A redacción en Wikipedia é altamente colaborativa, por tanto hai dous bos puntos de partida para levarse ben con outras persoas: ser valente e ser cívico.
Ao editar, sexa valente! A maioría das edicións fan que a enciclopedia sexa mellor e os erros sempre se poden reverter e corrixir. Se ve algo que poida ser mellorado, mellóreo e non se preocupe demasiado por romper nada. É recomendable explicar os cambios máis relevantes na páxina de conversa dun artigo para que outras persoas poidan entender as edicións que fixo. Os artigos, en ocasións, atravesan etapas de edición-reversión-discusión para tratar temas complicados.
Ao interactuar con outras persoas, por favor sexa cívico. Isto significa asumir boa fe nas páxinas de conversa e tratar de alcanzar o consenso sobre calquera desacordo dunha maneira respectuosa e considerada, sen ignorar as posicións e conclusións do resto. Asuma que as intencións doutras persoas tamén son as de mellorar o proxecto, mesmo se o seu estilo de edición é infrecuente, non encaixa con todas as regras, ou non encaixa coas súas opinións. Se se fan necesarias críticas ou modificacións, comente as accións das outras persoas pero evite acusar de accións daniñas sen probas claras.
Alcanzar o consenso é un produto natural e inherente da edición; xeralmente alguén edita unha páxina, entón quen a le ten a oportunidade de deixala tal cal ou cambiala. Sufrir unha reversión pode amolalo ao principio, pero non se preocupe! É un paso normal na procura do consenso. Se se mostra en desacordo ou ten unha suxestión, expréseo na páxina de conversa e comente educadamente o cambio ata que se alcance o consenso.