Saltar ao contido

Castelo da Peroxa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo da Peroxa
ben de interese cultural
ConcelloA Peroxa
ProvinciaOurense
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°26′03″N 7°47′13″O / 42.43420833, -7.786825
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(793?)
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O castelo da Peroxa, tamén coñecido como castelo de San Xes da Peroxa é unha fortaleza situada na parroquia de Graíces, no concello da Peroxa.

É un castelo medieval construído nun outeiro escarpado sobre o val do rego Rial, afluente do río Miño, que só suaviza a súa pendente na vertente cara á poboación. Está situado ao sueste da mesma, no lugar ocupado previamente por un poboado castrexo. Desde este lugar domínanse visualmente amplas zonas do val do Miño.

As orixes do castelo son descoñecidas. Porén, algúns autores vinculan a súa construción á liñaxe dos Temes para a defensa das súas terras, en 793, durante o reinado de Afonso II de Asturias.

Conta a lenda que, naqueles días, Abd Al-Karim tomou o castelo e desde el cometeu toda serie de abusos entre as xentes da comarca. Para o rescate dos cristiáns chegou o Apóstolo Santiago, voando sobre o seu cabalo, tomando e destruíndo o castelo.

A partir do século XIII pasou a mans do Adiantado-Maior de Galiza, cargo que ocupou a partir de 1370 Pedro Ruíz Sarmiento, primeiro Señor de Ribadavia[1], sendo transmitido aos seus descendentes. Durante o reinado dos Reis Católicos, Bernardino de Sarmiento obtivo o título de Conde de Ribadavia.

Como ocorreu coa maioría dos castelos de Galiza, sufriu no século XV os ataques dos sublevados irmandiños.

Ao longo do tempo, os habitantes do castelo e da vila foron vasalos dos condes de Ribadavia, dos señores do castelo de Maceda, dos do castelo de Vilamarín e do mosteiro de Sobrado dos Monxes.

No século XVIII foi desamortizado como tantas outras propiedades señoriais ou eclesiásticas.

Xa no século XX, cara a 1920 foi adquirido por Artemiro Fernández, que vendeu a pedra da poderosa torre da homenaxe e a de boa parte da cerca para a construción da actual igrexa parroquial da Peroxa.

Desde tempos antigos celébrase arredor do castelo a Feira da Peroxa, e aínda se conservan nas proximidades ruínas de pequenas construcións con restos de tella que servían de posto para os vendedores.

Características

[editar | editar a fonte]

Os vestixios da fortificación, toda ela construída en perpiaño granítico de boa labra, foron restaurados e consolidados recentemente, e poderían pertencer a unha construción do século XIII.

Adaptándose ás irregularidades do terreo, presenta unha planta poligonal, tendente á elipse, reforzada por catro torreóns semicirculares, dous deles ladeando a porta de acceso que se abre cara ao nordés. O torreón situado á esquerda da porta conserva o corpo de garda, aberto por unha simple seteira. Pola contra, do torreón dereito apenas se conservan os alicerces.

Así mesmo, permanece parte do adarve e, nun nivel inferior, un grande alxibe. Tamén se conservan vestixios dos muros interiores de división do recinto.

No centro do conxunto situábase a torre da homenaxe, que polos restos conservados dos alicerces, trataríase dunha sólida construción dunha altura considerábel.

No exterior da muralla, encostada a ela, consérvase unha construción con restos dunha cuberta de bóveda de canón, de función descoñecida.

  1. Tiña como escudo de armas sobre Campo de Ouro trece besantes vermellos, conservados no escudo do concello da Peroxa.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]