Saltar ao contido

Reloxo de auga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Clepsidra»)
Clepsidra exipcia, da época de Tolomeo II.
Dous reloxos de auga do Museo da Ágora Antiga, en Atenas. A superior é un orixinal do século V a.C. A inferior é unha reconstrución moderna.

Un reloxo de auga ou clepsidra (grego κλέπτειν kleptein , 'roubar'; ὕδωρ hydor, 'auga') é calquera reloxo en que o tempo se mide mediante a regra que sinala o fluxo de líquido que entra no (clepsidra de entrada) contedor, ou a regra que mide a saída (clepsidra de saída) do líquido pola boca do contedor.

Son, xunto co reloxo de sol, os máis vellos instrumentos de medida do tempo, coas únicas excepcións dos gnomons verticais e a conta de días con varas regradas. Onde e cando foron inventados descoñécese, dada a súa grande antigüidade.

A clepsidra de saída con forma de cunca é a forma máis sinxela dun reloxo de auga, existía xa en Babilonia e Exipto arredor do século XVI a. C. Nestas clepsidras de saída a regra situábase no interior da cunca, existindo unha regra horaria para cada mes do ano exipcio. Outras rexións do mundo, incluíndo a India e a China, tamén teñen evidencias precoces de reloxos de auga, pero as datas son menos seguras. Algúns autores afirman que os reloxos da auga apareceron na China no 4000 a.C.

Os gregos e romanos fixeron avances no deseño do reloxo de auga para incluír na clepsidra de entrada un sistema de retroalimentación inicial, e un mecanismo de fuga, que estaban ligados a autómatas e amosan unha maior precisión. En Bizancio fixeron outros avances, e particularmente no mundo islámico, con complexos segmentos e engrenaxes epicicloides, facendo cada vez máis precisos os reloxos, incorporando rodas de auga, e programación, avances que eventualmente fixeron a viaxe de volta cara a Europa. Independentemente diso, os chineses desenvolveron os seus propios deseños e construcións de reloxos avanzados de auga, incorporando as engrenaxes, mecanismos de escape e rodas de auga, pasando as súas ideas a Corea e ao Xapón.

Estes primeiros reloxos de auga calibrábanse cun reloxo de sol. A pesar de non acadar un nivel de precisión comparable aos patróns de cronometraxe de hoxe en día, o reloxo de auga foi o dispositivo de cronometraxe máis preciso e máis comunmente utilizado por milenios (non dependía da visibilidade do sol), ata que foi substituído polos reloxos de péndulo máis precisos da Europa do século XVIII.