Aulë
Aulë | |
---|---|
Personaxe de O Silmarillion | |
Creador(es) | J. R. R. Tolkien |
Información | |
Raza | Ainur (Valar) |
Sexo | Masculino (en aparencia) |
Cónxuxe | Yavanna |
Residencia | Aman |
Aulë é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra O Silmarillion.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Aulë o Ferreiro (do Valarin Aȝûlêz) é un dos Valar, os seres anxelicais que custodian e gobernan Arda (o mundo no universo de Tolkien). Aulë ten dominio sobre a materia que compón Arda e é o mestre de todas as artes que lle dan forma. Foi el quen creou os Ananos, que o coñecen como Mahal, o Creador. Durante a Música dos Ainur, os temas de Aulë atanguían as cousas físicas das que se compuña Arda, e cando Ilúvatar (Deus) creou os temas dos Ainur, a súa música converteuse nas terras da Terra Media. Entre as súas obras inclúense tamén Angainor (a cadea de Melkor), as Dúas Lámpadas e os barcos que transportan o Sol e a Lúa. A súa esposa é Yavanna, e o seu nome quere dicir invención en Quenya.
Ao ser Aulë un ferreiro, é o Vala que máis se asemella a Melkor en poderes e pensamento[1], xa que ambos se deleitan na elaboración de cousas enxeñosas e orixinais, e os dous crearon seres de seu. Pero mentres que Aulë se esforzaba para se manter fiel ao propósito orixinal da Música dos Ainur, e sometía toda a súa obra á vontade de Ilúvatar, Melkor desexaba controlar e corromper todas as cousas, e envexaba as creacións dos demais, polo que tentaba desfigurar ou destruír aquilo que facían. Tanto antes como despois da creación de Arda, existiu un longo conflito entre Aulë e Melkor. Porén, Aulë a miúdo opúxose ás tentativas de combater a Melkor, por medo do dano que se lle causaría a Arda.
Cando os Elfos chegaron a Valinor, os Noldor convertéronse nos alumnos de Aulë. Fëanor foi o seu mellor discípulo, que aprendeu del como crear xemas mediante artes xa esquecidas. Isto levaría en última instancia á creación dos Silmarils, a meirande obra artesanal de Arda. Após a Fuxida dos Noldor, os Elfos desta estirpe que volveron a Valinor guiados por Finarfin chamáronse a si mesmos os Aulendur, Seguidores de Aulë.
Aulë e a creación dos Ananos
[editar | editar a fonte]Desesperado por ter discípulos aos que poder transmitir os seus coñecementos, e negándose a agardar até a aparición dos Fillos de Ilúvatar, Aulë creou a súa propia raza de seres, os Ananos. Porén, non tiña unha idea clara do aspecto que terían os Fillos de Ilúvatar, e por mor do caos que provocara Melkor, Aulë fixo aos Ananos fortes, inquebrantábeis e non dispostos a ser dominados por outros, alén de plasmar neles algúns dos seus valores e desexos para a Terra Media. Con todo, Aulë non tiña o poder de outorgar vida independente ás súas creacións: só estaban animadas cando tiña o seu pensamento posto nelas.
Cando a súa obra estivo completa, Aulë comezou a ensinarlles aos Ananos a lingua que elaborara para eles, o Khuzdul. Entón Ilúvatar faloulle e preguntoulle por que tentaba superar os límites do seu poder e autoridade creando nova vida[2]. Aulë arrepentiuse, respondendo que o impulso da creación espertara nel por obra de Ilúvatar, e que o único que desexaba eran outros seres aos que amar e instruír, cos cales puidese compartir a beleza do mundo. Admitiu que a súa impaciencia o empurrara á insensatez e someteu as súas creacións a Ilúvatar. Dando por feito que serían destruídas, dispúxose a esmagar os sete Pais dos Ananos cun grande martelo, chorando mentres o facía. Pero cando os Ananos xa se encollían temendo o golpe, Ilúvatar detivo a man de Aulë e fíxolle ver que aceptara a súa ofrenda dotando aos Ananos de espíritos de seu, posto que doutro xeito non poderían ter sentido medo.
Ilúvatar aceptounos como fillos adoptivos, mais como estabelecera que a raza primoxénita serían os Elfos, sumiu os Ananos nun letargo até o Espertar dos Elfos. Tamén lle dixo a Aulë que aínda que tanto Elfos como Ananos eran fillos seus, a creación destes últimos non estivera prevista na Música dos Ainur, e que a miúdo xurdirían conflitos entre as dúas razas, a medida que se desenvolvesen os acontecementos do mundo.
Os Ananos cren que logo de morreren, os seus espíritos viaxan a unha estancias que Aulë preparou especialmente para eles, e que será tarefa súa reconstruíren Arda após a Batalla Final que aínda está por vir.
Maiar asociados con Aulë
[editar | editar a fonte]Varios dos Maiar estiveron asociados con Aulë: Sauron, antes de ser corrompido por Melkor; e Curumo (Saruman), que máis tarde viaxou á Terra Media como un dos Istari para loitar contra Sauron. Sauron encontrábase entre os máis poderosos, se non o máis poderoso, dos Maiar que serviron a Aulë. Empregou os seus coñecementos sobre a estrutura metafísica de Arda con grandes consecuencias, como servo de Morgoth durante a Primeira Idade, e máis adiante como o seu propio amo, na Segunda e Terceira Idades da Terra Media. Cando Sauron tentou corromper os Elfos na Segunda Idade, un dos nomes que adoptou foi Aulendil, que significa acólito de Aulë.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.) The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Ainulindalë", páx. 19-20
- ↑ J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.) The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Quenta Silmarillion", páx. 48