Saltar ao contido

Changui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Changui
Información persoal
Nacemento 10 de abril de 1977
Lugar de nacemento Lampón
Altura 1,82 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
1987–1994 Boiro
1994–1996 Compostela
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1992–1994 Boiro
1996–1997 Vista Alegre 34 (27)
1997–2000 Compostela 48 (20)
1998–1999Pontevedra (cedido) 28 (21)
2000–2006 Deportivo da Coruña 2 (0)
2000–2001Elche (cedido) 28 (6)
2001–2002Poli Ejido (cedido) 11 (1)
2003–2004Las Palmas (cedido) 34 (3)
2005Pontevedra (cedido) 15 (3)
2005–2006Skoda Xanthi (cedido) 1 (0)
2006–2007 Extremadura 30 (8)
2007–2009 Ciudad de Santiago 20 (4)
2009–2010 Santiago
2010–2011 Boiro
2011–2012 Estradense 31 (9)
2012–2013 Atlético de Riveira
2012–2017 Ribadumia 132 (98)
2017–2018 Puebla 33 (17)
2018–2020 Boiro 50 (13)
Total 497 (230)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Marcos Yáñez Fernández, máis coñecido como Changui, nado na Changuiña (parroquia de Lampón, en Boiro), o 10 de abril de 1977, é un exfutbolista galego. Xogaba de dianteiro e tivo unha longa carreira futbolística de case 30 anos, nos que militou en 15 clubs de seis categorías diferentes ademais da liga grega.

Comezou a xogar no CD Boiro, de onde o fichou a SD Compostela. Tras destacar cos seus goles no filial compostelán, debutou co primeiro equipo na Primeira División en 1997. Nas dúas seguintes campañas fixo 40 goles entre o Compostela e o Pontevedra, onde estivo cedido un ano, e chamou a atención do Deportivo da Coruña de Javier Irureta, que pagou o seu traspaso. Co equipo coruñés disputou só seis encontros, dous deles na Liga de Campións, e foi cedido a varios equipos de Segunda División, así como ao Xanthi grego, con menores cifras goleadoras.

A partir de 2006 comezou un periplo por oito equipos de Segunda B, Terceira, Primeira Autonómica e Rexional Preferente, que pechou no equipo no que comezara, o Boiro, onde se retirou aos 43 anos de idade. Ademais presidiu o club durante dous anos entre 2018 e 2020.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

CD Boiro (1987-1994)

[editar | editar a fonte]

Nado na Changuiña, na parroquia boirense de Lampón, de onde lle vén o seu alcume. Entrou con dez anos nas categorías inferiores do equipo do seu concello natal, o CD Boiro, onde comezou de defensa central ata que o comezou a colocar de dianteiro o adestrador Pajarillo.[1] Debutou co primeiro equipo do Boiro na tempada 1992/93 na Rexional Preferente.[2] En 1994 a SD Compostela xogou no Barbanza un partido amigable contra unha selección da comarca na que xogaba Changui. A súa actuación chamou a atención do club santiagués que o fichou para as súas categorías inferiores.[1]

SD Compostela (1994-2000)

[editar | editar a fonte]

Xogou na División de Honra Xuvenil na tempada 1994/95, co equipo xuvenil do Compostela, o Compostela Atlético, adestrado por Zoran Marić.[3] Na mesma época xogaba ao fútbol sala no Yukos/Mabarza, sendo o máximo goleador da liga comarcal xuvenil 1994/45 con 45 goles.[4] A comezos de 1996 subiu ao filial do Compostela, o Vista Alegre, que militaba na Rexional Preferente.[5] Converteuse xa dende a súa chegada nunha peza clave do equipo que logrou ese ano o ascenso, chegando a anotar catro goles nun dos seus primeiros partidos co filial, fronte ao Santaballés.[6] Rematou a campaña con 18 goles, nove co equipo xuvenil e nove co filial, e viaxou co primeiro equipo a Sarria para realizar a pre tempada ás ordes de Fernando Vázquez.[7]

O 23 de xullo de 1996 debutou co primeiro equipo compostelán nun amigable contra a Sarriana.[8] Xogou varios partidos amigables máis co primeiro equipo pero regresou ao Vista Alegre. Co filial, adestrado por Suso Moure, foi ese ano campión do seu grupo de Terceira División e máximo goleador da competición con 27 tantos na fase regular, a pesar de ter perdido cinco partidos por unha lesión nun ombreiro.[9][10][11] Antes do remate da tempada asinou un contrato profesional co Compostela, cunha duración de sete anos e unha cláusula de rescisión de 1500 millóns de pesetas.[12]

Na tempada 1997/98 debutou co primeiro equipo na Primeira División, na segunda xornada contra o Mérida. Xogou seis partidos de liga e dous de Copa anotando un gol fronte ao Racing de Santander en El Sardinero, no único partido que disputou como titular. Ademais xogou co filial en Terceira, co que marcou 17 goles.

Na tempada 1998/99 foi cedido ao Pontevedra CF, co que se proclamou máximo goleador da Segunda B, con 21 goles en 28 encontros. En maio de 1999 volveu ao Compostela, marcando 4 goles en 4 xornadas. Na 1999/00 consolidouse na SD Compostela con David Vidal como adestrador, e conseguiu 15 goles en 38 partidos.

Deportivo da Coruña (2000-2006)

[editar | editar a fonte]

As súas actuacións no club santiagués chamaron a atención do Deportivo da Coruña, que o fichou por 500 millóns de pesetas. Con todo, disputou só dous partidos co equipo coruñés entre o 2000 e o 2006, sendo descartado en cada tempada e cedido a un club diferente: Elche CF (2000/01), Polideportivo Ejido (2001/02), sen ficha nin equipo na 02/03, UD Las Palmas (2003/04), Pontevedra CF (2004/05) e o Skoda Xanthi grego (2005/06). Nestes equipos non conseguiu volver ás marcas goleadoras dos tempos do Compostela, sendo a tempada no Elche a máis prolífica en goles con 6 tantos anotados en 28 partidos. O 23 de novembro de 2004 debutou na Liga de Campións co Deportivo, xogando os minutos finais dun partido contra o Olympiacos no Estadio Georgios Karaiskakis. Dúas semanas despois xogou outro partido da máxima competición europea, fronte ao AS Mónaco en Riazor.

Derradeiros equipos (2006-2020)

[editar | editar a fonte]

Na tempada 2006–07 desvinculouse do Deportivo da Coruña e fichou polo CF Extremadura, equipo co que descendeu a Terceira División. No verán de 2007 retornou a Santiago de Compostela e fichou polo SD Ciudad de Santiago, o primeiro equipo da capital galega despois da liquidación da antiga SD Compostela.[13] Permaneceu no club santiagués dúas tempadas, logrando o ascenso á Segunda B na primeira delas, e pasou logo a outro equipo da cidade, o Santiago de Compostela CF, da Preferente Norte, co que anotou 17 goles en 16 partidos. Na tempada 2010–11 fichou polo CD Boiro, tamén de Preferente, onde actuou tamén como director deportivo.[14] Deixou o equipo por desacordos coa directiva e na tempada 2012-2013 estivo no Atlético de Riveira (1ª autonómica).

Ao ano seguinte fichou polo Ribadumia C.F., de Preferente Sur. Estivo cinco tempadas no equipo pontevedrés, tres delas en Terceira, e marcou 97 goles. En 2017 fichou polo Puebla CF, da Primeira Autonómica,[15] e na tempada 2018-2019 volveu ao CD Boiro, en Terceira División, converténdose ademais no presidente do club.[16][17] Tomou as rendas do equipo boirense nunha situación límite, con máis de 400.000 euros de débeda e tendo que confeccionar un equipo a marchas forzadas para comezar a tempada. Anotou 13 goles pero o equipo acabou descendendo a Preferente.[14] Con todo, conseguiu pagar gran parte da débeda e na tempada seguinte ocupaba a terceira posición da táboa cando a pandemia por coronavirus obrigou á suspensión das competicións.[18][14]

Coa pandemia puxo fin tamén á súa carreira futbolística, colgando as botas aos 43 anos.[19] Ademais en agosto de 2020 deixou a presidencia do Boiro.[20]

  1. 1,0 1,1 Sevilla, Álvaro (27 de decembro de 2015). "Changui: El gol que se cruzó con el negocio del fútbol". Consultado o 8 de abril de 2021. 
  2. "Boiro, 0 Flavia, 4". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 3 de maio de 1993. p. 43. 
  3. "Perdieron los juveniles de Zoran Maric". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 30 de agosto de 1994. p. 56. 
  4. "El Yukos cierra la liga juvenil comarcal firmando 30 tantos". La Voz de Galicia (en castelán) (Barbanza ed.). 10 de marzo de 1995. p. 45. 
  5. "El Compostela Atlético juega en Santa Isabel". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 4 de febreiro de 1996. p. 60. 
  6. "«Estamos obligados a ganar siempre»". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 7 de marzo de 1996. p. 56. 
  7. "Changui estará en Sarria con la primera plantilla del Compos". La Voz de Galicia (en castelán) (Barbanza ed.). 30 de xuño de 1996. p. 48. 
  8. "El Compos ganó sin sudar: 3-2". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de xullo de 1996. p. 52. 
  9. "El Vista Alegre, campeónal derrotar al Somozas: 1-0". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de maio de 1997. p. 38. 
  10. "Tercera División". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de maio de 1997. p. 62. 
  11. "Vista Alegre, un filial diseñado para lograr el ascenso este año". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de maio de 1997. p. 54. 
  12. "El Compostela blinda a Changui por 1.500 millones y siete años". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de abril de 1997. p. 57. 
  13. "Changui, nuevo jugador del Cidade de Santiago tras dejar el Extremadura" (en castelán). 27 de xullo de 2007. Consultado o 29 de xullo de 2020. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Sevilla, Álvaro (3 de maio de 2019). "Ascenso y caída del Boiro" (en castelán). Consultado o 29 de xullo de 2020. 
  15. "El delantero coruñés Changui ficha por un club de Barbanza". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de agosto de 2017. Consultado o 29 de xullo de 2020. 
  16. Sevilla, Álvaro (18 de xullo de 2018). "Changui asume la presidencia del Boiro en el tiempo de descuento". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 29 de xullo de 2020. 
  17. ""Se puede", Changui ya lo hizo". La Opinión A Coruña (en castelán). 25 de novembro de 2019. Consultado o 29 de xullo de 2020. 
  18. Pais, Antonio (9 de xuño de 2020). "No espera hasta agosto el Boiro la decisión oficial sobre su ascenso". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 29 de xullo de 2020. 
  19. Casanova, Jorge (17 de novembro de 2020). "Marcos Yáñez, «Changui»: «En todos lados dan patadas»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de abril de 2021. 
  20. Jamardo, J. M. (8 de agosto de 2020). "Changui deja la presidencia del Boiro por motivos personales". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de abril de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]