Saltar ao contido

Castelo de Doiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Doiras
ben de interese cultural
ConcelloCervantes
ProvinciaLugo
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°46′58″N 6°59′06″O / 42.78277778, -6.985
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal? (s. XV)
Estilo actual? (s.XV)
Estado actualBo estado de conservación das estruturas visibles, pero moi mal restauradas e en estado de lamentable abandono
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Doiras, tamén coñecido como Castelo da Ferrería, é unha fortificación medieval. Sitúase no alto dun risco á beira do río Cancelada, no lugar de Doiras, na parroquia de Vilarello, do concello lugués de Cervantes, preto da Ferrería de Fonquente.

O castelo construíuse no século XV co obxectivo de defender a entrada en Galicia do Camiño de Santiago e foi fundado por Paio Guindós. Foi propiedade do conde Grajal de Campos, señor de Cervantes, título que posuíu até 1909 o Duque de Sexto. Mercouna Emilio Martínez Baladrón nos anos corenta e vendeulla despois a Bruno Arrojo. En 2001 pasou a pertencer a Xosé Soto Rodríguez, quen llo cedeu á fundación Xosé Soto de Fión.[1] En 2024 mercouno o concello de Cervantes coa axuda da Deputación de Lugo.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Está situado a 700 metros de altitude dominando o río Cervantes, na desembocadura do Doiras, e é posiblemente o monumento máis coñecido e característico da serra dos Ancares. Segundo Ángel del Castillo semella obra da segunda metade do século XV.

Estrutúrase nun polígono rectangular de 25 por 21 metros de ancho elaborado con muros de metro e medio de espesor e oito metros de altura (esta é desigual, debido ós desniveis do terreo), construído en cachotaría de lousa. A torre da homenaxe acada os 14 metros de altura, e ten planta rectangular (10 metros por 8) con muros de 2 metros de espesor. Interior con salóns e apousentos con pinturas ao fresco moi deterioradas. Todo forma conxunto coa igrexa, denantes capela familiar, e o grupo de casas do núcleo urbano.

A porta da entrada é de madeira e ten uns catro metros de altura, dende a cal se accede ao patio de armas. Unha porta cun arco de medio punto permite o acceso ao patio de honra.

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A pesar de que a primeira vista poida parecer en bo estado de conservación, polo impresionante das estruturas visibles, foi sometido en tempos recentes a diversas restauracións de dubidoso criterio científico e o seu interior atópase nun estado lamentable, ata o punto de que aparece lixo acumulado nalgunhas zonas.[3]

Lendas ó redor do castelo de Doiras

[editar | editar a fonte]
O lobishome (graffiti en Pontevedra)

Existen dúas lendas situadas no castelo de Doiras. A primeira conta que un pai e un fillo que vivían no castelo discutiron agremente porque o primeiro quería celebrar unha festa na casa mentres que o segundo prefería ir á festa que había en Pedrafita do Cebreiro. O fillo non quixo obedecer ó pai e este lanzoulle unha maldición: "Xa que tanto te gustan as mozas, así andes tras das lobas".

Efectivamente, unha noite o fillo vese impelido a abandonar a cama e o castelo, e remata envorcallándose nunha poza de lama. Así convértese nun lobishome que ataca o gando das aldeas próximas. O pai, agoirado pola falta do fillo e desconfiando que puidese tratarse deste acode a unha meiga, que lle confirma as sospeitas e aconséllalle qué facer para recuperar o fillo: deberá ferilo levemente e este recuperaría o aspecto humano, pero coa cautela de que se matase ó lobo, o fillo tamén morrería. O pai sobe ó monte e ata un año a unha toxeira, de forma que o lobishome acode ó cebo e el consegue facerlle un corte na pel co coitelo que leva.

Pouco a pouco, a pel do animal vaille caendo e liberando ó fillo, que pronto vai recuperando a antiga forma humana.

A segunda lenda, máis coñecida que a anterior, conta a transformación dunha doncela nunha cerva branca e a morte a mans do seu irmán, que andaba de cazata polos montes do lugar. Trátase da lenda da muller cerva.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Doiras ben merece unha atención", La Voz de Galicia, 5.02.2017, p. 4.
  2. "A Deputación de Lugo e o concello de Cervantes adquiren o castelo de Doiras por 960.000 euros". Cultura Galega. 4 de xaneiro de 2024. 
  3. Varela, Suso (27/1/2017). "Los historiadores alertan de los daños y el abandono del castillo de Doiras". La Voz de Galicia (en castelán). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • CARRÉ ALVARELLOS, Leandro: Las leyendas tradicionales gallegas, Espasa Calpe, colección Austral, Madrid 1977, 118-120.
  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, s.v. cervo e Doiras.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]