Cabanas
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Cabanas | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.300 (2023) (108,84 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 30,32 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Germán Castrillón Permuy | ||||
Eleccións municipais en Cabanas | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15621 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15015 | ||||
Páxina web | cabanas.gal |
Cabanas é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. Segundo o IGE, en 2014 tiña 3.294 habitantes (3.346 en 2011). O xentilicio é cabanés.[1]
Xeografía
[editar | editar a fonte]Situación
[editar | editar a fonte]O concello de Cabanas está situado na franxa costeira de Galiza, ao nordeste da provincia da Coruña. É o único concello incluído integramente na denominada ría de Ares. Enmarcado na comarca do Eume, limita ao norte e oeste co concello de Fene, ao leste co concello da Capela, e ao sur coa ría de Ares e cos concellos de Pontedeume e Monfero, dos que o separa o río Eume. A capital do concello está a 82 quilómetros de Santiago de Compostela, a 37 da Coruña e a 15 de Ferrol.
Orografía
[editar | editar a fonte]A xeomorfoloxía defínese pola transición entre a franxa costeira e as superficies de achanzamento inferior, producindo unha superficie moi accidentada.
Na parte sur do concello a paisaxe, de oeste a leste, distínguese polas praias, acantilados e marisma nas parroquias de San Martiño de Porto e Cabanas, e o val do río Eume, amplo na parroquia de Irís, e angosto na de Soaserra, onde xa forma parte do canón do Eume.
Ao leste érguense as elevacións da Serra, que serven de límite co concello da Capela, e onde se achan as maiores elevacións do concello, sendo o pico da Aguia con 474 metros a maior altura.
O centro do concello está salpicado doutros contrafortes, entre as que destacan Punxeiro con 389 metros e o coto do Castro de 343 metros. A zona norte está formada por terras que descenden dos contrafortes centrais cara á ría de Ferrol. No oeste do concello elévanse pequenos outeiros que forman o límite natural coa parroquia fenesa de Limodre.
Hidrografía
[editar | editar a fonte]O río principal é o Eume, que baña o sur do concello e fai de fronteira cos concellos de Monfero e Pontedeume. Ao leste, na parroquia de Soaserra encóntrase no canón do Eume, abríndose o val na parroquia de Irís, e formando pouco antes da súa desembocadura un amplo esteiro na parroquia de Cabanas. Agás algún curso rápido de auga que baixa polo canón, non posúe afluentes nas terras do concello.
Na parroquia de Santa Cruz do Salto nace o río Castro que baña esta parroquia e as de Laraxe e San Martiño de Porto, desembocando na ría de Ares no límite co concello de Fene.
As terras da parroquia de Regoela, no nordeste do concello, forman parte da conca do río Belelle, que nesta parte fai de límite co concello de Fene.
Demografía
[editar | editar a fonte]Durante o século XX, a poboación de Cabanas sufriu todo tipo de tendencias. Logo dun período de estancamento ou crecemento feble durante o primeiro terzo, aumenta considerabelmente no terzo seguinte chegando a superar os 5.000 habitantes nos anos sesenta. Nas dúas décadas seguintes sofre un baixón espectacular, situándose en pouco máis de 3.000 habitantes en 1991. A partir deste ano experimenta un notábel aumento, aínda que non suficiente para recuperar a perda das décadas anteriores, situándose en 2012 en 3.299 habitantes.
No seguinte gráfico asociado á táboa que lle segue, apréciase a evolución comentada:[2][3]
Evolución da poboación de: Cabanas desde 1900 ata 2020 | ||||||||||||
1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 2001 | 2011 | 2020 |
3 322 | 3 447 | 3 443 | 3 584 | 4 100 | 4 380 | 5 014 | 5 001 | 3 500 | 3 074 | 3 292 | 3 346 | 3 274 |
En 2020 a distribución da poboación por tramos de idade era[4]:
Censo total 2020 | 3 274 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 321 (10 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1 910 (58 %) |
Maiores de 65 anos | 1 043 (32 %) |
Historia
[editar | editar a fonte]Polo que respecta á Prehistoria, en Santa Cruz do Salto descubriuse un conxunto de petróglifos[5] ao carón do conxunto tumulario neolítico do coto dos Golpes[6]. No castro das Modias achouse un torque que foi adquirido pola Deputación da Coruña en 1868, consérvase actualmente no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón[7]. Na Antigüidade Tardía o territorio preséntase adscrito á diocese de Bretoña no parroquial suevo do século VI e Laraxe rexístrase na doazón de Odoario a Santa María de Lugo no século VIII[8].
No remate da Alta Idade Media (890), a terra ao norte do río Eume denomínase por primeira vez como Bezoucos coa antiga vila de Caaveiro[9] e en 936 Regoela (Regoela Vella), Santa Cruz do Salto (Porcar) e Soaserra (Xabariz) forman parte da doazón de San Rosendo ao mosteiro de Caaveiro[10]. Por volta do século XI, a documentación notarial acredita posesións de Pedro Froilaz, conde de Traba, en Porto, Laraxe e Irís[11]. En 1088, nun documento de doazón deste conde, Porto ten o título real de vila[12]. Desde 1117, Regoela constitúe un couto redondo dependente do mosteiro de San Martiño de Xuvia, a través dunha doazón de Afonso VII. Este cenobio afórallo posteriormente a Alonso de Parga, que transmite o foro aos seus descendentes[13]. Asemade, o Couto de Porto pertence en 1156 ao bispado de Mondoñedo, probablemente por doazón da casa de Traba, e no século XV é arrendado aos condes de Andrade[14], que antes se chamaron a Laraxe.
A vila de Cabanas documéntase no Tombo de Caaveiro no ano 1175[15], no Couto de Irís. Mediante doazón, Fernando III incorpora Irís ao Couto de Caaveiro no 1238[16] e , en substitución da Capela, a vila de Cabanas convértese na sede prioral e administrativa de Caaveiro no século XV.
Na Idade Moderna, o territorio municipal divídese entre o priorato de Caaveiro, por unha banda, e pola outra os condes de Lemos logo demarcación de Pontedeume[17]. No final dos anos dez do século XIX, o antigo couto prioral convértese no Concello de Caaveiro[18][19], con capital administrativa na vila de Cabanas, ó mesmo tempo que se constitúe o Concello de Porto[20]. En 1836 establécese o Concello de Cabanas coas sete parroquias actuais e a parroquia de Caaveiro[21][22]. Esta integrouse no municipio da Capela o 1 xullo de 1925[23].
No ámbito xudicial, o municipio repártese entre as xurisdicións priorais de Caaveiro e Xuvia e a nobiliaria ata comezos do século XIX. Desde 1834 as parroquias actuais xunto con Caaveiro pasan a formar parte do partido de Pontedeume[24], agás un bienio que se integran na xurisdición de Ferrol (1867-1868)[25]. Nesta etapa, a vila de Cabanas ostentou a capitalidade do segundo distrito electoral que incluía a Ares, A Capela, Fene e Mugardos (1877-188?)[26]. Coa disolución da demarcación eumesa en 1965, o concello moderno únese definitivamente a Ferrol[27].
Cultura
[editar | editar a fonte]Patrimonio
[editar | editar a fonte]Patrimonio arqueolóxico
[editar | editar a fonte]A cultura megalítica está representada por 29 túmulos distribuídos na zona centro-oriental de Cabanas, destaca a necrópole do coto dos Golpes e coto de Punxeiro, con 21 monumentos funerarios. Tamén hai manifestacións da cultura castrexa reflectidas en tres castros: o castro de Piñeiros, en Regoela; o coto do Castro, en Irís, e o castro das Modias, en San Martiño de Porto.
Patrimonio arquitéctonico
[editar | editar a fonte]En canto á arquitectura relixiosa, destaca a igrexa parroquial de San Martiño de Porto, que aparece citada en distintos documentos dende o século XV e a capela de Riobó, que é de estilo renacentista. Nela hai restos dun altar barroco en madeira policromada. No adro da igrexa de San Mamede de Laraxe localízase a Pía de San Mamede, á que se lle atribúe un carácter máxico porque sempre ten auga e nunca esgota o seu manancial nin en épocas de seca. A capela do Bo Xesús, no Pudrical, en San Martiño de Porto, é unha pequena igrexa de estilo barroco fundada no ano 1771. Tamén hai constancia documental sobre a existencia de varias capelas desaparecidas. Os cruceiros adoitan situarse en cruzamentos de camiños, en adros de igrexas ou en lugares aos que se lles supón certo carácter máxico. En Cabanas hai catro cruceiros, entre os que destaca o do Areal que presenta como elemento decorativo unha flor con catro puntas.
No municipio tamén hai numerosos pazos, coma o de Fraián, en San Martiño de Porto; o pazo de Riobó, na vila de Cabanas ou o de Caaveiro que conserva o escudo do Real Padroado de Caaveiro cunha inscrición que di que foi reedificado entre os anos 1742 e 1748. En relación coa ponte dos Andrade, a lenda conta que foi construída nunha soa noite por unha aposta co demo, quen, por non colocar a derradeira pedra antes de romper o día, non puido cobrar o prezo da aposta. Esta obra, levantada a expensas de Fernán Pérez de Andrade, foi considerada como a máis grande de Europa na súa clase.
As construcións populares están representadas polos numerosos hórreos, cabazos, muíños, lagares e fontes. Destacan entre os máis de 200 hórreos que se localizan no municipio: o do Pazo de Riobó, o de Fraián e o de Xavariz. Os cabazos constrúense nas parroquias de Regoela e Soaserra, para almacenar gran en épocas de boas colleitas cando os hórreos son insuficientes. O concello de Cabanas conserva restos de preto de medio centenar de muíños, dos que aínda funcionan polo menos unha ducia. Todos son hidráulicos e só un é mixto, de mareas e río, está situado na desembocadura do río Castro. A tradición do viño conservouse neste territorio fundamentalmente nas parroquias de Irís e Cabanas.
Patrimonio natural
[editar | editar a fonte]Localizados nun fondo da ría están o piñeiral e a praia da Madalena, que, cun proceso de regulación urbanística, son un exemplo único na nosa xeografía litoral. As súas características naturais, as súas augas tranquilas, a calidade da area e o seu extenso e frondoso piñeiral vense complementados cuns servizos excelentes (fontes, mesas e asentos rústicos, grelladas etc), ademais da ampla oferta en restauración e aloxamento hoteleiro que se brinda no propio concello.
A praia de Chamoso está nunha costa acantilada á que se accede por unha pista situada fronte á igrexa de San Martiño de Porto e ofrece outra alternativa ao bulicio da primeira.
Xa cara ao interior, as fragas do Eume constitúen un espazo natural destacable, considerado como "o bosque atlántico costeiro máis importante e mellor conservado de Europa". Existen máis de 20 especies de árbores e máis de 100 especies de fungos e 250 de liques.
Festas e celebracións
[editar | editar a fonte]Hai constancia dalgunhas festas de carácter ecoloxista celebradas antano, como a Festa da Árbore o día 19 de marzo de 1914 e que hoxe continúa no Día do Ambiente cando se plantan árbores tanto de doazóns oficiais coma de particulares. A popular romaría de santa Marta ten lugar, dende a súa recuperación en 1990, no piñeiral da Madalena, o domingo posterior ao 29 de xullo. As sete parroquias de Cabanas festexan anualmente os seus patróns con comidas familiares, gaitas, bailes e verbenas nocturnas:
- San Vicente en Regoela, o 22 de xaneiro.
- Santa Cruz en Salto, o 3 e 4 de maio.
- San Lourenzo en Laraxe, os días 10, 11 e 12 de agosto.
- San Martiño de Porto, o 11 e 12 de novembro.
- Santo Andrés en Cabanas, o 30 de novembro e 1 de decembro.
- Santa Eulalia en Soaserra, o 10 de decembro.
- Santo Estevo en Irís, o 26 de decembro.
Infraestruturas
[editar | editar a fonte]Infraestruturas de transporte
[editar | editar a fonte]A principal vía de comunicación que atravesa o concello é a autoestrada do Atlántico AP-9 que ten dúas saídas en Cabanas, unha a carón do río Eume e outra no polígono industrial de Vilar do Colo.
Séguelle en importancia a estrada nacional 651 (antigo ramal Betanzos-Ferrol da nacional VI). Do cruzamento de Cardeita parten a estrada AC-122 en dirección a Limodre, que comunica con Redes, Ares e Mugardos; e a AG-564 ata Goente, comunicando coas Pontes de García Rodríguez.
A liña ferroviaria Betanzos-Ferrol pasa polo concello, posuíndo unha estación no lugar do Areal. Está proxectada unha estación da futura liña do AVE A Coruña-Ferrol.
Infraestruturas portuarias
[editar | editar a fonte]Existe un pequeno punto de atraque preto da desembocadura do río Eume, no lugar do Campo do Oito. A praia da Madalena, na súa punta norte, fai de atracadoiro natural.
Infraestruturas industriais
[editar | editar a fonte]Os concellos de Cabanas e Fene comparten o polígono industrial de Vilar do Colo, en terras de Laraxe (Cabanas) e Maniños e Barallobre (Fene).
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Cabanas.
- Véxase tamén: Galería de imaxes da praia da Madalena.
-
Desembocadura do río Eume. A ponte que se observa na imaxe comunica o concello de Cabanas co de Pontedeume
-
Ponte sobre o Río Eume. Ó fondo, Cabanas
-
Praia da Madalena
-
Piñeiral á beira da praia da Madalena
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Cabanas
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cabanas vexa: Lugares de Cabanas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 43. ISBN 978-84-8158-706-7.Costas González&rft.btitle=Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega&rft.date=2016&rft.genre=book&rft.isbn=978-84-8158-706-7&rft.pages=43&rft.place=Vigo&rft.pub=Universidade de Vigo&rft_id=https://www.uvigo.gal/sites/uvigo.gal/files/contents/paragraph-file/2018-10/Xentilicios_0.pdf&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:book" class="Z3988">
- ↑ INE (ed.). "Series históricas de poboación de España" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2013. Consultado o 15 de abril de 2013.
- ↑ IGE (ed.). "Series históricas de poboación de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2018. Consultado o 15 de abril de 2013.
- ↑ IGE (ed.). "Información municipal: Cabanas". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2020. Consultado o 13 de agosto de 2020.
- ↑ Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos (2006). "Gravados rupestres no Couto dos Golpes (Santa Cruz do Salto, concello de Cabanas)" (PDF). Anuario Brigantino (29).
- ↑ Carneiro Rey e Serrano Otero (2000). "Arqueoloxía e paisaxe. O arco ártabro desde a prehistoria recente ata o medievo" (PDF). Cátedra. Revista Eumesa de Estudios (7): 133–135. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xuño de 2013. Consultado o 14 de xullo de 2018.
- ↑ Martínez López, Mª Carmen (2014). "Catálogo de torques ártabros" (PDF). Cátedra. Revista eumesa de estudios (21): 105. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xullo de 2018. Consultado o 14 de xullo de 2018.
- ↑ García Conde, A. (1951). "Documentos Odoarianos". Boletín de la Comisión provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo 4 (35): 85–88.
... in Besancos sancto Mamete de Larido, et sancto Georgio de Castrobomir ab integro stipatas de familia mea
- ↑ Fernández de Viana y Vieites, J.I., González Balasch, M.T., Pablos Ramírez, J.C. de (1996). "El Tumbo de Caaveiro" (PDF). Cátedra. Revista eumesa de estudios (3): 267–437. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xullo de 2018. Consultado o 22 de agosto de 2024.
[Ano 890, doc. 2151, páx. 323] ... sicuti et donamus nostram villam propriam que est in territorio Bisaquis, villa que vocant Calavario, que fuit patris mei Begicarii...
- ↑ Fernández de Viana y Vieites, J.I., González Balasch, M.T., Pablos Ramírez, J.C. de (1996). "El Tumbo de Caaveiro" (PDF). Cátedra. Revista eumesa de estudios (3): 312. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xullo de 2018. Consultado o 22 de agosto de 2024.
[Ano 936, doc. 1] ... Sancta Eoalalia, cum sua filigresia, Xavarit (...) et Rogoela Vetula et Porcar
- ↑ Barón Faraldo, Andrés (2006). "O grupo aristocrático dos Fróilaz nas terras do Eume. Implantación territorial e estrutura do dominio durante os séculos XI e XII" (PDF). Cátedra. Revista eumesa de estudios (13): 355–433. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de xuño de 2013. Consultado o 14 de xullo de 2018.
... manifestan que esa presencia dos antepasados do conde no termo de Porto foi unha realidade innegábel... páx. 360
- ↑ Barón Faraldo, Andrés (2006). "O grupo aristocrático dos Fróilaz nas terras do Eume. Implantación territorial e estrutura do dominio durante os séculos XI e XII" (PDF). Cátedra. Revista eumesa de estudios (13): 365. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de xuño de 2013. Consultado o 14 de xullo de 2018.
(...) ea obtineo ita et relinquo ad eodem loquo seruiendum in ipsa uilla quae uocitant Porto omne meum directum quantum me computet inter meos germanos uel heredes de ea cum suo plantato et edificia omnia (...)
- ↑ González López, Dolores (2007). "Algúns datos do Couto de Regoela no século XVI" (PDF). Cátedra. Revista eumesa de estudios (14): 221–250. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de xuño de 2013. Consultado o 14 de xullo de 2018.
- ↑ "Historia de Cabanas". Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2018. Consultado o 14 de xullo de 2018.. Documento de doazón do 1407 "[...] arrendamos et demos en çensso a uos Nunno Freyre d -Andrade fillo de Pedro Fernandes d -Andrade que foy para en todo tenpo de uossa bide conuen a saber que uos arrendamos os nossos coutos de San Martinno do Porto que he açerca da Pontedeume en terra de Besancos [...]" consultado en http://sli.uvigo.es/xelmirez/
- ↑ Fernández de Viana y Vieites et allii (1996). "El Tumbo de Caaveiro". Cátedra. Revista eumesa de estudios (3): 267–437.
[Ano 1153, doc. 2181, páx. 351] ... illo quinione de Gundisalvo Menendiz; et de ipso casale de Cabanas, quod tenebat Muninus Monacus, mea directura... [Ano 1175, doc. 2184, páx. 354] ... est ipsa hereditate in terra Bisaquis, in villa que vocitant Cabanas, discurrente ad aulam Sancti Stephani de Herenes...
- ↑ Op. cit. Ano de 1238, doc. 2143, páx. 317-318 "dono itaque vobis et concedo ecclesiam Sancti Stephani de Herenes cum sua filigresia et cum suo cauto..." http://corpus.cirp.gal/codolga/
- ↑ "Catastro de Ensenada". 2015-03-20.
- ↑ Deputación Provincial da Coruña (1822). Libro de Actas.
Sesión de once de julio de mil ochocientos veinte y dos (...) Se dió cuenta de una representación hecha a S.M. por Baltasar Antonio Feal mayordomo pedáneo de la Villa de Cabanas en nombre de los vecinos de la misma y feligresía de Erines, remitida al Sr. jefe político por el Ayuntamiento de Caabeyro con fha. treinta y uno de mayo ultimo y dirigida por dho Sr. a informe de la Diputación... páx. 3
- ↑ Deputación Provincial da Coruña (1822). Libro de Actas.
Sesión nº 35 del día onze de septiembre de mil ochocientos veinte y dos (...) Se mandaron pasar al expediente General de arreglo de ayuntamientos dos exposiciones de la parroquia de Santiago de Boebre que solicitan unirse al Ayuntamiento de Leiro y otra de varios vezinos de las parroquias de S. Juan del Seijo, S. Martín de Goente, Sª María de Rivadeume y Santiago de Bermuy que solicitan que dichas parroquias formen por si ayuntamiento separadándose del de Caabeiro páx. 9
- ↑ Deputación Provincial da Coruña (1822). Libro de Actas.
Sesión de 20 de junio de mil ochocientos veinte y dos (...) Se dió cuenta de una exposción del Ayuntamiento de S. Martin do Porto de 14 de mayo último en contestación al pliego de reparos puesto a sus cuentas del año 1818 y no pudiendo satisfacer a ellos se acordó expedir la orden correspondiente para que al término de 8 días lo verifiquen sirviéndole de carga las partidas no abonadas... páx. 3
- ↑ Deputación Provincial da Coruña (25 de xuño de 1836). "Concluye el arreglo de ayuntamientos". Boletín Oficial da Provincia (142): 1.
- ↑ Deputación da Coruña (1836). Libro de Actas.
5ª Sesión ordinaria del 17 de octubre (...) En razón de la competencia suscitada entre los ayuntamientos de Capela y Cabañas a cerca de la pertenencia de varios efectos de la antigua jurisdicción de Caaveyro se acuerda adjudicación al Ayuntamiento en cuyo distrito quedó comprendida la Capital de dicha jurisdicción
- ↑ Concello de Cabanas (22 de xullo de 1925). "Anuncio". Boletín Oficial da Provincia da Coruña (167): 3.
- ↑ Deputación Provincial da Coruña (23 de xuño de 1834). "Partidos judiciales de la provincia de la Coruña". Boletín Oficial da Provincia (13): 3.
- ↑ Ministerio de Gracia y Justicia (28 de xuño de 1867). "Real decreto para la supresión de juzgados de primera instancia" (PDF). Gaceta de Madrid (179): 1.
- ↑ Consejo de Ministros (1877). "Real decreto del ministro de Gobernación" (PDF). Gaceta de Madrid (45): 398.
- ↑ Ministerio de Justicia (26 de novembro de 1965). "Decreto 3388/1965, de 11 de noviembre, por el que se modifica la Demarcación Judicial" (PDF). Boletín Oficial do Estado (283).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cabanas |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cabanas en OpenStreetMap.