Concordia de Benavente
A concordia de Benavente de 1230 foi un acordo asinado tras a morte de Afonso VIII de León e Galicia, entre a súa primeira exmuller, Tareixa de Portugal e a súa segunda exmuller, Berenguela de Castela, mediante o cal a súa primeira esposa renunciaba aos dereitos que as súas fillas Sancha e Aldonza tiñan ao trono do Reino de León, en virtude do testamento do seu pai, en favor do seu medio irmán o rei de Castela Fernando, fillo de Afonso e da súa segunda esposa.[1]
Contexto
[editar | editar a fonte]O rei Afonso VIII de León e Galicia casara en 1190 con Tareixa de Portugal, coa que tivo tres fillos: Fernando (morto en 1214), Sancha e Aldonza.[2] [3] Este matrimonio foi disolvido polo papa Celestino III, dada a consanguinidade dos cónxuxes, pois ambos os dous eran netos dos reis de Portugal Afonso Herniques e Mafalda.[4]
Tareixa ingresou nun convento e Afonso VIII volveu casar en 1197 con Berenguela de Castela, filla do rei de Castela Afonso VIII, con quen tivo outros cinco fillos: Leonor, Constanza, Fernando, Afonso e Berenguela. Este novo matrimonio tamén foi anulado polo papa Inocencio III polo mesmo motivo de parentesco, xa que Afonso VIII de León e Galicia e Afonso VIII de Castela eran primos, por seren ambos os dous netos de Afonso VII de Galicia, León, Castela e Toledo, o Emperador, e Berenguela de Barcelona.[4]
Cando en 1214 faleceu Afonso VIII de Castela, sucedeuno seu fillo Henrique, que morreu accidentalmente tres anos despois sen descendencia, e o trono de Castela foi ocupado por Fernando, neto de Afonso VIII e fillo de Berenguela e de Afonso de León. As relacións entre León e Castela non foron todo o pacíficas que deberían, tendo en conta que ambos os reis eran pai e fillo e, cando en 1230 morreu Afonso VIII, deixou disposto no seu testamento que o seu reino debería pasar ás fillas do seu primeiro matrimonio, Sancha e Aldonza, a pesar de que anteriormente se comprometera a deixar como seu sucesor a Fernando.[5] [6]
O reino de León dividiuse en dous bandos opostos: os partidarios de que ascendese ao trono a Fernando, que contaban co apoio do reino de Castela, e os de outorgaren a coroa a Sancha e Aldonza, que tiñan o apoio da Orde de Santiago, a cal recibira do rei Afonso o lugar de Castrotorafe co compromiso de que apoiase ás infantas. Estas ascenderon ao trono co apoio da nobreza, pero o clero e a aristocracia opuxéronse, xa que preferían que os reinos de León e Castela se reunificasen baixo o rei Fernando. Fernando reclamou os dereitos que dicía ter pola súa condición de fillo do segundo matrimonio, dereitos que confirmou o papa Homorio III en 1218. Mentres as infantas foron recibidas como soberanas en Zamora, Fernando entrou en Toro, con apoio de parte do episcopado leonés.[1]
O tratado
[editar | editar a fonte]Ante a inminencia dunha guerra entre ambos os dous partidos, as dúas ex-esposas de Afonso, Tareixa e Berenguela, entrevistáronse en Valencia de Don Juan,[7] buscando unha solución pacífica para a cuestión sucesoria.
A concordia foi asinada en Benavente o 11 de decembro de 1230. Segundo as condicións do acordo, as infantas renunciarían aos seus dereitos ao trono de León e, a cambio, a cada unha delas se lle asignarían de por vida unha ducia de señoríos polos que percibirían unha renda anual de 15 000 marabedís,[8] que serían reducidos a 10 000 en caso de entraren en relixión e suspendidos en caso de matrimonio.[9][10]
Poucos días despois Fernando foi coroado rei de León, unindo así definitivamente os reinos de León e Castela na Coroa de Castela.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Rodríguez López 1994, p. 118.
- ↑ Casa de Ivrea-genealogy Arquivado 09 de novembro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés).
- ↑ Fernandes Marques 2008, p. 62.
- ↑ 4,0 4,1 Reis de Castela en Medieval Lands (en inglés).
- ↑ Rodríguez López 1994, pp. 117-118.
- ↑ Gorosterratzu, Javier: Don Rodrigo Jiménez de Rada, gran estadista, escritor y prelado, cap. XV.
- ↑ Enrique Flórez, nas Memorias de las reynas catholicas, vol. I, páx. 346, sitúa a reunión en Valença do Minho.
- ↑ Algúns autores indican 15 000 dobras de ouro ou ducados. Segundo Eduardo Fuentes Ganzo: Moneda y crédito en el Reino de León (1000-1500) debían ser marabedís de a setenta diñeiros, que era a moeda corrente na época.
- ↑ Rodrigo Jiménez de Rada: De rebus hispaniae, cap. CCXXXI.
- ↑ Andrés Marcos Burriel: Memorias para la vida del santo rey Don Fernando III Arquivado 17 de xuño de 2008 en Wayback Machine., capítulos XXVII ao XXX.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Palenzuela, Vicente Ángel (2007): Historia de España de la Edad Media. Barcelona: Ariel. ISBN 84-3446-668-6.
- Álvarez Palenzuela, Vicente Ángel (2007): Historia de España de la Edad Media. Barcelona: Ariel. ISBN 84-3446-668-6.
- Carriedo Tejedo, Manuel e Carlos Estepa Díez (1997): Historia de León, Volumen II. El Reino de León en la Edad Media. León: La Crónica de León. ISBN 84-9205-578-2.
- Cavero Domínguez, Gregoria (2001): Colección documental del Monasterio de San Esteban de Nogales (1149–1498), León: Centro de Estudios e investigación "San Isidoro". ISBN 84-8766-748-1.
- Cuevas Aller, Joaquín (2007): Historia de Asturias y León. El nacimiento de España. León: Trobajo del Camino. ISBN 978-84-6120-822-7.
- Fernandes Marques, Maria Alegria (2008): Estudos sobre a Ordem de Cister em Portugal. Coimbra: Estudos da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra. ISBN 97-2772-019-6.
- González, Julio (1944): Alfonso IX. Madrid: Instituto Jerónimo Zurita. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 84-8766-707-4.
- López Carreira, A. e Fernández Cal, T. (2003): Os reis de Galicia. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-9620-327-1.
- Martínez Díez, Gonzalo (2007): Alfonso VIII, rey de Castilla y Toledo (1158-1214). Gijón: Ediciones Trea. ISBN 978-84-9704-327-4.
- Rábade Obradó, María del Pilar; Eloísa Ramírez Vaquero e Juan F. Utrilla Utrilla (2005): Historia de España. Vol. 7. La dinámica política. Madrid: Ediciones Akal.
- Rodrigues Oliveira, Ana (2010): Rainhas medievais de Portugal. Dezassete mulheres, duas dinastias, quatro séculos de História. Lisboa: A esfera dos livros. ISBN 978-98-9626-261-7.
- Rodríguez López, Ana (1994): La consolidación territorial de la monarquía feudal castellana: expansión y fronteras durante el reinado de Fernando III. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 84-0007-444-0.
- Serrano, Secundino, dir. (1991): Enciclopedia de León. Volumen I. León: La Crónica de León. ISBN 84-9205-574-X.
- Serrano, Secundino, dir. (1991): Enciclopedia de León. Volumen II. León: La Crónica de León. ISBN 84-9205-575-8.
- Shadis, Miriam (2010). Berenguela of Castile (1180–1246) and Political Women in the High Middle Ages. Londres: Palgrave Macmillan. ISBN 978-0-3122-3473-7.
- VV.AA. (1996): Reyes de León. León: EDILESA. ISBN 84-8012-135-1.