Carballeira de San Xusto
A carballeira de San Xusto é unha carballeira que se atopa na parroquia de San Xurxo de Sacos (Cerdedo-Cotobade), nunha lomba sobre o río Lérez.
Características
[editar | editar a fonte]É un lugar tradicional de encontro e referencia de lendas e vellos contos; contén carballos centenarios ademais de castiñeiros e carballos americanos. Dunha ampla extensión no pasado, hoxe está moi minguada.
Entre 1990 e 1996 houbo un conflito pola propiedade da carballeira entre os veciños da parroquia de San Xurxo de Sacos e a arquidiocese de Santiago de Compostela[1]. O 6 de xuño de 1990 o párroco Manuel Lorenzo efectuou en Ponte Caldelas o rexistro a nome da Igrexa deste espazo e do monte de Lixó[2]. Logo de diversos actos de protesta, durante anos de enfrontamento, a Audiencia Provincial e o Tribunal Supremo ratificaron a resolución ditada por un xulgado de instrución que daba a razón aos veciños. A propiedade da carballeira é da Comunidade de Montes da parroquia.
Durante a vaga de incendios de 2006 un forte incendio baixou desde Cerdedo a Pontevedra seguindo a beira do río Lérez, e pasou xunto á carballeira xusto o 5 de agosto. Os veciños que celebraban a romaría tiveron que marchar ás présas, ben para escapar do lume, ben para axudar a apagalo. Finalmente a carballeira salvouse. Un devoto dos Santos Xusto e Pastor, en agradecemento, trouxo ás festas dos anos seguintes cantantes de sona, como Manolo Escobar, Bertín Osborne ou David Bustamante, que achegaron milleiros de persoas á carballeira[3].
Patrimonio arquitectónico
[editar | editar a fonte]Está presidida por un cruceiro e unha capela, na que os días 5 e 6 de agosto se celebra a romaría de Santos Xusto e Pastor. Antigamente celebrábase na carballeira a danza das espadas, e os mozos da zona ían á caza de cabras salvaxes descolgándose sobre os cantís do val[4]. A veciñanza e a xente chegada en peregrinación participaba na procesión do santo polos lugares da parroquia, na que amais das imaxes de diferentes santos, ía o estandarte da Sociedade de Agricultores de San Xurxo de Sacos, fundada en 1903. Algúns dos peregrinos ían ofrecidos, levando caixas de mortos e ofrendas para poxar por elas.
A pequena ermida conserva o presbiterio cuberto, do século XV ou XVI, con bóveda de nervaturas. A nave é do século XVIII. Sobre a porta principal hai unha pedra coa seguinte inscrición:
San Justo y San Pastor. Feliz recordación a todos los fieles devotos que quieran aprovecharse de los grandes privilegios que están concedidos a este santuario por el pontífice Clemente obispo el año de 1712. Tienen indulgencia plenaria i remisión de todos sus pecados confesando i comulgando el día 6 de agosto en la última dominic del mismo más los días de la Asunción de Nuestra Señora el día 8 de septiembre más dos del año según la bula que está en este santuario también tiene el privilegio para poner ester señor manifiesto el día 6 de agosto todos los años.
Sobre unha porta no lateral sur hai outra pedra coa seguinte inscrición:
Esta puerta tragaluz y más reparos se hicieron con una buena lismosna que dio Don Joaquín Antonio Torrado y su muger Doña María Francisca Feyxo vecinos de Fefinans. Año de 1820.
En xuño de 2007 inaugurouse unha estatua en memoria da loita veciñal, concibida polo escultor Alfonso Vilar e rematada polo alumnado da Escola de Canteiros de Poio[5]. A escultura inclúe a seguinte inscrición:
Carballeira do San Xusto / carballeira enramada. / ¡Ao pé dous teus cen carballos / plantei a miña palabra! / 1990-1996
A carballeira na literatura popular
[editar | editar a fonte]- A Carballeira do San Xusto,/ ten ó lado unha xesteira/ onde hei de botar a noite/ cunha mociña solteira.
- Carballeira de San Xusto,/ carballeira derramada,/ naquela carballeiriña/ perdín a miña navalla.
- Carballeira de San Xusto,/ carballeira enramada,/ naquela carballeiriña/ perdín a miña navalla [6].
- Carballeira de San Xusto/ moitos arrodeos ten,/ se non fora polos Santos/ alá non iba ninguén.
- Carballeira do San Xusto,/ Carballeira do San Xusto,/ naquela carballeiriña/ hei de beilar ó meu gusto.
- Carballeira do San Xusto,/ carballeiriña famosa,/ naquela carballeiriña/ perdín eu a miña rosa.
- O castaño do San Xusto/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento/ nunha noite de xiada.
- San Xusto e San Pastor/ andan polos cotos/ para dar gracias ós forasteiros/ e curar ós coxos.
Ademais de na literatura popular, tamén ten presenta na literatura erudita, como nun poema de Xosé Fraga Iglesias.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Capela dos Santos Xusto e Pastor.
-
Carballeira de San Xusto.
-
Placas no muro sur da capela.
-
Cantigas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Un monumento recordará a loita veciñal pola carballeira de San Xusto" Arquivado 22 de outubro de 2016 en Wayback Machine., artigo de Cristina Barral en La Voz de Galicia, 20 de xuño de 2007.
- ↑ Da outra beira do río, no lugar de Fentáns, tamén na parroquia de San Xurxo de Sacos, e onde se atopa a capela da Nosa Señora de Lixó.
- ↑ "Os éxitos de Bertín Osborne soan esta noite en San Xusto", artigo de Cristina Barral en La Voz de Galicia, 1 de agosto de 2008.
- ↑ Fraguas Fraguas, A.: "Santos Xusto e Pastor en San Xorxe de Sacos", en Romarías e santuarios (1988).
- ↑ O escultor non puido rematala por motivos de saúde.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 257.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carballeira de San Xusto |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Penedo Padín, E. e Penedo Giráldez, A.: A Carballeira do San Xusto. Deputación de Pontevedra, 1998.