Aprendizaxe
A aprendizaxe é o proceso de adquirir coñecementos, habilidades, actitudes ou valores, a través do estudo, a experiencia ou a ensinanza. Existen diversas teorías da aprendizaxe, que analizan desde unha ollada particular este proceso, como as construtivistas, a teoría de Jean Piaget, a visión da Psicoloxía condutista, a aprendizaxe segundo Vygotsky ou os tipos de aprendizaxe descritos por Ausubel.
A actual Lei Orgánica de Educación, desenvolvida no currículo aprobado polo parlamento de Galicia o 28 de xuño de 2007 que establece a ordenación da educación primaria, basea a aprendizaxe na adquisición das competencias básicas.
Psicoloxía condutista
[editar | editar a fonte]Os psicólogos condutistas describen a aprendizaxe en función dos cambios observables na conduta dun individuo.
O proceso fundamental da aprendizaxe é a imitación, é dicir a repetición dun proceso observado. A imitación toma tempo (atención ó detalle), espazo (un sitio para aprender), habilidades (ou práctica) e outros recursos (por exemplo, unha área protexida). Ó copiar, os meniños aprenden a cazar (dirixir a atención), alimentarse e realizar as tarefas básicas necesarias para a supervivencia:
- Habituación
- Condicionamento clásico
- Condicionamento operante
- Aprendizaxe vicario
- Comunicación
- Aprendizaxe colaborativo
Aprendizaxe a nivel molecular
[editar | editar a fonte]Erick Richard Kandel gañou o premio Nobel de Medicina e fisioloxía en 2000 polos seus traballos sobre os cambios moleculares na aprendizaxe e a memoria. Estes traballos realizounos co seu equipo no organismo Aplysia californica (lesma de mar), e puido proporcionar evidencia de que a aprendizaxe produce cambios duradeiros na efectividade das conexións sinápticas e na transcrición de ácido ribonucleico no interior das células. A secuencia molecular que ocorre nun proceso de aprendizaxe tamén foi determinada por estas investigacións, e abrangue varias substancias proteicas ó interior e ó exterior da célula:
- Estimulación serotoninérxica.
Aprendizaxe humana
[editar | editar a fonte]A aprendizaxe defínese tecnicamente coma un cambio relativamente estable na conduta do suxeito como resultado da experiencia, producidos a través do establecemento de asociacións entre estímulos e respostas mediante a práctica nun nivel elemental, suposto que comparte a especie humana con algúns outros seres vivos que sufriron o mesmo desenvolvemento evolutivo en contraposición á condición maioritaria no conxunto das especies que se basea na imprimación da conduta fronte ó ambiente mediante patróns xenéticos.
No ser humano, a capacidade de aprendizaxe chegou a constituír un factor que supera á habilidade común nas mesmas polas evolutivas, consistente no cambio condutual en función do contorno dado. En efecto, a través da continua adquisición de coñecemento, a especie humana logrou ata certo punto o poder de independizarse do seu contexto ecolóxico e mesmo de modificalo segundo as súas necesidades.
O desenvolvemento da agricultura e a gandería nun primeiro momento, xunto coa revolución industrial e o impulso da telemática nunha etapa posterior foron a priori os principais piares nos que se basea esta característica distintiva do homo sapiens. Contraditoriamente, a maior aprendizaxe, menor capacidade de adaptación fronte ós cambios globais tanto a nivel micro (virus) como macro (recalentamento global). Se ben, por medio da aprendizaxe, aprehendemos (facémolo noso) o mundo exterior, cada vez é máis estraño para as novas xeracións.
Aprendizaxe de Goleman
[editar | editar a fonte]Daniel Goleman (1998) propón un modelo de aprendizaxe baseándose na distinción das habilidades puramente cognitivas e as aptitudes persoais e sociais. Goleman suxire que as habilidades puramente cognitivas teñen a súa base na neocorteza cerebral. En cambio, as aptitudes persoais e sociais están ademais relacionadas con outras zonas do cerebro, en particular coa amígdala, os lóbulos prefrontais e o «centro executivo do cerebro».
De acordo con isto, Goleman explica que a aprendizaxe baseada nas reaccións emocionais ademais de ser parte integral do proceso de aprendizaxe, só pode adquirirse mediante situacións relacionadas coas experiencias emotivas dos individuos. De aí que considere que a aprendizaxe das actividades humanas debe integrarse plenamente coa vida cotiá para ser efectiva.
Do mesmo xeito, así coma a aprendizaxe tradicional require cambios de conduta, agárdase que a aprendizaxe emocional implique cambios nas reaccións fisiolóxicas, subxectivas e condutuais relacionadas coas emocións do individuo a determinadas condicións da contorna. Goleman chama a este un novo modelo de aprendizaxe.
Fundamentos nos que se basea a aprendizaxe
[editar | editar a fonte]O primeiro elemento é a motivación na responsabilidade como educadores de acender “a chispa” a partir da que se vai xerar a aprendizaxe. Trátase de atraer a atención do alumno: antes de mostrar o contido da lección, débese incitar ós alumnos a que indaguen sobre o que se vai tratar na mesma, formular preguntas de maneira que se estimule o interese dos alumnos cara ao tema. Tamén é importante axudalos a repasar o novo vocabulario xa que a linguaxe é a materia prima da asimilación e tendo dominio do vocabulario pódese asimilar mellor o novo coñecemento. Non se trata de dar a lección, senón de invitalos a pensar sobre o que están por aprender, invitalo a que se exprese e interactúe co obxecto de aprendizaxe. Isto implica tamén en si mesmo unha importante interacción entre mestre e alumno, o obxectivo é que o que sexa que vaian aprender os alumnos é que estes aproveiten ó máximo a información
O segundo paso é a presentación. Para isto é conveniente que se utilicen estímulos multisensoriais que os axuden a asimilar a información desde varios sentidos, desde varios puntos de vista que indaguen, que a analicen, a coñezan por primeira vez e en caso contrario, que a sitúen en recordos anteriores que os axuden a recoñecer a nova información. Para manter a atención dos alumnos é importante facer exposicións interesantes, axudalos a que eles se sintan partícipes do que están percibindo, que discriminen, escoiten, categoricen, emparellen, xulguen etc.
O terceiro paso ofréceo a práctica, mostra en feitos do que se acaba de aprender. Isto require que os alumnos amosen que aprenderon o que se lles ensinou. É a repetición na realidade que axude a situar o coñecemento nun contexto recordable nun futuro. Trátase da oportunidade de responder ó estímulo que se lles acaba de impartir, pero dunha maneira lóxica, coherente, factible nunha realidade que constantemente está colocándonos en situacións distintas onde debemos aplicar estes coñecementos. Neste punto, a integración da linguaxe á resposta é importante xa que é mostra dunha estreita integración co pensamento. Sen esta interacción, o antes mencionado non é posible e isto axuda a manter o interese de seguir descubrindo no alumno. Desta maniera lévase un equilibrio entre o escoitar, falar, ler e escribir,. Así, eles están aprendendo novas maneiras de escoitar, falar, ler e escribir.
Por último encóntrase a aplicación, que é só unha extensión da práctica. Nesta só estamos repetindo hipoteticamente un coñecemento, pero na aplicación estámolo levando á nosa realidade, estámoslle dando verdadeira utilidade a este coñecemento. Esta última fase é en si a que proporciona máis oportunidades de desenvolvemento e de utilización do pensamento crítico.
Ademais, esta técnica do pensamento crítico axuda a que a aprendizaxe sexa de maneira organizada, axuda a que a aprendizaxe sexa un repertorio de estratexias para operar co coñecemento. Deste xeito realízase en fases que son moito máis asimilables que se se fixera de maneira liñal. Estas fases tamén as utilizará o mestre na etapas de planificación, sendo así máis doado lembrar como e cando deben aplicarse as distintas etapas do ensino.
A continuación dane unha cantidade de estratexias como exemplos que poden aplicarse na aula de clases de maneira que o conxunto de materiais se convertan nunha experiencia continua para o alumno. Desta maneira terán un panorama holístico do conxunto e serán quen de recoñecer a súa importancia a través da súa traxectoria académica. É importante tamén o coñecemento das necesidades dos alumnos, a diversidade existente nas aulas, para poder integrar a cada un dos alumnos como elementos importantes no proceso de aprendizaxe. Planear as clases con anticipación permite tomar medidas para integrar a todos os alumnos, aínda que a algúns alumnos se lles dificulte a comunicación co mestre. É importante integralos no proceso de aprendizaxe do que están sendo partícipes; se o mestre recorda que o seu papel é o de facilitar a información e non de impoñela, apoiará ós seus alumnos, axudándoos a obter esta información.
Aprendizaxe animal
[editar | editar a fonte]- Véxase etología, Irene Pepperberg.
En xuño de 1977, un papagaio gris africano (Psittacus erithacus) de 13 meses chegou á Purdue University, en West Lafayette, Indiana. Fora escollido completamente ó azar dun aviario das proximidades de Chicago, non polas súas calidades. Nada máis chegar ó laboratorio recibiu o nome de Alex, cuxas iniciais se corresponden con «Animal Learning EXperiment». Estaba a punto de comezar unha das máis apaixonantes experiencias ocorridas no ámbito da ciencia que se dedica ó estudo da intelixencia animal. Vinte e cinco anos despois, podemos dicir que os papagaios grises africanos entraron nos debates e teorías de psicólogos cognitivos, neurólogos e etólogos como nunca ocorrera antes, e aínda que o fixeran de maneira algo polémica, poucos expertos en cognición animal dubidan agora que hai que tomarse en serio a intelixencia dos papagaios. Isto debémosllo fundamentalmente á tenacidade, o empeño e a perseveranza da persoa que encargou no seu día aquel papagaio de Chicago para sometelo a un longo programa de investigación: Irene Maxine Pepperberg.
A aprendizaxe pódese definir coma un cambio relativamente persistente no comportamento resultante da experiencia, este tipo de aprendizaxe pódese producir ó longo de todo o ciclo vital.
A aprendizaxe prodúcese durante os denominados períodos sensibles e contribúen ó desenvolvemento principalmente relacionados coa supervivencia e a reprodución.
Posto que a aprendizaxe pode reportar máis beneficios nuns casos que noutros. Os distintos tipos de animais desenvolveron sensibilidades específicas a certos estímulos, e é máis probable que aprendan uns de tipos de relacións que outras. Por exemplo os primates, estamos especialmente adaptados para aprender a discriminar entre facianas de primates. Polo contrario, o can ten unha capacidade considerable para discriminar os olores doutros conxéneres.
Non ten sentido afirmar que os primates temos maior ou menor capacidade de aprendizaxe que os cans; os primates e os cans, simplemente tenden a aprender o tipo de relacións que son relevantes para as súas actividades particulares de supervivencia e reprodución.
Nalgúns casos no mundo animal, depender da aprendizaxe pode chegar a ser unha desvantaxe, por exemplo se un animal tende a aprender a evitar a un depredador, é posible que caia nas súas fauces antes de que teña a oportunidade de aprender a resposta adaptativa.
Do mesmo xeito que se os pitos que saen do ovo tiveran que aprender a peteirar, morrerían de fame antes de que tiveran tempo de realizar esa aprendizaxe (Johnton 1981).
A aprendizaxe implica un custo fisiolóxico, posto que as células cerebrais que participan nalgún tipo de aprendizaxe requiren unha cantidade relativamente importante de enerxía para medrar e para funcionar (as células cerebrais consomen maior cantidade de enerxía que o resto das células corporais) ou sexa, no caso que nos interesa, que se refire ós cans, estes teñen que pagar un prezo pola súa capacidade de aprendizaxe.
É moi común crer que a capacidade de aprender só está reservada a animais moi evolucionados. Non obstante, animais ancestrais coma a lebre de mar (a aplisia) tamén son quen de aprender. Estes animais teñen sistemas nerviosos moi primitivos e as súas aprendizaxes son moi sinxelas. Isto explícase porque os aspectos básicos da aprendizaxe teñen lugar no ámbito da sinapse, polo que o sistema nervioso é un requisito estrutural imprescindible para calquera tipo de aprendizaxe; por iso os organismos unicelulares non posúen a capacidade de aprendizaxe.
Os científicos puideron determinar que a capacidade de aprendizaxe pode evolucionar nos dous sentidos: cara a unha maior sensibilidade a determinado estímulo ou cara a unha menor sensibilidade.
Os factores do medio ambiente nun can adoitan influír sobre a evolución da aprendizaxe (cans ensinados). Os cans que viven en contornas extremadamente estables benefícianse menos da capacidade de aprendizaxe que os que viven nun medio variable. Unha das cousas que sempre debemos ter presente é que a alimentación inflúe sobre a evolución da capacidade de aprendizaxe. Os premios-estímulos tamén.
O condicionamento é unha forma de aprendizaxe asociativa que dá por resultado cambios no comportamento. Catalóganse diversos tipos de condicionamento.
Condicionamento de habituación
[editar | editar a fonte]A habituación defínese como a tendencia a reaccionar con menor intensidade ante un estímulo presentado repetidamente, sen que teña efecto ningún sobre o animal. Reacciona cada vez menos, ata deixar de reaccionar, poden nun animal aforrar tempo e enerxía. Se non existiese esta forma primitiva de aprendizaxe, os animais seguirían reaccionando sobre estímulos irrelevantes.
Condicionamento clásico
[editar | editar a fonte]O condicionamento clásico permite desenvolver unha sensibilidade a un sinal que lle indica a inminencia dun acontecemento importante. Este sinal de aviso é importante, porque permite ó animal prepararse, cando sexa oportuno, e que non perda tempo e enerxía preparándose para acontecementos que son pouco probable que ocorran.
Condicionamento de defensa
[editar | editar a fonte]Permite defenderse tanto contra os depredadores como fronte a outros obxectivos emitindo respostas automáticas (reflexas) que permiten mobilizar as reservas de enerxía ante pistas fiables, que indican a presenza dun perigo. Con iso, o animal pode aumentar as súas probabilidades de defenderse eficazmente. Así mesmo aprenden condutas que lles permitiron saír airosos do encontro cun depredador.
Condicionamento de reprodución
[editar | editar a fonte]O condicionamento de reprodución pode ser moi importante, por exemplo nos mamíferos na lactación. A estimulación da succión das mamilas da nai que realiza o cachorro acabado de nacer ó succionar desencadea a subida do leite.
Cambios de temperatura ou do pH na auga levan a moitos peixes e invertebrados a activar a súa reprodución.
Condicionamento operante
[editar | editar a fonte]A diferenza do condicionamento clásico, o condicionamento operante ou instrumental fai que o animal opere activamente no medio para producir consecuencias favorables. O reforzo, a presentación ou eliminación dun estímulo permite incrementar a probabilidade de aparición dunha conduta.
Os científicos estudaron o reforzo en laboratorio condicionando a varios animais, preferentemente ratas, empregando un procedemento coñecido coma a caixa de Skinner.
Condicionamento asociativo
[editar | editar a fonte]Mediante sistemas de "proba e erro".