Saltar ao contido

Batalla de Guadalete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Guadalete

A batalla de Guadalete por Salvador Martínez Cubells
Data: 19 de xullo de 711
Lugar: sur da península
Conflito: Invasión musulmá da Península Ibérica
Desenlace: Vitoria musulmá
Combatentes
musulmáns de Tariq
visigodos de Rodrigo

A batalla de Guadalete (en arabe: معركة وادي لكة, Maʿrakat wādī laka, ou معركة شذونة, Maʿrakat šiḏūna [Sidonia]) foi un enfrontamento armado entre tropas visigodas ao mando do seu rei, Rodrigo, e un continxente musulmán liderado por Tariq ibn Ziyad, enviado de Musa ibn Nusayr, gobernador da provincia de Ifriqiya. A batalla aconteceu o 19 de xullo de 711 e supuxo a vitoria do exército omeia. A partir de crónicas árabes dos séculos X e XI,[1] afirmouse o enfrontamento entre o exército visigodo, comandado por derradeiro rei, Don Rodrigo, e un exército musulmán procedente do norte de África e que entrou na Península grazas ós partidarios de Vitiza, o anterior rei, que preferían que accedese o trono o fillo deste, Akhila, e que estivo comandado por Tariq ibn Ziyad, ás ordes co califato omeia de Damasco.

O lugar en que se celebrou a batalla é descoñecido, aínda que todo apunta ao sur da actual provincia de Cádiz. Tamén é incerta a data, se ben a maior parte das fontes falan da segunda quincena de xullo.[2]

Como consecuencia da batalla, que supuxo un revés moi importante para o reino visigodo, e na que o rei Don Rodrigo foi morto, rematou o reino visigodo, que non colapsou de inmediato, e comezou a invasión musulmá da Península Ibérica e as tropas musulmás necesitaron toda a década para controlar os seus territorios.

Fontes latinas

[editar | editar a fonte]

Cronoloxicamente, a primeira fonte é a Crónica de 741, que é unha fonte hispana case contemporánea, pero non contén ningún material orixinal relativo á batalla.

A fonte principal da batalla é a Crónica Mozárabe, que foi escrita pouco despois de 754, probablemente nas proximidades de Toledo;[3][4] está escrita en latín, seguramente por un cristián mozárabe.

A única outra fonte cristiá latina escrita nun século despois da batalla é a Historia Langobardorum de Paulo o Diácono. Este, non era nin visigodo nin hispano, pero probablemente escribía en Montecassino entre 787 e 796, onde se refuxiaran moitos monxes visigodos.

Varias fontes cristiás latinas posteriores conteñen relatos descritivos da batalla nos que en ocasións confiaron os historiadores, sobre todo a Crónica de Afonso III, escrita por Afonso III de Oviedo a finais do século IX. Outros relatos altomedievais, como o de Lucas de Tui, son en xeral pouco fiables e conteñen moitas lendas e inventos.

Fontes árabes

[editar | editar a fonte]

Ademais das fontes cristiás latinas, hai varias fontes en lingua árabe, moi utilizadas polos historiadores pero cada vez máis criticadas.[a] Ningunha delas é anterior a mediados do século IX. A máis antiga, é a Futuh Misr wa’l-Maghrib ("Conquistas de Exipto e do Magreb") de Ibn Abd al-Hakam (c. 803–871), escrita polo 860 e compilada en Exipto.[5] Este relato, máis rico en detalles que a Crónica mozárabe, está en desacordo non só coas historias latinas posteriores, senón tamén coas posteriores árabes: a compilación anónima chamada Akhbar Majmu'ah, a obra de finais do século X de Ibn al- Qūṭiyya ("o fillo [é dicir, descendente] do godo [é dicir, Witiza]"), o historiador do século XI Ibn Hayyān, a Historia completa do século XIII de Ibn al-Athir, a historia do século XIV de Ibn Khaldún, ou o obra moderna de al-Maqqarī. O Akhbar Majmu'ah en particular foi confirmado por Claudio Sánchez-Albornoz como unha auténtica obra do século VIII que sobrevive só en copias posteriores, pero esta opinión foi refutada desde entón. O orientalista francés Évariste Lévi-Provençal, pola súa banda, defendeu a Ibn Hayyān como o máximo historiador musulmán da época (e da batalla). Entre os historiadores angloamericanos modernos, Roger Collins, R. A. Fletcher, E. A. Thompson e Kenneth Baxter Wolf son escépticos coas fontes árabes e confían máis na Crónica mozárabe. Os historiadores Thomas F. Glick e Bernard S. Bachrach son menos escépticos. Collins en particular rexeita un enfoque sincrético que incorpore información de todas as fontes dispoñibles.

Denominación e localización

[editar | editar a fonte]

A pesar do seu nome, a localización da batalla na ribeira do Guadalete é moi improbábel. Este río atópase a máis de tres días de marcha de Xibraltar, onde Tariq estabelecera o seu campamento. A identificación do lugar da batalla con este río fíxose en base ás fontes musulmáns que falan da batalla do wadi lakka (río da Lagoa, en tradución literal). O soporte que o medievalista Claudio Sánchez Albornoz deu a esta hipótese fixo que a denominación se popularizase nos libros de texto.[6]

Fixéronse moitas outras propostas de localización da batalla, case todas elas na contorna da baía de Alxeciras, como a ribeira do río Barbate en Medina Sidonia,[7] o río Salado de Conil, nas proximidades de Tarifa, ou o río Guadarranque, no Campo de Xibraltar.[8][9] No 2023, un equipo comandado por José Soto Chica, profesor da universidade de Granada, propuxo a súa localización na zona onde o río Almodóvar regaba a lagoa de La Janda, hoxe desecada.[10]

Desenvolvemento da batalla

[editar | editar a fonte]

O enfrontamento tivo lugar o 19 de xullo. Os omeias utilizaron ataques violentos mentres se retiraban rapidamente, mentres que os visigodos manobraban os seus ataques dunha soa vez. Os fillos de Witiza retiráronse da batalla traizoando a Rodrigo, deixando os flancos do exército visigodo desamparados. A cabalaría omeia, que representaba aproximadamente un terzo da forza, precipitouse polo espazo, seguida da infantaría, e inflixiu grandes perdas aos visigodos, incluído o seu rei Rodrigo que se deu por desaparecido.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

A batalla de Guadalete provocou unha enorme mortandade entre nobres guerreiros visigodos, as perdas omeias ascenderon tamén a millerios de homes.[11] No entanto, a vitoria tamén permitiu a Tariq reorganizar a cabalería e aumentar a súa forza trala chegada de reforzos, preto de 5.000 homes, enviados polo gobernador Musa ibn Nusayr. Con posterioridade á batalla, o avance omeia produciuse moi rapidamente, facilitado polo clima de guerra civil e a cooperación de boa parte da poboación, exasperada por fames e epidemias e desexosa de estabilidade política, en particular a poboación xudía, perseguida pola monarquía visigoda.

A conquista omeia foi tan repentina que os visigodos non tiveron tempo de elixir un novo rei. En efecto, Ṭāriq conquistou Toledo, capital dos visigodos, poucos meses despois da batalla de Guadalete, e a raíña dos visigodos, Egilona, foi capturada en Mérida no 713. Pouco despois, arredor do 714, o gobernador omeia Musa desembarcou en Alxeciras cun exército doutros 18.000 homes, nesta ocasión a maioría árabes e, pouco despois, tomou Zaragoza.[12] Os dous líderes conquistaron a maior parte da Península Ibérica, que quedou case enteiramente baixo dependencia do califa omeia Al-Walid I.

No 716, formouse unha nova provincia omeia: Ǧazīrat Al-ʾAndalus, ou máis simplemente al-Andalus.[13] Tan só permanecían algúns focos de resistencia nas rexións montañosas do norte, especialmente na cordilleira cantábrica e en Asturias onde se refuxiaron un certo número de nobres visigodos que elixiron no 718 a un rei, Paio ou Pelaio, que sería o iniciador da posterior reconquista cristiá e que foi o vencedor da, denominada, batalla de Covadonga no 722.

  1. No século XIX, Reinhart Dozy comparounas coas Mil e unha noites. Máis recentemente, Collins (1989) comparounas co Cantar de Roldán para a historia francesa (p. 34) ou coa Lebor na Cert e Cogadh Gaedhel re Gallaibh para a historia irlandesa (p. 5), en termos de valor histórico.
Referencias
  1. Galisteo (2012), p. 111.
  2. "batalla de Guadalete". enciclopedia.cat (en catalán). Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  3. Collins (1989), pp. 26-27 (Collins defende a súa procedencia toledana, mais outros autores suxeriron Córdoba ou, mesmo Siria.
  4. Collins (2005), p. 262
  5. Collins (2005), p. 138
  6. Sánchez Albornoz (1972)
  7. Collins (2005), p. 139
  8. Beneroso Santos (2020)
  9. Glick (1979), p. 32
  10. Soto chica, José (26/10/2023). "Nunca fue en Guadalete. La correcta ubicación y reconstrucción de la batalla de los montes Transductinos" (en castelán). Consultado o 24/6/2024. 
  11. Lewis (2008), pp. 123-124
  12. Fundación El Legado Andalusí (2005), p. 208
  13. Larané, André (6 de decembro de 2021). "Espagne, 711-1492. Tolède, Cordoue, Grenade". herodote.net (en francés). Consultado o 15 de novembro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.