Bencomo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1425 Tenerife, España |
Morte | 14 de novembro de 1495 (69/70 anos) San Cristóbal de La Laguna, España |
Causa da morte | morte en combate, morto en combate |
Actividade | |
Ocupación | Mencey |
Bencomo ou Benchomo foi mencey de Taoro, sendo un dos 9 menceyes que gobernaban a illa de Tenerife durante o ano 1494, estando o seu menceyato cronoloxicamente dentro do episodio histórico coñecido como Conquista das Canarias.
Historia
[editar | editar a fonte]Bencomo, tamén alcumado como "Rei Grande", foi unha figura representativa da resistencia dos indíxenas de Tenerife, sobre todo, pola súa vitoria na Primeira Batalla de Acentejo ante as tropas castelás.
No momento que precede á conquista, a illa de Tenerife atopábase en conflito entre os distintos menceyatos. Bencomo pretendía constituír un poder hexemónico en toda a illa, o que produciu un enfrontamento entre os menceyatos do sur, de menor riqueza. A presenza europea nas illas acelerou un proceso de loita na organización do poder, tendente a unha maior xerarquización.
Morreu con aproximadamente 70 anos na Batalla de Aguere contra o adiantado Alonso Fernández de Lugo, xunto co seu irmán Tinguaro, o que representou a fin da resistencia guanche ante a conquista de Tenerife e das Illas Canarias por parte da Coroa de Castela.
O primeiro enfrontamento de Bencomo coas tropas castelás primeira batalla de Acentejo, en maio de 1494, produciuse preto de Acentejo, no fondo da carricova do mesmo nome, no punto por onde hoxe discorre o Camiño de Santo Domingo. Os españois levaban consigo todo o gando que recolleran na súa marcha dende o real situado no que hoxe é Santa Cruz de Tenerife, lugar dende onde partiran en incursión cara ó interior da illa. Tinguaro agardábaos, por indicación de Bencomo, con 300 guerreiros nos altos do barranco, dende os que provocaron cos seus silbos e chuvia de pedras unha espantosa desorganización nas tropas castelás, impedidas nunha defensa efectiva polos movementos do gando roubado, sendo finalmente masacradas polos 2000 campesiños voluntarios de refresco que acompañaban a Bencomo e que pecharon a saída do barranco.[1]
Meses despois, o 14 de novembro do mesmo ano, volveron a enfrontarse os guerreiros ó mando de Bencomo cos de Lugo, no que se denomina Batalla de Aguere ou de La Laguna.
O campo que cubría o exército guanche (de seis a doce mil guerreiros) abarcaba dende onde hoxe está edificada a ermida de San Cristóbal de la Laguna ata a Cruz de Piedra. Bencomo ordenou o exército en tres partes: o centro estaba dirixido polo propio Bencomo, a á dereita por Acaymo, rei de Tacoronte e a á esquerda por Tinguaro. A batalla debeu celebrarse na chaira que hoxe ocupa o chamado Barrio del Timple, Barrio Nuevo ou Viña Nava e a Urbanización de la Verdellada
O exército castelán de Alonso, formado por uns 1300 homes, formou preto da actual San Cristóbal de La Laguna: a vangarda española de arcabuceiros e ballesteros desordenou as filas guanches, entrando logo en acción piqueiros e cabaleiros, ferindo e matando ós fuxitivos. A cabalería castelá desfixo a á esquerda de Tinguaro e o centro, a cargo de Bencomo, fuxiu. Acaymo, sen sufrir tantas baixas, tivo que retroceder igualmente.[1][2]
As mortes de Bencomo e Tinguaro producíronse probablemente durante o intento de fuxida cara ós cerros para protexerse das cargas da cabalería de Alonso.[3]
Trala batalla, na que os guanches deixaron sobre o terreo máis de 2000 mortos e feridos, os superviventes elixiron o seu fillo Bentor como sucesor, como mencey de Taoro e líder do bando de guerras. Suicidouse un mes despois, trala última gran batalla da Conquista das Canarias, a Segunda Batalla de Acentejo, final da resistencia militar das illas Canarias.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Mónica Acosta Betancor y Felipe Ros Brandon, 29 de Abril-3 de mayo, Dos fechas y un mismo símbolo. 1999
- ↑ Abreu y Galindo, J. de, Historia de la conquista de las siete islas de Canarias, en A. Cioranescu (ed) Goya ediciones, Tenerife, 1977
- ↑ Buenaventura Bonnet, La Batalla de La Laguna y la muerte de Tinguaro. Estudio Hermenéutica Histórica. Comisión provincial de Monumentos Históricos de Canarias, Tenerife ,1916