Saltar ao contido

Cebra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A cebra pertence á familia dos cabalos, nativa de África central e do sur. Teñen raias verticais negras e brancas nos cuartos dianteiros, tendendo horizontalmente cara á parte traseira do animal. No seu hábitat natural realizan migracións en grandes mandas en busca de alimentos.

Hai tres especies e moitas subespecies. As poboacións de cebras varían moito, e as relacións e status taxonómicos de moitas das subespecies son pouco claros. Por outro lado, convén recordar que a palabra "cebra" non representa unha realidade dende o punto de vista evolutivo, senón que agrupa artificialmente tres especies en función dun carácter (a pel a raias) que non é derivado, senón primitivo. As raias aparecen tamén en maior ou menor medida nas patas e lombo dos asnos e cabalos salvaxes, e se manifestan máis fortemente nos híbridos, aínda que entre os proxenitores non haxa ningunha cebra de por medio (caso das mulas), evidenciando que a presenza de raias é un carácter antigo dentro do xénero Equus e non un derivado propio dun subgrupo dentro deste. As cebras, simplemente, foron un paso máis alá no desenvolvemento dunhas raias que xa posuían, mentres que os cabalos e asnos tenderon a perdelas ou enmascaralas. Aínda que a taxonomía das cebras segue sendo dubidosa, certos estudos como o de Debra K. Bennett (publicado baixo o expresivo título As raias non fan á cebra) indican que a cebra de planicie e a de Grévy son especies irmás, pero que a cebra de montaña está máis emparentada co cabalo que con estas. Dentro dos équidos actuais, o grupo tradicional formado polos asnos africanos e asiáticos sería o único cunha historia evolutiva detrás que o ratifica.

  • A cebra común, cebra de planicie (Equus quagga, anteriormente Equus burchelli) é a máis común, e ten aproximadamente cinco subespecies distribuídas arredor de gran parte do leste e sur de África.
  • A cebra de montaña (Equus zebra) do suroeste de África xeralmente ten unha capa lisa coa barriga branca e raias máis angostas que a cebra de planicie. Ten dúas subespecies e é clasificada como especie en perigo.
  • A cebra de Grévy (Equus grevyi) é a de maior tamaño, con crina hirsuta e testa longa e estreita que lle confire certo aspecto de mula. Habita os herbazais semiáridos de Etiopía, Somalia e Kenya do norte. Tamén se atopa en perigo.
  • Familia équidos

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]