Saltar ao contido

Big Black

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Big Black
Big Black en 1986
OrixeEvanston, Illinois,
Período1981 - 1987
Xénero(s)punk rock, rock alternativo, indie rock, noise rock, post-hardcore, post-punk
Selo(s) discográfico(s)Ruthless, Fever, Homestead, Blast First, Touch and Go
MembrosSteve Albini
Jeff Pezzati
Santiago Durango
Dave Riley
Artistas relacionadosNaked Raygun, Rapeman, Shellac, Flour
Na rede
http://petdance.com/actionpark
Musicbrainz: 9463868f-edc8-427e-ac07-ea89698e5f15 Songkick: 560800 Discogs: 55961 Allmusic: mn0000758520 Editar o valor en Wikidata

Big Black foi unha banda estadounidense de punk rock procedente de Evanston, Illinois, activa dende 1981 ata 1987. Fundada polo guitarrista e vocalista Steve Albini, a súa formación incluía tamén ao guitarrista Santiago Durango e ao baixista Jeff Pezzati, ambos da banda Naked Raygun. En 1985 Pezzati foi substituído por Dave Riley, quen tocou nos dous álbums de estudio da banda, Atomizer (1986) e Songs About Fucking (1987).

O son agresivo e abrasivo de Big Black caracterízase polas súas distintivas guitarras metálicas e o uso dunha caixa de ritmos en vez dunha batería, elementos que precederon a aparición do rock industrial. A banda non tiña tabús, e nas letras de Albini falábase abertamente de temas como o asasinato, a violación, o abuso sexual a menores, o racismo ou a misoxinia. Tamén tiveron uns principios moi firmes, fuxindo da industria da música comercial e mantendo un control completo sobre todos os aspectos da súa carreira. Big Black organizou as súas xiras, pagou as gravacións e rexeitou asinar contratos, evitando moitos dos símbolos corporativos das bandas de rock. Este feito tivo un impacto moi significativo na evolución estética e política da música rock independente.

Ademais dos dous álbums de estudio, Big Black editou dous álbums en directo, dous recompilatorios, catro EPs e cinco sinxelos, todos eles a través de selos independentes. A meirande parte do catálogo da banda mantívose impresa a través da discográfica Touch and Go Records durante anos tras a súa separación.

Formación e Lungs

[editar | editar a fonte]

Big Black foi fundada por Steve Albini en 1981 durante o seu segundo ano universitario na Northwestern University.[1][2][3] Albini fixérase fan do punk rock nos seus anos de instituto en Missoula, Montana, e aprendeu el só a tocar o baixo no outono de 1979, o seu derradeiro ano, mentres se recuperaba dun accidente de tráfico onde rompera unha perna.[2][4] No ano seguinte mudouse a Evanston, Illinois para estudar xornalismo e belas artes na Northwestern, e alí mergullouse na incipiente escena punk de Chicago, converténdose nun devoto fan da banda Naked Raygun.[1][2] Tamén foi DJ da emisora do campus, da que foi despedido varias veces por poñer música alta e abrasiva na franxa horaria da mañá e por non completar os rexistros requiridos.[5][6] Tamén escribiu unha controvertida columna titulada "Tired of Ugly Fat?" sobre a escena local no fanzine de Chicago Matter, polarizando aos lectores que ben o odiaban ou o respectaban.[2][5]

Albini comezou a tocar en bandas universitaria, incluído nun grupo "arty new wave" de curta vida chamado Stations, que contaba cunha caixa de ritmos. Vendo a vantaxe dunha máquina que podía tocar incriblemente rápido sen cansarse, que sempre mantiña un rítmo estable, e que seguia as ordes exactamente, mercou unha caixa de ritmos Roland TR-606 e comezou a compoñer o que serían as primeiras cancións de Big Black.[2][7] Porén, era incapaz de atopar outros músicos que puidesen tocar as cancións como el quería, así que na primavera de 1981 mercou unha guitarra, podiu prestado un gravador de catro pistas a un amigo a cambio dunha caixa de cervexas, e pasou as súas vacacions de primavera gravando o EP Lungs no seu salón, encargándose el mesmo da guitarra, do baixo, das voces e da programación da Roland TR-606 como son de batería.[2][3][8] Influenciado por bandas como Cabaret Voltaire, Killing Joke, e The Cure, o EP foi descrito polo escritor Michael Azerrad como "frío, escuro, e decididamente inescoitable", coas letras describindo maltratadores de nenos e outros temas controvertidos. Posteriormente Albini considerouno como un dos seus poucos arrepentimentos artísticos.[8]

Caixa de ritmos Roland TR-606 como a usada por Big Black

Albini bautizou ao seu novo proxecto musical Big Black, dicindo que o nome era "só unha especie de redución do concepto dunha figura grande, aterradora e ominosa. Todas as imaxes históricas de medo e todas as cousas ás que os nenos teñen medo son grandes e negras, basicamente".[8] Albini usou a cinta de Lungs para intentar conseguir outros músicos para o proxecto, recrutando brevemente ao guitarrista de Minor Threat Lyle Preslar, que tamén estudaba na Northwestern, pero resultaron ser músicos incompatibles. Albini pasoulle Lungs a John Babbin, do pequeno selo local Ruthless Records, que editou 1 500 copias do EP en decembro de 1982 con obxectos aleatorios como billetes de dólar, preservativos usados, fotografías de Bruce Lee, e anacos de papel ensanguentados nos insertos.[2][9]

Formación completa e Bulldozer

[editar | editar a fonte]

A principios de 1983 Albini coñeceu ao cantante de Naked Raygun Jeff Pezzati a través de amigos comúns e convenceuno para tocar o baixo con Big Black. Pezzati recordou que Albini "sabía moito, xa dende o principio, sobre como lanzar un disco e correr a voz de que tiás un disco", e que "aproveitou a oportunidade de que unha banda tocara as súas cousas".[10] Os dous ensaiaban no soto de Pezzati, e un día o guitarrista de Naked Raygun Santiago Durango baixou e pediu tocar con eles.[2][11] O trío encaixou perfectamente e a habilidade de Durango para reelaborar arranxos e axustar sons axudou a refinar as ideas de cancións de Albini. Segundo este último, "acabou sendo absolutamente crucial para Big Black".[11]

Albini "enganou" ao pequeno selo local Fever Records para que financiase o seguinte EP de Big Black EP, traendo ao batería Pat Byrne de Urge Overkill para que tocase nas sesións como acompañamento da caixa de ritmos, que bautizaron como "Roland" para os créditos do disco.[3][12] Albini conseguiu un característico son metálico coa súa guitarra usando púas de metal adentadas, creando o efecto de dúas púas pulsando as cordas á vez.[13] O EP Bulldozer gravouse co enxeñeiro Iain Burgess e lanzouse en decembro de 1983, coas primeirs 200 copias embaladas nunha funda de chapa galvanizada en homenaxe ao Metal Box de Public Image Ltd.[2][3][14] Moitas das letras do EP representaban escenarios sacados da educación de Albini no medio oeste, como "Cables", que describía o sacrificio de vacas nun matadoiro de Montana, e "Pigeon Kill", sobre un pobo na Indiana rural que se enfrontaba a unha superpoboación de pombas alimentándoas con millo envelenado.[15]

Xira e contrato discográfico

[editar | editar a fonte]
Jeff Pezzati e Santiago Durango con Big Black

Mesmo con Bulldozer publicado, Big Black non conseguia xuntar a moita xente nos seus concertos no seu Chicago nativo.[16] A banda comezou a aventurarse fóra de Illinois para facer concertos en Madison, Minneapolis, Detroit e Muncie, movéndose eles e o seu equipo nun coche estreito e durmindo no chan das casas doutros.[17] Albini encargábase de gran parte da loxística do grupo, montando ensaios, reservando tempo de estudio, e pechando xiras. Coa súa reputación medrando grazas a pequenas xiras, Albini foi capaz de conseguir unha serie de actuacións na costa leste, incluíndo concertos en Washington, D.C., Boston e Nova York, seguidos por unha xira por Europa onde forn aclamados pola prensa británica.[16] Ao mesmo tempo Big Black foi gañando popularidade na súa cidade, pero sentíanse amargados porque os mesmos veciños que os desprezaran poucos meses antes estaban de súpeto interesados ​​agora que tiñan unha reputación fóra da cidade, e a banda realmente negouse a tocar en Chicago durante algún tempo.[16]

Parte da pouca popularidade local de Big Black debíase á hostilidade que Albini habitualmente mostraba cara a escena rock de Chicago: en 1985 o Metro Chicago era o único club na cidade que estaba organizando concertos de punk rock e era o suficientemente grande para acomodar a Big Black, pero despois de actuar alí, Albini criticou o local nunha entrevista e prohibíronlle entrar permanentemente.[16] O problema estaba agravado polo son agresivo e ruidoso da banda e as letras hostís de Albini, que puxo a proba a tolerancia do seu público liberal branco satirizando sen piedade o racismo, o sexismo, o chauvinismo, e os estereotipos de homosexualidade, usando ás veces termos pexorativos como "darkie" e "fag" para aclarar as cousas; isto fixo que algúns oíntes consideráseno un fanático.[18]

Buscando unha mellor distribución dos seus discos, Big Black negociou un trato con Homestead Records.[3][19] Gerard Cosloy, que se fixera amigo de Albini escribindo para Matter e xomezara a traballar en Homestead, negociou un trato pouco ortodoxo coa banda: Big Black só concedeu a licenza das súas gravacións a Homestead durante períodos de tempo específicos, en lugar de que o selo conservase os dereitos das gravacións como era habitual.[19] Ademais, a banda non recibiu pagos anticipados, pagou as súas propias gravacións e non asinou contratos.[19] Durango despois remarcou que "víñamos dunha perspectiva punk. Non queríamos deixarnos atrapar nunha cultura corporativa na que basicamente estás asinando un contrato porque non confías na outra persoa para cumprir a súa palabra. Tiñabamos ideais, e ese era un dos nosos ideais".[20] Os membros da banda pensaron que se unha discográfica os ía enganar, poderían facelo con ou sen contrato porque a banda non podía permitirse o luxo de defenderse.[20]

Albini cría que Big Black non tiña nada que gañar adoptando as trampas corporativas habituais das bandas de rock: "se non usas contratos, non tes contratos dos que preocuparte. Se no tes un rider de xira, non tes rider de xira polo que discutir. Se non tes un axente de reservas, non tes un axente de reservas co que debater".[20] O manexo das reserva da xira, do transporte do equipo, e da montaxe e desmontaxe nos concertos tamén significaba que a banda non tiña que contratar un axente de reservas ou un equipo de xira co que tivese que compartir os beneficios.[21] A falta dun batería tamén significaba un membro menos co que repartir beneficios, e xa que non había batería o grupo non necesitaba alugar unha furgoneta para transportar o equipamento. Así, Big Black foi capaz de gañar cartos en case todas as súas xiras.[21] En 1984 o grupo iniciou unha xira polos Estados Unidos para prepararse para o seu seguinte EP con Homestead, utilizando a rede unida de bandas de rock independente para coñecer cidades e lugares onde tocar.[21]

Racer-X e Atomizer

[editar | editar a fonte]

A finais de 1984, tras a gravación do EP Racer-X, Pezzati deixou amigablemente a banda debido ao aumento das esixencias, a necesidade de tempo para dedicarlle á súa prometida, e ao aumento de popularidade e maior axenda de Naked Raygun, da que aínda era membro.[2][22] Durango, mentres tanto, optou por deixar Naked Raygun para dedicarse a tempo completo a Big Black. Pezzati foi substituído por Dave Riley, que se uniu a Big Black a semana do lanzamento de Racer-X en abril de 1985.[2][22] Riley mudárase a Chicago en 1982 dende Detroit, onde traballara nun estudio onde os artistas funk George Clinton e Sly Stone gravaran (aparece acreditado como enxeñeiro de gravación no de Trombipulation Parliament e no The Electric Spanking of War Babies de Funkadelic).[23] En Chicago uniuse a unha banda chamada Savage Beliefs, e o seu estilo á hora de tocar impresionou a Albini e Durango, que o invitaron a unirse a Big Black mentres gravaban as cancións que formarían o primeiro álbum do grupo.[23]

Albini afirmou estar apuntando a un "son rock grande, masivo e lixeiro" con Racer-X, que era menos frenético que Bulldozer, pero finalmente considerou que o EP era "demasiado igual e monolítico".[24] A banda xa comezara a escribir novas cancións na época na que Racer-X editado, afirmando na derradeira frase do libreto do EP que "o seguinte vai facer cagarte nos pantalóns".[25] O primeiro álbum de Big Black, Atomizer (1986), chegou cando a banda estaba no seu nivel musical máis desenvolvido e agresivo. Os antecedentes funk de Riley achegaron un pouco máis sentido de melodía e bailabilidade ao grupo, mentres que o traballo de guitarras de Albini e Durango era máis violento que antes.[25] Michael Azerrad comentou que "por aquel entón Big Black perfeccionara as ideas suxeridas por primeira vez en Lungs e desenvolvéraas nalgo moito máis grande que ninguén, agás Albini, imaxinara", mentres que Mark Deming de Allmusic afirmou que o álbum "subiu a aposta na ferocidade musical e lírica do traballo anterior de Big Black, un ataque implacable de sons de guitarra e violencia imaxinada de todo tipo". Albini despois remarcou que "só tiñamos unha porcentaxe superior á media de cancións moi boas".[25] As letras de Atomizer presentaban a sociópatas cometendo actos malvados que a maioría da xente só contempla ás veces.: "Big Money" fala dun oficial de policía corrupto, "Bazooka Joe" trata dun veterano conmocionado que se converte nun asasino a soldo, "Stinking Drunk" describe a un alcohólico violento, e "Fists of Love" presenta a un sádico.[26] Unha das cancións máis controvertidas do álbum foi "Jordan, Minnesota", que trata sobre o escándalo de 1983 en Jordan, Minnesota que viu a un gran número de adultos da cidade rural acusados ​​de estar implicados nun enorme círculo de abuso sexual infantil.[26]

"Kerosene", un dos temas máis destacados de Atomizer, é vista tanto por Azerrad como por Andy Kellman de Allmusic como a mellor canción da banda. Azerrad destaca o seu "ritmo poderoso arrincado directamente de Gang of Four e guitarras que soan como vidro que rompe", mentres que Kellman di que é "innegablemente o momento máis brillante/sombrío de Big Black, un tema de itinerancia épica que presenta unha intro de guitarra memorable ao instante, completamente incapaz de ser descrito con precisión por imitación vocal ou xesto físico [...] É o 'Light My Fire' de Big Black, literalmente".[26][27] Riley explicou que a canción trataba dos efectos do aburrimento nas zonas rurais dos Estados Unidos: "Só hai dúas cousas que facer: estoupar un monte de cousas para divertirse, ou termoito sexo coa única rapaza do pobo que se deita con calquera. 'Kerosene' vai sobre un rapaz que intenta combinar estes dous praceres".[26]

Atomizer foi un disco polarizador que foi eloxiado na prensa nacional e converteuse nun éxito no underground, superando as expectativas da banda ao vender 3 000 copias pouco despois do seu lanzamento.[2][28] Big Black asegurou a distribución por Europa dos seus discos a través dun trato con Blast First, un selo recomendado a Albini por Sonic Youth, e o grupo atopou respostas entusiastas aos seus concertos nunha xira europea en 1986.[29]

O álbum recompilario The Hammer Party, que combinaba Lungs e Bulldozer, tamén foi lanzado a través de Homestead Records en 1986, pero posteriormente ese ano Big Black tivo unha pelexa co selo e a súa distribuidora, Dutch East India Trading.[3][30][31] Segundo Albini, as prácticas contables de Dutch East India eran "sempre fodidas. Eles farían todos os trucos baratos para evitar pagarte, como enviarte un cheque que non estaba asinado ou enviarte un cheque que tiña un número e unha cantidade literal diferentes".[31] Homestead entón pedíu facer 500 copias dun sinxelo en 12" do tema "Il Duce" para que fose distribuído gratuitamente en emisoras de radio. A banda aceptou coa condición de que o sinxelo non se vendese, xa que a canción xa fora editada como sinxelo de 7" en 1985 e, segundo Albini, "Non queriamos muxir ao noso público para que mercase un formato alternativo".[31] Poucas semanas despois da publicación do sinxelo, Albini comezou a ver copias á venda en tendas de discos fóra de Chicago. Pronto descubriu que o sinxelo de 12 polgadas estaba sendo vendido tanto nos Estados Unidos como no estranxeiro como un "artigo de coleccionista" a un alto prezo. Aínda que Homestead afirmou non estar vendendo copias, Albini chamou por teléfono a un dos vendedores do selo facéndose pasar por un comprador de discos e dixéronlle que lle venderían copias, pero non en Chicago. Como resultado da decepción, Albini e Big Black romperon os lazos con Homestead e Dutch East India.[2][31] Aínda que a banda estaba recibindo ofertas lucrativas de grandes discográficas, elixiron permanecer independentes e ficharon por Touch and Go Records, ao ser Albini bo amigo do xefe da discográfica Corey Rusk.[2]

Headache, Songs About Fucking, e separación

[editar | editar a fonte]

O primeiro lanzamento de Big Black a través de Touch and Go foi o EP Headache na primavera de 1987.[3] A portada da edición orixinal limitada tiña un par de fotos forenses da vítima dun accidente coa cabeza partida polo medio, e o disco foi embalado nunha "bolsa para cadávares" de plástico negra para ocultar a imaxe aos consumidores sensibles.[2][32] Segundo Durango, "Non queríamos sentarno alí e foder á xente. Se sentíamos que non era tan bo, entón deberíamos ser honestos ao respecto".[2][32] De feito, Headache reciclou moitos dos mesmos sons e temas atopados en Atomizer, mostrando síntomas de que a banda estaba falta de creatividade.[33] Durango despois remarcou que "estaba a sentirme falto de ideas. Nese momento creo que xa probaramos todo o que queriamos probar, musicalmente e no estudo".[34]

As tensións tamén foron aumentando dentro da banda. Albini non bebía alcol, polo que Riley e Durango convertéronse en compañeiros de bebida mentres Albini facía entrevistas e encargábase da loxística da banda. Riley, porén, estaba bebendo demasiado e o seu comportamento arruinou varias actuacións do grupo. Durante un concerto clave no CBGB, esnaquizou borracho a caixa de ritmos.[35] Albini acusou a Riley doutras deficiencias, pero, a pesar de varias ameazas, nunca chegou a despedilo da banda.[35] Outro problema ao que se enfrontou o grupo foi que Riley estaba agora na universidade e que tanto Albini como Durango tiñan que manter traballos diarios, o que limitaba a capacidade de Big Black para facer xiras.[35] Cando Durango anunciou que quería comezar a estudar dereito a partir do outono de 1987, a banda decidiu seguir ata que comenzase as clases e despois deixalo.[2][34] A pesar de gozar dunha maior presenza na prensa e nas radios, de ter maiores vendas de discos e de sacar máis cartos dos concertos, a banda non se arrepentiu da súa decisión e evitou a idea do éxito comercial.[36] Segundo Riley, "Big Black nunca tratou diso. Se Big Black gañase cartos xa non sería Big Black". Decidir deixalo era tamén liberador, xa que os membros xa non tiñan que preocuparse polo futuro do grupo. Albini escribiu que estaba feliz de desfacer a banda antes de que medrase demasiado:

Agora estou moi feliz de romper. As cousas fanse demasiado grandes e incontrolables. Durante todo o tempo quixemos manter as nosas mans sobre todo, así que non pasou nada que non quixeramos. Con merda internacional e multiformato/multiterritorial, iso resulta esquivo. Prefiro cortalo antes que que se converta noutro mero espectáculo de rock.[37]

Coa súa ruptura anunciada con bastante antelación, Big Black gravou o seu derradeiro álbum de estudio, Songs About Fucking, a metade en Londres e a metade no estudio caseiro de Albini.[2] A súa derradeira xira comezou en xuño de 1987, levándoos a Europa, Australia, e ao longo dos Estados Unidos. O día do 25 aniversario de Albini, o 22 de xullo, tocaron no festival belga Pukkelpop xunto con Sonic Youth.[38] Nun concerto en Londres diante de 1 300 persoas, Bruce Gilbert e Graham Lewis de Wire uníronse a Big Black no escenario para tocar o tema de Wire "Heartbeat" nos bises (Big Black lanzara unha versión desa canción como sinxelo xunto con Headache). Albini escribiu sobre a experiencia que "Se morro agora mesmo, todo valerá a pena". Nos Estados Unidos a banda tocou en San Francisco, Providence, Boston, New York City, e Newport, Kentucky, realizando a súa derradeira actuación o 9 de agosto de 1987 no Georgetown Steam Plant de Seattle. Ao final dese concerto a banda esnaquizou os seus instrumentos no escenario.[2][38]

Songs About Fucking lanzouse pouco despois da disolución da banda e convertiríase no seu álbum máis exitoso, cunha edición inicial de 8 000 copias.[2][38] Mark Deming de Allmusic chámao "unha obra mestra escabrosa", mentres que o seu colega Andy Kellman di que "cada [canción] é o suficientemente incisiva como para facer unha navalla tan eficaz como un coitelo de manteiga. En suma: ouvido, tintineo, golpe-golpe-berro. Personaxes feos alíñanse nas cancións como chegadas temperás a un mitin de camións monstros". O crítico Robert Christgau comentou que "Calquera que pense que o rock and roll está vivo e coleando na infinita variedade das súas permutacións de rapaces de garaxe debería descubrir como estes rexeitados das Xuventudes Hitlerianas poden esmagar a competencia e abandonar ao mesmo tempo. Non importa o que pensen os rockeiros ben intencionados das mentiras supremacistas de Steve Albini, míntense a eles mesmos se descartan o que fai coas guitarras eléctricas: ese son de Killdozer culmina, se non remata, con xeracións enteiras de punk e metal".[39] O propio Albini posteriormente considerou a primeira cara do álbum como o mellor traballo de Big Black.[40]

Despois de Big Black

[editar | editar a fonte]
Steve Albini (esquerda) con Shellac no Porto

Tras a disolución de Big Black, Albini formou e liderou Rapeman dende 1987 ata 1989 e Shellac dende 1992 ata o presente.[2][3] Tamén comezou a traballar como enxeñeiro de son, traballando con artistas como Slint, Pixies, The Breeders, Pegboy, Urge Overkill, The Jesus Lizard, The Wedding Present, Superchunk, PJ Harvey, Nirvana, Bush, e Page and Plant.[2][41] Algunhas das súas gravacións máis coñecidas son Surfer Rosa (1988) dos Pixies, In Utero (1993) de Nirvana, Razorblade Suitcase (1996) de Bush, e Walking into Clarksdale (1998) de Page and Plant. En 1997 inaugurou o seu propio estudio de gravación, Electrical Audio, en Chicago.[2][3][41] O estilo de gravación de Albini caracterízase polo uso de micrófonos antigos colocados estratexicamente ao redor da sala de gravación, mantendo as voces moi abaixo na mestura, e usando poucos efectos especiais.[42] Tamén é coñecido por gravar a case calquera artista que requira os seus servizos (xeralmente a prezos moi baixos, pero cobrando deliberadamente grandes cantidades aos artistas das principais discográficas), por non gustarlle aparecer acreditado nos álbums nos que traballa (insistindo en ser acreditado como enxeñeiro de gravación en lugar de produtor, se é o caso), e rexeitando cobrar royalties polo seu traballo (chamándoo "un insulta á banda").[42][43]

Durango, pola súa banda, continuou tocando durante os anos nos que estudou dereito, publicando dous EPs a través de Touch and Go como Arsenal e gravando con Boss Hog.[2][3] Despois converteuse en avogado, con clientes como Touch and Go Records e a artista visual Cynthia Plaster Caster.[2] Riley gravou temas cos grupos Algebra Suicide, Bull, e Flour antes de quedar incapacitado por un ictus en 1995, algo que inicialmente foi denunciado erroneamente como un intento de suicidio.[2][23] Tras perder a capacidade de camiñar, escribiu un blog sobre as súas experiencias titulado "Worthless Goddamn Cripple" (Maldito lisiado inútil).[23] En 2004 he participou nun proxecto musical chamado Miasma of Funk, publicando o álbum Groove on the Mania!, e en 2006 editou o libro Blurry and Disconnected: Tales of Sink-or-Swim Nihilism.[23] Riley morreu o 24 de decembro de 2019, con 59 anos, dun carcinoma de células escamosas que comezou na súa gorxa e estendeuse aos pulmóns.[23]

En 1992 o catálogo de Big Black volveu a Touch and Go Records, que reeditou toda a discografía e mantivo os seus discos en catálogo moito tempo despois da desaparición da banda. Ese outubro o selo lanzou o álbum ao vivo Pigpile, gravado en Londres durante as últimas xiras do grupo, así como o recompilatorio The Rich Man's Eight Track Tape, que combinaba temas de Atomizer, Headache, e o sinxelo "Heartbeat" en formato CD. A versión reeditada de The Hammer Party ampliouse para incluír tamén os temas de Racer-X.[30]

O 9 de setembro de 2006, Albini e Durango uníronse ao baixista orixinal Jeff Pezzati para unha actuación de Big Black no festival do 25 aniversario de Touch and Go.[44][45] O calendario de xira de Albini con Shellac non lles permitiu ensaiar para realizar un concerto completo, polo que o grupo tocou tan só catro cancións: "Cables", "Dead Billy", "Pigeon Kill", e "Racer-X".[45][46] Albini explicou que a actuación non foi "sobre Big Black querendo regresar ou nin sequera sobre un público querendo ver a Big Black, é que ... non honrar a Touch and Go sería un insulto a modo de condenar con leves eloxios", describinndo o selo como "[non] só un punto de referencia de como debería comportarse un selo discográfico, senón como debería comportarse a xente".[47] Durante a actuación dixo que "Podes dicir que [isto] non é algo que tiñamos un desexo ardente de facer, pero fixémolo porque amamos Touch and Go [e] amamos a Corey Rusk [...] Cando a historia fala de música rock, ten unha tendencia de saltar dos Sex Pistols a Nirvana, [pero] algo comezou na década de 1980 e estás vendo a evidencia diso ao teu redor", destacando que o selo fora "o mellor que lle pasou á música na miña vida, e fixemos isto para agradecerllo".[46][48] A actuación provocou ofertas dos promotores para máis concertos de reunión, pero Albini declarou rotundamente "iso definitivamente non vai pasar".[45]

A música de Big Black desafiou as convencións, buscando un son abrasivo que era máis agresivo que o punk rock contemporáneo. Albini explicou que a banda loitaba pola intensidade, afirmando que o seu obxectivo era facer "algo que se sentise intenso cando pasamos por elo, en lugar de algo que tivese indicadores de intensidade pouco codificados. O heavy metal e as cousas como esas non me semellaban realmente intensas, parecíanme cómicas. O hardcore punk realmente non parecía intenso a maior parte do tempo, a maioría das veces só parecía infantil. Supoño que así diferenciaría o que estabamos facendo do que facían outras persoas".[49] Tanto Albini como Riley describiron a Big Black como unha banda de punk rock.[50] AllMusic asociou o seu son tanto co hardcore como co post-punk e describiuno como influínte para o indie rock[2] e como un dos pioneiros do noise rock e do post-hardcore.

Un compoñente importante na música de Big Black foi a caixa de ritmos. En vez de intentar emular o son dunha batería normal, a banda elixiu explotar a idiosincrasia dos seus sons sintéticos.[13] En moitas cancións Albini programouna para acentuar o primeiro e o terceiro tempo de cada compás, en vez do segundo e o cuarto que son os que se acentuan normalmente na música rock.[13] "O efecto era un golpe monolítico, un ataque", di Michael Azerrad, "o seu groove, normalmente o aspecto máis humano dunha banda de rock, volveuse o máis inhumano; só os facía soar máis insidiosos, a súa implacable tiranía". En xira, os técnicos de son de moitos locais estaban desconcertados pola caixa de ritmos, con medo de que non funcionase co seu sistema de son ou que estoupase os altofalantes, e a banda tería que coaccionar ao propietario do club ou ameazar con cancelar o concerto para conseguir que puxeran a caixa de ritmos polos monitores.[28]

O ,son de guitarra da banda tamén era pouco convencional. Albini quería evitar o típico son de guitarra do rock e conseguiu o seu son característico usando púas metálicas adentadas, que facían que as cordas fosen rasgadas dúas veces, como se se tocasen con dúas púas á vez. Durango destacou: "Sempre pensei que a nosa forma de tocar a guitarra non era tanto como tocar guitarras, senón como montar ruídos creados por guitarras". El e Albini nomearon respectivamente ás súas guitarras "vroom" e "skinng" no libreto de Atomizer.

Influencia

[editar | editar a fonte]

O estilo agresivo de guitarras e o seu uso de caixa de ritmos de Big Black serviu de precursor para o rock industrial. Esteticamente, os firmes ideais da banda, a independencia incondicional, a insistencia no control creativo, e os seus descarnados temas das súas letras tiveron un significante impacto no desenvolvemento da comunidade rock independente. Albini resumiu varias das principais ideas da banda nestas notas do seu álbum Pigpile:

Organizativamente, comprometémonos a un feixe de principios básicos: tratar a todo o mundo co respecto que se merece (e non máis), evitar ás persoas que apelan á nosa vanidade ou ambición (eles sempre teñen un punto de vista), operar o máximo posible a parte da "escena musical" (que nunca foi o noso principal terreo), e non tomar a merda de ninguén no proceso.[50][51]

^I A caixa de ritmos da banda aparece acreditada como "Roland" nos seus lanzamentos.

Discografía

[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Atomizer 1986 Homestead Records
Songs About Fucking 1987 Touch and Go Records
Álbum Ano Selo
Lungs 1982 Ruthless Records
Bulldozer 1983 Fever
Racer-X 1984 Homestead Records
Headache 1987 Touch and Go Records

Álbums en directo

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Sound of Impact 1987 Walls Have Ears
Pigpile 1992 Touch and Go
  1. 1,0 1,1 Azerrad, Michael (2002). Our band could be your life: scenes from the American Indie underground 1981 - 1991. Back Bay books (1. Back Bay paperback ed ed.). New York: Little, Brown and Company. p. 314. ISBN 978-0-316-78753-6. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 2,19 2,20 2,21 2,22 2,23 2,24 2,25 2,26 "Big Black Songs, Albums, Reviews, Bio & More". AllMusic (en inglés). Consultado o 2023-11-17. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 "Big Black". Touch and Go. Consultado o 2023-11-17. 
  4. Azerrad, pp. 313-314
  5. 5,0 5,1 Azerrad, pp. 314-315
  6. "Steve Albini Interview - 2/5/16 - For WUSB Stony Brook" (en inglés). Consultado o 2023-11-17. 
  7. Azerrad, p. 315
  8. 8,0 8,1 8,2 Azerrad, p. 316
  9. Azerrad, pp. 316-317
  10. Azerrad, p. 317
  11. 11,0 11,1 Azerrad, pp. 317-318
  12. Azerrad, pp. 318-319
  13. 13,0 13,1 13,2 Azerrad, p. 319
  14. Azerrad, pp. 318-321
  15. Azerrad, pp. 320-321
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Azerrad, p. 322
  17. Azerrad, pp. 321-322
  18. Azerrad, pp. 324-326
  19. 19,0 19,1 19,2 Azerrad, pp. 326-327
  20. 20,0 20,1 20,2 Azerrad, p. 327
  21. 21,0 21,1 21,2 Azerrad, p. 328
  22. 22,0 22,1 Azerrad, pp. 328-330
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 Grow, Kory (2019-12-26). "Dave Riley, Bassist for Noise Rockers Big Black, Dead at 59". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2023-11-18. 
  24. Azerrad, pp. 328-329
  25. 25,0 25,1 25,2 Azerrad, p. 330
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 Azerrad, p. 331
  27. "Big Black - Atomizer". AllMusic (en inglés). Consultado o 2023-11-19. 
  28. 28,0 28,1 Azerrad, p. 332
  29. Azerrad, p. 334
  30. 30,0 30,1 "Big Black - The Hammer Party". AllMusic (en inglés). Consultado o 2023-11-19. 
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 Azerrad, p. 335
  32. 32,0 32,1 Azerrad, p. 337
  33. Azerrad, pp. 337-339
  34. 34,0 34,1 Azerrad, p. 339
  35. 35,0 35,1 35,2 Azerrad, p. 338
  36. Azerrad, p. 340
  37. Azerrad, p. 341
  38. 38,0 38,1 38,2 Azerrad, p. 341
  39. "Review: Songs About Fucking". Robert Christgau. Consultado o 2023-11-20. 
  40. "Big Black - Songs About Fucking (album review 2)". Sputnikmusic. Consultado o 2023-11-20. 
  41. 41,0 41,1 Azerrad, pp. 343-345
  42. 42,0 42,1 Azerrad, p. 344
  43. Heylin, Clinton, ed. (1992). The Penguin book of rock & roll writing (1. ed ed.). London: Penguin Books. p. 410. ISBN 978-0-670-84559-0. 
  44. "Big Black added to Touch and Go 25th Anniversary". www.punknews.org (en inglés). 2006-06-29. Consultado o 2023-11-24. 
  45. 45,0 45,1 45,2 "Big Black, Scratch Acid, GVSB to reunite for Touch and Go fest". The Phoenix. 2008-11-10. Archived from the original on 10 de novembro de 2008. Consultado o 2023-11-24. 
  46. 46,0 46,1 "Big Black Live At Touch & Go’s 25th Anniversary". Stereogum (en inglés). 2006-09-11. Consultado o 2023-11-27. 
  47. "Move Over, Fall Out Boy: Touch And Go Records Is Retaking Chicago". MTV (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2023. Consultado o 2023-11-24. 
  48. Sanneh, Kelefa (2006-09-14). "‘Those Were the Days,’ the Punk Remix". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2023-11-27. 
  49. Azerrad, p. 320
  50. 50,0 50,1 Albini, Steve (1991). Pigpile (libreto do CD). Big Black. Chicago: Touch and Go Records. TG81CD.
  51. Azerrad, p. 313