Bartolomé Mitre
Bartolomé Mitre Martínez, nado en Buenos Aires o 26 de xuño de 1821 e finado na mesma cidade o 19 de xaneiro de 1906, foi un militar, xornalista e político arxentino, que foi presidente da Arxentina entre 1862 e 1868. Foi tamén gobernador da provincia de Buenos Aires entre 1860 e 1862.
Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Naceu na cidade de Buenos Aires, na actual esquina de Suipacha e Peatonal Lavalle. Exiliouse no Uruguai, como outros opositores a Juan Manuel de Rosas, durante o goberno deste; actuou como soldado e xornalista no Uruguai, Perú, Chile e Bolivia. Atopábase neste último país en 1848, cando debeu desterrarse por causa da revolución; viaxaría ao Perú e logo a Chile, onde sería coredactor de Juan Bautista Alberdi, director do xornal El Comercio de Valparaíso. Nesa cidade, publica Manuel Blanco Encalada e Thomas Cochrane.
Máis tarde, escribiría en El Progreso, diario que creara Domingo Faustino Sarmiento, desde onde pregoou a indivisibilidade territorial da soberanía americana, defendeu o dereito de pensamento dos estranxeiros (sempre que non atentasen contra a soberanía dos países que os acollían) e a democracia nun sentido integral, e emprendeu campañas para mellorar social e economicamente ao pobo.
Volta a Arxentina
[editar | editar a fonte]Regresou a Arxentina despois do derrocamento de Rosas, e liderou a rebelión da provincia de Buenos Aires contra o sistema federal que a Constitución Arxentina de 1853, patrocinada por Justo José de Urquiza, impoñería; ocupou diversos cargos de relevancia no goberno provincial logo da secesión da provincia, ata que en 1859 foi derrotado militarmente por Urquiza, que buscaba reincorporar a Buenos Aires á Confederación Arxentina.
Con todo, misteriosamente foi vencedor na batalla de Pavón (1861), despois que Urquiza se retirase case sen presentar batalla; Buenos Aires reincorporaríase á Confederación, aceptando a Constitución de 1853 pero introducindo cambios que a beneficiaron na reforma de 1860.
En outubro de 1862 Mitre foi elixido presidente da Arxentina. Durante o seu mandato estendeuse o sistema ferroviario, organizou o exército, difundiu o ensino en todos os niveis, mellorou o servizo postal, organizou a Suprema Corte de Xustiza, saneou a moeda, regularizou a débeda pública, adoptouse o sistema métrico decimal e fundouse o crédito público. Ademais desenvolveuse a Guerra da Tripla Alianza, onde a Arxentina, aliada ao Brasil e o Uruguai invadiron ao Paraguai.
Mitre tamén foi o fundador do xornal La Nación, un dos diarios máis influentes da América Latina, que desde 1870 séguese a publicar e foi sempre dirixido polos seus descendentes.
En 1890, fronte á crise do goberno de Miguel Juárez Celman, formou parte da recentemente fundada Unión Cívica, da que logo se separaría a Unión Cívica Radical.
Os seus restos mortais descansan no Cemiterio da Recoleta, na cidade de Buenos Aires.
Presidente da Arxentina | ||
---|---|---|
Segue a: Juan Esteban Pedernera |
Bartolomé Mitre | Precede a: Domingo Faustino Sarmiento |
Partido Liberal Unión Cívica Unión Cívica Nacional |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bartolomé Mitre |