Campionato do Mundo de Motociclismo
Tipo | campionato do mundo |
---|---|
Deporte | Motociclismo de velocidade |
Organizador | Federación Internacional de Motociclismo |
Localización e Datas | |
Vixencia | 1949 – |
Outro | |
Páxina web oficial | motogp.com |
O Campionato do Mundo de Motociclismo (oficialmente, FIM Road Racing World Championship Grand Prix) é a máxima competición mundial de motociclismo de velocidade. Este certame, coñecido ás veces como Campionato do Mundo de Velocidade, está rexido pola Federación Internacional de Motociclismo e divídese en tres categorías: MotoGP, Moto2 e Moto3. As motocicletas do campionato son construídas exclusivamente para esta competición, non para a comercialización ao público; isto diferénciase doutros campionatos que usan motos derivadas das de serie, como as Superbikes, as Supersport e as Superstock.
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]A primeira vez que se puxo en xogo o título mundial da motocicleta foi en 1905, cando Alessandro Anzani converteuse no primeiro campión do mundo da modalidade o 19 de xullo dese mesmo ano. Nunha carreira celebrada no Velódromo Zurenborg de Anveres (Bélxica), Anzani fixo valer o seu motor Alcyon Buchet de 1/3 litros para gañar a final tras a caída do belga Olieslagers (Minerva), e acabando por diante do francés André Pernette (Kingfisher).[1]
Alessandro Anzani, inventor e inmigrante italiano, era un empregado de Edmond Gentil (á súa vez, neto do inmigrante italiano Bernardo Gentile). Traballaba na fábrica Buchet, o grupo foi disolto e xunto ao enxeñeiro Jean Gentil-Ambroise Farcot tivo que abandonar a sociedade para continuar o traballo do seu padrasto falecido e que se convertería na potente factoría Albaret Farcot-Albaret. Continuou a investigación continuada dos motores para aeronaves de Anzani Farcot, fortemente inspirada nos de 3 cilindros gama Farcot o que permitiu a Louis Blériot cruzar o Canle da Mancha en 1909.
Era dos Grandes Premios
[editar | editar a fonte]O primeiro mundial GP que organizou a Federación Internacional de Motociclismo (FIM) data de 1949, e o seu evidente potencial económico non pasou desapercibido desde entón. Os dereitos comerciais do campionato pertencen actualmente a Dorna Sports.
Tradicionalmente celebráronse varias carreiras en cada Gran Premio, segundo os distintos tipos de motocicletas e baseándose na cilindrada do motor. existiron categorías de 50cc, 80cc, 125cc, 250cc, 350cc, 500cc e 750cc, e para sidecars categorías de 350cc e 500cc. Durante os anos 1950 e a maioría dos 1960, os motores de catro tempos dominaron o todas as categorías. Nos anos 1960, os motores de dous tempos comezaron a establecerse nas categorías máis pequenas. Nos anos 1970, os dous tempos eclipsaron completamente aos motores de catro tempos.
En 1979, Honda intentou volver aos motores de catro tempos na categoría raíña (500cc) coa Honda NR500, pero este proxecto fracasou e, en 1983, Fonda estaba gañando cunha dous tempos de 500cc. A categoría de máis cilindrada (750cc) apareceu en 1977 e desapareceu en 1979, cunha duración de tan só tres anos. A categoría de 50 cc foi substituída pola de 80cc, finalmente esta categoría foi suprimida nos 1990, logo de ter estado dominada por marcas (Bultaco, Derbi) e pilotos (Nieto, Aspar) españois. A categoría de 350 cc desapareceu nos 1980. Os sidecars foron apartados dos Grandes Premios nos 1990, quedando o campionato reducido ás categorías de moto3 (250cc), moto2 (600cc) e motogp (1.000cc).
Categorías
[editar | editar a fonte]MotoGP
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: MotoGP.
Trátase da "categoría raíña" do campionato, pois nela compiten as motos de maior cilindrada. Desde mediados dos 70 ata o ano 2002, a categoría permitía unha cilindrada de 500cc sen ter en conta se o motor era de dous ou catro tempos. Debido a isto, todos os motores eran de dous tempos grazas á súa maior entrega de potencia a igual cilindrada. En 2002 cambiou a regulamentación para facilitar o salto aos catro tempos, probablemente influenciado pola baixa cota de mercado das motos de rúa de dous tempos. As novas regras permitiron aos construtores elixir entre motos de dous tempos (500cc ou menos) e motos de catro tempos (990cc ou menos).
Pese ao importante aumento de custos que significou este cambio, debido ao aumento de cilindrada puideron rapidamente dominar aos rivais que aínda usaban motores de dous tempos. O resultado foi que a partir de 2003 non quedaban xa motocicletas de dous tempos na categoría raíña, coñecida desde entón como MotoGP. Máis tarde, en 2007, a Federación Internacional reduciu a 800cc a cilindrada máxima; con todo, a partir de 2012 volveuse aos 1000cc.[2]
Moto2
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Moto2.
É o nivel intermedio do Mundial e caracterízase pola utilización de motos de 600cc, con motor de catro tempos. Estes motores entraron en liza para a tempada 2010, data na que desapareceron desta categoría as motocicletas de 250cc con motor de dous tempos.
Aínda que durante o 2010 podía usarse o motor de dous tempos, todos os equipos pediron participar coas novas Moto2 e correr con motores de catro tempos, menos contaminantes e acordes ao cambio iniciado no concerto internacional do motociclismo de velocidade.
Moto3
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Moto3.
Do mesmo xeito que nas categorías superiores, os motores de dous tempos deixaron paso aos de catro. A partir de 2012 as motos de 125cc foron substituídas por motos de catro tempos monocilíndricas de ata 250cc. Esta nova categoría, coñecida como Moto3, está aberta a todas as marcas construtoras e o custo do propulsor está limitado a 10.000€.
Circuítos
[editar | editar a fonte]O calendario actual de grandes premios consiste en 19 premios en 15 países distintos dos 5 continentes: España (con 4 grandes premios), Italia (2 grandes premios), Estados Unidos, Qatar, Xapón, Francia, Gran Bretaña, Países Baixos, Alemaña, República Checa, Malaisia, Australia, Portugal, Austria e Tailandia.
|
|
|
Regulamento
[editar | editar a fonte]Puntuación
[editar | editar a fonte]O campión de cada categoría determínase cun sistema de puntos que se basea nos resultados do conxunto dos Grandes Premios da tempada. O mesmo sistema de puntos determina o piloto gañador e o construtor gañador do Campionato Mundial.
Posición | 1 (gañador GP) | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Puntos | 25 | 20 | 16 | 13 | 11 | 10 | 9 | 8 | 7 | 6 | 5 | 4 | 3 | 2 | 1 |
Disposición
[editar | editar a fonte]A saída de cada carreira está conformada por 3 columnas en todas as categorías, tanto MotoGP como Moto2 e Moto3 (isto ocorre a partir da tempada 2011, posto que ata este momento foran de 4 columnas nas dúas categorías inferiores) e un número de filas dependente do número de pilotos (uns 20 en MotoGP). As posicións de saída decídense na quenda de clasificación. Cada carreira dura aproximadamente 45 minutos, sen paradas en boxes para encher combustible nin cambiar pneumáticos.
Pneumáticos
[editar | editar a fonte]A elección dos pneumáticos de carreira é fundamental e extremadamente importante, xeralmente é o piloto o que toma esta decisión baseándose nas probas realizadas durante as sesións de prácticas, de cualificación e as quendas de arrequecemento antes das carreiras. A elección de pneumáticos tamén esta suxeita ás predicións meteorolóxicas. O normal é atopar unha combinación entre agarre e durabilidade. Canto máis brando é o composto do pneumático maior agarre terá, pero pola contra sufrirá un maior desgaste que un pneumático duro. Na categoría de MotoGP había un pneumático especial denominado 'Q' ou "pneumático de cualificación" que era usado na sesión de cualificación para intentar lograr a pole. Este pneumático 'Q' caracterizábase polo seu gran agarre, aínda que debido a isto só duraba unha volta ou como máximo dúas. O pneumático de cualificación foi eliminado debido aos altos custos. Para carreiras con choiva ou o asfalto mollado utilízanse pneumáticos especiais, que no caso de que se seque a pista sofren un elevado desgaste.
No 2005, outra regra foi incluída. Anteriormente, se unha carreira empezaba en condicións secas e empezaba a chover, os pilotos e os comisarios de carreira podían parar a carreira (mediante unha bandeira vermella), cambiar os pneumáticos á carreira e volver dar a saída disputándose o número de voltas restantes. Agora con esta nova regra, cando a carreira empece en seco e comece a chover os comisarios sacarán unha bandeira branca, que autoriza aos pilotos a entrar en boxes (cando eles desexen) e cambiar os pneumáticos de seco a húmido. En ningunha outra condición os pilotos poderán parar en boxes para cambiar os pneumáticos.
Estatísticas
[editar | editar a fonte]Pilotos
[editar | editar a fonte](Actualizado: 20 de maio de 2012)
Os Campións do Mundial de Motociclismo de Velocidade son galardoados como os pilotos máis exitoso de cada tempada en cada unha das categorías. Giacomo Agostini foi o campión máis galardoado na historia dos GP con 15 títulos (8 en 500cc e 7 en 350cc). O piloto máis dominante foi Mick Doohan, gañando 12 de 15 carreiras en 500cc o 1997 (o 80% das carreiras do ano), no mesmo ano Valentino Rossi gañou 11 de 15 carreiras en 125cc. Valentino Rossi é o corredor actualmente en activo con mellor palmarés. Habendo gañado 9 títulos incluíndo 6 en MotoGP, 1 en 500cc, 1 en 250cc e 1 en 125cc.
Máis de 300 pilotos gañaron algún gran premio do Campionato do Mundo de Motociclismo. En canto aos pilotos con máis vitorias destaca Giacomo Agostini que conseguiu ata 122 primeiros postos. O piloto en activo con máis vitorias é Valentino Rossi con 105 (ata o inicio do campionato de 2011).
Piloto | Nacionalidade | Vitorias GP | Campionatos Mundiais | |
---|---|---|---|---|
1. | Giacomo Agostini | 122 | 15 | |
2. | Valentino Rossi | 105 | 9 | |
3. | Ángel Nieto | 90 | 13 | |
4. | Mike Hailwood | 76 | 9 | |
5. | Mick Doohan | 54 | 5 | |
6. | Phil Read | 52 | 7 | |
7. | Jim Redman | 45 | 6 | |
8. | Max Biaggi | 42 | 4 | |
9. | Anton Mang | 42 | 5 | |
10. | Casey Stoner | 42 | 2 | |
11. | Jorge Lorenzo | 40 | 3 | |
12. | Carlo Ubbiali | 39 | 9 | |
13. | Dani Pedrosa | 38 | 3 | |
14. | John Surtees | 38 | 7 | |
15. | Jorge Martínez Aspar | 37 | 4 |
Na seguinte táboa preséntanse as vitorias agregadas pola nacionalidade dos pilotos (países con máis de 50 vitorias de gran premio).
Nacionalidade | Vitorias GP | Campionatos Mundiais |
---|---|---|
Italia | 735 | 75 |
España | 409 | 36 |
Reino Unido | 365 | 44 |
Alemaña | 182 | 17 |
Estados Unidos | 173 | 17 |
Xapón | 172 | 8 |
Australia | 169 | 11 |
Rodesia | 70 | 8 |
Francia | 69 | 5 |
Suíza | 67 | 8 |
Países Baixos | 57 | 3 |
Construtores
[editar | editar a fonte](Actualizado: 2 de maio de 2011)
Construtor | Vitorias GP | Por categorías | |
---|---|---|---|
1. | Honda | 636 | 61 – MotoGP, 156 –500cc, 35 –350cc, 207 –250cc, 164 –125cc, 13 – 50cc |
2. | Yamaha | 462 | 63 – MotoGP, 120 –500cc, 67 –350cc, 165 –250cc, 47 –125cc |
3. | Aprilia | 281 | 143 –250cc, 138 –125cc |
4. | MV Agusta | 275 | 139 –500cc, 76 –350cc, 26 –250cc, 34 –125cc |
5. | Suzuki | 155 | 1 –MotoGP, 89 –500cc, 35 –125cc, 30 –50cc |
6. | Derbi | 106 | 1 –250cc, 63 –125cc, 25 –80cc, 17 –50cc |
7. | Kawasaki | 85 | 2 –500cc, 28 –350cc, 45 –250cc, 10 –125cc |
8. | Kreidler | 71 | 71 –50 cc |
9. | Gilera | 59 | 35 – 500cc, 4 –350cc, 12 –250cc, 8 –125cc |
10. | Garelli | 51 | 44 –125cc, 7 –50cc |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "O primeiro campión do mundo da historia". Motocicleta Clásica. 11-12-2009. Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2012. Consultado o 16 de marzo de 2012.
- ↑ "MotoGP changes for 2012". MotoGP. 11-12-2009. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2013. Consultado o 16 de marzo de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Campionato do Mundo de Motociclismo |