Saltar ao contido

Antonio López Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAntonio López Fernández
Biografía
Nacemento2 de outubro de 1932 Editar o valor en Wikidata
La Lisa, Cuba Editar o valor en Wikidata
Morte7 de decembro de 1956 Editar o valor en Wikidata (24 anos)
Niquero, Cuba (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata

Antonio López Fernández, máis coñecido como "Ñico" López, nado en La Lisa o 2 de outubro de 1932 e finado en Niquero o 7 de decembro de 1956, foi un revolucionario cubano, de orixe galega, membro do Movemento do 26 de xullo, que participou no asalto aos cuarteis Moncada e Carlos Manuel de Céspedes e na expedición do Granma.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixes e inicios

[editar | editar a fonte]

Os seus pais eran os emigrantes galegos Xoán López Albín e Concepción Fernández, naturais de Sarria, na provincia de Lugo.[1][2] Aos 10 anos tivo que deixar a escola. Realizou diversos traballos e en 1947, cando Eduardo Chibás fundou o antiimperialista Partido Ortodoxo, uniuse ás súas xuventudes.

Actividade política

[editar | editar a fonte]

Tralo suicidio de Chibás, Ñico López situouse na esquerda do partido. Despois do golpe de Estado de Fulgencio Batista do 10 de marzo de 1952, participou no enterro simbólico da Constitución de 1940, organizado pola FEU na Universidade da Habana. Poucas semanas despois coñeceu a Fidel Castro nun acto de homenaxe a unha vítima da represión policial e este encomendoulle a impresión e distribución de El Acusador, o boletín que el mesmo redactaba coa axuda doutros revolucionarios como Abel Santamaría.[3] En xaneiro de 1953, participou na Marcha dos Fachos,[4] cando unha multitude de estudantes marchou con fachos acendidos dende a Universidade da Habana ata a Fragua Martina, para conmemorar o centenario do nacemento de José Martí, ao tempo que denunciaban a tiranía da ditadura de Batista.[5] Era ademais xefe dunha célula insurreccional na Habana Vella, na que tamén participaban algúns dos irmáns Ameijeiras.[2]

Asalto ao cuartel Carlos Manuel de Céspedes e exilio

[editar | editar a fonte]

O 26 de xullo de 1953, máis dun cento de guerrilleiros liderados por Fidel Castro asaltaron os cuarteis Moncada, en Santiago de Cuba, e Carlos Manuel de Céspedes, en Bayamo. Fidel decidiu que o ataque ao segundo deles sería liderado por Ñico López e Raúl Martínez. A acción fracasou e os revolucionarios retiráronse salvando a vida moitos deles grazas á axuda de veciños. Ñico López logrou chegar á Habana e refuxiouse na embaixada de Guatemala, na que pasou un tempo ata que conseguiu un salvoconduto para viaxar a Guatemala, onde gobernaba o esquerdista Jacobo Arbenz. Nese país atopábanse moitos exiliados de esquerdas ou simplemente militantes curiosos polo proceso político que estaba sucedendo no país. Un deles era Ernesto Guevara, que nunha velada na casa do estudoso Edelberto Torres, coñeceu a Ñico, co que logo trenzou unha estreita amizade, e co que chegou a compartir cuarto un tempo.[6] Foi de feito Ñico López quen lle puxo ao arxentino o seu famoso alcume, Che, polo hábito deste de utilizar esa locución arxentina.[7] Con todo, Ñico estaba desexoso de deixar o país, reunirse con Fidel e levar a revolución a Cuba.

Ñico estaba seguro de que a súa estadía en Guatemala sería curta. Que en pouco tempo partiría para outro país para reunirse con Fidel e traballar pola revolución. A súa fe era tan grande que quen queira que o escoitase estaba obrigado a crelo.

Pouco despois partiu cara a México, a onde comezaron a reunirse exiliados cubanos e simpatizantes de Fidel de diversos lugares do hemisferio. Alí confiaban en que tanto Fidel como o resto de moncadistas que estaban en cárceres cubanas serían pronto liberados e se organizaría a revolución.[8] Tamén a México chegou o Che Guevara, que retomou alí a amizade con Ñico e que finalmente se uniría tamén aos plans revolucionarios dos cubanos. O 15 de maio de 1955, Fidel Castro saíu do cárcere e uns días despois Ñico viaxou á Habana con Calixto García para coordinar a estratexia con Fidel. Na capital aloxouse cos irmáns Castro.[9] Pouco despois fundouse formalmente o Movemento do 26 de xullo. Ñico organizou o movemento no Oriente e dirixiu varias operacións de sabotaxe na Habana.[2] Logo regresou a México, onde Fidel estaba organizando a expedición do iate Granma.

Expedición do Granma

[editar | editar a fonte]

O 25 de novembro de 1956, partiu das costas mexicanas xunto a 82 revolucionarios liderados por Fidel, a bordo do iate Granma, coa intención de comezar unha loita armada e derrocar a ditadura de Fulgencio Batista. Tras diversos contratempos, o 2 de decembro encallaron nun lugar chamado Los Cayuelos e foron recibidos por un ataque do exército que fixo que os revolucionarios se dispersasen. Ñico chegou xunto a outros compañeiros a Boca del Toro, no municipio de Niquero, onde foron sorprendidos polos soldados dirixidos polo tenente Julio Laurent e foron apresados. Á mañá seguinte Ñico López foi executado, xunto a Miguel Cabañas, José Smith, Tomás Royo e Cándido González.[2]

O Che Guevara púxolle o seu nome a unha escola de recrutas que fundou mentres loitaba en Sierra Maestra.[10] En Bayamo, o antigo cuartel Carlos Manuel de Céspedes foi reconvertido en museo e renomeado a Parque Museo Ñico López. Foi inaugurado en 1978.[11][12][13]

Así mesmo levan o seu nome unha refinaría de petróleo nacionalizada polo goberno revolucionario, situada no municipio de Regla, na provincia da Cidade da Habana[14][15] e unha Escola Superior de ensinanza política do Partido Comunista de Cuba.[16]

O Sindicato Nacional de Traballadores de Enerxía e Minas entrega a Medalla Ñico López aos traballadores con 20 ou 25 anos de traballo no sector.[17][18]

  1. "Un sarriao que tomou parte activa na Revolución Cubana". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de febreiro de 2006. Consultado o 17 de setembro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Pérez Leira, Lois (14 de xuño de 2016). "Crónicas de la revolución Cubana: Antonio “Ñico” López" (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2019. 
  3. "El Acusador: instrumento de lucha y de combates". www.trabajadores.cu (en castelán). Consultado o 18 de setembro de 2019. 
  4. "Ñico López y Ciro Redondo". Granma (en castelán). 11 de marzo de 2014. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  5. "Una mirada en fotos a la histórica Marcha de las antorchas". Granma (en castelán). 26 de xaneiro de 2018. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  6. Anderson 2006, p. 130-132.
  7. "De Teté a Che" (en castelán). 12 de xuño de 2018. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  8. Anderson 2006, p. 164.
  9. Anderson 2006, p. 172.
  10. Anderson 2006, p. 336.
  11. "Parque museo Ñico López". Granma (en castelán). 24 de xullo de 2018. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  12. "Parque Museo Ñico López (Granma)". EcuRed (en castelán). Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  13. "Parque Museo Ñico López, privilegio de paz" (en castelán). 22 de xullo de 2019. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  14. "Refinería Ñico López: Ni Standard ni Oil" (en castelán). 31 de maio de 2019. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  15. "En la refinería Ñico López se libra una batalla por la soberanía del país" (en castelán). 24 de abril de 2019. Arquivado dende o orixinal o 02 de setembro de 2019. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  16. "55 años de creación de la Escuela Superior del Partido Ñico López" (en castelán). 3 de decembro de 2015. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  17. "Condecoran con la distinción Ñico López a eléctricos en Camagüey" (en castelán). 15 de xaneiro de 2018. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  18. "Entregan Distinción Ñico López" (en castelán). 21 de marzo de 2018. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2019. Consultado o 19 de setembro de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]