Bors
Bors (tamén Bohort, ou Boores) é o nome de dous cabaleiros, pai e fillo, personaxes das lendas sobre o Rei Artur. O pai, Bors de Gaunes, é o rei da Galia durante a ascensión ó trono de Arturo. É irmán do rei Ban. O seu fillo, Sir Bors o Mozo, chegou a ser un dos mellores Cabaleiros da Mesa Redonda de Camelot, sendo un dos tres Cabaleiros que atopa o Santo Graal.
Rei Bors de Gaunes
[editar | editar a fonte]Irmán do rei Ban, o rei Bors de Gaunes é tío de Lancelot e Héctor de Maris. Casou con Evaine, irmá de Elaine, a esposa de Ban; e tivo dous fillos, Bors e Lionel. Xunto con Ban, Bors de Gaunes converteuse nun dos primeiros cabaleiros aliados do Rei Artur, na súa guerra contra o rei Claudas. Bors morre na guerra con Claudas, e os seus fillos son criados en cativerio.
Sir Bors o Mozo
[editar | editar a fonte]Sir Bors e o seu irmán Lionel viviron moitos anos na corte do rei Claudas, ata que se rebelaron, asasinando a Dorin, fillo de Claudas. Antes de que este puidese tomar represalias son rescatados pola Dama do Lago, que os leva a onde estaba o seu primo Lancelot, para vivir con el. Os tres primos uníronse á Táboa Redonda en Camelot.
Nas diversas versións das lendas artúricas, sempre se considera a Sir Bors como un dos mellores cabaleiros de Camelot, que acada a súa maior gloria na Demanda do Santo Graal. Xunto con Perceval e Galahad, Bors é un dos tres cabaleiros que atopan a Graal no castelo de Corbinec, e posteriormente na illa de Sarras. Bors é o único dos tres que regresa vivo a Camelot, para narrar a aventura do Graal ó Rei Artur. De acordo a algunhas versións, Sir Bors o Mozo morre en Terra Santa, como cruzado, e mesmo se afirma que transmitiu a historia do Graal a Hugo de Payens (1070-1136), o primeiro Gran Mestre dos Templarios.