Saltar ao contido

Batalla de Cynwit

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Cynwit

A fortaleza de Cannington, posíbel localización da batalla.
Data 878
Lugar posibelmente Cannington
Resultado Vitoria decisiva dos saxóns de Wessex
Cambios territoriais Reino de Wessex
Líderes
Odda de Devon Ubbe Ragnarsson
Forzas en combate
¿? 1.200

A batalla de Cynwit ou batalla de Cynuit, foi un conflito bélico que tivo lugar no ano 878 na fortaleza que o cronista Asser chamou Cynwit, que hoxe posibelmente corresponde a Cannington Hill, preto de Cannington, Bridgwater en Somerset, Inglaterra, pero non se descarta que fose noutra localización[1].

Unha partida de viquingos comandados por Ubbe Ragnarsson, e os seus irmáns Ivar o Desosado e Halfdan, desembarcaron na costa de Combwich cunha frota de 23 naves e 1200 homes. Un grupo de thanes e os seus soldados descubríronos, nun primeiro e cruento encontro caeu Halfdan e un continxente de viquingos:

E no inverno deste mesmo ano Ivar e Halfdan desembarcaron en Wessex, en Devonshire, con 23 barcos, e alí foi morto, e 840 homes do seu exército con el.
Crónica anglosaxoa[2]

Tras a refrega, os anglosaxóns refuxiáronse nunha fortaleza, chamada «Cynwit», que era bastante segura a excepción do flanco este que carecía dunha adecuada defensa. Ubbe e os seus viquingos cercaron a fortaleza esperando unha rápida rendición dos saxóns a falta de auga potábel, pero inesperadamente, en lugar de esperar a morte sedentos nun outeiro, atacaron á noitiña tomando aos daneses por sorpresa e logrando unha gran vitoria.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Mentres que a Crónica anglosaxoa trata superficialmente o seu desenvolvemento, a batalla de Cynwit foi importante por dúas razóns.

A primeira, porque foi unha vitoria importante para os saxóns, xa que o triunfo veu da man de alguén máis que o irredutíbel Alfredo o Grande, rei de Wessex, que practicamente encabezaba a resistencia en solitario fronte ás hordas invasoras. A crónica, na súa entrada do ano 878, afirma que «todos a excepción do rei Alfredo» foran subxugados polos viquingos[3]. A batalla incita a pensar que pese ao liderado de Alfredo e o seu esforzo por unir aos pobos ingleses contra os viquingos, algúns nobres aínda dominaban sectores de Wessex pola súa conta.

A segunda, na batalla, Odda e as forzas inglesas non só lograron matar a Ubbe, senón que tamén capturaron o estandarte do corvo que os viquingos chamaban Hrefn ('Cuervo'):

Tamén se tomou a bandeira de guerra (guðfani), que eles chamaban «Corvo».
Crónica anglosaxoa[4]

De novo, mentres a crónica só trata a batalla superficialmente, é digna de atención a captura do estandarte, que non se menciona en ningunha outra batalla onde os saxóns vencesen. É destacábel que o estandarte tiña un significado especial, xa que dos tres irmáns Halfdan, Ivar e Ubbe, o último era bastante supersticioso e adoitaba consultar a feiticeiros pagáns para dilucidar o resultado dos seus actos no campo de batalla. Por tanto, sendo o estandarte de Ubbe, tiña un valor ritual moi específico entre os daneses, tan importante como o «anel sacro» que usaron para pactar a paz con Alfredo tras a batalla de Edington uns meses máis tarde.

[editar | editar a fonte]

A batalla aparece na novela The Marsh King, unha novela histórica de aventuras de Cyril Walter Hodges, onde a batalla se desenvolve en «Kynwit». A novela céntrase na figura do rei Alfredo, pero dá crédito ao conde Odda e a súa vitoria a pesar de que o desenvolvemento da contenda se afasta das crónicas, desembarcando os viquingos pola noite e sendo vencidos inmediatamente nada máis pisar terra.

A batalla tamén aparece na novela The last kingdom de Bernard Cornwell. Cornwell corrobora a vitoria, así como a morte de Ubbe, pero en mans do heroe de ficción Uhtred[5].

  1. Siraut, Baggs (1992) A History of the County of Somerset, Vol. 6: Andersfield, Cannington, and North Petherton Hundreds (Bridgwater and neighbouring parishes), pp. 73-76
  2. Anónimo. trad. James Ingram (1996), ed. "Crónica Anglosaxoa". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 08 de xaneiro de 2018. 
  3. "Ingram, James (1823) ed. 1912 Crónica Anglosaxoa Anos 871-78, London, Everyman Press.". Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2018. Consultado o 08 de xaneiro de 2018. 
  4. Anónimo. trad. James Ingram (1996), ed. "Crónica anglosaxoa". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 08 de xaneiro de 2018. 
  5. Cornwell, Bernard (2005) The Last Kingdom, London, Harper Collins

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]