Cidade da Cultura de Galicia
Cidade da Cultura | |
---|---|
Coordenadas | |
País | España |
Cidade | Santiago de Compostela |
Tipo | Cultural, histórico |
Administrador | Xunta de Galicia |
Construción | 2001-2011 |
Inauguración | 11 de xaneiro de 2011 |
Superficie | 150 000 m² |
Na rede | |
http://www.cidadedacultura.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
A Cidade da Cultura de Galicia (CDC) é un complexo arquitectónico que se atopa no monte Gaiás, na cidade de Santiago de Compostela, pertencente á Xunta de Galicia. As funcións dos edificios son múltiples, dende a Biblioteca e Arquivo de Galicia ou o Museo Centro Gaiás que se adican á difusión, conservación e investigación cultural, a edificios como o CINC ou o CEM, centrados na tecnoloxía e o emprendemento empresarial. Ten tamén unha extensa rede de áreas verdes para practicar deporte e pasar tempo de lecer.
No eido da cultura, a súa programación incluíu nestes anos exposicións, concertos, teatro e todo tipo de charlas e encontros con artistas e divulgadores culturais.
Na actualidade, o complexo está rematado e en funcionamento. O complexo foi construído por Copasa e Necso (Acciona), San José con Dragados (ACS), e FCC.[1] O seu orzamento era de 108 millóns de euros, a súa construción custou uns 300 millóns de euros, o custo total tería sido duns 500 millóns se fose rematado seguindo o plan orixinal do seu arquitecto, Peter Eisenman.[2][3]
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Concurso
[editar | editar a fonte]O proxecto de construción da Cidade da Cultura de Galicia naceu no ano 1999 cando a Xunta de Galicia convocou un concurso internacional para escoller o proxecto que rexería a súa construción no monte Gaiás. É a propia Xunta quen convida a Ricardo Boffil[4], Peter Eisenman[5], Manuel Gallego Jorreto[6], Annette Gigon e Mike Guyer[7], Steven Holl[8], Rem Koolhaas[9], Daniel Libeskind[10], Juan Navarro Baldeweg[11], Jean Nouvel[12], Santiago Calatrava, Dominique Perrault[13] e César Portela[14]. Aínda que Santiago Calatrava e o seu estudio finalmente non van tomar parte no concurso.[15]
Unha vez avaliadas tódalas propostas, elixiuse o proxecto do grupo Eisenman Architects, atendendo, segundo o fallo do concurso, "A súa singularidade tanto conceptual como plástica, e súa excepcional sintonía co lugar".[16]
O arquitecto
[editar | editar a fonte]Peter Eisenman (Newark, Nova Jersey, 1932) é un prestixioso arquitecto estadounidense membro do grupo Five Architects de Nova York. Licenciado en Arquitectura pola Universidade Cornell, Eisenman é doutor en Filosofía pola Universidade de Cambridge e en Belas Artes pola Universidade de Chicago. Impartiu docencia nalgunhas das universidades máis prestixiosas do mundo, como Harvard, Cambridge, Princeton, Yale e Ohio. En 1980 estableceu un estudio de arquitectura de seu na cidade de Nova York.[17]
Proxecto
[editar | editar a fonte]Cidade da Cultura é un complexo englobado dentro da arquitectura deconstrutivista. Deseñado a partir da mestura de diferentes ideas por parte de Peter Eisenman.
A idea fundamental é a idea da montaña. Os edificios están situados na parte máis alta do monte Gaiás e compórtanse como unha cima artificial para unha montaña natural. Ademais, non só imitan as formas da montaña senón que se funden coa propia orografía do terreo relacionando o edificio coas teses do land Art e tamén coa obra do italiano Alberto Burri no Cretto de Gibellina en Sicilia.
Están presentes tamén en todos os edificios a superposición de tramas ou grellas, algo que vai a ser común na obra de Peter Eisenman como se pode ver no seu Memorial os Xudeus Asasinados en Europa de Berlín, onde traballa sobre a mesma idea. As grellas están presentes en todos os elementos arquitectónicos do complexo, nos pavimentos, nos muros e incluso nas superficies acristaladas.
Eisenman réndelle tributo á cidade histórica de Santiago superpoñendo a súa trama urbana sobre o monte Gaiás e estabelecendo paralelismos entre elas. No deseño orixinal, incluíu unha referencia xacobea dándolle a todo o complexo unha forma semellante á dunha cuncha de vieira, pero as diferentes modificacións que sufriu o proxecto fixeron que hoxe non se poida apreciar.
O arquitecto parte destas ideas para artellar os volumes do complexo e posteriormente preocúpase de asignarlle unha función específica a cada un deles. Peter Eisenman recolle no seu libro Codex, publicado en 2005, todo o seu discurso teórico en torno ó deseño da Cidade da Cultura.[18][19]
Obras e redefinición
[editar | editar a fonte]As obras de construción do complexo comezaron no ano 2001, dous anos despois da convocatoria do concurso, cun presuposto inicial de 108 millóns de euros.[20] Nun primeiro momento a Cidade da Cultura estivo formada por seis edificios (Biblioteca, Hemeroteca, Teatro da Música, Museo da Historia de Galicia, Novas Tecnoloxías e Servizos Centrais). O tamaño das obras, o desfase entre o custo real e o presupostado e a tardanza na execución das obras espertaron movementos de oposición a este proxecto, que era cualificado de faraónico por organizacións cidadás[21] e profesionais.[22]
Tralo cambio de goberno na Xunta de Galicia, en agosto do ano 2005 a nova Consellería de Cultura e Deporte decidiu redefinir o proxecto co fin de darlle un xiro ao uso dos edificios que beneficiase ao conxunto global do proxecto de Eisenman.[23] O 26 de decembro de 2006 presentouse no Parlamento Galego o novo proxecto de usos da Cidade da Cultura.
Cando se presentou o proxecto de redefinición, parte das obras da Cidade da Cultura xa estaban nunha fase avanzada da súa execución: o edificio da hemeroteca atopábase practicamente rematado, o da biblioteca na metade da súa construción e o Museo da Historia de Galicia nun terzo construído. O traballo de redefinición do proxecto concentrouse, logo da presentación da redefinición, nos usos e contidos dos edificios do Teatro da Música e o Edificio de Novas Tecnoloxías, aínda en fase inicial de construción. Así, no mes de xaneiro de 2006, a Consellería de Cultura e Deporte anunciou a suspensión das obras do Teatro da Música e do edificio das Novas Tecnoloxías por un período de catorce meses. Neste tempo a Consellería contactou con sectores vencellados coa cultura de Galicia para levaren a cabo a redefinición estrutural destes edificios, entre outros co Consello da Cultura Galega e co Museo do Pobo Galego.
Tras a toma de posesión do goberno bipartito o parlamento galego constituíu unha comisión de investigación para esclarecer a xestión do anterior goberno. Dita comisión emitiu as súas conclusións en decembro do 2007, propoñendo enviar o seu ditame ao ministerio fiscal.[24] A loita política chegou ata os tribunais, ao presentar a CIG unha denuncia contra altos cargos do goberno anterior polas presuntas irregularidades cometidas na xestión da Cidade da Cultura, e que finalmente foi arquivada.[25]
O custo final do proxecto foi de 475.9 millóns de euros, máis de catro veces o orzamento inicial.[26]
As obras de construción da Cidade da Cultura foron obxecto de atención do programa Extreme Engineering, emitido en Discovery Channel, que se centra en presentar proxectos arquitectónicos e de enxeñería caracterizados polo seu tamaño ou dificultade excepcionais.[27]
Edificios e funcións
[editar | editar a fonte]O complexo do Gaiás ocupa unha superficie de 141.800 metros cadrados. Consta dos seguintes edificios:
- Biblioteca de Galicia e Arquivo de Galicia: as dúas institucións comparten o edificio que conta con 15.702 m² útiles. A biblioteca ten como obxectivo ser a cabeceira do sistema de bibliotecas galegas, representando o sistema bibliotecario galego ante todos os organismos, foros e plataformas internacionais do eido bibliotecario. Pola súa banda o arquivo é o centro de referencia do sistema galego de arquivos e ten como misión a de recibir, custodiar e poñer a disposición dos cidadáns todos aqueles documentos que, polo seu valor, necesiten ser conservados. Támén contén delegacións de entidades como o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia. Ten un espazo expositivo e un auditorio de pequenas dimensións bautizado Neira Vilas en homenaxe ó escritor de Vila de Cruces. O edificio foi inaugurado polo Príncipe de Asturias, Filipe de Borbón, xunto co CEM, o 11 de xaneiro de 2011.
- Centro de Emprendemento (CEM): é un edificio adicado fundamentalmente ó emprendemento dos sectores cultural e tecnolóxico ten un esparzo de co-working e un viveiro de empresas. Tamén é a sede da Axencia Galega de Industrial Culturais (AGADIC). Conta con 11.225 m² útiles. Foi inaugurado punto coa Biblioteca e Arquivo de Galicia o 11 de xaneiro de 2011.
- Museo Centro Gaiás: conta con 20.734 m² útiles. O seu programa de usos inclúe un proxecto museográfico dedicado ao pasado e presente de Galicia, e albergará exposicións temporais e actividades de formación e divulgación. O edificio foi inaugurado o 31 de outubro de 2011 pero ata o mes de xuño de 2012 non comezou a estar en funcionamento, ó ser inaugurada o 15 de xuño a exposición "Gallaecia Petrea". Non se trata dun museo, senón dun centro expositivo, pois carece de colección propia e non posúe decreto de creación como museo.
- Centro de Innovación Cultural (CINC): é a sede da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e do Centro de Procesamento de Datos Integral (CPDI).[28] Posúe tamén dous auditorios de pequeno formato e un salón de conferencias.
- Edificio Fontán: foi o último edificio construído. Recibe o seu nome do xeógrafo Domingo Fontán e nel instalarase o novo Consorcio Interuniversitario de Galicia e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ademais do futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais.[29] Está deseñado polo arquitecto Andés Perea e asenta sobre a estrutura do inacabado Teatro da Música, suspendidas as obras no 2011 por mor da crise económica ata o 2014.[30]
- As Torres Hejduk: son obra do estadounidense John Hejduk e empréganse como espazo expositivo. Unha das torres conta cun sistema de iluminación que a fai visible pola noite desde boa parte da cidade de Santiago.
A maiores o Gaiás conta cunha rede de espazos verdes para uso deportivo ou de lecer. A meirande parte do seu deseño está tutelado pola arquitecto paisaxista galega Isabel Aguirre e a Fundación Juana de Vega.
- Bosque de Galicia: é a área mais grande da Cidade da Cultura e ocupa 24 hectáreas da aba oeste do monte Gaiás. Repobouse con especies autóctonas como castiñeiros, bidueiros, espiños, carballos, abeleiras, freixos ou faias[31].
- Xardín do Teatro: deseñado polo estudio de arquitectura RVR contento un auditorio ó aire libre, un rocodromo e unha pista de skate. Xunto co edificio Fontán ocupan a parcela do Teatro da Música deseñado por Eisenman e que foi cancelado[32].
- Parque da Balea: é un parque infantil que se artella en torno a unha estrutura inspirada nun cadro de Urbano Lugrís que se atopa na Casa dos Pescadores de Malpica. Foi creado por RVR arquitectos[33].
- Parque do Lago: esta área recuperou unha balsa de auga creada durante a construción dos edificios para decantar a auga das obras e converteuno nunha nova zona de lecer de máis de 4000 metros cadrados[34].
- Xardín Literario[35]: construirase sobre o que ía ser o Centro de Arte Internacional e destacará pola súa lagoa.[36]
Eventos
[editar | editar a fonte]Dende a súa posta en marcha realizarose no Gaiás actividades expositivas, deportivas, musicais, rodaxes, feiras, congresos e un longo etcétera.
Música
[editar | editar a fonte]Bjork actuou en Cidade da Cultura en xullo de 2012. Sendo un dos primeiros eventos multitudinarios en acollerse no recinto.
Durante o verán existe unha programación de concertos aire libre que se ven realizando dende o ano 2012 baixo o nome de Atardeceres no Gaiás. Polo escenario do complexo temen pasado entre outros; Fanfarlo, Toy, Tachenko, Caxade, Manel, Los Punsetes, María Rodés, La Habitación Roja, León Benavente, Novedades Carminha, Mucho, Malandrómeda, C. Tangana, Boyanka Kostova, Triángulo de Amor Bizarro, Nudozurdo, Terbutalina, Espanto, Familia Caamaño, Oh! Ayatollah, Rodrigo Cuevas, Las Odio, Agoraphobia ou De Vacas.
Noutros espazos e ciclos de programación visitaron a Cidade da Cultura, Carlos Nuñez, Noa, Chick Corea, María Arnal e Marcel Begues, Milladoiro, Siniestro Total, Os Resentidos, Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Galega de Cámara, Amancio Prada, Ugía Pedreira, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Cristina Pato, Uxía Senlle, Davide Salvado ou Leilía entre outros.
O Museo Centro Gaias tamén albergou dúas edicións a feira internacional de músicas do mundo Womex[37][38].
Artes escénicas
[editar | editar a fonte]Escenas do Cambio é un festival de teatro e danza que produce a Cidade da Cultura centrado na creación contemporánea. Esther Ferrer, Isidoro Valcárcel, Medina, Mithkal Alzghair, Tiago Rodrigues, Israel Galván, Voadora, Takao Kawaguchi, Chévere ou Rodrigo García entre outros moitos artistas e compañías formaron parte da programación do festival. Aínda que o Museo Centro Gaiás é a sede principal do festival, algunhas pezas represéntanse noutros lugares da cidade como o Salón Teatro ou o Teatro Principal.
Cidade Imaxinaria é unha actividade que xira en torno o mundo do circo e que congrega a varios milleiros de persoas en cada edición. Vense celebrando desde o ano 2012[39][40].
O 29 de xullo de 2020 actuou a compañía catalana La Fura dels Baus co seu novo espectáculo NN (Nova Normalidade) no que se busca homenaxear ás persoas que combaten a COVID-19[41].
Exposicións
[editar | editar a fonte]O principal espazo expositivo da Cidade da Cultura é o Museo Centro Gaiás, que non posúe unha colección de seu e que acolle e organiza exposicións temporais. Dende a primeira exposición en 2012 pasaron polo Museo Centro Gaiás:
- Gallaecia Petrea, un percorrido polo traballo en pedra en Galicia dende a prehistoria ata a escultura contemporánea.
- Códices na que estivo exposto xunto a outros códices o Códice Calixtino.
- Orinoco, que percorría o río suramericano e afondaba no coñecemento das tribos que habitan nun dos lugares máis remotos do planeta.
- Agua Doce que empregando a auga como fío condutor trataba diferentes temas antropolóxicos e artísticos.
- Cinegalicia 25 na que aproveitando os 25 anos da estrea de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal facía un percorrido polo audiovisual galego.
- Camiño, a orixe sobre o Camiño De Santiago.
- José Suárez, uns ollos vivos que pensan. Exposición monográfica sobre o fotógrafo de Allariz
- Camilo José Cela: 1916-2016. O Centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade. Sobre o ganador do Nobel.
- Con-Fío, en Galicia un percorrido pola historia do téxtil galego.
- Da árbore á cadeira adicóuselle o mundo da madeira e o deseño.
- Flor Novoneyra. unha exposición individual a Antón Lamazares na que este traballaba sobre a poesía de Uxío Novoneyra.
- Galicia Universal, un percorrido pola arte galega.
- Baldomero Pestana, a verdade entre as mans. Monográfica sobre o fotógrafo de Castroverde.
- Castelao Maxistral unha mostra de diversos traballos de Castelao relacionados coa ensinanza, que incluía A derradeira leición do mestre, sendo esta a primeira vez que se expón fóra de Buenos Aires.[42]
- Pensar coas mans foi unha exposición que xirou arredor do mundo da artesanía en Galicia.
- Galicia, un relato no mundo, cun percorrido pola historia de Galicia.
- Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum: con pezas do tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén.
- Unha vida viquinga: sobre a cultura viquinga entre os séculos VIII e IX, incluída a súa violenta relación con España e con Galicia en particular.
As Torres Hejduk tamén se empregan como espazo expositivo, convidando a artistas en activo a intervir os propios edificios. A Biblioteca e Arquivo de Galicia tamén organiza exposicións nas que xeralmente traballan con material que as propias institución teñen nos seus fondos para poder amosalas o público.
Puntualmente tamén se empregan os espazos o aire libre para organizar exposicións como foi o caso de Inside en 2011 ou Reveladas na Paisaxe en 2018 e 2019.
Deporte
[editar | editar a fonte]A derradeira etapa de La Vuelta do ano 2014 foi unha loita contra o reloxo individual de 9 quilómetros con saída na Cidade da Cultura e chegada na Praza do Obradoiro. O gañador da etapa foi o italiano Adriano Malori e a clasificación xeral foi para Alberto Contador. A etapa foi infrecuente non só porque tradicionalmente La Vuelta remata en Madrid, senón tamén porque a choiva fixo que os ciclistas afrontasen a etapa con medo ás caídas[43].
O 5 de outubro de 2018 inaugurouse "Castelao Maxistral". Entre os días 3 e 15 de novembro do mesmo ano a Cidade da Cultura acolleu o Mundial de Xadrez Cadete, con participantes de ata 12 anos de idade.[44]
No ano 2011 o Gaiás estivo preto de acoller as semifinais da Copa Davis entre España e Francia aínda que finalmente esta organizou en Córdoba[45].
Comunicación
[editar | editar a fonte]Ten unha única liña de autobús que a comunica co centro da cidade, a liña 9 (Cidade da Cultura-Casas Novas) (só os días laborais). Tamén está comunicada coa liña circular 11, que a comunica tamén co centro (só as fins de semana e festivos).
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Galería de imaxes da Cidade da Cultura de Galicia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "La empresa que colocó las piedras del Gaiás se desvincula ahora de la obra" La Voz de Galicia.
- ↑ "La Xunta tasa el Gaiás en 80 millones menos de lo que costó a los gallegos" La Voz de Galicia.
- ↑ La Cidade da Cultura, un despilfarro de casi 500 millones Arquivado 24 de decembro de 2017 en Wayback Machine. Diario de León.
- ↑ "Ricardo Bofill | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Peter Eisenman | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Manuel Gallego | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Annette Gigon / Mike Guyer | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Steven Holl | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Rem Koolhaas | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Daniel Libeskind | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Juan Navarro | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Jean Nouvel | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Dominique Perrault | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "César Portela | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Concurso de ideas | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ "Concurso de ideas". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2009. Consultado o 30 de decembro de 2008.
- ↑ "Biografía Peter Eisenman". Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2009. Consultado o 30 de decembro de 2008.
- ↑ "City of Culture of Galicia 2011 — EISENMAN ARCHITECTS". eisenmanarchitects.com (en inglés). Consultado o 2020-04-01.
- ↑ Eisenman, Peter (2005). Codex. The Monacelli Press. ISBN 1580931383.
- ↑ Público, 7 de novembro do 2007.
- ↑ "Plataforma "Cultura si, mausoleo non". Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2010. Consultado o 27 de febreiro de 2010.
- ↑ El colegio de arquitectos critica la Cidade da Cultura y la compara con un centro comercial. La Voz de Galicia.
- ↑ "Redefinición do proxecto". Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2009. Consultado o 30 de decembro de 2008.
- ↑ El País, 11 de decembro do 2007
- ↑ Archivan el caso Arquivado 02 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. de la Cidade da Cultura al no encontrar indicios de delito penal. Xornal.com
- ↑ El coste final de la Cidade da Cultura será de 475,9 millones El País.
- ↑ "Ciudad de la Cultura de Santiago de Compostela", no programa Megaconstrucciones de Discovery Channel (en castelán).
- ↑ "Un corazón digital enterrado en el Gaiás". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2020-04-30.
- ↑ "Feijóo anuncia que se situará na Cidade da Cultura o edificio Fontán, onde se instalarán os servizos compartidos entre as tres universidades galegas". Xunta de Galicia. 28 de maio de 2018. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2018.
- ↑ "La suspensión de las obras en la Cidade da Cultura hasta 2014 costará 447.000 euros" Faro de Vigo.
- ↑ "Bosque de Galicia | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-30.
- ↑ "Xardín do Teatro | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-30.
- ↑ "Parque da Balea e contorna | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-30.
- ↑ "Los parques del lago y de A Balea, dos secretos aún por descubrir en el Gaiás". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-11-29. Consultado o 2020-04-30.
- ↑ "Xardín Literario | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-30.
- ↑ "A Xunta investirá outros 17 millóns de euros nun novo edificio para a Cidade da Cultura". Historia de Galicia. 2 de xuño de 2018.
- ↑ "Womex reúne en Santiago a más de 2.600 profesionales de la industria musical de 50 países". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2020-04-15.
- ↑ "Womex'16 | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-15.
- ↑ "El Gaiás toca techo con los festivales para toda la familia". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-05-12.
- ↑ "A Xunta cifra o seguimento de 'Cidade Imaxinaria' en 9.200 personas". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-05-12.
- ↑ SL, POMBAPRESS. "A Fura dels Baus leva ata a Cidade da Cultura a súa reflexión sobre a 'Nova Normalidade' e o mundo tras a corentena". Galiciapress. Consultado o 2020-07-21.
- ↑ "Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra". Consultado o 3 de decembro de 2018.
- ↑ "Vuelta a España 2014. Etapa 21. Contador gana su tercera Vuelta a España". Ciclismoafondo.es (en castelán). Consultado o 2020-04-15.
- ↑ "As promesas do xadrez reúnense en Santiago de Compostela". 4 de novembro de 2018. Consultado o 3 de decembro de 2018.
- ↑ País, Ediciones El (2011-07-22). "Conde Roa propone la Cidade da Cultura para la Copa Davis". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-04-15.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cidade da Cultura de Galicia |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web da Cidade da Cultura
- "Spain in crisis: Broken visions dot Galicia's landscape" BBC, 2/8/2012 (en inglés)
- "La BBC pone al Gaiás como ejemplo de la burbuja española", La Voz de Galicia, 4/8/2012 (en galego).