Saltar ao contido

Condutismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O condutismo[1] ou behaviorismo,[2] segundo J. B. Watson, dos primeiros en definir o obxecto de estudo da psicoloxía, é o estudo experimental obxectivo e natural da conduta.[3] Para B. F. Skinner, o condutismo é unha filosofía da ciencia da conduta e definiu varios aspectos esenciais do seu obxecto de estudo, e a diferenza de Watson que se centrou en describir as leis xerais que rexen a conduta voluntaria.[4][5] O obxecto de estudo da psicoloxía e a forma en como se concibe a conduta é entendida de diversos xeitos, segundo o enfoque dende o que se vexa.

Pódense identificar máis de 10 formas de condutismo dende a proposta por Watson até os nosos días; pasando polo condutismo de Tolman, Hull e Skinner, o intercondutismo e a psicoloxía intercondutual de Kantor, o condutismo teleolóxico de Rachlin, empírico de Bijou, teórico de Staddon e biolóxico de Timberlake, o contextualismo funcional de Hayes, etc.[6]

J. R. Kantor define o condutismo como «unha renuncia ás doutrinas da alma, a mente e a conciencia», para ocuparse do «estudo dos organismos en interacción cos seus ambientes». En termos máis amplos, considérao como equivalente ó termo ciencia (Kantor 1968, cit. por Campos, 1973, p. 91), xa que se ocupa da natureza a partir do "principio do comportamento". Así, a química estuda o comportamento dos elementos e a substancia, a física estuda o comportamento da materia e as súas propiedades, a astronomía estuda o comportamento dos astros e galaxias, e a psicoloxía estuda as interaccións entre os organismos e a súa contorna.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para condutismo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para behaviorismo.
  3. Watson, J. B. (1913). «Psychology as the behaviorist views it.» Psychological Review, 20, 158-177. (on-line)
  4. Sobre el Conductismo. , Fontanella, p. 13.
  5. "Watson, Skinner y algunas disputas dentro del conductismo". 
  6. "El conductismo y algunas implicaciones de lo que significa ser conductista hoy".