Saltar ao contido

Bandeira de Nova Zelandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Nova Zelandia
Bandeira de Nova Zelandia
Características
Uso
Proporción1:2
Adopción24 de marzo de 1902
En uso dende 1869
Cores     Azul

     Vermello

     Branco
Bandeira civil de Nova Zelandia
Bandeira civil de Nova Zelandia
Características
Uso
Proporción1:2
Bandeira de guerra de Nova Zelandia
Bandeira de guerra de Nova Zelandia
Características
Uso
Proporción1:2

A bandeira de Nova Zelandia é un pano de cor azul coa bandeira do Reino Unido no cantón e catro estrelas rubias fileteadas de branco, que representan a constelación da Cruz do Sur, no batente. As proporcións da bandeira son 1:2 e as súas cores son vermello (Pantone 186), azul real[1] (Pantone 280) e branco. As proporcións e cores son idénticas ás da bandeira británica. Ademais desta bandeira nacional, Nova Zelandia ten dous pavillóns nacionais, un civil e outro de guerra. Son practicamente iguais á bandeira nacional, variando unicamente a cor do pano; vermella na civil, coas estrelas brancas, e branca na de guerra, coas estrelas rubias.

A historia da bandeira deste Estado remóntase a 1834, cando os pobos aborixes de Nova Zelandia elixiron a primeira bandeira. A bandeira que segue sendo utilizada hoxe en día foi introducida en 1869, aínda que non foi adoptada oficialmente até 1902.

Propúxose en diversas ocasións mudar o deseño da bandeira por outro novo. Déronse moitos argumentos a favor do cambio, por exemplo, que a bandeira actual ignora o legado maorí e dos outros pobos do estado. Do mesmo xeito, presentáronse argumentos en contra do cambio, entre eles, que a bandeira leva sendo utilizada durante moito tempo e que foi a bandeira pola que loitaron moitos neozelandeses e que cambiala sería unha ofensa para eles. A pesar de todos os diferentes deseños propostos para o cambio, optouse por conservar a bandeira orixinal.

Unha bandeira proposta que non foi adoptada polos maorís, debido a inclusión da bandeira británica e a ausencia cor vermella.
Bandeira das Tribos Unidas de Nova Zelandia.

A necesidade dunha bandeira para Nova Zelandia fíxose patente por primeira vez cando o buque de carga Sir George Murray, construído en Hokianga, foi capturado por oficiais aduaneiros no porto de Sydney. O barco estivera navegando sen bandeira, o que constituía unha violación das leis de navegación británicas. Entre os pasaxeiros daquela nave encontrábanse dous xefes maorís de alto rango, posiblemente chamados Patuone e Taonui. A detención do barco provocou indignación no pobo maorí, e, ou se facía unha bandeira, ou os barcos continuarían sendo detidos.[2]

A primeira bandeira neozelandesa foi escollida o 20 de marzo de 1834 nunha reunión convocada polo representante británico James Busby a través dunha votación realizada polas Tribos Unidas de Nova Zelandia nun encontro de 25 xefes maorís, quen pouco despois farían a declaración de independencia de Nova Zelandia, en Waitangi en 1835. Tres bandeiras foron propostas, todas elas deseñadas supostamente polo misioneiro Henry Williams, quen xogaría un papel importante na tradución do Tratado de Waitangi en 1840. Os xefes desbotaron outras dúas propostas que incluían a bandeira británica, para apoiar a unha bandeira que era unha modificación da Cruz de San Xurxo ou Pavillón Branco e sería a chamada bandeira das Tribos Unidas de Nova Zelandia. A necesidade dunha bandeira era apremiante, non só porque as naves neozelandesas estaban sendo incautadas en Sídney por non ondear unha bandeira nacional, senón tamén como símbolo da independencia declarada polos xefes maorís.

A bandeira segue ondeando en Waitangi, e pode ser vista no Día de Waitangi.[3]

Deseño inicial de bandeira das Tribos Unidas.

Bandeira do Reino Unido

[editar | editar a fonte]

Despois de asinar o Tratado de Waitangi, a bandeira británica foi usada como bandeira oficial, aínda que a antiga bandeira das Tribos Unidas continuou sendo utilizada por algúns barcos de Nova Zelandia e en moitos casos tamén en terra. A sede da Compañía de Nova Zelandia en Wellington, por exemplo, continuou usando a bandeira das Tribos Unidas até que o gobernador William Hobson lles ordenou substituíla en 1841.[3]

Bandeiras baseadas na bandeira británica

[editar | editar a fonte]
Primeira bandeira neozelandesa baseada na da do Reino Unido.

A primeira bandeira neozelandesa baseada na bandeira do Reino Unido foi introducida en 1867 pola Acta Colonial de Defensa Naval de 1865, na cal se requiría que todas as naves que foran propiedade dos gobernos coloniais ostentaran a bandeira azul alterada da Mariña Real Británica, que ademais debía incluír unha insignia colonial. Nova Zelandia non tiña insignia colonial, nin un escudo propio, polo que foron engadidas as letras "NZ" ao Pavillón Azul.

A bandeira actual foi introducida en 1869. Inicialmente foi usada só en naves do goberno, pero foi adoptada como bandeira nacional de facto despois dun xurdimento de patriotismo a partir da segunda guerra dos bóers en 1902. Para acabar coa confusión entre varios deseños da bandeira, o Goberno Liberal redactou un documento oficial aprobado polo rei Eduardo VII o 24 de marzo de 1902 no que se declaraba esta bandeira como a bandeira nacional de Nova Zelandia. O deseño da bandeira das Tribos Unidas tamén está presente no reverso das medallas entregadas aos soldados que serviron na guerra dos bóers, o que indica que a bandeira das Tribos Unidas seguía sendo usada en Nova Zelandia nesa época.

Estrutura e cor

[editar | editar a fonte]

Construción

[editar | editar a fonte]
Deseño da bandeira de Nova Zelandia.

A bandeira de Nova Zelandia mide 240 cm de ancho por 120 cm de alto, mentres que a bandeira británica que presenta ocupa exactamente un cuarto da totalidade da súa área, cuns 120 cm de ancho por 60 cm de alto. A bandeira do Reino Unido atópase na esquina superior esquerda da bandeira e mostra os detalles dunha bandeira de proa. Os outros elementos existentes son as catro estrelas con bordos brancos de 1 cm de espesor que se encontran ocupando a parte dereita da bandeira. A súa formación representa a constelación da Cruz do Sur, aínda que esta formación non se axusta de todo á realidade. As estrelas forman dous eixes: un que vai do centro da estrela superior até a estrela inferior, e outro que vai da estrela esquerda até a estrela dereita. O primeiro eixe, que é vertical, é perpendicular ao bordo superior da bandeira, mentres que o eixe horizontal é lixeiramente oblicuo ao bordo lateral. Na parte superior, con 12 cm de ancho, aparece a Gacrux, co seu centro a 24 cm do bordo superior da bandeira. Máis abaixo, con 14 cm de ancho, encóntrase a Acrux, estando o seu centro a 96 cm do bordo superior. As outras dúas estrelas atópanse organizadas de forma asimétrica e están, xeometricamente, nunha rotación de 82° no sentido negativo con respecto ao eixe vertical. Á dereita está a Decrux, cun ancho de 10 cm e a unha distancia de 24 cm da intersección dos eixes das estrelas, e á esquerda aparece a Becrux, a cal ten un ancho de 12 cm e se atopa a unha distancia de 28 cm da intersección mencionada.[4]

En todos os pavillóns de Nova Zelandia reprodúcense as cores baseadas nas das da bandeira británica. A información de cores en HTML, así como en RGB, CMYK e Pantone non corresponde exactamente ás mesmas tonalidades, pero son aproximadas.

Cor Nome HTML RGB[5] CMYK Pantone[5]
Azul #000066 0-0-102 100-70-0-20 280 C
Vermello #CC0000 204-0-0 0-100-80-5 186 C
Branco #FFFFFF 255-255-255 0-0-0-0 1 C

Lexislación

[editar | editar a fonte]

A bandeira nacional é definida oficialmente na Acta de Protección de Bandeiras, Emblemas e Nomes de 1981. A sección 5(2) considéraa "o símbolo do Reino, Goberno e pobo de Nova Zelandia".

Proposta de afianzamento

[editar | editar a fonte]

En 1995, o entón Primeiro Ministro de Nova Zelandia Jim Bolger, fixo declaracións en apoio a un movemento orientado cara á instauración dunha república en Nova Zelandia.[6] En resposta, o deputado do Partido Cristián Demócrata Graeme Lee presentou unha Emenda para a Protección de Bandeiras, Himnos, Emblemas e Nomes.[7] De ser aprobada, a Emenda afianzaría a Acta que regula a bandeira, incluíndo ademais os himnos de Nova Zelandia, e tería que haber unha maioría do 65% dos votos no Parlamento antes de que calquera lexislación futura puidera modificar a bandeira. A Emenda foi aprobada na súa primeira presentación pero non superou a segunda, na que obtivo 26 votos a favor e 37 en contra.

Unha gran bandeira sobre o Aeroporto Internacional de Auckland.
A bandeira do fieito prateado ás veces é utilizada xunto á bandeira oficial.

Durante moitas ocasións propuxéronse novos deseños para unha outra bandeira para Nova Zelandia. En novembro de 1979, o Ministro de Asuntos Interiores, Allan Highet, suxeriu que o deseño da bandeira debía ser cambiado, e buscou un artista para deseñar unha nova bandeira que incluíra un fieito prateado. A proposta, non obstante, atraeu pouco interese.[8] En 1998, a Primeira Ministra Jenny Shipley apoiou a petición da Ministra de Cultura Marie Hasler para un cambio de bandeira. Shipley, xunto co Departamento de Turismo de Nova Zelandia, apoiaron a proposta da bandeira co fieito prateado, usando un fieito de cor branca sobre un fondo negro como posible bandeira alternativa, xunto coas barras da bandeira do Canadá.

En 2003, a Fundación NZ Flag foi fundada co obxectivo de realizar un referendo non vinculante acerca do tema. Segundo as leis de Nova Zelandia, un referendo pode ser celebrado se o 10% dos electores asinan unha petición que debe ser presentada ante o Parlamento. A Fundación enviou a súa petición para tal referendo en 2005.

En resposta á petición, o Instituto da Bandeira de Nova Zelandia foi creado para oporse á campaña do referendo e promover a bandeira oficial, así como para ofrecer unha visión máis formal da bandeira. Sorprendentemente, unha asociación para veteranos de guerra coñecida como RSA non apoiou abertamente a bandeira oficial na súa conferencia anual, pedindo en cambio que "...a política se deixara fóra do debate". Esta actitude foi, non obstante, criticada por posturas individuais da propia RSA, que apoiaban abertamente a bandeira actual.

A petición fallou no seu intento de recoller suficientes sinaturas (arredor de 100 000 persoas rubricaron a petición) a tempo para a elección xeral en setembro de 2005 e foi retirada en xullo. A Fundación citou, como a principal razón para retirar a petición, a apatía pública cara ao cambio, así como unha campaña de apoio público cara á bandeira orixinal.

Argumentos a favor do cambio

[editar | editar a fonte]

Os simpatizantes do cambio argumentan que:

  • É moi similar e ás veces confundida coa bandeira de Australia.[9] En 1984, o Primeiro Ministro australiano Bob Hawke foi recibido cunha bandeira neozelandesa en Otava.[10][11]
  • Como unha bandeira británica modificada, fai alusión á idea de que Nova Zelandia segue sendo unha colonia ou parte do Reino Unido.[12]
  • Ignora o legado maorí de Nova Zelandia e a outros grupos étnicos.[13]
  • Non evocaba sentimentos emotivos e rara vez era usada por neozelandeses;
  • Tiña pouca conexión coa terra;
  • Tiña moitos deseños e combinacións de cores;
  • A organización de veteranos de guerra de Nova Zelandia non apoiaba abertamente a bandeira;
  • Fora utilizada en anos recentes por grupos ultranacionalistas como a National Front.

Argumentos en contra do cambio

[editar | editar a fonte]

Os opositores do cambio argumentan que a bandeira orixinal:

  • Foi elixida por neozelandeses.
  • Evoca unha resposta emotiva neles.
  • Representa a historia do país como parte do Imperio Británico,[14] e a súa localización no Hemisferio sur.
  • O seu deseño é colorido.
  • É a bandeira pola que os neozelandeses loitaran ou morreran, e cambiala sería ofensivo para os veteranos de guerra de Nova Zelandia.[10]
  • Leva representando o país durante máis dun século.

Algúns tamén dixeron que non é similar á bandeira de Australia como frecuentemente se di, e que moitos países teñen bandeiras que son bastante similares. Tamén critican as alternativas propostas, argumentando que se centran en deseños maorís ou do Pacífico cando a maior parte da herdanza de Nova Zelandia é anglosaxoa ou celta,[14][15] ou o fieito prateado, que é o logotipo dalgúns equipos deportivos do país en lugar da propia nación. En resposta, os simpatizantes do fieito prateado sinalan que a planta en si foi usada como símbolo neozelandés desde polo menos a guerra dos bóers (cando aparecía en insignias militares) e xa era un emblema nacional, sendo usada en varios símbolos oficiais, incluíndo o escudo de Nova Zelandia e a moeda de 1 dólar neozelandés.

As últimas enquisas de opinión indican que hai unha maioría a favor de conservar a bandeira actual. Tampouco existe consenso entre os propoñentes de cambiar a bandeira sobre que deseño debería substituíla, aínda que isto non quere dicir que non teña habido propostas recoñecidas para unha alternativa.

Ao igual que en Australia, o debate sobre a bandeira foi separado do debate republicano — o Movemento Republicano de Aotearoa Nova Zelandia sinala que "crear unha república non require ningún cambio no Tratado de Waitangi, símbolo da pertenza á Mancomunidade Británica de Nacións",[16] mentres que NZ Flag declarou que cambiar a bandeira "non é anti-realista de ningunha forma".[17]

Non obstante, as opinións con respecto á alternativa ideal son variadas, e os propoñentes do cambio suxiren que preferirían deixar a decisión final sobre a futura bandeira ao pobo neozelandés.

Deseños alternativos propostos

[editar | editar a fonte]
Bandeira do koru de Friedensreich Hundertwasser.

Unha bandeira con longa historia como bandeira alternativa de Nova Zelandia é a Bandeira Koru de Friedensreich Hundertwasser, deseñada en 1983. A bandeira representa unha folla de fieito despregándose nunha forma que é un patrón maorí tradicional, o koru. Esta bandeira, a cal en ocasións pode ser vista no país,[18] ten certo grao de apoio, especialmente entre grupos liberais.

Bandeira de Kyle Lockwood.

Unha alternativa popular á bandeira actual foi deseñada por Kyle Lockwood. Gañou un concurso de bandeiras dun diario de Wellington en xullo de 2004 e apareceu en TV One en 2005 despois de gañar unha votación que incluía a bandeira nacional. O fieito representa a xente de Nova Zelandia e as estrelas representan a localización do país. A cor azul representa o océano, a vermella representa o pobo maorí e os sacrificios durante os tempos de guerra, e a branca é unha referencia á "Terra da gran nube branca" (tradución literal do maorí "Aotearoa", o nome co que os maorís denominan o país).

Bandeira de James Dignan.

Un deseño que tamén acadou popularidade foi o de James Dignan. Este deseño foi reproducido nos xornais do país en 2002, na época do centenario da bandeira nacional, e puido ter sido de inspiración para o deseño de Lockwood. A bandeira combina o vermello, o branco, o azul e a Cruz do Sur da bandeira oficial (aínda que o azul é lixeiramente máis claro) co vermello, branco e negro da bandeira Tino rangatiratanga, incorporando tamén o fieito prateado sobre o negro usado para representar a Nova Zelandia en moitos contextos. Esta combinación tiña vínculos coa tradicional do Reino Unido e tamén coa cultura polinesia do país.

Bandeira proposta con influencia da bandeira do Reino Unido.

Tamén moitas persoas trataron de propoñer os seus propios deseños para un cambio de bandeira. Por exemplo, deseñadores que buscan manter vínculos evidentes coa herdanza británica de Nova Zelandia tentaron 'acordos honorables' que incorporan a bandeira do Reino Unido até certo punto. A proposta da bandeira británica azul incorpora un koru rubio que medra a partir da bandeira europea, o que representa o crecemento a partir dos británicos e o legado maorí, ademais da Cruz do Sur. O azul simboliza o océano Pacífico e o vermello simboliza os maorís. A banda branca representa a "gran nube branca". O branco e o negro convertéronse co paso do tempo nas cores nacionais de Nova Zelandia.

Outras bandeiras

[editar | editar a fonte]
Exemplo de bandeira vermella neozelandesa utilizada polos maorís.
A bandeira Tino rangatiratanga.

Tamén existe unha bandeira neozelandesa vermella que se converteu na bandeira oficial para os buques mercantes en 1901.[19] Previamente utilizábase unha bandeira completamente vermella. A bandeira vermella pode ser usada en terras de áreas maorís ou durante eventos maorís segundo a Acta de Protección de Bandeiras, Emblemas e Nomes de 1981 en recoñecemento da preferencia maorí polas bandeiras vermellas. A lei neozelandesa permite a desfiguración da bandeira segundo os costumes maorís nos cales se engaden letras maiúsculas brancas que identifican a unha familia ou tribo maorí particular. Por exemplo, TAKITIMU refírese a un grupo de tribos maorís descendentes da tripulación da ancestral canoa que levaba ese nome.[20] Esta bandeira tamén serve como guía a un concepto para bandeiras que representa tanto a Illa Norte como a Illa Sur. Hoxe en día, as embarcacións privadas e comerciais poden elixir ostentar a bandeira de Nova Zelandia ou a bandeira vermella da Cruz do Sur.

Desde 1990, algúns maorís usaron menos a bandeira vermella en favor dunha nova bandeira que carece de connotacións coloniais. Elixida a través dun concurso, esta bandeira maorí utiliza o negro para representar o korekore ou a potencialidade, branco para representar o Ao marama ou o mundo físico da luz e o entendemento, vermello para representar whaiao ou a luz do día (representando o logro de pleno potencial e entendemento), e o koru, un debuxo semellante a unha espiral, que representa o desenvolvemento da nova vida. A bandeira xeralmente é chamada bandeira Tino rangatiratanga.

As bandeiras maorís Te Paerangi e Te Paekinga do Kīngitanga, e a máis elaborada bandeira de batalla Te Kooti, levaban unha "tripla estrela" que algúns suxeriron representaba as tres principais illas de Aotearoa ou as tres canastras do coñecemento do deus Tane. Un dos dous himnos nacionais de Nova Zelandia, "God Defend New Zealand", inclúe a verso "Guard Pacific's triple star" (Garda a tripla estrela do Pacífico) e déronse varias especulacións a través dos anos sobre se isto era unha referencia ás tres illas, ou talvez á bandeira de batalla maorí — o autor do himno, Thomas Bracken, era en parte un irlandés anti-colonial.

  1. Ministry for Culture and Heritage (ed.). "New Zealand Flag" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2008. Consultado o 7 de xuño de 2008. Its royal blue background is reminiscent of the blue sea and clear sky surrounding us ("O seu fondo azul real é unha referencia ao mar e ao ceo que nos rodea"). 
  2. Ministry for Culture and Heritage (ed.). "Flag of the United Tribes of New Zealand (1834-1840)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2006. Consultado o 4 de abril de 2012. 
  3. 3,0 3,1 "History of New Zealand - The colonisation of New Zealand" (en inglés). 2006. Consultado o 4 de abril de 2012. 
  4. Sam Lockton e António Martins. "Description of the flag" (en inglés). Consultado o 5 de abril de 2012. 
  5. 5,0 5,1 Sam Lockton. "Aotearoa" (en inglés). Consultado o 5 de abril de 2012. 
  6. The Republican Movement of Aotearoa New Zealand, ed. (2007). "History of republicanism in New Zealand" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2008. Consultado o 5 de abril de 2012. 
  7. Bennion Law, ed. (setembro de 2004). "Maori Law Review - New Zeeland" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2008. Consultado o 5 de abril de 2012. 
  8. Flags of the World, ed. (23 de setembro de 2006). "New Zealand - Proposals for a new flag" (en inglés). Consultado o 13 de abril de 2012. 
  9. Brian Sweeney (2004). NZ Flag.com Trust, ed. "Eight Reasons To Change The New Zealand Flag". Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2011. Consultado o 13 de abril de 2012. 
  10. 10,0 10,1 NZ History Online, ed. (2011). "Calls for a new New Zealand flag". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2016. Consultado o 13 de abril de 2012. 
  11. Ausflag (ed.). "Monarchists Prove Case for Australian Flag Change". 
  12. Ministerio de Cultura, ed. (2010). "New Zealand Heritage and Identity - Flags". Consultado o 13 de abril de 2012. 
  13. NZ Flag.com Trust, ed. (2004). "Have Your Say". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2011. Consultado o 13 de abril de 2012. 
  14. 14,0 14,1 John Moody. The XIX International Congress of Vexillology, ed. "Past Attempts to Change New Zealand's Flag" (PDF). Consultado o 13 de abril de 2012. 
  15. New Zealand Flag Institute, ed. (2005). "Why the Flag Should Not Change". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2008. Consultado o 13 de abril de 2012. 
  16. "Haere Mai, Welcome" (en inglés). Consultado o 13 de abril de 2012. 
  17. NZ Flag (ed.). "New Zealand Flag Change Not Anti-Royalist" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2008. Consultado o 13 de abril de 2012. 
  18. Ministerio de Cultura e Patrimonio (ed.). "Hundertwasser koru flag". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2012. Consultado o 13 de abril de 2012. 
  19. Lockton, Sam. Flags of the World, ed. "Civil ensign" (en inglés). Consultado o 13 de abril de 2012. 
  20. Dignan, James. Flags of the World, ed. "Maori use of the Red Ensign" (en inglés). Consultado o 13 de abril de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]