Saltar ao contido

Ateneo de Madrid

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada do edificio do Ateneo de Madrid, na rúa do Prado.

O Ateneo de Madrid é unha institución cultural privada situada en Madrid que foi creada en 1835 como Ateneo Científico e Literario.

Historia e características

[editar | editar a fonte]
Placa explicativa á entrada.

Os antecedentes do Ateneo atópanse entre os afrancesados e os liberais de comezos do século XIX. Coa invasión napoleónica de España producíronse dous feitos significativos: por unha banda, os que se adheriron á causa francesa e apoiaron a Xosé I Bonaparte como Rei de España deberon marchar máis tarde ao exilio con este ao triunfar o alzamento das mans da Xunta Suprema Central e das Cortes de Cádiz que promulgaron a primeira constitución liberal española.

O retorno de Fernando VII supuxo a volta ao absolutismo e a saída de España dos patriotas gaditanos. En Francia e en Inglaterra atopábase a clase ilustrada española que, por unhas ou outras razóns, era perseguida no interior do país. O regreso durante o goberno liberal en 1820 dos exiliados permitiu a creación do Ateneo Español que dirixiu Juan Manuel de los Ríos; pero coa volta de novo ao absolutismo do rei Fernando desapareceu a institución para fixar a súa residencia en Londres en 1823.

A morte do Rei e o apoio dos liberais á causa de Isabel II fronte ao pretendente Carlos María Isidro de Borbón, creou un novo ambiente de tolerancia durante a rexencia de María Cristina. En 1835 o antigo Ateneo Español mudou o nome polo de Científico e Literario, sendo os seus fundadores Salustiano Olózaga, o duque de Rivas, Antonio Alcalá Galiano, Mesonero Romanos, Francisco López Olavarrieta, Francisco Fabra e o propio Juan Manuel de los Ríos.

A súa primeira sede foi no Palacio de Abrantes; posteriormente mudouse á rúa Carretas, despois á praza del Ángel e á rúa Montera. Na actualidade, ocupa o número 21 da rúa del Prado (non confundir co Paseo do Prado) de Madrid nun edificio modernista inaugurado por Cánovas del Castillo en 1884. O edificio é obra dos arquitectos Enrique Fort e Luís Landecho. Arturo Mélida deulle contido artístico con valiosísimas pinturas de estilo neogriego no Salón de Actos e no Salón Inglés.

Ocuparon a Presidencia do Ateneo destacada personalidades españolas: Laureano Figuerola, Segismundo Moret, Gumersindo de Azcárate, Antonio Alcalá Galiano, Antonio Cánovas del Castillo, Miguel de Unamuno, Fernando de los Ríos, Manuel Azaña etc. O 28 de maio de 2009 foi elixido como Presidente Carlos París Amador.

Polo Ateneo pasaron seis Presidentes de Goberno, todos os Premios Nobel españois, os políticos da Segunda República e os integrantes da xeración do 98, da do 14 e da do 27. A ditadura de Primo de Rivera suspendeu as actividades do Ateneo. Durante a Guerra Civil española, mantívose aberto e logrouse preservar a integridade das súas instalacións, especialmente a súa Biblioteca, grazas ao labor de Bernardo G. de Candamo, único membro da Xunta Directiva republicana que ficou en Madrid durante o conflito bélico. A ditadura do xeneral Franco afectou negativamente a actividade do Ateneo[Cómpre referencia]. A volta á democracia permitiu que o Ateneo continúe sendo un centro de referencia cultural de primeira orde.

Composición

[editar | editar a fonte]

O Ateneo componse de dezanove seccións que desenvolven actividades en todas as ordes culturais e científicas. Posúe un Salón de Actos, sala de traballos, aulas, sala de exposicións, biblioteca e hemeroteca. Entre os seus socios atopáronse Presidentes do Goberno ou do Consello de Ministros, Ministros e Premios Nobel.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ABELLÁN, José Luis: El Ateneo de Madrid: historia, política, cultura, teosofía. Madrid, La Librería, 2006.
  • ARAUJO-COSTA, Luis: Biografía del Ateneo de Madrid. Madrid, 1949.
  • BLÁZQUEZ, Jesús: Miguel de Unamuno y Bernardo G. de Candamo: amistad y epistolario (1899–1936). Madrid, Ediciones 98, 2007.
  • GARCÍA MARTÍ, Victoriano: El Ateneo de Madrid (1835–1935). Madrid, Dossat, 1948.
  • MARÍA DE LABRA, Rafael: El Ateneo de Madrid: sus orígenes, desenvolvimiento, representación y porvenir. Madrid, 1878.
  • RUIZ SALVADOR, Antonio: El Ateneo Científico, Literario y Artístico de Madrid (1835–1885). Londres, Tamesis Books, 1971.
  • VILLACORTA, Francisco: El Ateneo Científico, Literario y Artístico de Madrid (1885–1912). Madrid, Centro de Estudios Históricos, 1985.
  • El Ateneo intervenido, 1939–1946. Madrid, Ateneo de Madrid, 2008.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]