Saltar ao contido

Asedio da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asedio da Coruña

Monumento á heroína María Pita na praza do concello da Coruña
Data: 4 de maio - 18 de maio de 1589
Lugar: A Coruña
Conflito: Guerra anglo-española de 1585-1604 e a Guerra dos Oitenta Anos
Desenlace: Vitoria española[1][2]
Resultado: A frota española mantén as súas capacidades de loita[1][2][3][4]

Retirada inglesa tras as grandes perdas sufridas en Lisboa[1]

Combatentes
Inglaterra Reino de Inglaterra
Países Baixos Países Baixos Provincias Unidas
Unión Ibérica
Comandantes
Inglaterra Isabel I de Inglaterra
Inglaterra Robert Devereux
Inglaterra Francis Drake
Inglaterra John Norreys
Inglaterra Edward Norreys
Filipe II de España

España Marqués de Cerralbo
España Álvaro Troncoso
España María Pita

Forzas en combate
Seis galeóns
60 barcos mercantes armados
60 barcos lixeiros holandeses
20 pinazas
23.375 men
Total: 150 barcos
1 galeón
1500 homes
Efectos
Mortes: 1300 soldados.
3 grandes navíos afundidos ou capturados.
1000 desertaron en pequenos barcos.
Mortes: 1000 mortos, na maioría civís.
Cidade baixa destruída.

O asedio da Coruña, tamén coñecido como a defensa da Coruña, foron unha serie de encontros militares entre a Armada Inglesa, tamén coñecida coma Contra Armada ou a expedición Drake-Norris, unha expedición inglesa de vinganza situada dentro da guerra anglo-española; e os defensores da cidade da Coruña en Galiza en maio de 1589. Representou a primeira interacción entre a expedición Drake-Norris e as tropas españolas e marcou o ton para o resto da campaña.

Drake e Norreys tiñan o encargo de atacar Santander, onde estaban atracados a maioría dos galeóns superviventes da armada española, e destruír a frota española. Drake escolleu ignorar esa orde, alegando ventos desfavorábeis e moito perigo de quedaren atrapados polos españois no golfo de Biscaia. Drake decidiu virar o rumbo e atacar A Coruña no seu lugar.[6] Non está completamente claro por que fixo isto, xa que os ventos como escusa era pobre. O seu comportamento suxire que o obxectivo de tomar a cidade era conseguir botín ou unha base naval. Tamén podería estar reunindo subministracións para unha longa loita en Santander. Ou tamén podería ser que Drake fose outro dos piratas que confundiron a Torre de Hércules, o faro romano da cidade da Coruña, cunha torre feita ou chea de ouro. Dise que na Idade Media o viquingo Bjorn Ragnarsson desembarcou na pequena aldea da Coruña (chamada entón Faro) moi emocionado porque pensaba que vira unha torre feita de ouro dende o seu barco. No século XVI circulaban varios rumores (completamente falsos) ao longo da costa atlántica de Europa sobre unha torre na Coruña chea de ouro americano, probabelmente baseado nas historias de viaxeiros que viron a Torre de Hércules e fixeron a mesma equivocación que (din) fixo Ragnarsson.

Combatentes

[editar | editar a fonte]

A Armada Inglesa chegou fresca para o seu primeiro encontro na costa española. A frota mandada por Drake constaba de 150 barcos, 200 se se inclúen na conta as barcas auxiliares e navíos similares, considerabelmente máis grande que a Armada Española, formada por 130 barcos. Esta estaba composta de seis galeóns reais, 60 cruceiros auxiliares ingleses, 60 barcos lixeiros holandeses e sobre 20 pinazas. Transportaban 23 375 soldados. Alén das tropas, había 4000 mariñeiros e 1500 oficiais. Drake dividiu as súas forzas en cinco escuadróns, Vinganza, Nonpareil, Foresight, Dreadnought e Swiftsure; comandados respectivamente por Drake en persoa, John Norreys, o seu irmán Edward, Thomas Fenner e Roger Williams. Tamén navegando con eles, en contra de ordes directas da raíña, ía o conde de Essex e o pretendente ao trono portugués apoiado por Inglaterra.

Cando a expedición chegou ata A Coruña esta era unha pequena cidade de pescadores cun importante comercio debido á frecuencia coa cal os barcos ancoraban no seu porto, mais non moitos habitantes permanentes. Neses momentos o exército estaba concentrado en Santander, onde se esperaba o ataque, deixando o resto da rexión sen defensas. Para afrontar o ataque inglés a cidade só contaba co galeón San Juan con 50 canóns, o galeón pequeno San Bernardo que non podía navegar, as galeras Diana e Princesa, con 20 canóns cada unha; e outros dous barcos máis pequenos, a nao San Bartolomé, con 20 canóns, e o urca Sansón con ningún. Con respecto a infantaría, unha combinación de milicia, fidalgos e os poucos soldados dispoñíbeis sumaban 1500 homes, moito deles cun cuestionable nivel de adestramento militar, excepto as sete compañías de terzos vellos que descansaban na cidade após o seu regreso da guerra. Naturalmente, tamén contaban coas murallas da cidade medieval, construídas no século XIII, e un par de fortificacións medievais construídas ao redor do río no mesmo período.[7] Os soldados españois estaban liderados por José Pacheco, Marqués de Cerralbo e Capitán Xeneral de Galicia,[8] Gregorio Rocamonde, marido de María Pita, tamén unha dirixente e heroína da defensa,[9] e Álvaro Troncoso.[7]

Desembarque

[editar | editar a fonte]

A Armada Inglesa chegou o 4 de maio. Inicialmente, 8000 soldados dirixidos por Norreys desembarcaron na costa de Santa María de Oza.[10] Álvaro de Troncoso y Ulloa saíu para defender a praia cos 150 arcabuceiros do terzo que tiña. Estendéronse para dar a impresión de contar cun maior número de soldados e abriron fogo sobre os ingleses. Troncoso coñecía a xeografía local, mesmo se os arcabuceiros non, e baixo a súa orde os españois movéronse rápido, desconcertando os atacantes e obrigándoos a retirarse de volta aos barcos. Isto deulles bastante tempo para acender o lume do faro e alertar a rexión enteira.[8] Os homes de Norreys sufriron varias perdas; moitos estaban feridos e os soldados menos experimentados entraron en pánico durante o desconcerto inicial. Cando os invasores se decataron de cantos inimigos estaban afrontando realmente, Norreys obrigou a que os seus homes rodeasen os españois, que inmediatamente se retiraron cara ao pequeno forte de Malvecín, preto da parede da Pescadería. Repeler o primeiro ataque inglés aumentou moito a moral dos defensores.

As tropas inglesas desembarcaron e exploraron a praia. Atoparon e capturaron o San Bernardo, o cal estaba en reparacións. Capturaron os canóns do barco, e durante a noite desembarcaron a artillaría dende os seus barcos.

Supuxeron correctamente do encontro anterior que na cidade había unha presenza militar significativa e apuntaron a artillaría aos muros da Pescadería para abrir unha brecha. Puidérono facer sen interrupcións até que de súpeto comezaron a botar lume pesado dende o castelo de Santo Antón e dende os barcos San Juan e San Bartolomé. A loita entre os dous barcos e as baterías de artillaría inglesas foi feroz. Aos dous barcos uníronselles máis tarde o Princesa e o Diana, mais apenas participaron. Os homes de Norrey sufriron grandes perdas, chegando a abordar os barcos dende terra, sen éxito. Despois dunha loita longa, Norreys gradualmente conseguiu a vantaxe. Un grupo de ao redor de catorce soldados conseguiron abordar o San Juan. Dado o estado do barco os españois reuniron a pólvora e fixeron estoupar do barco tras saltar del. 14 soldados morreron e algúns foron feridos. O San Bartolomé continuou a loita contra toda a artillaría inimiga durante un tempo e finalmente foi afundido polos seus mariñeiros nun xeito similar para evitar a súa captura, antes de retirarse ás defensas. As dúas galeras retiráronse ao río. O factor sorpresa foi moi eficaz, posto que os defensores se centraban nos soldados e non nos barcos. As tropas inglesas comezaron a padecer algunhas desercións.[7][11][6]

Paredes do muro da cidade

Os defensores que non participaran na loita estaban detrás das murallas da cidade e non podían asistir aos do exterior. Sen os barcos, os habitantes da cidade baixa, fóra das paredes medievais, non poderían facer nada para evitar que 1500 soldados rodeasen a praia e desembarcasen detrás da antiga igrexa de San Xurxo, aos pés da cidade alta, o núcleo medieval da vila, creando un cerco eficaz. Algúns optaron por buscar refuxio no Castelo de San Martín, mentres outros decidiron armarse e atravesar as liñas inglesas cara á cidade alta. As tropas inglesas tomaron os barrios pobres da cidade baixa sen moita dificultade na noite do 5 e comezaron represalias sobre os habitantes da cidade baixa polas grandes baixas sufridas durante os dous días anteriores e arrasaron cada casa fóra das murallas. 400 españois morreron esa noite, mulleres e nenos incluídos, sumándose aos 100 que morreron loitando durante o día. A reacción veu a mañá seguinte cando un grupo de 1400 voluntarios das aldeas veciñas, baixo o mando do capitán Juan de Varela, veterano de Flandres, quen tras cruzar as liñas inglesas sen ser detectado atacou as tropas acampadas na cidade baixa. Cando a historia dos acontecementos da noite do 5 se estendeu, uníronse voluntarios de Santiago e dos montes próximos até reunirse 2400 homes fóra das paredes de cidade acosando os homes de Drake mentres estes tentaban preparar o asedio. Non eran moitos contra os máis de 23 000 ingleses na praia, mais as estratexias guerrilleiras eran particularmente eficaces nos boscosos montes da Coruña.

Misteriosamente o asedio non tiña efecto, e non había sinais de escaseza na cidade. A razón disto era que as galeras Diana e Princesa regularmente conseguían romper o bloqueo da frota inglesa para reunir subministracións e regresaban á cidade sen ser detectadas. A pesar do gran número de ingleses que asediaban, os coruñeses a miúdo conseguían romper o asedio e entrar e saír. Probabelmente tivesen un mellor sistema de subministración ca os ingleses , xa que a área é pobre en auga doce e alimento e estaba pouco poboada. Para tentar evitar as constantes saídas e entradas, os capitáns ordenaron estreitar o cerco, reunindo moitas máis persoas e máis preto das murallas. Máis tarde na campaña gromos de enfermidades estendéronse pola frota. É razoábel pensar que se orixinaron aquí.

Norreys decidiu estreitar as liñas e centrarse en abrir unha brecha, mentres desde o interior os defensores mantiñan un ataque constante. Dise que durante días a cidade enteira comía e durmía por quendas, usando o resto do tempo para defender as murallas e arranxar os danos. Dous asaltos ás murallas foron rexeitados polos habitantes da cidade, mentres a tensión causada polas estratexias de emboscadas e guerrillas levadas a cabo por Valera comezaron a afectar a moral dos homes de Drake. No 12 fíxose estoupar unha mina,[12] pero a muralla resistiu.

Brecha na muralla

[editar | editar a fonte]
Lugar onde se situou María Pita na defensa da Coruña.

Despois de días de traballo e varias minas, abriuse unha greta na muralla o 14. Pedro Ponce e os soldados que estaban con el repeleron os ingleses. Máis tarde na noite aparece unha segunda e maior greta na muralla. Este lado da muralla estaba cuberto por Troncoso e os seus homes, que repeleron o ataque inicial. Norrys mandou que dez compañías cargasen a través da greta, con el e os seus mellores soldados en primeira liña. Conseguiron acabar coa resistencia inicial e foron seguidos polo groso do exército inglés. As mulleres da cidade, moitas das cales sobreviviran a noite do 5, foron axudar a Troncoso e os seus homes armadas con picas e coitelos e lideradas por María Pita, cargando contra Norreys e os seus soldados. Na outra apertura da muralla Inés de Ben, unha tendeira da cidade baixa, liderou outra carga contra os soldados que entraban polo seu lado.

A pesar de ser máis numeroso, o exército inglés fallou en tomar a cidade. As tentativas por mar tamén fracasaron, repelidas por artillaría improvisada. No 18 chegou noticia de reforzos que viñan desde Santander cara á cidade e levantaron o asedio.[7][11]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

O exército inglés perdeu ao redor de 1300 homes no asedio, tres barcos grandes e moitos pequenos tiveron que marchar sen subministracións e levando centos de feridos. Perderon tres barcos grandes e varias barcas. O maior dano probabelmente foi o producido na moral dos homes. Despois de ser derrotado varias veces por civís e mulleres estaba perigosamente baixo. Aumentou o descontento e a indisciplina. Cando Francis Drake mandou dirixir a frota para ir a Lisboa 1000 dos seus homes, en dez barcos pequenos, desertaron e regresaron a Inglaterra.

As perdas humanas na cidade foron preto de 1000 persoas, contando homes, mulleres, e nenos,[13] mais a destrución da cidade baixa. Cando chegou, Filipe II deulle a María Pita o rango de "alférez da cidade", co salario correspondente para ela e para outros dirixentes da defensa popular.[7]

  1. 1,0 1,1 1,2 Elliott p.333
  2. 2,0 2,1 Morris, Terence Alan (1998). Europe and England in the sixteenth century. Routledge, p. 335. ISBN 0-415-15041-8
  3. Rowse, A. L. (1969). Tudor Cornwall: portrait of a society. C. Scribner, p. 400
  4. "Unha acción decisiva [inglesa] obrigaría a Filipe II a negociar e evitaría 14 anos de guerra continua. Pola contra o rei aproveitou este descanso para reconstruír a súa armada e para finais de 1589 España tiña de novo unha frota atlántica capaz de escoltar as frotas do tesouro das Américas." The Mariner's mirror, Volumes 76–77. Society for Nautical Research., 1990
  5. Oliveira Martins, (1972) História de Portugal p,442
  6. 6,0 6,1 Cuando el pirata Francis Drake quiso invadir La Coruña
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Gorrochategui Santos, Luis (2011). The English Armada: The Greatest Naval Disaster in English History. Oxford: Bloomsbury.
  8. 8,0 8,1 El Marques de Cerralbo, el desconocido héroe que venció al pirata Drake en A Coruña
  9. Barreiro 1986, p. 270.
  10. Barreiro 1986, p. 268.
  11. 11,0 11,1 Saavedra, Carmen (1989). María Pita Y La Defensa De La Coruña En 1589 (en castelán). Galicia Editorial.  (Este libro é unha dramatización para o público e pode ter erros)
  12. Barreiro 1986, pp. 268-269.
  13. O ataque de Drake á Coruña… que é lenda e que é realidade?

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]