Campo semántico
Aparencia
(Redirección desde «Campo léxico»)
Un campo semántico ou campo léxico é un conxunto de lexemas que teñen en común un conxunto determinado de semas, chamado arquisemema. Noutras palabras, é o conxunto de palabras que teñen en común unha parte do seu significado.
Exemplo explicativo da definición
[editar | editar a fonte]Avelaíña e chinche pertencen ó campo semántico dos insectos pois teñen en común un conxunto de unidades significativas mínimas (semas) que, por seren cruciais para conformaren este campo semántico, se conforman o arquisemema. Entre outros, os semas poderían ser "ser animais", "ter seis patas" ou "ser pequenas", aínda que non "voar" ou "ser negras".
Características
[editar | editar a fonte]Os campos semánticos réxense polos seguintes principios fundamentais:
- Os campos semánticos non teñen por que cubrir, nas distintas linguas, tódolos matices conceptuais ou significativos posibles, poden presentar lagoas léxicas que son cubertas por arquilexemas.
- Os campos semánticos poden estar representados, polo tanto, por unha palabra 'arquilexemática' que corresponde ó valor unitario e común de todo o campo. Este arquilexema pode non estar acuñado lexicamente, non ser un lexema: campo dos animais domésticos.
- Os trazos significativos mínimos mediante os cales se organizan os campos léxicos deben de ser un número relativamente pequeno e acostuman repetirse nas distintas oposicións significativas entre as unidades léxicas.
- Poden establecerse neutralizacións entre as distintas unidades léxicas
- Entre os termos dun campo léxico prodúcese unha determinación recíproca do seu significado.
- Para coñece-lo significado dunha palabra non é preciso coñecer todo o campo.
- Os campos léxicos son campos lingüísticos (forma do plano contido), non de obxectos extralingüísticos.
- Un campo léxico dun nivel determinado pode quedar incluído como unidade noutros campos.
- Non poden estruturarse en campos xustapostos (un termo pode figurar en varios campos á vez).
- O léxico da lingua non presenta unha clasificación única nin homoxénea senón que admite un conxunto de clasificacións simultáneas e diferentes.
- Os campos léxicos non están estruturados seguindo os mesmos principios ou criterios. As relacións están determinadas polas oposicións semánticas que no campo funcionan. Os tipos de oposicións dependen das dimensións semánticas (criterios semánticos opositivos) que no campo se atopen.