Saltar ao contido

Camiño de Fisterra-Muxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaCamiño de Fisterra-Muxía
Tiporuta de peregrinación Editar o valor en Wikidata
Parte deruta xacobea en España Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaEspaña Editar o valor en Wikidata
As botas, símbolo do peregrino, en Fisterra

O Camiño de Fisterra é o único dos Camiños de Santiago con orixe na cidade de Compostela. Realmente, trátase da continuación, prolongación ou epílogo dos diferentes Camiños e, de feito, hai unha tendencia a non conceder a categoría de Camiño de Santiago a este itinerario, e mesmo a cualificalo como pagán ou profano, en contraposición ó carácter relixioso doutros itinerarios que si se dirixen cara ao Apóstolo [1], unha vez alcanzada a meta da peregrinación a Santiago. Tras visitar o Apóstolo na catedral, numerosos peregrinos deciden continuar a ruta para rematar a súa viaxe en Fisterra ou en Muxía.

Con este Camiño, os peregrinos que se dirixen a Fisterra pretenden alcanzar a fin do mundo antigo, o finis terrae. Os que optan por camiñar cara Muxía buscan visitar o santuario da Virxe da Barca, onde a tradición di que quedou petrificada a a barca na que a Virxe veu animar a Santiago na súa predicación en Galicia; a barca sería o que hoxe se coñece como a Pedra de abalar, a vela sería a Pedra dos Cadrís e unha terceira pedra coñécese como a Pedra do Temón.

Coñécense relatos, xa desde o século XIV, de peregrinos máis ou menos ilustres que chegaron ata Fisterra continuando a súa peregrinación a Compostela. Así, de 1355 é a descrición da súa viaxe do húngaro Xurxo Grisaphan; de 1466-1467, a viaxe de León de Rosmithal, procedente de Bohemia; de cara 1584, a do alemán Erich Lassota; no século XVII, 1670, tamén fixo esta viaxe o crego Domenico Laffi, de Boloña, e así outros nobres e relixiosos europeos. Domenico Laffi describe o itinerario que deben seguir os peregrinos italianos ata Santiago e Fisterra [2]: "Preparamos buenas provisiones de pan y vino y salimos por la puerta situada hacia el Mediodía, dirigiéndonos hacia poniente" [3].

Ademais destes documentos escritos, tamén existen outras mostras históricas que recollen a presenza dos peregrinos nesta ruta. Así, por exemplo, os diversos hospitais de peregrinos que deberon existir nas localidades polas que discorre deixaron a súa pegada na toponimia, como aconteceu co lugar de Hospital, en Dumbría, e na existencia demostrada doutros hospitais en Cee, Corcubión e Fisterra. Tamén houbo hospital de peregrinos en Fisterra, a carón da igrexa de Santa María das Areas. Outros topónimos posiblemente relacionados serían os lugares do Camiño Real e Portocamiño.

Tamén, a tradición oral recolleu a relación coa translatio e a presenza dos discípulos do Apóstolo nestas terras, e así, o Códice Calixtino (no seu Libro III, Capítulo I) inclúe a lenda da traslación do corpo do Apóstolo desde Dugium (hoxe Duio, tamén en Dumbría) cara Compostela. Finalmente, tamén hai constancia de condenas impostas por tribunais europeos medievais consistentes en peregrinar a Fisterra ou Santo André de Teixido, entre outros lugares santos.

Outra lenda que relaciona estes lugares co Apóstolo é a da aparición da Virxe do Pilar a Santiago en Muxía, da que xa falamos.

Xa en tempos máis recentes pero moito antes da revitalización dos Camiños co gallo do Xacobeo 1993, un dos primeiros libros que estudaron en profundidade as peregrinacións xacobeas foi o titulado Las peregrinaciones jacobeas, escrito por Luciano Huidobro Serna en tres tomos, entre 1949 e 1951. Neste texto xa se describe a ruta entre Santiago e Fisterra (px. 300 a 316 do tomo III), se ben non menciona a desviación a Muxía.

Itinerario

[editar | editar a fonte]

A distancia a percorrer é duns 89 km se se segue a ruta de Fisterra e duns 87 km se se segue a de Muxía; se, como é común, se completa o Camiño indo desde Fisterra a Muxía, falaríamos xa duns 119 km [4].

As diferentes Guías publicadas adoitan dividir a ruta en tres etapas ata Fisterra, máis unha cuarta desde Fisterra a Muxía, pero esta división obedece ó reducido número de albergues intermedios que había ata hai ben pouco, e situados só nas localidades máis importantes (Negreira e Olveiroa), o que obrigaba a facer etapas moi longas, da orde de 33–35 km, excepto a primeira, de tan só 21 km. Ata o Xacobeo de 2010, o Camiño só contaba con oito albergues, catro deles localizados en Fisterra ou Muxía e outros catro en localidades intermedias [5]; nese mesmo ano do Xacobeo de 2010 abríronse outros oito [6], tanto en destino como noutros puntos intermedios, e en 2011 alcanzouse a cifra de 19 albergues, entre públicos e privados. Isto permite ó peregrino redistribuír as etapas dunha forma menos ríxida e máis razoable, en función do esforzo que cada quen estea disposto a realizar e do tempo dispoñible para facer o Camiño.

Á dificultade que representa para o peregrino a extensión xa citada das etapas desta ruta, que representa un verdadeiro esforzo, súmase o feito de que abundan os tramos de ata varios quilómetros sen ningún servizo de restauración ou de venda de alimentos. Así mesmo, o reducido número de peregrinos explica o deficiente mantemento do camiño en numerosos tramos [7].

No asfalto, apoarecen algunhas frechas marelas indicando a dirección a Compostela

Nos últimos anos naceu a tendencia de facer esta ruta tamén en sentido inverso, desde a costa, sexa Fisterra ou Muxía, ata Santiago. En calquera caso, cómpre advertir que non se poderá recibir a Compostela, dado que non se cumpre o requisito de facer, andando, os últimos 100 km, como mínimo, pero si que a pode obter se fai o itinerario completo Fisterra-Muxía-Santiago ou Muxía-Fisterra-Santiago, pois xa superaría amplamente os 100 km. Non obstante, os concellos de Fisterra e de Muxía entregan ós peregrinos cadanseu documento que acredita ter feito o Camiño, a Fisterrana e a Muxiana, respectivamente.

A sinalización resulta, en xeral, máis que suficiente, aínda que na saída desde o Obradoiro non hai indicacións, e algún que outro tramo poida dar lugar a confusión. No tramo entre Fisterra e Muxía, os fitos quilométricos sinalan o sentido e as distancias en ámbalas direccións.

O Camiño de Fisterra cruza terras de dez concellos: ademais do propio Santiago, pasa por Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía.

1ª etapa: Santiago de Compostela - Negreira

[editar | editar a fonte]

 Santiago de Compostela - A Ponte Sarela - Sarela de Abaixo - As Moas de Abaixo - O Carballal - Roxos - Quintáns - Portela - Ventosa - O Lombao - Pedras - Augapesada - Carballo - Trasmonte - Reino - Burgueiros - A Ponte Maceira - Os Outeiros - A Barca - A Chancela - Negreira 

A rúa das Hortas, pola que comeza a andaina do peregrino

O itinerario comeza ante a Catedral, na propia praza do Obradoiro, dirixíndose á esquina entre o Hostal dos Reis Católicos e o Pazo de Raxoi para coller a rúa das Hortas. Neste punto, onde hoxe discorren as rúas de Entrerríos e da Trindade, abríase na muralla da cidade a Porta do Santo Peregrino ou Porta da Trindade e, moi cerca, a carón da Igrexa de San Frutuoso, o cemiterio de peregrinos [8], hoxe convertido en xardín.

O peregrino baixa pola rúa das Hortas, na que pode observar un bo número de marcas de propiedade nas casas de ámbalas beiras da rúa [9]. Cruza As Galeras e avanza polas rúas Cruceiro do Galo e de San Lourenzo ata chegar á Carballeira do mesmo nome, que o recibe do convento franciscano de San Lourenzo de Trasouto, hoxe convertido en pazo.

O primeiro fito quilométrico, que indica a distancia a Fisterra e a Muxía

Como xa se dixo, nesta carballeira se atopan os primeiros fitos quilométricos deste Camiño indicando a distancia a percorrer ata Fisterra (88,139 km) e Muxía (86,337 km).

Deixando á esquerda o Pazo de San Lourenzo, descéndese pola Costa do Cano cara ao río Sarela; tras cruzar A Ponte Sarela pásase xunto a unha vella fábrica de curtidos, hoxe en ruínas, e, pouco despois, polo lugar de Sarela de Abaixo, ambas na parroquia de San Paio, aínda no concello de Santiago. Desde aquí o peregrino poderá ver por última vez as torres da catedral de Santiago.

A un par de quilómetros chega ó lugar das Moas de Abaixo, xa na parroquia de Figueiras, tamén do concello de Santiago. Segue polo Carballal, outra parroquia de Santiago de Compostela, e por Roxos, Quintáns e Portela, tres lugares da parroquia compostelá de Villestro, para chegar por fin ó primeiro bar restaurante da etapa, tras uns 10 km de camiñada.

O Camiño deixa o concello de Santiago e entra agora no de Ames. Tras un leve ascenso ata Ventosa, na parroquia de Covas debe seguirse un longo ramo de asfalto ata o lugar do Lombao, aínda en Covas. Segue pola estrada polos lugares de Pedras e Augapesada, xa na parroquia de Ames. Rosalía de Castro pasou temporadas da súa infancia na lindeira parroquia de Ortoño.

Toca agora unha forte subida, a única dificultade real desta etapa, cara ao Alto do Mar de Ovellas, de 272 m de altitude. Tras cruzar o Rego dos Pasos comeza un longo ascenso de máis de 2,5 km e 215 m de desnivel, no que varios bancos de cemento poden servir de repouso ó peregrino [10]. Alcanzado o cumio, séguese por asfalto en continuado descenso ata Carballo, Trasmonte, Reino e Burgueiros, os catro na parroquia de Trasmonte (Ames).

A Ponte Maceira, sobre o río Tambre

Chégase así ó lugar da Ponte Maceira, xa na parroquia de Agrón, aínda no concello de Ames. A Ponte Maceira é en realidade un único núcleo urbano dividido administrativamente en dous polo río Tambre. Unha parte pertence a Ames e a outra, máis historiada e con edificios máis nobres, é A Ponte Maceira da parroquia de Portor, Negreira, pola que o Camiño entra neste concello.

A ponte que identifica o lugar, a Ponte Vella cruza o río Tambre, linde natural entre os concellos de Ames e Negreira. De orixe romana pero moi modificado posteriormente (na Idade Media e nos séculos XIV e XVIII), era o paso obrigado para cruzar o río desde Santiago cara a Costa da Morte.

Conta a lenda -recollida por vez primeira no Libro III do Códice Calixtino- que os discípulos do Apóstolo Santiago viñan de Duio co seu corpo cara ao que séculos despois sería Compostela, perseguidos polos lexionarios romanos que querían darlles morte. Por fin alcanzaron e cruzaron a Ponte Maceira levando os romanos cabo deles pero, cando estes intentaron cruzar a ponte, esta veuse abaixo causando a morte de todos eles e garantindo así a supervivencia dos cristiáns. O derrubamento da ponte pola intercesión divina quedou reflictido no escudo do concello, onde se ve a ponte rota, un romano a un lado e a cruz do cristiáns ó outro e, no medio, a cuncha que simboliza ó Apóstolo [11].

O milagre, representado no escudo de Negreira
Pero, descuberto isto [as intencións do rei de Duio de matar ós discípulos do Apóstolo] ao advertilo confidencialmente por vontade de Deus, escapan fuxindo con rapidez. Cando se informou ao rei da súa fuga, movido por unha ardentísima ira, imitando a ferocidade dun león rabioso, segue teimosamente as pegadas dos fuxitivos servos de Deus xunto cos que estaban na súa corte. E cando xa chegara o momento de estar a punto de ser mortos a mans dos perseguidores, atravesan xuntos, uns inquedos, outros confiados, unha ponte sobre certo río, e nun só e mesmo intre, por súbita determinación de Deus todopoderoso, a ponte pola que estaban pasando vénse abaixo desde os cimentos e esborrállase desde a cima ata o fondo. E así o sentenciou o decidido ditame do xuízo do Rei Eterno, para que nin un tan só de toda a turbamulta de perseguidores sobrevivise para contar no palacio do rei o que ocorrera. Os santos varóns, volvendo a cabeza cara ao ruído das armas e das pedras que se esborrallaban, entoan as grandezas de Deus dignas de ser pregoadas, ao ver os corpos dos magnates e os seus cabalos e arreos militares rodar miserablemente debaixo das augas do río, do mesmo xeito que noutro tempo o experimentara o exército coa xente de Canope [12]
Códice Calixtino. O 'Liber Sancti Iacobi' en galego. Traducido por Xosé López Díaz. Xunta de Galicia-S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, 2013.

Unha vez atravesada a Ponte Vella, o Camiño entra agora no concello de Negreira e na comarca da Barcala. Avanza á beira do Tambre e pasa baixo o viaduto da estrada AC-450, pasa polos lugares dos Outeiros (na parroquia de Portor) e da Barca e A Chancela (ambas na parroquia de Logrosa).

A etapa chega ó seu fin e entra en Negreira pola avenida de Santiago. Os peregrinos que queiran dormir no albergue público deberán atravesar a cidade, xa que este se atopa á saída de Negreira; na cidade existen outros sete albergues privados.

2ª etapa: Negreira – Olveiroa

[editar | editar a fonte]

 Negreira – Zas – O Camiño Real – O Rapote – A Pena – Piaxe – Portocamiño – Vilaserío – O Cornado - Santa Mariña - Bo Xesús - A Gueima - Vilar de Castro - As Abeleiroas - Mollón - A Ponte Olveira - Olveiroa 

Pazo de Cotón, visto desde a saída de Negreira

Trátase dunha longa etapa (32–34 km, segundo as fontes) que adoita dividirse en dúas, facendo noite nalgún lugar intermedio, como Vilaserío ou Santa Mariña, aínda que a primeira opción cae demasiado cerca do punto de partida e a segunda leva ó peregrino a unha localidade sen apenas servizos. O primeiro terzo, ata Vilaserío, faise en suave pero continua ascensión [13] pero o resto do traxecto non ofrece dificultades especiais.

O comezo da etapa dependerá de onde pernoctara o peregrino, pero pode situarse no centro da vila. Debe collerse a estrada ou Carreira de San Mauro, que en tempos foi Camiño Real, cara ao pazo do Cotón, baixo cuxos arcos hai que pasar. O Pazo, do século XIV, está unido á igrexa de San Mauro por unha pasarela con tres arcos sobre a estrada, e toma o nome do lugar sobre o que está construído, O Cotón (hoxe xa unido ó núcleo urbano), de onde se supón natural o trobador Afonso Eanes do Coton.

Axiña se alcanza e cruza o río Barcala, tomando a vía cara á igrexa de San Xián (do século XVIII) e, baixo a sombra dunha mesta carballeira, ascéndese cara ao Alto da Cruz. A seguir chégase ó núcleo de San Mamede de Zas e, máis adiante, déixase a un lado o lugar do Camiño Real. A ruta continúa avanzando polo val de Barcala e chega ó lugar do Rapote (xa na parroquia de San Martiño de Broño) e, tras un novo ascenso, ós da Pena e Piaxe, pasando ante a igrexa de San Mamede da Pena. O ascenso continuo levará logo ó peregrino a Portocamiño e, tras cruzar o río Forxán, chégase ó pouco a Vilaserío, xa na parroquia de Bugallido.

Como dixemos, Vilaserío pode considerarse fin de etapa, e conta con albergues e servizos para o peregrino. De continuar a camiñada, pasarase polo Cornado. Tras varios quilómetros sen servizos por corredoiras que poden estar intransitables en inverno, crúzase os regos da Barbeira e das Maroñas e alcánzase ó pouco o lugar de Santa Mariña das Maroñas, onde se abandona o concello de Negreira e se entra no de Mazaricos.

Escudo de Santa Comba, con dúas cunchas de vieira, características do peregrino

Cómpre indicar que neste último tramo, o Camiño atravesa durante no máis de 800 metros polo extremo sur do concello de Santa Comba, concretamente por terras da parroquia de San Martiño de Fontecada [14]. De feito, no escudo de Santa Comba figuran dúas cunchas de vieira, símbolo clásico da peregrinación xacobea, e entre os diferentes lugares do concello figura un co nome do Hospital, onde houbo un hospital de peregrinos .[15]. Sábese igualmente que na capital municipal, na capela de Santa Catarina, a carón da casa do concello, tamén eran atendidos os peregrinos enfermos.

Pasada Santa Mariña, hai que cruzar –con precaución- a estrada AC-400 e pouco despois pásase polos lugares de Bo Xesús e da Gueima. A seguir chégase a Vilar de Castro, aínda na parroquia das Maroñas.

O Camiño sobe agora ó Monte Aro e, superado o cumio, comeza un descenso que conducirá ó peregrino ata Olveiroa, a fin da etapa. Durante este descenso, a paisaxe mostra á dereita do Camiño o encoro da Fervenza, construído en 1966 sobre o río Xallas anegando terras dos concellos de Mazaricos, Dumbría, Vimianzo e Zas.

A seguir pásase polos lugares de Campo Valado, Porteliñas e As Abeleiroas, así como pola igrexa parroquial de San Cristovo de Corzón. Ó pouco alcánzase o lugar de Mollón e, por fin, o río Xallas, linde dos concellos de Mazaricos e Dumbría, no que entra agora o peregrino.

Traspasada a ponte éntrase na Ponte Olveira [16]. Nesta localidade tivo lugar en 1809 unha cruenta batalla contra as tropas napoleónicas dentro da Guerra da Independencia española, cunha sonora derrota dos galegos sublevados.

Aínda cómpre andar un último tramo ata chegar a Santiago de Olveiroa, pequena vila de trazado medieval na que se pode ver a igrexa de Santiago, de estrutura románica e reconstruída no XVIII. A pequena vila restaurou recentemente o seu patrimonio de arquitectura tradicional, no que destacan os hórreos centenarios, e actualmente está orientada ós servizos ós peregrinos, contando con albergues e establecementos de restauración.

3ª etapa: Olveiroa – Fisterra

[editar | editar a fonte]

 Olveiroa – O Logoso – Hospital – Figueiroa - Os Camiños Chans – Cee – Corcubión - -O Vilar – Amarela – Estorde – Sardiñeiro - Calcova – Fisterra – San Roque 

Fin do Camiño, km 0, ó pé do Faro de Fisterra

Esta será outra longa etapa, de case 35 km. Abandonando o lugar de Olveiroa, o Camiño comeza seguindo durante un momento a beira do Xallas, tras cruzar un pequeno rego e ladeando a aba do monte Sino. Logo dunha suave subida chegará ó río Hospital, que se cruza por unha moderna ponte no chamado Vao de Ripas, e deixa a compañía do Xallas para seguir á beira do río Hospital.

Ó pouco chégase ó lugar do Logoso, pequena localidade que xa conta con servizos para o peregrino, ó pé do Monte Castelo [17]. A subida, que comezou ó salvar o río Hospital, segue ata levar o peregrino ata o lugar de Hospital, topónimo que reflicte a presenza dun hospital de peregrinos, xa documentado no século XIII. Superado o lugar axiña se chega á estrada DP-3404, no punto onde o camiño se bifurca (km 6 da etapa): á dereita, se o peregrino se dirixe a Muxía, ou á esquerda se continúa cara Fisterra. Neste artigo, o itinerario da etapa rematará en Fisterra [18]. Dentro do imaxinario popular, cabe lembrar que as lendas sitúan en Hospital a presenza dun monstro, chamado Vaker [4] ou Vakner, que devoraba os peregrinos que se atrevían a pasar polo lugar [19].

A ruta cara Fisterra avanza, en prolongado descenso, pola estrada CP-2303, bordeando a central de Ferroatlántica e deixando a un lado, nas inmediacións do Camiño, o petróglifo de Pedra Ancha, con representacións de armas (espadas e alabardas) e cruciformes. Pouco despois crúzase o río do Fragoso.

A uns 2 km pásase a carón do cruceiro de Marco do Couto, antigo marco xurisdicional que marca o linde entre as parroquias de Dumbría, que abandona agora o peregrino, e San Pedro de Buxantes, na que se interna. Desde este tramo do Camiño pódese divisar por primeira vez, alá ó lonxe e se o tempo o permite, o mar e o faro de Fisterra. Á esquerda pódese ver o monte Pindo.

A seguir, a ruta chega ó Santuario de Nosa Señora das Neves, un dos lugares simbólicos do Camiño. Situado no lugar de Figueiroa, na parroquia de Buxantes, trátase realmente dunha pequena capela, unha sinxela construción de finais do século XV e reconstruída no XVIII. Coñeceuse tamén como ermida da Nosa Señora da Fonte [20]. Refírese a unha fonte santa que hai a carón da capela e á que se atribúe a propiedade de aumentar a cantidade e calidade do leite das mulleres que beben nela, así como das femias do gando doméstico que abeberan alí [21]. No interior da capela consérvase un gravado coa silueta dun pé, que a tradición popular atribúe a un peregrino francés que morreu neste lugar no seu camiño cara Fisterra [22].

O Camiño continúa agora cun prolongado descenso, alternado con breves subidas. Nalgún momento, que non se sinaliza, o peregrino deixa o concello de Dumbría e entra no de Cee, para chegar logo á ermida de San Pedro Mártir, na parroquia da Pereiriña; trátase dunha pequena capela do século XVII tamén dotada dunha fonte milagreira, cuxa auga cura as dores de cabeza e a reuma. Segue o descenso e alcánzase o cruceiro da Armada [23] e, máis adiante, o lugar dos Camiños Chans, na parroquia de Brens, onde acaba o pronunciado descenso que viña desde o cruceiro da Armada, unha vez que se alcanza, case, o nivel do mar.

Moi preto xa, chégase a Cee, onde o peregrino poderá atopar tódolos servizos que precise. Pode, tamén, dividir aquí esta etapa, unha vez andados 19,5 km desde a saída en Olveiroa, ou facelo na inmediata vila de Corcubión. En Cee cómpre visitar a igrexa de Santa María de Xunqueira, do século XVI e con capela maior de estilo gótico.

O itinerario urbano por Cee leva ó peregrino ata o paseo marítimo, e este ata Corcubión. Cómpre visitar aquí, no casco antigo, a igrexa parroquial de San Marcos, orixinalmente románica do século XII, con elementos góticos e moi modificada en séculos posteriores.

Na saída de Corcubión comeza unha curta pero forte pendente ata o campo de San Roque, pasando polo lugar do Vilar, na parroquia de San Pedro de Redonda, onde hai un albergue de peregrinos. Nesta continua sucesión de subidas e baixadas, o camiño volve a descender para chegar ó lugar da Amarela e segue pola beiravía da estrada AC-552 para ir parar á zona das praias de Estorde, de novo e por pouco tempo no concello de Cee para entrar, axiña, no de Fisterra.

O Camiño cruza agora Sardiñeiro, onde pode haber algunha confusión coa sinalización, coa igrexa parroquial de San Xoán, de estilo barroco (s. XVIII). A saída faise polo antigo Camiño Real, que evita camiñar por asfalto pero pronto volve a seguir a estrada. Achégase á praia de Talón e, ó pouco, descende á praia de Langosteira, longa praia de máis de 2 km, de area fina e augas limpas, cara ó interior da ría de Corcubión. Antes de baixar á praia crúzase o lugar de Calcova (na parroquia de San Martiño de Duio).

A ruta percorre de principio a fin a praia de Langosteira. O itinerario oficial, marcado, faino por un sendero tralas dunas pero resulta habitual baixar á area e facer este tramo a pé de praia (mesmo recollendo as cunchas de vieira que aparecerán entre a area). Pasada a praia, déixase atrás o cruceiro de Baixar (do s. XVI) e o barrio de San Roque, para seguir polo paseo marítimo da vila de Fisterra. Chégase así ata a rúa Real, onde se abre o albergue público e onde se pode solicitar a Fisterrana.

Interior da igrexa de Santa María das Areas

Aínda lle quedan ó peregrino uns tres quilómetros de marcha, pois debe continuar ata alcanzar o faro de Fisterra. Trátase, ademais, dun tramo todo costa arriba e todo por asfalto. Na estrada que o leva ata alí ha pasar primeiro por diante da igrexa de Santa María das Areas, cuxa primeira construción se data no século XII con ampliacións posteriores. A carón da igrexa levantouse en 1479 o Hospital de Peregrinos da Nosa Señora do Rosario, do que hoxe apenas quedan restos; e no interior da mesma custódiase a imaxe do Santo Cristo de Fisterra, o Cristo da barba dourada. A lenda conta que a imaxe foi roubada por uns mariños ingleses que non puideron escapar ó verse sorprendidos por unha forte treboada que só calmou cando botaron ó Cristo ó mar e foi rescatado polos mariñeiros do lugar. Tamén se lle atribúe a conversión milagreira duns mouros que desembarcaron alí para profanar o templo. Na igrexa existe unha Porta Santa que no século XV permitía alcanzar indulxencia plenaria ós peregrinos que a cruzaban.

O Camiño continúa cara ao sur, ascendendo pola estrada, e pasa xunto un moderno monumento ó peregrino, estatua en bronce dun peregrino desafiando o vento. Tamén se pasa xunto á ermida de San Guillerme, da que só quedan as ruínas no alto do monte Facho. Conta a tradición que alí viviu un tempo Guillerme X, duque de Aquitania, que peregrinara a Santiago en 1137 e terminou morrendo ó chegar á Catedral, dando pé ó Romance de don Gaiferos. Máis probable semella ser que a ermida fose o resultado da cristianización dun lugar de culto pagán relacionado co culto ó sol (Ara Solis). Tamén se relaciona con ritos de fecundidade, conservándose entre as ruínas unha gran lousa na que se deitaban os matrimonios que non conseguían ter fillos. Martín Sarmiento fíxose eco deste costume na súa Viaje a Galicia en 1745: "No hace mucho tiempo, había una pila o cama de piedra en la que se echaban marido y mujer que, por estériles, recurrían al Santo y a aquella ermita". Ó final, a ermida foi derruída no século XVIII.

E, por fin, chégase ó fin do Camiño, onda o faro do cabo Fisterra, no que se sitúa o fito quilométrico dos 0,0 km. O faro foi construído en 1853 e no edificio da base atópase o Centro de Información Turística, tendas para os turistas e bar.

Tradicións ó chegar a Fisterra

[editar | editar a fonte]
Punta do cabo Fisterra, coas pegadas das roupas queimadas polos peregrinos
Solpor en Fisterra

A tradición –probablemente recente- impón certos rituais ó peregrino que chega a Fisterra [24]:

  • Bañarse na praia de Langosteira, pouco antes de entrar na vila de Fisterra. Trataríase dun rito purificador que limpa o pecado e prepara o peregrino para dar os últimos pasos do Camiño. Este baño purificador é equivalente ó que se daban na Lavacolla os peregrinos do Camiño Francés ou na Ponte do Sar os que viñan pola Vía da Prata. Non se documenta un lugar de lavado ritual coma estes para os peregrinos do Camiño Portugués, pero hai que ter presente que os últimos quilómetros deste Camiño sufriron notables modificacións durante a construción das estradas de acceso a Santiago.
  • Queimar a roupa que vestía ata ese momento, tamén coa mesma intención purificadora e de renuncia a todo o material; outros reducen esta quema ás botas ou ó calzado que se utilizara ata chegar alí. Esta práctica está prohibida, pois xa provocou máis dun incendio no mato existente na zona, pero recentemente se construíu un pequeno espazo acoutado a modo de queimadeiro para poder realizar este ritual con seguridade para o contorno[25].
  • Contemplar o solpor, como símbolo místico e máxico da morte e resurección do sol no océano.

Algúns engaden tamén a obriga de asistir a misa, esixible só ós peregrinos que fixeran o Camiño por motivos relixiosos.

Fisterrana e Muxiana

[editar | editar a fonte]

Como xa se dixo, o peregrino que fai o Camiño ata Fisterra ou Muxía non recibirá a Compostela pero, no seu lugar, os concellos destas dúas localidades estableceron hai anos unha acreditación similar que certifica que o peregrino fixo esta ruta.

Arca de Santiago nun escudo da igrexa de San Pedro de Coucieiro, Muxía

O concello de Fisterra creou en 1997 a Fisterrana, unha certificación oficial que se concede no Albergue da localidade, acreditando que o peregrino chegou ó fin da terra. Pola súa banda, o concello de Muxía creou en 2002 outra certificación equivalente, a Muxiana, que se concede na Oficina de Turismo local ou na Casa da Cultura.

Para xustificar a realización do Camiño, o peregrino deberá presentar a credencial cuñada nas distintas etapas, nas igrexas parroquiais, albergues, bares ou outros lugares, tal como se esixe nos outros Camiños cara Santiago. Como credencial do peregrino vale a utilizada nos outros camiños ou outros formatos que imprimen os concellos polos que transcorre o itinerario.

Parece ser que existe unha relación temporal entre a creación da Muxiana e a catástrofe do petroleiro Prestige, no sentido de que a sona nacional e internacional que adquiríu Muxía daquela trouxo consigo unha masiva chegada de voluntarios que querían axudar na limpeza da costa, e de peregrinos que desexaban coñecer o lugar e colaborar naquelas tarefas de limpeza. Nesta liña, a Muxiana servía para organizar un sistema de rexistro destes visitantes para poder darlles unha atención adecuada [26].

  1. "A igrexa compostelá mirou nalgúns momentos con receo o feito de que os peregrinos continuasen viaxe a Fisterra e Muxía, trala estancia en Santiago" (Manuel F. Rodríguez: Santiago de Compostela para los peregrinos. Guía secreta. Bolanda ediciones, 2014, px. 178). Así, a Xacopedia dálle o nome de Camiño de Fisterra y Muxía pero tamén recolle as denominacións de Prolongación del Camino a Fisterra y Muxía, Prolongación Jacobea a Fisterra y Muxía e Prolongación Jacobea a Finisterre. Outras fontes, como Vivecamino.com (de La Voz de Galicia) dálle soamente o nome de Camiño de Fisterra-Muxía, o mesmo que fai caminodesantiago.gal (da Xunta de Galicia); os folletos turísticos editados pola Xunta de Galicia tamén utilizan sempre a denominación Camiño de Fisterra-Muxía. Finalmente, a web consumer.es denomínao unicamente Epílogo a Fisterra y Muxía.
  2. Xacopedia, consultado o 14.01.2017.
  3. Manuel F. Rodríguez: Santiago de Compostela para los peregrinos. Guía secreta. Bolanda ediciones, 2014, px. 178.
  4. As distancias do Camiño e de cada etapa son diferentes segundo a Guía que se consulte. Os fitos quilométricos oficiais, que comezan na carballeira de San Lourenzo, xa á saída de Santiago, indican desde ese punto 88,139 km no primeiro caso, e 86,337 km no segundo
  5. O primeiro albergue, en Fisterra, abreu en 1977; en 2001 abriron dous en Negreira e Olveiroa; en 2004 outro en Corcubión; en 2007 en Muxía; en 2008, dous en Fisterra; e en 2009 un en Mazaricos (Consumer.es)
  6. Tres en Negreira, un en Vilaserío, un en Cee, outro en Dumbría e dous en Fisterra (Consumer.es)
  7. Vivecamino.com.
  8. Que recollía os peregrinos mortos no, daquela, Hospital Real.
  9. As marcas de propiedade son inscricións ou gravados feitos no lintel ou na xamba da porta das casas para identificar a propiedade sobre o edificio. Nesta rúa pódese ver a cuncha de vieira, sinal de propiedade do Cabido catedralicio, o piñeiro do Mosteiro de San Martiño Pinario, a cruz potenzada do Hospital Real etc. Para máis información ver aquí.
  10. Recoméndase que os ciclistas fagan este tramo por estrada, porque o firme do camiño é moi pedregoso e, de haber chuvias, pode ter moita lama
  11. O historiador local, Amancio Liñares, nega que esta fose a ponte do milagre, e asegura que en realidade sería a Ponte Pías, entre as parroquias de Ons, no concello de Brión, e Logrosa, no de Negreira. Desta ponte xa non quedarían restos visibles. Pode verse a explicación neste vídeo de La Voz de Galicia, publicado o 26.06.2013.
  12. Refírese ó paso polo mar Roxo.
  13. Desde os 164 m sobre o nivel do mar de Negreira ata os 410 m do monte que precede a Vilaserío.
  14. Páxina web do concello de Santa Comba.
  15. Este lugar está a varios quilómetros ó norte do itinerario actual.
  16. Trátase doutra localidade dividida administrativamente en dous concellos: A Ponte Olveira de Mazaricos, e A Ponte Olveira, de Dumbría.
  17. A escasos 300 m ó suroeste do lugar atópase o castro do Logoso, do que se podería derivar o topónimo do concello, Dumbría "El castro de O Logoso y el origen del topónimo Dumbría".
  18. Cómpre advertir que desde o lugar de Hospital e ata Cee ábrese un tramo duns 14 km nos que o peregrino non vai atopar ningún establecemento de restauración Vivecamino.com.
  19. O bispo Mártir, peregrino armenio que en 1489-1496 veu a Santiago e continuou ata Fisterra, describiuno por vez primeira como un animal salvaxe moi grande e maligno. Conta tamén que os nativos do lugar, "comedores de peixe e falantes dunha lingua que non entende" se marabillaban ó ver que o bispo puido pasar san e salvo cando compañías de numerosas persoas non o conseguiran (Xoán R. Cuba e outros: Dicionario dos seres míticos galegos, Xerais 2008, 247.)
  20. E así o recolleu o coengo da catedral de Santiago, Jerónimo del Hoyo en 1607 (Memorias del Arzobispado de Santiago): "Hay una ermita de Nuestra Señora de la Fuente Santa por la que tiene muy buena y grande fuente; un poco más abajo posee una gran pila redonda... " [1] Arquivado 31 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine..
  21. El Camino de Santiago desde Asturias.
  22. Vivecamino.com.
  23. O cruceiro está a uns 100 m do Camiño e desde alí pódese contemplar unha ampla vista da Costa da Morte.
  24. [2] Arquivado 01 de febreiro de 2017 en Wayback Machine. [3]
  25. El Camino de Santiago desde Asturias.
  26. Xacopedia: Muxiana.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]