Célula de Langerhans
As células de Langerhans son células dendríticas, que funcionan como células presentadoras do antíxeno inmunitarias, presentes na pel e mucosas, que conteñen grandes gránulos característicos chamados gránulos de Birbeck. Están presentes en todas as capas da epiderme, pero son máis abundantes no estrato espiñoso.[1] Aparecen tamén na derme papilar, especiamente arredor dos vasos sanguíneos [1], e tamén na mucosa da boca, prepucio e vaxina.[2] Poden atoparse noutros tecidos, como os nódulos linfáticos, especialmente cando están asociados a histiocitose de células de Langerhans.
Historia
[editar | editar a fonte]O nome desta célula procede de Paul Langerhans, un médico e anatomista alemán, que as descubriu en 1868 cando era estudante de medicina.[3] Debido á súa natureza dendrítica, identificounas incorrectamente como parte do sistema nervioso.[4]
Paul Langerhans descubriu tamén os illotes de Langerhans produtores de hormonas do páncreas, que non teñen nada que ver coas células de Langerhans e nos cales estas células non están presentes.
Características
[editar | editar a fonte]Teñen forma estrelada ou dendrítica con moitas prolongacións finas, que se estenden entre as células veciñas do estrato espiñoso da pel. Núcleo irregular, ausencia de desmosomas, melanosomas e tonofilamentos (presentes noutras células da pel). Presentan moitas vesículas e uns gránulos característicos, chamados gránulos de Birbeck ou gránulos vermiformes, de forma oblonga cunha liña densa central e con estriacións [5].
Funcións
[editar | editar a fonte]Nas infeccións da pel, as células de Langerhans locais captan e procesan os antíxenos microbianos, converténdose en células presentadoras do antíxeno plenamente funcionais.
Xeralmente as células dendríticas dos tecidos son activas na captura, fagocitose e procesamento dos antíxenos. Porén, unha vez que as células dendríticas chegan a un tecido linfoide secundario, perden estas propiedades de captación de antíxenos e adquiren a capacidade de interaccionar con células T inactivas, o que causará a súa activación.
As células de Langerhans derivan da diferenciación de monocitos que levan o marcador "Gr-1" (tamén coñecido como "Ly-6G/Ly-6C"). Esta diferenciación require a estimulación polo factor estimulante das colonias CSF1.[6] Son similares en morfoloxía e función aos macrófagos.
A proteína langerina encóntrase nas células de Langerhans,[7] e outros tipos de células dendríticas.[8] É un receptor da superficie celular transmembrana de tipo II codificado polo xene CD207. Suponse que cando a manosa se une á langerina os antíxenos son internalizados nos gránulos de Birbeck.
Importancia clínica
[editar | editar a fonte]Histiocitose das células de Langerhans
[editar | editar a fonte]Na rara enfermidade histiocitose das células de Langerhans (LCH), prodúcese un exceso destas células. Isto causa danos na pel, óso e outros órganos.
VIH
[editar | editar a fonte]As células de Langerhans poden ser unha diana celular inicial na transmisión do VIH causante da SIDA,[9] e poden ser dianas, reservorios e vectores de diseminación do virus.[10]
As células de Langerhans observáronse no prepucio, e mucosas vaxinal, e oral humanas; as menores concentracións presentes na mucosa oral suxiren que probablemente non é unha fonte de infección por VIH en comparación co prepucio ou a mucosa vaxinal.[2]
En 2007 publicouse un estudo [11] que consideraba que a proteína langerina podía servir impedir a infección polo virus. Un dos autores, T. Geijtenbeek, afirmou que a "langerina pode recoller os virus dos seus arredores, servindo de prevención da infección" e "dado que todos os tecidos do exterior dos nosos corpos teñen células de Langerhans, pensamos que o corpo humano está equipado cun mecanismo de defensa antiviral, que destrúe os virus que entran."[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Young B, Heath, J. W. (2000). Churchill Livingstone, ed. Wheater's Functional Histology, 4th Ed. p. 162. ISBN 0443056129.
- ↑ 2,0 2,1 Hussain, LA, Lehner T (1995). "Comparative investigation of Langerhans' cells and potential receptors for HIV in oral, genitourinary and rectal epithelia". Immunology 85 (3): 475–484. PMC 1383923. PMID 7558138.
- ↑ Langerhans, P (1868). "Ueber die Nervender menschlicher". Haut. Virchows Arch. (Pathol. Anat.) (en German) 44 (2–3): 325. doi:10.1007/BF01959006.
- ↑ Langerhans, P (1868). "Ueber die Nervender menschlicher" (in German). Haut. Virchows Arch. (Pathol. Anat.) 44 (2–3): 325. doi:10.1007/BF01959006
- ↑ D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 558-561. ISBN 84-7605-361-4
- ↑ Ginhoux F, Tacke F, Angeli V, Bogunovic M, Loubeau M, Dai X, Stanley E, Randolph G, Merad M (2006). "Langerhans cells arise from monocytes in vivo". Nat Immunol 7 (3): 265–73. PMID 16444257. doi:10.1038/ni1307.
- ↑ Valladeau J, Dezutter-Dambuyant C, Saeland S (2003). "Langerin/CD207 sheds light on formation of birbeck granules and their possible function in Langerhans cells". Immunol. Res. 28 (2): 93–107. PMID 14610287. doi:10.1385/IR:28:2:93.
- ↑ Poulin LF, Henri S, de Bovis B, Devilard E, Kissenpfennig A, Malissen B (2007). "The dermis contains langerin dendritic cells that develop and function independently of epidermal Langerhans cells". J. Exp. Med. 204 (13): 3119–31. PMC 2150992. PMID 18086861. doi:10.1084/jem.20071724.
- ↑ Kawamura T, Kurtz SE, Blauvelt A, Shimada S (2005). "The role of Langerhans cells in the sexual transmission of HIV". J. Dermatol. Sci. 40 (3): 147–55. PMID 16226431. doi:10.1016/j.jdermsci.2005.08.009.
- ↑ Dezutter-Dambuyant C, Charbonnier AS, Schmitt D (1995). "[Epithelial dendritic cells and HIV-1 infection in vivo and in vitro]". Pathol. Biol. (en French) 43 (10): 882–8. PMID 8786894.
- ↑ de Witte L, Nabatov A, Pion M, Fluitsma D, de Jong M, de Gruijl T, Piguet V, van Kooyk Y, Geijtenbeek T (2007). "Langerin is a natural barrier to HIV-1 transmission by Langerhans cells". Nat Med 13 (3): 367–71. PMID 17334373. doi:10.1038/nm1541.
- ↑ Mundell, E.J. (March 5, 2007). "Scientists Discover 'Natural Barrier' to HIV". HealthDay News via sexualhealth.e-healthsource.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2008. Consultado o 2008-07-13.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Langerhans cell histiocytosis
- Illustration at trinity.eduArquivado 27 de xaneiro de 2004 en Wayback Machine.
- Birbeck granules at djo.harvard.edu Arquivado 17 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.