Saltar ao contido

Colénquima

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Preparación con células do colénquima.
Colénquima angular en talo de apio.

O colénquima é un tecido vexetal de sostén propio de plantas novas e herbáceas formado por células algo alongadas de paredes celulares engrosadas pero non lignificadas e con protoplasto vivo. A palabra contén a raíz grega kolla (cola, adhesivo) pola facilidade con que as paredes se inchan ao hidratarse. En forma e estrutura as células do parénquima e do colénquima son algo parecidas, e as células do colénquima mostran unha gradación nas súas características entre os dous tipos, polo que cando están xuntos pode haber células con características de transición entre ambos. Algunhas células do colénquima poden experimentar cambios reversibles no espesor da súa membrana e mesmo adquirir características meristemáticas.[1]

O colénquima aparece nos órganos en crecemento, nos que funciona como tecido de sostén, e tamén en órganos adultos que non sufriron crecemento secundario. O outro tecido de sostén, o esclerénquima, é típico do crecemento secundario. O colénquima pode situarse debaixo da epiderme, e ás veces as propias células da epiderme adquiren características colenquimáticas. Outras veces está nunha posición máis profunda formando aneis completos ou cordóns e costelas. Tamén reforza o tecido vascular das follas. O colénquima combina gran forza de tensión con moita flexibilidade e plasticidade, polo que é ideal para unha planta en crecemento (o esclerénquima en comparación é máis elástico pero menos plástico). Esta plasticidade do colénquima é importante para o axuste dos tecidos en desenvolvemento. Proporciona flexibilidade aos talos novos, aos pecíolos e nervios das follas. Nas partes vellas da planta que deixaron de alongarse, o colénquima está endurecido e perde a súa plasticidade.

Características das células e tipos

[editar | editar a fonte]

Son células de lonxitude variable, xeralmente alongadas e adelgazadas nos extremos de ata 1 ou 2 mm de lonxitude. Nun cordón de colénquima as células máis internas son máis longas ca as periféricas porque se forman antes e empezan a alongarse antes. Teñen protoplasto vivo e mesmo adoitan conter cloroplastos e vacúolos.[2] Poden conter taninos.

A parede celular está formada principalmente por celulosa e pectinas, non está lignificada, contén moita auga e ten un aspecto brillante nas preparacións. Presenta punteaduras. A parede primaria está engrosada, e o engrosamento comeza xa antes de que a célula acabase de crecer en lonxitude. Pero a zona onde se produce o engrosamento varía en distintos tipos de plantas, polo que se poden distinguir varios tipos de colénquima segundo o lugar do engrosamento, que son:[1]

  • Colénquima angular. O engrosamento ten lugar nos ángulos das células, onde se unen varias células, como ocorre, por exemplo, en Ficus, Vitis, Rumex, Cannabis, Begonia etc. Porén, o gran de engrosamento dos ángulos pode ser menos manifesto se tamén se engrosan moito outras partes da parede (colénquima masivo).
  • Colénquima laminar. O engrosamento ten lugar principalmente nas paredes tanxenciais. Por exemplo, en Sambucus, Rheum, Eupatorium etc.
  • Colénquima aerífero. O tecido presenta espazos intercelulares, e as paredes celulares que dan a eses espazos están engrosadas. Por exemplo, en Salvia, Malva etc.

As características da parede poden modificarse nas partes máis vellas da planta ou para adaptarse ao crecemento da planta, exposición ao abaneo do vento ou outras condicións. Nalgúns casos observouse que o colénquima pode desenvolver paredes secundarias lignificadas e transformarse en esclerénquima.

  1. 1,0 1,1 Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxinas 214-224. ISBN 84-282-0169-2.
  2. Strassburger, E. Tratado de Botánica. 7ª edición. Omega, Barcelona, Páxinas 134. ISBN 84-7102-990-1.