación xenética entre eles.
Cada cromosoma do par contén xenes para as mesmas características biolóxicas, por exemplo para a cor dos ollos, situadas no mesmo punto do cromosoma ou locus, pero para cada un dos xenes poden conter diferentes alelos (heterocigoto) ou os mesmos (homocigoto).
Os cromosomas homólogos son normalmente similares en lonxitude, excepto nos cromosomas sexuais de moitos seres vivos, nos que o cromosoma X é considerablemente meirande có Y. Os cromosomas sexuais só teñen unha pequena rexión homóloga (ver rexión pseudoautosómica).
Os humanos temos 22 pares de cromosomas homólogos non sexuais ou autosomas, e un par de cromosomas sexuais. Como as mulleres teñen dous cromosomas X, nelas o par sexual tamén é homólogo, pero como os homes teñen un cromosoma X e outro Y, estes só son parcialmente homólogos nunha pequena rexión.
Ploidía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ploidía.
A ploidía dun organismo depende do número de copias homólogas que ten de cada cromosoma. O número de cromosomas distintos (non homólogos) do organismo é o número monoploide (non é exactamente o mesmo có número haploide, xa que nos diploides ambos os dous coinciden, pero nos poliploides non).
A maioría das plantas e animais son organismos diploides. Os seus cromosomas aparecen en pares, xa que cada cromosoma ten un homólogo, pero están separados no núcleo da célula e só se xuntan na profase I da meiose. Cando na meiose se forman os gametos o número de cromosomas redúcese á metade e os gametos serán haploides, xa que todos os seus cromosomas son distintos e non hai pares de homólogos.
Os organismos poliploides teñen máis de dous cromosomas homólogos de cada. Por exemplo, un tetraploide terá catro de cada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Reece, Jane; Campbell, Neil (2002). Biology. San Francisco: Benjamin Cummings. ISBN 0-8053-6624-5.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Comparative Maps NIH's National Library of Medicine NCBI link to Gene Homology resources, and Comparative Chromosome Maps of the Human, Mouse, and Rat.
- NCBI Home Page NIH's National Library of Medicine NCBI (National Center for Biotechnology Information) links to a number of resources.