Saltar ao contido

Chaparela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non confundir con Chaparena.
Chaparela
Diplodus vulgaris

Diplodus vulgaris
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Suborde: Percoidei
Superfamilia: Percoidea
Familia: Sparidae
Xénero: Diplodus
Especie: D. vulgaris
Nome binomial
Diplodus vulgaris
(Geoffroy Saint-Hilaire, 1817)

A chaparela,[2] Diplodus vulgaris, é unha especie de peixe da clase dos actinopterixios, infraclase dos teleósteos, orde dos perciformes, suborde dos percoideos, superfamilia dos percoideos e familia dos espáridos, unha das 23 actualmente integradas no xénero Diplodus.[3]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1817 polo naturalista francés Étienne Geoffroy Saint-Hilaire, baixo o nome de Sargus vulgaris,[3] na súa obra "Poissons du Nil, de la mer Rouge et de la Méditerranée". In: Description de l'Egypte ou recueil des observations et des recherches qui ont été faites en Égypte pendant l'expedition de l'Armée français, publié par les ordres de sa Majesté-L'Empereur Napoléon le Grand. París. Imprimerie Impériale. Histoire Naturelle.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[3]

  • Sargus salviani Valenciennes, 1830
  • Sargus vulgaris Geoffroy Saint-Hilaire, 1817 (protónimo)
  • Sparus aldrovandi Nardo, 1827

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Diplodus.

O epíteto específico, vulgaris, fai referencia a que é unha especie "vulgar" (ou "común") no Mediterráneo.

Outros nomes galegos

[editar | editar a fonte]

Ademais de chaparela, recollido no Digalego e tamén no Dicionario de galego de Ir Indo,[4] (non confundir con chaparena, que figura no Dicionario da RAG, pero referido a outra especie de espárido, Spondyliosoma cantharus), Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario multiligüe de organismos acuáticos, adxudican á especie Diplodus vulgaris o nome, chaparena —en contra do criterio da RAG— co sinónimo sargo de cabeza negra,[5] que non ten a cabeza negra (en todo o caso, poderiase dicir da caluga).

Outros nomes na Península Ibérica

[editar | editar a fonte]

Esta especie é coñecida en Cataluña como "variada", "vidriada" ou "verada",[6] mentres que en castelán coñécese como "mojarra" (o nome oficial),[7] ou "saifía". En toda a costa norte de España e en Portugal coñécese como "safia" (nome oficial en portugués) e "mucharra".[Cómpre referencia]

Características

[editar | editar a fonte]
Chaparela (Diplodus vulgaris).
Láminas antigas comparanddo dúas especies similares: Diplodus vulgaris (esquerda) e Diplodus sargus.

As princpais características desta especie son:[8][9]

  • A súa lonxitude media é duns 30 cm, aínda que pode acadar até o 45 cm como máximo, sendo a súa masa croporal de até os 1 300 g.[10]
  • O corpo é ovalado, alto e comprimido lateralmente, de cor gris prateada, con de 14 a 16 liñas lonxitudinais douradas máis ou menos visíbeis e, o máis característico, con dúas amplas bandas transversais negras, unha, triangular, que descende desde a caluga até o ángulo posterior do opérculo, preto de onde se insiren as aletas pectorais, e a outra, formando un anel no pedúnculo caudal, desbordándose e prologándose amplamente sobre a base dos últimos raios das aletas dorsal e anal.
  • A cabeza, rematada en punta, presenta un perfil dorsal cunha lixeira prominencia na rexión frontal (á altura dos ollos), que son relativamente grandes. O labioss son bastante grosos. En cada maxilar conta con oito dentes incisivos, seguidos por de 3 a 5 series de dentes molariformes no maxilar superior e de 2 a 4 na mandíbula
  • A liña lateral é paralela ao perfil dorsal, e está formada por escamas algo máis pequenas que as do rsto do corpo.
  • As aletas son de cor máis ou menos negras. Na aleta dorsal o cuarto ou o quinto raio espiñento é maior que os outros. As aletas pectorias son relativamente grandes, alcanzando ou superando a orixe da aleta anal. As aletas pelvianas apenas chegan ao ano. A aleta caudal é aforquillada.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Diplodus vulgaris é unha especie costeira eurihalina (é dicir, que é capaz de vivir nun amplo abano de variacións da salinidade) que habita en fondos rochosos e areosos, desde a beiramar,[9] xeralmente cerca de plantas de Posidonia oceanica ,[11] a profundidades de até os 160 m,[10] pero máis comunmente a menos dos 50 m e, ás veces, en lagoas costeiras. Os espécimes xoves ás veces encóntranse en leitos de pasteiros mariños.[11]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Esta especie ditribúese polo Atlántico tropical e subtropical, até o golfo de Biscaia, sendo moi común no Mediterráneo.[12][13] A súa área de distribución abarca desde o sur da Bretaña francesa até o norte do Senegal, incluídos os arquipélagos de Madeira e as Canarias, pero está ausente das illas de Cabo Verde. Está presente en todo o Mediterráneo e no sur do mar Negro.[1]

En Galicia a súa presenza foi citada por primeira vez por Cornide en 1778, co nome de Sparus melanurus.[14]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Os espécimes inmaturos son gregarios, mentres que os adultoa son solitarios.[15]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

A chaparela é un peixe omnívoro, alimentándose principalmente de algas, moluscos bivalvos e pequenos crustáceos.[16]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Alcanzan a madurez sexual ao 2 anos de idade (cando miden aproximadamente uns 17 cm), sendo os seus ovos peláxicos.[17]

No sur de Portugal a temporada de desova esténdese de setembro a abril.[18] Informouse que a temporada de desova desta especie fronte á costa suroeste de Portugal esténdese de decembro a marzo, alcanzando o seu punto máximo en xaneiro e febreiro. Esta especie caracterízase por ser un hermafrodita rudimentario con posíbel protandria (é dicir, que as gónadas masculinas maduran antes que as femininas, polo que os machos coa idade transfórmanse en femias).[19]

No Mediterráneo occidental esta especie é hermafrodita e a súa reprodución ocorre en outono; as crías aparecen en decembro-xaneiro.[20][21]

Lonxevidade

[editar | editar a fonte]

A lonxevidade de Diplodus vulgaris estímase en nove anos.[1]

Gastronomía

[editar | editar a fonte]

As formas de cociñar este peixe son moi similares ás do sargo. Adoita consumirse fritido, á prancha con aceite e allo, cocido con maionesa, ao forno sobre patacas e cebola, con queixo na grella e guisado.[22]

Posíbeis descensos nas súas poboacións localizados nas zonas de pesca e as modificacións do seu hábitat representan unha ameaza para Diplodus vulgaris.[1]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Segundo os asesores da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), Diplodus vulgaris é unha especie común e moi estendida, xa que a súa área de distribución vai desde o golfo de Biscaia até o Mediterráneo e a costa de África do Norte, e non hai evidencias da diminución da súa poboación, a pesar do seu alto valor comercial. A área de distribución de D. vulgaris superponse con áreas mariñas protexidas en toda a súa área de distribución, polo que a UICN cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante).[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Russell, B.; Buxton, C. D.; Pollard, D. & Carpenter, K. E. (2014): Diplodus vulgaris na Lista vermella da UICN. Versión 2019-3. Consultada o 12 de marzo de 2020.
  2. Definición no Digalego
  3. 3,0 3,1 3,2 Diplodus vulgaris (Geoffroy Saint-Hilaire, 1817) no WoRMS.
  4. Bieito Ledo Cabido, dir. (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
  5. Lahuerta Mouriño, Fernando e Vázquez Álvarez, Francisco X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-4532-913-8.
  6. variada na Gran enciclopèdia catalana.
  7. mojarra no DRAE.
  8. Bauchot & Pras 1982, pp. 286-287.
  9. 9,0 9,1 Rodríguez Villanueva & Vázquez 1994, p. 158.
  10. 10,0 10,1 Blacktail Bream. Diplodus vulgaris (Geoffroy Saint-Hilaire 1817) na EOL.
  11. 11,0 11,1 Arculeo, M.; Lo Brutto, S.; Sirna-Terranova, M.; Maggio, T.; Cannizzaro, L. & Parrinello, N. (2003): "The stock genetic structure of two Sparidae species, Diplodus vulgaris and Lithognathus mormyrus, in the Mediterranean Sea". Fisheries Research 63: 339-347.
  12. Bauchot & Pras 1982, p. 286.
  13. Terofal & Militz 2005, p. 290.
  14. Cornide, Joseph (1778): Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican. Ver en liña.
  15. Sarago fasciato. Diplodus vulgaris en Momdomarino.net (en italiano).
  16. Horta, M.; Costa, M. J. & Cabral, H. (2004): "Spatial and trophic niche overlap between Diplodus bellottii and Diplodus vulgaris in the Tagus estuary, Portugal". Journal of the Marine Biological Association of the U.K. 84: 837-842.
  17. Rodríguez Villanueva & Vázquez 1994, pp. 158-159.
  18. Gonçalves J. M. S.; L. Bentes; R. Coelho; C. Correia; P. G. Lino; P. Monteiro; J. Ribeiro & K. Erzini (2003): "Age and growth, maturity, mortality and yield-per-recruit for two banded bream (Diplodus vulgaris Geoffr.) from the south coast of Portugal". Fisheries Research 62 (3): 349-359.
  19. Gonçalves, J. M. S. & Erzini, K. (2000): "The reproductive biology of the two-banded sea bream (Diplodus vulgaris) from the southwest coast of Portugal". Journal of Applied Ichthyology 16: 110-116.
  20. Fischer, W.; Bauchot, M. L. & Schneider, M. (1987): "Fiches FAO d'identification des espèces pour les besoins de la pêche. (Révision 1). Méditerranée et mer Noire. Zone de Pêche 37". Roma: FAO.
  21. Dulčić, J. et al. (2010): "Age, growth and mortality of common two-banded seabream, Diplodus vulgaris (Geoffroy Saint-Hilaire, 1817), in the eastern Adriatic Sea (Croatian coast)". Applied Ichthyology 27 (2011): 1254-1258.
  22. Mojarra: Diplodus vulgaris en Huelva información.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bauchot, M. L. & Blanc, M. (1961): "Poissons Marins de l'Est Atlantique tropical. Téléostéens Perciformes. II. Percoidei". Atlantide Report 6: 43-101.
  • Bauchot, M. L. & Daget, J. (1972): "Catalogue critique des types de poissons du Muséum national d'Histoire naturelle. Famille des Sparidae". Bulletin du Museum National d’Histoire Naturelle, Paris, 3e série, nº 24, Zoologie 18: 33-100.
  • Bauchot, M. L. & Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-685-6.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Vázquez, Xavier (1994): Peixes do mar de Galicia (II). Peixes óseos: xeneralidades, clasificación e orde perciformes. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-784-6.
  • Terofal, F. e Militz, C. (2005): Peces de Mar. Barcelona: Editorial Blume. ISBN 84-8076-268-3.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (eds.) European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-8565-3538-0, pp. 357–374.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]