Saltar ao contido

Conquista das Illas Canarias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Conquista das Canarias»)
Representación da Batalla de Acentejo.

A conquista das Illas Canarias por parte da Coroa de Castela levouse a cabo entre 1402 e 1496. Pódense distinguir dous períodos neste proceso: a Conquista señorial, levada a cabo pola nobreza a cambio dun pacto de vasalaxe, e a Conquista reguenga, levada a cabo directamente pola Coroa, durante o reinado dos Reis Católicos.

Introdución

[editar | editar a fonte]

Os contactos mantidos durante a Antigüidade clásica entre o mundo mediterráneo e Canarias, quedaron interrompidos a partir da decadencia e posterior caída do Imperio Romano de Occidente. Iso non quere dicir, que as illas permanecesen nun absoluto illamento do exterior ou que non se tivese algunha información sobre elas. Durante a Idade Media, as primeiras informacións sobre as Illas Canarias apórtanas fontes árabes que se refiren a illas atlánticas que ben puidesen ser as Canarias. O que si parece evidente é que este coñecemento non supón unha alteración do illamento cultural dos aborixes.

A partir de finais do século XIII, aumentan as visitas de europeos ao arquipélago. As razóns deste redescubrimento foron:

A primeira visita documentada foi a de Lanceloto Malocello que, en 1312 estableceuse en Lanzarote, permanecendo nela durante case vinte anos.

Logo desta visita, o coñecemento que se ten en Europa sobre as Illas aumenta. A información proporcionada polos primeiros visitantes e a documentación cartográfica, especialmente o Atlas Catalán anteriormente sinalado, facilitou as arribadas, unhas, as menos, tiveron un carácter misioneiro, como foi o establecemento dunha comunidade franciscana en Telde entre 1350 e 1391, pero outras, a maioría tiveron un carácter económico, basicamente a captura de escravos para ser vendidos nos mercados europeos.

No século XIV compiten polo control das Canarias xenoveses, aragoneses, casteláns e portugueses. No século seguinte esta competencia quedou reducida a Castela e Portugal.

A conquista das Canarias

[editar | editar a fonte]
Jean de Béthencourt.

A conquista das Canarias levouse a cabo entre 1402 e 1496. Non foi unha empresa sinxela no militar, dada a resistencia aborixe nalgunhas illas. Tampouco o foi no político, posto que confluíron os intereses particulares da nobreza (empeñada en fortalecer o seu poder económico e político mediante a adquisición das illas) e os estados, particularmente Castela, en plena fase de expansión territorial e nun proceso de fortalecemento da Coroa fronte á nobreza.

Para o seu estudo, os historiadores distinguen dous períodos na conquista das Canarias:

  • Conquista señorial. Coñécese con este nome á conquista levada a cabo pola nobreza, en beneficio propio e sen unha participación directa da Coroa, que outorga o dereito de conquista a cambio dun pacto de vasalaxe do nobre conquistador cara á Coroa. Distinguiremos dentro dela a coñecida como Conquista Betancuriana ou Normanda, levada a cabo por Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle entre 1402 e 1405 e que afectou ás illas de Lanzarote, El Hierro e Fuerteventura. A outra fase coñécese como Conquista Señorial castelá, levada a cabo por nobres casteláns que se apropiaron, mediante compras, cesións e matrimonios, das primeiras illas conquistadas e incorporaron a illa de La Gomera cara a 1450.
  • Conquista reguenga. Este termo define á conquista levada a cabo directamente pola coroa de Castela, durante o reinado dos Reis Católicos quen armaron e en parte financiaron a conquista das illas que faltaban por dominar: Gran Canaria, La Palma e Tenerife. No ano 1496, chegou a conquista ao seu fin co dominio da illa de Tenerife, integrándose o Arquipélago Canario na Coroa de Castela. A conquista reguenga tivo lugar entre 1478 e 1496.

A conquista betancuriana

[editar | editar a fonte]

Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle, nobres normandos, protagonizaron a primeira etapa da conquista. Os motivos son basicamente económicos: Béthencourt posuía factorías téxtiles e tinturarías e Canarias ofrecíalle produtos tintorios: a orchilla.

Le Canarien.

Béthencourt contaba con importantes apoios políticos na corte do rei Henrique III de Castela. Un parente seu, Rubín de Braquemont, obtivo do rei o dereito de conquista das Illas Canarias para o nobre normando. Béthencourt, a cambio da obtención dos dereitos de conquista converteuse en vasalo do rei castelán. Rubín de Braquemont achegou unha importante suma de diñeiro á empresa conquistadora. A narración da conquista betancuriana quedou recollida na crónica coñecida por Le Canarien, recompilada polos clérigos Pierre Bontier e Jean Le Verrier, aínda que transformada en dúas versións posteriores, unha de Gadifer de la Salle (a que parece máis fidedigna) e outra do sobriño de Béthencourt, Maciot de Béthencourt.

A conquista señorial castelá

[editar | editar a fonte]

A etapa betancuriana finalizou en 1418, cando Maciot vendeu os seus dominios e os dereitos de conquista sobre o resto das illas ao conde de Niebla. A partir deste momento a intervención da coroa castelá acentuouse. Entre 1418 e 1445 as illas estiveron sometidas a permutas e divisións. Finalmente Hernán Peraza o Vello e os seus fillos, Guillén Peraza, falecido nun asalto á illa de La Palma, e Inés Peraza, quedaron coas illas conquistadas e cos dereitos de conquista das que faltaban. Trala morte do seu irmán, Inés e o seu marido Diego García de Herrera convertéronse nos únicos señores das illas ata 1477, data na que ceden La Gomera ao seu fillo Hernán Peraza o Novo, e os dereitos de conquista de La Palma, Gran Canaria e Tenerife á Coroa de Castela.

Durante esta etapa integrouse ao señorío dos Peraza-Herrera a illa de La Gomera, que non foi conquistada militarmente senón incorporada mediante acordo de Hernán Peraza o Vello con algúns dos bandos aborixes insulares que aceptaron a autoridade do castelán. O dominio da illa, no entanto, non estivo exento de revoltas froito das arbitrariedades dos señores da illa cos gomeros. A última deste período e principal, coñecida como a Rebelión dos Gomeros, en 1488, provocou a morte do señor da illa, Hernán Peraza, cuxa viúva, Beatriz de Bobadilla e Ossorio tivo que solicitar axuda a Pedro de Vera, conquistador de Gran Canaria, para sufocar a rebelión. A represión posterior provocou a morte de dous centenares de rebeldes e a venda como escravos doutros tantos nos mercados peninsulares.

A conquista reguenga

[editar | editar a fonte]

O segundo período da conquista das Canarias presenta as seguintes características que a diferenza do período anterior:

Os Reis Católicos.
  • Dirixiuna e armouna a coroa castelán-aragonesa dos Reis Católicos.
  • O financiamento da empresa correu por conta da Coroa e de particulares interesados na explotación económica dos recursos da illa.
  • Afectou ás illas de Gran Canaria, La Palma e Tenerife, as máis poboadas e as que ofrecían mellores perspectivas económicas.
  • Nas tres illas, pero especialmente en Gran Canaria, os aborixes mostraron unha clara e prolongada resistencia á conquista.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • DE ABREU GALINDO, FR. J. Historia de la Conquista de las Siete Islas Canarias. Ed. Goya. Santa Cruz de Tenerife 1977. ISBN 84-400-3645-0
  • DE VIERA Y CLAVIJO, J. Noticias de la Historia General de las Islas Canarias. Madrid 1772. 4 volúmenes
  • TORRIANI, Leonardo. Descripción de las Islas Canarias. Ed. Goya. Santa Cruz de Tenerife. 1978. ISBN 84-7181-336-X
  • BERTHELOT, Sabino. Etnografía y Anales de la Conquista de Las Islas Canarias. Ed. Goya. Santa Cruz de Tenerife. 1978. ISBN 84-85437-00-4.
  • BLANCO, Joaquín. Breve Noticia Histórica de las Islas Canarias. Ed. Rueda. Madrid 1983. ISBN 84-7207-029-8
  • SUÁREZ, J., RODRÍGUEZ, F. y QUINTERO, C. Conquista y Colonización. Ed. Centro de la Cultura Popular Canaria. Santa Cruz de Tenerife, 1988. ISBN 84-404-1251-7
  • VV.AA. Historia de Canarias. Vol. I Ed. Prensa Ibérica. Valencia 1991. ISBN 84-87657-10-9
  • SANTANA, J, MONZÓN, M. Y SANTANA, G. Historia Concisa de Canarias. Ed. Benchomo. Las Palmas de Gran Canaria 2003. ISBN 84-95657-84-8
  • SANTIAGO CASAÑAS, J.G. Cronología y Síntesis de la Conquista de Gran Canaria, Bilenio Publicaciones, Las Palmas de Gran Canaria 2013. ISBN 978-84-942140-0-4.