Batalla do Frigidus
Batalla do río Frigidus | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Gravado representando a Batallo do río Frigidus, realizado por Johann Weikhard von Valvasor (1689) | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Imperio romano de Occidente, 35.000–50.000 | Imperio romano de Oriente 20.000–30.000 romanos 20.000 visigodos[1][2] | ||||||||
Líderes | |||||||||
Euxenio Arbogasto |
Teodosio I Estilicón Timasio Alarico Gainas Bacurio | ||||||||
Baixas | |||||||||
descoñecidas, pero moi elevadas | descoñecidas 10.000 visigodos[3] |
A Batalla do río Frigidus, tamén chamada Batalla do Frigidus, produciuse entre o 5 e o 6 setembro do 394 entre o exército do emperador romano Teodosio I e o exército do usurpador Euxenio (r. 392–394), na fronteira oriental da provincia de Italia.
Na batalla, Teodosio derrotou ao exército do usurpador Euxenio e de Arbogasto e volveu restaura-la unidade do Imperio Romano. O campo de batalla, no Claustra Alpium Iuliarum, preto do Alpes Xulianos, os que pasara o exército de Teodosio estaba no val do Vipava, cruzado polo río que os romanon identificaban como o Frigidus e que se corresponde co actual río Vipava, ou posibelmente no val do Isonzo.
Timasio, o magister militum, comandadou o exército teodosiano coa axuda do magister utriusque militae Estilicón. As forzas de Euxenio estaban ás ordes de Arbogasto, de orixe franca, e que fora anteriormente magister militum baixo o cuñado de Teodosio e coemperador maior Valentiniano II (r. 375-392). Foi Arbogasto quen organizou a aclamación de Euxenio despois da misteriosa morte de Valentiniano.
Foi un triunfo completo para as tropas de Teodosio que contaron co reforzo dos godos dirixidos por Alarico e Gainas, e coas tropas de Bacurio o Iberio, pois derrotaron os contrarios e capturaron a Euxenio que foi executado mentres Arbogasto suicidouse trala batalla. Os combates puxeron fin á terceira guerra civil do reinado de Teodosio, despois de que os dous loitaran unidos contra Magno Máximo (r. 383–388).
Na historia eclesiástica, a batalla foi recordada como a última en involucrar a un augusto que era un devoto do paganismo romano aínda que, de feito, Euxenio non era pagán. A acusación póstuma de paganismo foi lanzada por primeira vez por Tiranio Rufino para mellorar a reputación de Teodosio I, quen foi un vigoroso promotor do cristianismo niceno e da igrexa estatal do Imperio romano. As narracións da Igrexa atribuíron a vitoria de Teodosio, no Frigidus, á intervención divina, e Rufino equiparou a súa importancia á batalla da Ponte Milvio gañada por Constantino o Grande sobre Maxencio no 312.
Contexto
[editar | editar a fonte]O 15 de maio de 392, o emperador occidental, Valentiniano II, foi atopado morto na súa residencia en Vienne, na Galia. O seu magister militum, Arbogasto, informou a Teodosio, o emperador oriental e cuñado de Valentiniano, de que o novo emperador se suicidara. A tensión entre as dúas metades do imperio aumentou aínda máis ese verán. Arbogasto fixo varios intentos por contactar con Teodosio, pero ao parecer ningún chegou máis alá do oído do prefecto pretoriano oriental, Rufino. As respostas que Arbogasto recibiu de Rufino foron inútiles. O propio Teodosio foi chegando lentamente á crenza de que Valentiniano fora asasinado, en gran parte porque a súa muller Gala estaba convencida de que a morte do seu irmán fora causada con aleivosía. Pola súa banda, Arbogasto tiña poucos amigos na corte oriental, aínda que o seu tío Ricomero era o comandante xefe da cabalería oriental. Como parecía cada vez máis probable que calquera acción que decidise Teodosio sería hostil cara a Arbogasto, o franco decidiu face-lo primeiro movemento.
O 22 de agosto, Arbogasto elevou a Euxenio, o magister scrinii da corte imperial occidental, ou funcionario superior, ao trono do Imperio de Occidente.[4] Euxenio era un estudoso de retórica moi respectado e un nativo romano, o que o converteu nun candidato moito máis aceptable para o púrpura que o comandante franco. Aínda que a súa elección foi apoiada por membros importantes do paganismo como o prefecto pretoriano de Italia Nicómaco Flaviano., outros senadores, especialmente Símaco, non se sentiron cómodos con esta acción. Ademais, houbo o problema da morte de Valentiniano, que nunca fora ben resolto.
Ademais, Euxenio eliminou a maioría dos altos oficiais civís deixados por Teodosio cando entregou a metade occidental do imperio a Valentiniano, de xeito que Teodosio perdera o control do Imperio romano de Occidente. Cando un grupo de embaixadores occidentais chegou a Constantinopla para solicitar que Euxenio fose recoñecido como augusto occidental, Teodosio non se comprometeu, aínda que os recibise con agasallos e promesas vagas. Non está claro se xa decidira unha ofensiva contra Euxenio e Arbogasto neste momento. Ao final, con todo, despois de declarar ao seu fillo Honorio, daquela oito anos, como augusto occidental en xaneiro do 393, Teodosio decidiu finalmente invadir Occidente.
Preparativos da campaña
[editar | editar a fonte]Durante o ano e medio seguinte, Teodosio dirixiu as forzas para a invasión. Os exércitos orientais estaban moi debilitados trala derrota do emperador Valente e a perda de gran parte do exército na batalla de Adrianópole, polo que foron os xenerais Estilicón e Timasio quen se encargaron tanto de restaura-la disciplina nas lexións como de volver a recrealas a través do recrutamento.
Ao mesmo tempo, outro dos conselleiros de Teodosio, o eunuco Eutropio, foi enviado desde Constantinopla para buscar o consello e a sabedoría dun monxe cristián asceta denominado Xoán da cidade exipcia de Licópolis (actual Asiut). Segundo os relatos da reunión ofrecidos por Claudiano e Sozomeno, o vello monxe profetizou que Teodosio lograría unha custosa pero decisiva vitoria sobre Euxenio e Arbogasto.[5] O exército oriental partiu cara ao oeste desde Constantinopla en maio do 394. As lexións foron reforzadas por numerosos auxiliares bárbaros, incluíndo máis de 20.000 federados visigodos e forzas adicionais de Siria. O propio Teodosio dirixiu o exército; entre os seus comandantes estaban xunto cos seus propios xenerais Estilicón e Timasio, o xefe visigodo Alarico e un caucásico chamado Bacurio, o Iberio.
O seu avance pola Panonia ata os Alpes Xulianos realizouse sen oposición, e Teodosio e os seus oficiais desconfiaban dunha emboscada cando descubriron que os extremos orientais dos pasos de montaña estaban sen defensa. Isto, debeuse á decisión de Arbogasto, quen baseándose nas súas experiencias cando loitou contra o usurpador Magno Máximo na Galia, pensou que a mellor estratexia era mante-las súas forzas unidas para defender Italia e, por iso, deixou os pasos alpinos sen gardas. As forzas de Arbogasto consistían principalmente nos seus compañeiros francos, alamanos e galorromanos, ademais dos seus propios auxiliares godos.
Grazas á estratexia de Arbogasto de manter unha única forza relativamente cohesionada, o exército teodosiano pasou sen obstáculos polos Alpes e descendeu cara ao val do río Frigidus ao leste do porto romano de Aquileia. Foi nesta rexión estreita e montañosa cando atoparon o campamento do exército occidental dentro do Claustra Alpium Iuliarum (Alpes Xulianos) nos primeiros días de setembro.
A batalla
[editar | editar a fonte]Descoñécese o lugar exacto onde tivo se produciu a batalla. Aínda que se afirmou que o lugar da batalla debería buscarse no val superior do Isonzo, situouse principalmente nalgún lugar do val de Vipava.
Mentres que o "Frigidus" normalmente foi considerado como o río Vipava ou o arroio Hubelj e a batalla que se produciu preto de Vrhpolje, investigacións recentes suxiren que realmente tivo lugar a algúns quilómetros de distancia, entre Col e Sanabor na chamada Porta á Italia romana.[6]
Antes da batalla, Euxenio e Arbogasto colocaron unha estatua de Xúpiter nas proximidades do campo de batalla e aplicaran imaxes de Hércules nos pendóns do exército.[7] Deste xeito, esperaban repetir as vitorias de Roma en épocas anteriores, cando sempre se contara cos vellos deuses para consegui-la vitoria.
O primeiro día de batalla, Teodosio atacou case de inmediato, ser ter realizado pouco ou ningún recoñecemento previo do campo de batalla. Primeiro comprometeu á acción dos seus aliados godos, quizais coa esperanza de diminuí-las súas forzas co desgaste e limita-la súa ameaza potencial para o Imperio. O ataque frontal do exército oriental provocou fortes baixas pero tivo pouco éxito: 10.000 dos auxiliares góticos foron masacrados e, mesmo, o xeneral iberio Bacurio estaba entre os mortos.[8] Ao remata-lo día, Euxenio celebrou a exitosa defensa levada a cabo polas súas tropas mentres Arbogasto enviaba destacamentos para pecha-los pasos de montaña detrás das forzas de Teodosio.
Despois dunha noite sen durmir, Teodosio revitalizouse coa noticia de que os homes que Arbogasto enviara para rodealo no val ían cambiar para o seu bando. Impulsados por este desenvolvemento favorable, os homes de Teodosio atacaron unha vez máis. De súpeto, desatouse unha feroz tempestade —propiciado polo un vento de tipo catabático denominado Bora, algo habitual na rexión— que soprou ao longo do val dende o leste. Os fortes ventos botaron nubes de po sobre as tropas occidentais, de tal xeito, que as liñas de Arbogasto romperon e Teodosio obtivo a vitoria decisiva que profetizara o monxe exipcio. Despois, Euxenio foi capturado e levado ante o emperador. As súas súplicas de misericordia foron inútiles e foi decapitado. Arbogasto escapou da derrota e fuxiu ás montañas, pero despois duns días de vagar suicidouse.
Carácter relixioso do conflito
[editar | editar a fonte]Aínda que, a finais da antigüidade, se popularizara unha versión da batalla segundo a cal un vento divino derrotou aos inimigos pagáns de Teodosio, os historiadores actuais, sobre todo Alan Cameron, rexeitan a fiabilidade desta versión dos acontecementos. Cameron afirma que a idea de que Euxenio e Arbogasto eran pagáns ou partidarios dos pagáns se creou para xustificar a campaña de Teodosio contra eles e que outros usurpadores, como Magnencio, foron falsamente tachados de pagáns despois da súa derrota. Opina que, esta idea de que os inimigos de Teodosio eran pagáns, foi creada polo historiador da igrexa Rufino, e tan só as fontes dependentes de Rufino mencionan esta idea.[9]
Ademais, a fonte máis antiga que mencionou o decisivo vento do norte foi Ambrosio de Milán, pero afirma no seu sermón do Salmo 36 que o vento sopraba antes desa batalla e desmoralizou ao inimigo de Teodosio antes de que comezasen os combates. Esta idea foi probablemente recollida polo poeta Claudiano, que, na súa fantasía e afán propagandístico a prol da familia teodosiana, trasladou o vento ao momento decisivo da batalla. Claudiano semella estar facendo unha alusión a Silio Itálico, cuxo relato da batalla de Cannas mencionaba un vento similar que botaba as lanzas e armas cara a atrás. A partir da poesía de Claudiano, que fora moi popular tanto na metade oriental como occidental do Imperio romano, e do relato doustros cristiáns como Sozomeno, Sócrates de Constantinopla ou Teodoreto de Antioquía, estendeuse a idea de que o vento boreal, enviado por Deus, decidira a batalla.[5] Igualmente, a idea encaixaba ben coa outra idea de que a batalla era un enfrontamento entre pagáns e cristiáns e, Teodosio, como emperador cristián, foi axudado por Deus en forma de vento que botaba cara a trás as frechas contra as tropas de Arbogasto.[10]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]Fora unha vitoria custosa pero total para Teodosio e unha derrota total para Euxenio. As provincias occidentais sometéronse rapidamente a Teodosio, quen se converteu no derradeiro soberano dun imperio unido e que morreu apenas catro meses despois deixando o imperio en mans dos seus pequenos fillos Honorio e Arcadio.
Porén, a batalla tamén acelerou o colapso do exército romano occidental. A menor capacidade das lexións romanas implicou unha dependencia crecente por parte do Imperio dos mercenarios bárbaros empregados como foederati, que a miúdo demostraron ser pouco fiables, ou incluso traidores.
O máis significativo, é que a batalla foi vista, a miúdo, como o derradeiro último intento de evita-la cristianización do imperio. Segundo Rufino, a batalla está á par en importancia á da batalla da ponte Milvio, xa que foi vista non só como unha vitoria nunha guerra civil, senón como unha reivindicación do Deus cristián e o triunfo do cristianismo.[11] Finalmente, as familias pagás da elite de Roma renunciaron a calquera resistencia seria fronte o cristianismo.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Norwich (1990), p. 115.
- ↑ Baynes & 1911 (247).
- ↑ Ferrill (1989), p. 74.
- ↑ Roberts, Walter E. (10 de xaneiro de 1998). "Flavio Eugenio (392-394)". roman-emperors.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2010. Consultado o 27 de maio de 2021.
- ↑ 5,0 5,1 Whitby (1998) p. 282
- ↑ Štekar (2013)
- ↑ White (2010), p. 171
- ↑ Gibbon (1932), p. 998
- ↑ Cameron (2011), pp. 93-107
- ↑ Cameron (2011), pp. 112–17
- ↑ Rufino, Historia Ecclesiastica, 11.30
- ↑ Harl (2004)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Baynes, Norman H. (1911). "The Dynasty of Valentinian and Theodosius the Great". En Gwatkin, H.M.; Whitney, J.P. The Cambridge Medieval History (en inglés) I. Cambridge: Cambridge University Press.
- Cameron, Alan (2011). The Last Pagans of Rome (en inglés). Nova York: Oxford University Press. ISBN 9780199747276.
- Ferril, Arthur (1989). La caída del Imperio Romano: las causas militares (en castelán). Madrid: Editorial EDAF.
- Gibbon, Edward (1932). The Decline And Fall Of The Roman Empire (en inglés). Londres: The Modern Library.
- Harl, Kenneth W. (2004). Rome and the Barbarians (en inglés). Chantilly, Vi: The Teaching Company. ISBN 1-56585-903-0.
- Norwich, John Julius (1990). Byzantium: The Early Centuries (en inglés). Londres: Penguin. ISBN 978-0140114478.
- Štekar, Andrej (2013). (resumo en inglés e italiano). "Poskus lociranja bitke pri Frigidu leta 394 na območju med Sanaborjem in Colom. TENTATIVO DI LOCALIZZAZIONE DELLA BATTAGLIA DEL FRIGIDO DEL 394 - Attempt to locate the place of the battle of Frigidus (394)". Annales: anali za istrske in mediteranske študije (en esloveno) (University of Primorska) 23 (1): 1–14. ISSN 1408-5348.
- White, Cynthia (2010). The Emergence of Christianity: Classical Traditions in Contemporary Perspective (en inglés). Fortress Press. ISBN 978-0-8006-9747-1.
- Whitby, Mary (1998). The propaganda of power: the role of panegyric in late antiquity (en inglés). Leiden: BRILL. ISBN 978-90-04-10571-3.