Consuelo Berges
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1899 Ucieda (España) |
Morte | 1988 (88/89 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | tradutora, xornalista, escritora, biógrafa |
Membro de | |
Carreira militar | |
Lealdade | Segunda República Española |
Consuelo Berges Rábago, nada en Ucieda (Cantabria) en 1899 e finada en Madrid o 23 de decembro de 1988, foi unha tradutora, xornalista, escritora e biógrafa española.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla de nai solteira pertencente a unha familia librepensadora e republicana, non foi á escola. Educouse coas lecturas da extensa biblioteca familiar, en español e en francés.
Con quince anos trasladouse a Santander, á casa da súa familia paterna, para preparar o exame de ingreso á Escola Normal de Mestras. O profesorado desta procedía da Escola Superior do Maxisterio de Madrid, cuns métodos inspirados nas teorías pedagóxicas da Institución Libre de Ensino.
Terminada a carreira de mestra, exerceu en Cabezón de la Sal. Foi titular na Academia de Torre, iniciativa de Matilde de la Torre Gutiérrez, quen non tiña título de maxisterio, para preparar alumnado de bacharelato. Alí coñeceu a Víctor de la Serna, inspector de primeiro ensino e fundador en Santander do xornal vespertino La Región, onde Consuelo Berges publicou os seus primeiros artigos co pseudónimo de Yasnaia Poliana. Máis adiante colaborou tamén en El Sol de Madrid, La Nación de Buenos Aires e a Revista de las Españas, publicada pola Unión Ibero-Americana en Madrid. Os seus polémicos puntos de vista espertaron o interese da intelectualidade do momento. Mantivo correspondencia e amizade con Clara Campoamor, Ricardo Baeza, Eulalia Galvarriato, Concha Méndez, Azorín, José Ortega y Gasset, Rosa Chacel, Waldo Frank, Francisco Ayala, María Zambrano, Max Nordau e Rafael Cansinos Assens.
En decembro de 1926, amolada da Ditadura de Primo de Rivera, emigrou a Arequipa (Perú). Alí aloxouse coa súa curmá Julia Gutiérrez, propietaria da única libraría que había na cidade. Deu clases de gramática nunha academia, colaborou con artigos literarios en Las Noticias e deu conferencias en que creou certa polémica. A que deu na Universidade de San Agustín en 1927, «Los mitos indianistas», foi pouco compracente coa moda impostada do indixenismo subscrita pola intelectualidade americana. Esta, descendente de hispanos, non tiña «chisco de sangue indíxena nin desexo de asumir as súas responsabilidades, culpando de todo á colonización española».
En novembro de 1928 viaxou desde o Perú a Bolivia e á Arxentina. Recalou en Buenos Aires, onde colaborou en El Diario Español, financiado pola embaixada española encabezada por Ramiro de Maeztu. Este capeaba como podía os incendiarios artigos de Berges, contrarios á iniciativa (impulsada pola embaixada) de xuntar a comunidade española do país na Unión Patriótica do ditador Miguel Primo de Rivera.
En 1929 foi nomeada directora da revista Cantabria, do Centro Montañés, e colaborou co doutor Avelino Gutiérrez na Institución Cultural Española. Colaborou tamén no suplemento literario de La Nación de Buenos Aires. Dirixido por Enrique Méndez Calzada, tiña como secretario a Guillermo de Torre, casado con Norah Borges, quen formaban parte do seu grupo de amizades xunto a Alfonsina Storni, Concha Méndez e Salvadora Leguina.
En 1931, tras proclamarse a Segunda República Española, volveu a Europa con Concha Méndez. Recalaron en París, onde as acolleron a súa curmá Julia Gutiérrez (quen viñera de Arequipa cos seus catro fillos) e unha curmá segunda dela, a pintora María Blanchard. Esta última, católica conversa, convidaba con insistencia a Consuelo, anarquista e anticlerical, a visitar igrexas e asistir a misas. Esta acabou por evitar o trato coa pintora.
Nos xornais e revistas en que colaboraba defendeu as súas ideas libertarias e o sufraxio feminino propugnado no Congreso de Deputados pola súa amiga Clara Campoamor. A esta opoñíanse, entre outros, Victoria Kent, quen pensaban que a muller non estaba aínda en condicións de exercer unha autonomía pública real. Así, o seu voto sería maioritariamente conservador debido á forte influencia da Igrexa católica.
A finais de 1931 chegou a Madrid, convocada por Clara Campoamor. Esta propúxolle varios cargos e destinos na nova República, mais Berges rexeitounos. Seguiu a escribir artigos para poder vivir e tamén para defender as súas ideas. Ao mesmo tempo traballaba como bibliotecaria no Arquivo da Junta Provincial de Beneficencia. Colaborou nas publicacións da CNT, FAI e Mujeres Libres. Baixo o nome de iniciación de Yasnaia, foi membro da loxa masónica Amor de Madrid. Esta ficou constituída o 2 de decembro de 1931 baixo os auspicios da loxa Mantua, que dependía da Gran Loxa Española. As súas actividades masónicas estiveron enfocadas á consecución da igualdade de dereitos masónicos para homes e mulleres. No seu artigo La mujer y la masonería afirmou:[2]
«Non son quen de entender en virtude de que convencemento é posíbel afirmar que un home ao recibir a luz masónica é dono nin de maior preparación nin de aptitude máis excelente cá da muller».[3]
En 1935, para eludir a censura do «bienio negro» de Lerroux e Gil Robles, publicou na clandestinidade o libro Explicación de Octubre sobre a Revolución de 1934, difundido amplamente nos círculos masónicos e revolucionarios.
En xullo de 1936, coa sublevación militar, a Junta Provincial de Beneficencia enviouna a facerse cargo do orfanato da Guindalera, xa que as monxas tiveran que abandonalo. Encargouse da súa administración, xunto con varias colaboradoras voluntarias, até poder evacuar os nenos para salvalos dos bombardeos. Tivo que atravesar con eles media España en guerra para chegar a Granollers,[4] onde deixou os nenos ao coidado das súas colaboradoras.
Marchou a Barcelona, onde traballou na revista Mujeres Libres xunto a Baltasar Lobo —quen facía o deseño gráfico e os debuxos—, Rosa Chacel, Soledad Estorach Esterri, Carmen Conde, Pepita Carpena, Sara Berenguer, Suceso Portales, María Jiménez, Concha Liaño, Lola Iturbe, Mercedes Comaposada Guillén (coñecida como Mercedes Guillén e como Mercedes Lobo) e Antonia Fontanillas. Secundou de maneira activa as misións de alfabetización (o 50% das mulleres españolas eran analfabetas), a propaganda sobre métodos anticonceptivos e contra a prostitución forzada. Propoñía alternativas laborais dignas e reivindicaba os dereitos laborais, sociais e familiares das mulleres, que os seus achegados revolucionarios pretendían deixar en segundo plano ou ignorar.
En febreiro de 1939 uniuse á marea humana que fuxía a pé a Francia, baixo as bombas. En Portbou, na fronteira con Francia, retivéronos máis de 24 horas baixo o ceo raso, sen roupa de abrigo nin alimentos. Posteriormente foron conducidos a Cerbère, vacináronos e metéronos nun tren con destino descoñecido. En Perpiñán logrou fuxir, pero foi detida e levada a outro tren. Chegou dous días despois a Le-Puy-en-Velay, capital do departamento do Alto Loira. Foi encerrada xunto a máis de 600 homes, mulleres e nenos que fuxiran de España, para acabaren confinados en campos de concentración.
Volveu escapar, sen papeis nin diñeiro, e chegou a París. Acollérona alí os seus amigos Baltasar Lobo e Mercedes Comaposada Guillén, quen eran axudados por Picasso. Viviu en París na clandestinidade durante catro anos, nos que deu clases de español e escribiu artigos para xornais e revistas da Arxentina. En 1943 foi detida polos nazis, quen ao saberen que non tiña documentos crían que era xudía. Durante os meses que permaneceu custodiada, Berges dubidaba entre declararse xudía ou española para evitar ser devolta a España. Porén, entregárona ás autoridades franquistas na fronteira española e foi enviada a un campo de concentración.
Logrou evitar o cárcere grazas á súa amiga Matilde Marquina e o seu parente Luis de la Serna, quen se ofreceron como garantes. Con todo, non lle permitiron exercer como mestra nin escribir na prensa. Tampouco podía asinar co seu nome os artigos no estranxeiro por temor a represalias. Para sobrevivir, dedicouse a traducir do francés,[5] entre outros, a Henri de Saint Simon, Jean de La Bruyère, Gustave Flaubert, Marcel Proust, Stendhal e Jean Descola.
Durante moitos anos viviu no «exilio interior» polas súas preferencias republicanas. Centrou a súa loita en dignificar as condicións de traballo das e dos tradutores, así como en reivindicar os dereitos de autoría para as traducións. En 1955 fundou xunto coa tradutora hispano-chinesa Marcela de Juan a Asociación Profesional de Tradutores e Intérpretes.
En 1956 obtivo o premio Fray Luis de León pola tradución de Historia de la España cristiana, de Jean Descola.[6]
En 1982 fundou o Premio Stendhal de tradución, que premia traducións do francés ao castelán, con frecuencia anual desde 1990. Con todo, en 1983 Berges solicitou unha bolsa de creación literaria ao Ministerio de Cultura, como último recurso para facilitar a súa subsistencia económica.[7]
Unha rúa de Santander leva o seu nome.[8]
Obras
[editar | editar a fonte]- Escalas 1930, Buenos Aires, Talleres Gráficos Argentinos, 1930
- Concepción Arenal: Algunas noticias de su vida y obra, Edit Gráf. Maxera y Cia, 1931
- La mujer y la masonería. Boletín Oficial de la GLE, agosto-setembro de 1932
- Explicación de Octubre, 1935
- Stendhal. Su vida, su mundo, su obra, Madrid, Aguilar, 1962
- Stendhal y su mundo, Madrid, Alianza Editorial, 1983
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Desaparece Consuelo Bergés, gran maestra de traductores". ABC (en castelán) (Madrid: Vocento). 26 de decembro de 1988. p. 37. Consultado o 27 de marzo de 2023.
- ↑ Ortiz Albear, Natividad (2005). "La integración de las mujeres en la masonería española a través del rito de adopción (1868- 1939)" (PDF). Studia Historica. Historia Contemporánea (en castelán) (Salamanca: Ediciones Universidad Salamanca) 23: 131–152. ISSN 2444-7080.
- ↑ Ortiz Albear, Natividad (2007). Mujeres masonas en España: diccionario biográfico (1868-1939). Escuadra y compás (en castelán) (1ª ed.). Santa Cruz de Tenerife: Idea. ISBN 9788483821954. OCLC 433638462.
- ↑ Chica, Miguel Ángel (26 de novembro de 2016). "Consuelo Berges, la fuerza de las convicciones". elDiario.es (en castelán). Consultado o 29 de marzo de 2023.
- ↑ "Biografía de traductores" (PDF). Universidad de Alicante (en castelán). Consultado o 30 de marzo de 2023.
- ↑ Verdegal, Joan (abril de 2013). "De Consuelo Berges a Mauro Armiño: un corpus de las mejores traducciones del francés" (PDF). Çédille, revista de estudios franceses (en castelán) (9): 491–510. ISSN 1699-4949.
- ↑ Torres, Maruja (1 de novembro de 1983). "Consuelo Berges, la traductora de Stendhal y Proust, recurre a una beca de creación literaria de Cultura". El País (en castelán) (Madrid: Grupo Prisa). Consultado o 30 de marzo de 2023.
- ↑ "Calle de Consuelo Berges en Santander". Callejero y estado del Tráfico (en castelán). Consultado o 30 de marzo de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Balló, Tània (2018). Las Sinsombrero 2. Barcelona: Editorial Espasa. ISBN 9788467054002.
- Guardia Herrero, Carmen de la (2019). "Dedicatorias de afecto y resistencia en la Biblioteca de Consuelo Berges". Altre Modernità. Rivista di studi litterari e culturali (extra, 3).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Premio Stendhal en ACEtt
- Fundación Consuelo Berges
- La acacia. Revista 18. Mujeres en la Masonería. (pag. 4)
- Las mujeres en la masonería durante la Segunda República, pags 8-12. Natividad Ortiz Albear. Universidad de Salamanca